mércores, 30 de outubro de 2024

CAMÍN DOS BOLOS. PARROQUIA DE BULLASO (ILLANO)

 O nome desta ruta pode levar a engano. A palabra "bolos" lévanos a pensar nunhas pezas de madeira ou outro material, alongadas e torneadas con base plana para que se teñan en pé e que se empregan para o xogo dos bolos. Este significado máis usual nada ten que ver co nome desta ruta. A palabra "bolo" ou "bola" é unha variante do bable para dicir "avó" ou "avoa". En asturias a forma máis usada e "güelo" e "güela" pero hai zonas na sque que se emprega esta outra forma : "bola ou bola." Polo tanto estamos ante a "RUTA DOS AVÓS", a que facían os maiores en tempos pasados no concello de Illano para ir dunha aldea a outra. Este percorrido forma parte doutra ruta moito máis larga (143 km.) que está aínda en proxecto ,"A Gran Senda do Navia" que iría dende a aldea de Busnullán (Pedrafita do Cebreiro)  onde nace o río Navia ata a desembocadura do mesmo na vila do mesmo nome.

"Es un nexo de conexión, de los Valles del Navia, comprendiendo los concejos gallegos de Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, Cervantes, Becerreá, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz y A Fonsagrada y los asturianos de Ibias, Grandas de Salime, Allande, Pesoz, Illano, Boal, Coaña, Villayón y Navia"

Resultounos unha ruta fácil, preciosa, onde desfrutamos de extraordianrias vistas sobre o río Navia e aldeas próximas. Non saimos da parroquia de Bullaso onde pasamos por Lombatín, Bullaso e Villar de Bullaso desfrutando do seu patrimonio en forma de unha capela, unha igrexa, moitos hórreos e paneiras, lavadoiros, miradoiros continuos... Percorremos carreiros e camiños ancestrais e vimos pasadoiros, corripas e outros elementos debidamente sinalizados e explicados dun xeito ameno e decorativo.

Características:

Lonxitude: 9,7 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular só sinalizada ata Bullaso. O meu track en WIKILOC:

Descripción:

Aínda que oficialmente esta ruta ten o seu inicio AQUÍ (moi pouco despois de atravesar o encoro de Doiras) nós empezamos en Lombatín, onde deixamos o coche.

Lombatín é un pequeno lugar da parroquia de Bullaso, nunha ladeira do río Navia.

Llombatín

Estas son as vistas dende Llombatín. En frente temos Cedemonio, unha aldea que pertence á parroquia e concello de Illano.

Vistas ao Navia e a Cedemonio

Unha veciña de Llombatín dedícase no seu tempo de ocio a decorar a súa aldea pintado pedras, cabazas...e escribindo frases, poemas...


Encantounos esta forma de embelecer a súa aldea!


Grandes hórreos hai en Lombatín. Non son os tícos de Asturias; a proximidade a Galicia fai que nesta zona os hórreos se parezan moito aos nosos, co tellado cuberto de lousa , de pedra e madeira. Só son algo máis anchos.

Vimos neste lugar 3 persoas. Un home díxonos que actualmente vivían alí 9 persoas.

Incluso teñen un libro de visitas no que escribimos e firmamos.

En Lombatín hai unha randeeira con boas vistas...


O libro de firmas e outros obxectos ao pé da randeeira de Llombatín.

Dá gusto percorrer un camiño tan adornado!

Moitas cabazas vimos! Todas decoradas.


Cabazas de tódolos tipos...


Un camiño fermoso no que agora vemos varias abelairas.

Tamén vimos carballos, castiñeiros, alvedros, abelairas, piñeiros, eucaliptos....
Na foto, landras caídas dos carballos.

Os lavadoiros son parte do Patrimonio Etnográfico das nosas aldeas que tiñan normalmente un uso público. Foron ademais un espazo de socialización das mulleres que se reunían a lavar a roupa e tamén a falar, comentar as novas que houbera, contar "chismes" e a cantar.
Estiveron en uso ata finais dos anos 70 do S. XX.
Este das fotos pertence a Llombatín (parroquia de Bullaso en Illano, Asturias) e foi restaurado no 2023 aportando o concello os materiais e os veciños, o traballo. OLÉ por eles!!

Lavadoiro de Llombatín

Lavadoiro decorado con cabazas, cadros e ata poemas.


