sábado, 20 de setembro de 2025

RUTA DO RÍO OURO POR TRASMONTE (FOZ)

 A ruta do río Ouro é ben coñecida na Mariña luguesa. Atópase na parroquia de Fazouro, no concello de Foz. É unha ruta lineal á beira do río Ouro, remontando o seu curso, ata chegar á presa de Posada construida para, no seu tempo, levar auga ata unha pequena Central Eléctrica. Son sobre 10 km.ida e volta.

A min, como non me gusta ter que ir e voltar polo mesmo lugar, se podo evitalo sempre busco a maneira de facer as rutas circulares. Hoxe traio unha maneira diferente de facer esta ruta.

Outras rutas do río Ouro que fixen son estas:

RUTA DO RÍO OURO    (Só nesta ocasión atopamos acondicionada a outra marxe do río para ir por un lado e voltar polo outro)

RUTA RÍO OURO E CONDADO DE FONTAO

RUTA RÍO OURO (DENDE A IGREXA )

PAZO DE FONTAO + RÍO OURO

Características desta ruta:

Lonxitude: 9,4 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track ou percorrido en WIKILOC

Descripción:

Partimos nesta ruta dende o aparcadoiro que hai na área recreativa ao pé da Pontevella.

O barrio da Pontevella é un dos máis antigos de Fazouro. Hoxe en día tódalas vivendas están restauradas e o río Ouro (que na foto non se ve) atravesa este barrio.

A foto está tomada dende a área recreativa. O camiño que se ve pertence á ruta oficial do Río Ouro e é polo que voltaremos.

Vemos outros barrios de Fazouro: a Fonte da Aldea, a Rúa, S. Salvador...e deseguida pillamos á dereita, pola Casanova.

Dende o barrio da Casanova temos boas vistas da Pontevella, O Morgallón, O Cachón, a Casareta...


O río achegándose á súa desembocadura no Cantábrico.

A corta dos eucaliptos deixa imaxes que antes non se podían ver.


Agora sumerxímonos nun monte de eucaliptos por un camiño en perfecto estado.

A verdade é que este camiño faise monótono polo monocultivo que predomina na Mariña.

Estamos a piques de chegar a Trasmonte. O nome é ben axitado xa que esta aldea está efectivamente detrás do monte.

En Trasmonte hai unha fonte pública de 1957. Este mesmo letreiro é común en varias fontes do concello de Foz.

Trasmonte forma parte da parroquia de Santa Cilla.

Non chegamos cruzar a aldea de Trasmonte, uns metros antes de atopar as primeiras casas, pillamos un camiño que baixa á dereita.


Aínda que por este camiño vemos algunha árbore autóctona, tamén os eucaliptos ameazan con invadir o espazo.
Hai un monte por aquí tamén con moitas acacias negras que son invasoras tanto ou máis ca o eucalipto.

Este camiño polo que baixamos enlaza coa ruta do Ouro.

Camiñamos ata a presa por un fermoso carreiro pegado á canle que vai ata a central eléctrica.

A causa da seca que sufrimos este verán, pouca auga baixa polo dique da presa.

Un encoropresa, represa, vaira[ ou encalco é unha barreira fabricada con pedraformigón ou outros materiais, que se constrúe nun río coa finalidade de depositar parte da auga para un posterior aproveitamento en abastecemento ou regadío, para elevar o seu nivel co obxectivo de derivala a canalizacions de rego, ou para a produción de enerxía mecánica ao transformar a enerxía potencial do almacenamento en enerxía cinética, e esta novamente en mecánica ao accionar a forza da auga un elemento móbil. A enerxía mecánica pode aproveitarse directamente, como nos antigos muíños, ou de forma indirecta para producir enerxía eléctrica, como se fai nas centrais hidroeléctricas. (https://gl.wikipedia.org/wiki/Encoro)

Dende a presa hai que dar a volta polo mesmo carreiro da ida que é ben fermoso!

De volta, levamos o Ouro á esquerda e a canle para a Central Electrica, á dereita.

Atravesamos un bosque de acacia negra.

Non sabemos quen fixo esta rústica ponte. Menos mal que non temos que cruzala!!


No carreiro que nos leva ata a presa, atopamos moitas plantas como as da foto seguinte, teñen froitos en forma de racimos de cor morado que manchan moito. Hai que ter coidado xa que esta planta é moi tóxica! Ten moitos nomes, un deles é "Herba Carmín"

Estado case ruinoso no que se atopa a que foi a Central Hidroeléctrica de Posada. Ata aquí chega a canle que nos acompañaba.

A partires da Central eléctrica xa só nos acompañará o río Ouro.



O río vai quedarnos sempre á esquerda e ás veces non o veremos pola vexetación ou porque nos alonxaremos algo del.