Dentro do lavadoiro hai incluso unha caixiña de "Libros Ceibes" calquera pode pillalos para ler, deixar outros...etc. Parece mentira esta idea nun lugar con tan poucos habitantes!!

Continuamos por un fermoso camiño que une dous lugares desta parroquia: Lombatín e Bullaso

Voltando a vista atrás, vemos entre prados, o fermoso camiño percorrido ata agora.

Imos en lixeira subida, apenas nos damos conta, e as vistas son ben fermosas!

A orografía do terreo (case toda nunha ladeira en pendente) marca a poboación e o seu xeito de vida. No concello de Illano, a economía está baseada sobre todo no sector agrícola e gandeiro. A poboación está moi envellecida e sufreu un grandísimo despoboamento nos anos 60, 70 e 80 que continúa actualmente, aínda que de xeito máis lento.


A ruta dende Lombatín a Bullaso está perfectamente sinalizada con estas rústicas frechas en madeira que nos encantan!!

Peches ancestrais delimitando os prados.

Este banco no Miradoiro de Tiracais naceu como froito da pandemia, feito por un veciño de Lombatín, Daniel Álvarez.

                                                           Miradoiro de Tiracais

Fermosas vistas ao río Navia e, na outra marxe do río, a aldea de Xío. Se nos fixamos ben, o edificio que está máis próximo ao río é o Palacio de Monjardín, o máis importante do concello de Illano e un exemplo de arquitectura barroca de finais do S. XVI e principios do XVII. Está declarado Ben de Interese Cultural.







A cada paso atopamos mensaxes, poemas...

Tamén vimos unha corripa ou ouriceira.(Lugar onde antiguamente se poñían os ourizos das castañas para que secaran con máis facilidade).
Corripa

Imos por este chamado "Camín Real" que dende Llombatín chega a Bullaso.

Aquí houbo no pasado unha Ponte de Pedra hoxe desaparecida.

Árbores como castiñeiros, carballos, abelairas...nos acompañan.


Un camiño plagado de mensaxes.


Dende un determinado punto volvemos ver Tiracais, esa penísula que se adentra no río Navia.


O chamado "Penedo dos Defuntos" ...Podemos pensar que tiraban os mortos dende aí ao río ou ben que os vivos se tiraban e morrían, claro...

Outro lugar estratéxico: "Penedo del Home".

O camiño está perfectamente acondicionado. 


Xa vemos Bullaso, unha aldea que dá tamén nome á parroquia. Oficialmente, esta ruta remataría aquí e a opción é dar a volta polo mesmo lugar por onde viñemos ou facela circular que foi o que nós fixemos. 
Se só chegamos a Bullaso e damos a volta serían en total ao redor de 7 km.
Bullaso

 Bullaso sitúase sobre unha ladeira que vai caer tamén ao Navia con verdes e costentos prados.
Bullaso

No 2019 esta aldea tiña 19 habitantes. A nós pareceunos que xa tiña menos. Só vimos unha muller. O silenzo era o que imperaba neste lugar, nin un só can vimos nin escoitamos ladrar.

Bullaso

A igrexa parroquial de Santa Mª é dos S.XVI/XVII
Igrexa de Bullaso

En Bullaso vimos unha paneira típicamente asturiana pero tamén cabozos similares aos galegos.
Paneira asturiana


Bullaso está encaixoada entre as montañas e co río aos seus pés. Ten unha altitude de 340m.

Bullaso

A partires de Bullaso iremos por estrada. As vistas son espectaculares. Cedemonio é unha aldea do outro lado do Navia que vemos constantemente!
Vistas dende Bullaso

Despois de case 2km. estaremos en Villar de Bullaso que xa vemos.

O 1º que vemos ao chegar a Villar de Bullaso, é esta pequena capela á beira da estrada. Está dedicada a S. Antonio.

Capela de S. Antonio en Villar de Bullaso

De lonxe, Villar de Bullaso parecíanos unha aldea nova, con casas habitadas.

Villar de Bullaso

Os prados con peches ancestraois baixando cara ao río. No alto, vixiante, a antiga escola.

Ao achegarnos á aldea, vemos que tamén hai moita vivenda abandonada.

Grandes paneiras e un gran lavadoiro restaurado son testemuña de que no pasado houbo aquí moita vida.

Antigo caserón con corredor que vin á venda en Internet.

A escola de Villar de Bullaso restaurada segue a mesma estrructura na súa construcción que moitas outras repartidas polas aldeas de Asturias e Galicia. As aulas debaixo e derriba, as vivendas dos mestres.
Antiga escola en Villar de Bullaso

Vistas preciosas dende Villar de Bullaso, case sempre as mesmas dende que saimos de Llombatín. Un pouco máis abaixo se seguiramos o track que eu levaba nun principio, teriamos que xirar á esquerda e deseguida estariamos de novo en Llombatín.
A foto está tomada dende un miradoiro que hai ao pé da escola e que estaba sen rozar, nun estado de bastante abandono.

Estado do miradoiro en Villar de Bullaso.

Un can acompañounos dende Villar de Bullaso ata que rematamos a ruta. Ás veces metíase polo monte dar unha volta pero sempre voltaba.

Dende o lugar onde tíñamos previsto xirar á esquerda ata o punto onde empeza oficialmente a ruta seguimos por estrada uns 2, 2 km. todo en baixada, que se me fixeron algo largos.
Punto oficial de comenzo da ruta "O Camín dos Bolos"

O percorrido vai moi cerca do río Navia por un carreiro fermoso no que hai bastantes albedros ou érbedos (madroño en castelán)
Érbedos

Nesta zona, no chan, había moitos froitos dos érbedos. O outono é a estación na que maduran.

Camiñamos por un bosque tupido de abelairas, carballos, castiñeiros...


Vemos outra corripa onde se gardaban os ourizos das castañas.

Dá gusto ver o ben sinalizada e a información que hai nesta ruta.

En toda esta zona houbo viñedos que producían excelentes viños e que se foron abandonando pola difícil orografía do terreo.


E xa case estamos no final da ruta. Desembocamos xusto na estrada de Llombatín ao pé do coche.


Páxina web consultada:

https://es.wikipedia.org/wiki/Bullaso

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2023/03/14/sobre-gran-senda-navia/00031678797532156143182.htm






mércores, 23 de outubro de 2024

ANTIGA CAPELA DO S. COSME DA MONTAÑA E FERVENZA DO REGO DE MURAS (ABADÍN)

 Hoxe fixemos unha ruta da que non esperabamos tanto como nos deu a nivel paisaxístico e etnográfico.

Foi no concello de Abadín aínda que tamén pasa por unha aldea de Mondoñedo.

Características da ruta:

Lonxitude: 6,5 km.

Dificultade: fácil (tivemos complicacións no lugar da cascada por árbores caídos e porque había que descalzarse ou levar boas botas para cruzar o rego que a forma)

Ruta circular sen sinalizar. O meu trak en WIKILOC

Descripción da ruta:

Partimos da aldea de Os Samordás na parroquia de Galgao (Abadín). Este é o lugar da parroquia que ten menos habitantes (8 en 2015) Nós vimos un home e dous cans. 

Esta aldea está sendo, neste ano 2024, estudo por parte de espeleologos xa que hai unhas covas (3) con 170m percorribles na máis grande delas. Son chamadas a Cova dos Santos ou da Meiga e gardan gran cantidade de estalagmitas e estalagtitas.

Os Samordás

Non hai moito sitio onde aparcar , nós fixémolo na beira da estrada. Continuamos uns metros por esa estrada por onde acababamos de baixar e deseguida pillamos un carreiro á dereita.

Deseguida atopamos as ruinas da que foi a 1ª capela do S. Cosme da Montaña. Ao mellor moita xente non sabe que a actual igrexa foi inaugurada no 1925 e antes desa data o S. Cosme da Montaña era venerado neste lugar. A capela quedouse pequena para a gran cantidade de romeiros que asistían e os accesos tamén eran complicados (supoño que estes accesos pouco ou nada cambiaron dende aquela e nós tivemos o privilexio de percorrelos)

Ruinas da antiga capela de S. Cosme da Montaña

Houbo unha lenda local que dicía que S. Cosme escapaba desta pequena capela en ruinas para irse á ubicación actual do santuario, creendo os veciños que era un milagre e que era desexo do propio santo cambiarse de lugar. Unha vez inaugurada a nova igrexa, cambiaron as tornas: agora o santo seica escapaba para a pequebna capela . A xente estaba preocupada porque pensaba que o santo non se afacía no novo lugar ata que descubriron que este novo milagre tiña que ver coa oposiciónn dun veciño ao novo traslado.
Outra lenda di que a nova ubicación da igrexa e do santo débese máis ben aos desexos dunhas ricas familias con apoio do clero.
Sexa o que sexa, a actual igrexa foi inaugurada en setembro de 1925 no lugar chamado Retama, na mesma parroquia de Galgao.
Na foto seguinte, as vistas que hai dende a vella capela. E. 1º termo, Lousada, aldea da parroquia de Sasdónigas (Mondoñedo) por onde pasaremos despois.
 