Estas son as casas en ruinas do Muíño. Aquí viveu xente que agora vive ou viveu (algunha xa morreu) noutros barrios de Fazouro.


A Fonte de Fernandete:


Un carballo (non hai moitos) bebe no río.


Chegando á Pontevella vemos aló enriba o barrio da Rigueira.


















luns, 15 de setembro de 2025

SERRA DA CARBA DENDE ARCA (ABADÍN)

 A Serra da Carba está considerada como unha parte do Xistral, un apéndice deste. Abarca varios concellos: Xermade, Vilalba, Abadín...e o punto máis alto da mesma é o Monte Monseivane.

Hoxe fixemos unha ruta pola Serra da Carba partindo dende a aldea de Arca, na parroquia de Montouto (Abadín)

Características da ruta:

Lonxitude: 10,5 km.

Dificultade: baixa

Ruta circular sen sinalizar. Necesario seguir este track que deixo en WIKILOC

Descripción:

Xusto despois de pasar a aldea de Arca vindo dende Mondoñedo, aparcamos o coche nunha explanada que hai á esquerda ao pé da estrada.

Empezamos subindo e deixamos atrás Arca.


O día loce precioso aínda que con algo de vento. Esta ruta xa fixeramos outro día no que tivemos pouca sorte, xa que había moita néboa que impedía ver nada; por eso a repetimos hoxe.

A medida que imos subindo, as vistas son espectaculares.

Pegocavado, A Veiga, Alaxe...aldeas todas da parroquia de Montouto que imos vendo ao lonxe, nun val do Xistral.
Aldeas de Montouto e Serra do Xistral

Chaman deseguida a nosa atención os prados tan verdes neste verán tan seco que levamos. Onde nós vivimos (á beira do mar) os prados está todos secos. Nótase que o clima aquí é diferente pola altura.

O fermoso azafrán de montaña, tamén chamado "quitamerendas" ou "espantapastores" florea nesta época de remate do verán. Aínda que moi semellante na flor ao azafrán que consumimos como condimento, este no ten nada que ver xa que é tóxico.
Azafrán de montaña

Hoxe poidemos desfrutar de impresionantes vistas:

Unha paisaxe formada por un pequeno val rodeado de suaves ondulacións montañosas.

Vimos cabalos en liberdade.

Na foto seguinte, estamos no punto máis alto da ruta: a case 1000m. de altitude. Estamos no Parque Eólico Monseivane.


A partires de aquí, empezamos a baixar.

De súpeto atopamos un piñeiral.

Hoxe no medio dos piñeiros pastaban as vacas.

O día que fixéramos esta mesma ruta, pero con néboa, víramos voitres que sobrevoaban os piñeiros.

Varios regos cruzan a Serra da Carba.

Seguen chamando a nosa atención os prados tan verdes nesta época, estando tan secos na nosa zona. Aquí o gando non pasa fame.

Seguimos baixando e contemplando unha paisaxe ben fermosa, eso si, case non se pode sacar unha foto sen que aparezan aeroxeradores!

Vacas pastando a uns 800 m. de altitude.

Seguimos en baixada por unha cómoda pista.

Fermosa paisaxe que atravesa o Rego Ferveiro.

Aló embaixo vemos Sisalde que pertence á parroquia de Labrada. En Sisalde no 2023 só había 1 habitante.

Do gando que vimos, destaca o vacuno. Son vacas do país que deben durmir fóra.

Un prado cun peche tradicional moi antigo composto por un muro de pedra seca e, ao lonxe, por unhas laxas grandes.


Entre as lombas que vemos, pasa o Rego de Labrada.

Un pouco máis abaixo temos que atravesar o rego anterior, o de Labrada. Leva pouca auga e foinos doado de cruzar por riba dunhas pedras.

O camiño polo que acabamos de baixar.

O Rego de Labrada baña, xunto con outros, a Serra da Carba.

A pista pola que víñamos remata aquí. Agora hai que atravesar un prado polo que se ve que foi no pasado un camiño.

Chegamos a un pequeno curro e, neste mesmo lugar, o prado aparece pechado con arames.

Parecía máis difícil abrir o paso que hai que atravesar entre os arames, así que agachándonos pasamos por debaixo deles.

Esta longa pista vai levarnos á estrada LU-P 0104. Ao lonxe vemos Arca a onde temos que chegar. Alí temos o coche.

Fermosa paisaxe chegando á aldea de Arca que está a 835m .de altitude.

Un gandeiro viña de recoller as súas ovellas. A noite está cerca.

A Cruz da Arca na mesma beira da estrada, nun alto, chama a atención porque lle falta a parte de arriba, a chamada "cúspide"  Uns metros máis adiante xa temos o coche.