A capela antiga está nun lugar privilexiado para ter unhas excelentes vistas.

A romería de S. Cosme da Montaña ten lugar cada 27 de setembro e chegan romeiros dende moitos puntos das comarcas veciñas a oir misa, andar en procesión, prender candeas, depositar exvotos de cera vinculados ás peticións que se fan ao santo. É esta unha romeria moi querida por moitos chairegos e mariñaos.
Na foto, o que era o adrio da capela.

Adrio da antiga capela de S. Cosme da Montaña.

Iniciamos a partires de aquí unha curta baixada por un carreiro que nos vai levar a un lugar máxico!

Escoitamos un forte balbordo de auga nun entorno cheo de abelairas, felgos...

Unhas árbores caídas queren impedirnos o paso pero logramos sortealas sen maior dificultade

Atopamos unha fervenza ben alta con moita auga formada polo Rego de Muras, penso que de momento é ben descoñecida a pesares do seu relativo bon acceso. Eso si, só se pode chegar ata ela camiñando, do que me alegro un montón!


 O rego levaba bastante auga e hai que cruzalo. Así que ou unhas boas botas ou descalzarse como eu fixen!

Rego de Muras que hai que atravesar

Seguimos despois da cascada por un fermoso entorno moi húmido e no que vemos una corda que alguén colocou como axuda.

O camiño non pode ser máis fermoso e ademais cada vez quedan menos...

Desembocamos nunha pista pola que pasa o Camiño Norte de Santiago

Agora a paisaxe ábrese diante de nós e deixanos ver aló enriba unha "illa" verde que é onde estaba a vella capela en ruinas  por onde pasamos.

A pista anterior desemboca na aldea de Lousada, da parroquia de Sasdónigas, xa no concello de Mondoñedo.

Lousada

En Lousada quedan moitos cabozos estilo Mondoñedo, claro.

Vistas dende Lousada


Os cabozos "estilo Mondoñedo" son de madeira, pedra e lousa. Están elevados sobre altas cepas e levan no tellado uns turulecos para soportar o vento. Canto máis altos sexan os cabozos, mellor é a ventilación e mellor será o secado do millo e a conservación de alimentos que era para o que se usaban.

 

O hórreo tradicional galego que hoxe coñecemos nace nos Séculos XVII e XVIII aínda que tamén se construiron máis nos S. XIX e XX. O hórreo era indispensable en tódalas casas e tódalas vivendas tiñan un. Actualmente, e xa dende hai varias décadas, o uso para o que foron creados desapareceu e hai moitos en mal estado ou case en ruinas mentras que outros son restaurados como elemento etnográfico e patrimonial que son do noso país.

Alonxámonos de Lousada e xa teremos que ir por estrada ata o final da ruta. Tampouco nos importa moito, non pasa ninguén e a paisaxe é reconfortante. As casas que se ven aló no alto é a onde temos que chegar xa que foi de onde partimos: Os Samordás.

De momento seguimos no concello de Mondoñedo

Deixamos a estrada que de seguir por ela nos levaría a S. Vicente de Trigás e pillamos unha pista á dereita prara ir a Bicos.

Xa estamos de novo no concello de Abadín despois de atravesar o Rego de Carballo que separa aquí os dous concellos.

Bicos é unha aldea da parroquia de Galgao (Abadín) pola que pasei hai pouco facendo outra ruta.

Bicos

É unha aldea bastante ben coidada que conserva as casas orixinais en pedra.

Bicos

Seguimos subindo lixeiramente deixando atrás Bicos de Abaixo.



As vivendas que vemos pertencen a Bicos de Arriba.


Seguimos pola fermosa estrada. Estamos a piques de chegar a Os Samordás e polo tanto de rematar esta ruta.


 Vistas impresionantes que nos deixa a luz do atardecer


E de novo, xa en Os Samordás

Os Samordás


Páxina web consultada:

https://terrachaxa.com/es/news/reportaje-san-cosme-da-montana/18182/