mércores, 23 de outubro de 2024

ANTIGA CAPELA DO S. COSME DA MONTAÑA E FERVENZA DO REGO DE MURAS (ABADÍN)

 Hoxe fixemos unha ruta da que non esperabamos tanto como nos deu a nivel paisaxístico e etnográfico.

Foi no concello de Abadín aínda que tamén pasa por unha aldea de Mondoñedo.

Características da ruta:

Lonxitude: 6,5 km.

Dificultade: fácil (tivemos complicacións no lugar da cascada por árbores caídos e porque había que descalzarse ou levar boas botas para cruzar o rego que a forma)

Ruta circular sen sinalizar. O meu trak en WIKILOC

Descripción da ruta:

Partimos da aldea de Os Samordás na parroquia de Galgao (Abadín). Este é o lugar da parroquia que ten menos habitantes (8 en 2015) Nós vimos un home e dous cans. 

Esta aldea está sendo, neste ano 2024, estudo por parte de espeleologos xa que hai unhas covas (3) con 170m percorribles na máis grande delas. Son chamadas a Cova dos Santos ou da Meiga e gardan gran cantidade de estalagmitas e estalagtitas.

Os Samordás

Non hai moito sitio onde aparcar , nós fixémolo na beira da estrada. Continuamos uns metros por esa estrada por onde acababamos de baixar e deseguida pillamos un carreiro á dereita.

Deseguida atopamos as ruinas da que foi a 1ª capela do S. Cosme da Montaña. Ao mellor moita xente non sabe que a actual igrexa foi inaugurada no 1925 e antes desa data o S. Cosme da Montaña era venerado neste lugar. A capela quedouse pequena para a gran cantidade de romeiros que asistían e os accesos tamén eran complicados (supoño que estes accesos pouco ou nada cambiaron dende aquela e nós tivemos o privilexio de percorrelos)

Ruinas da antiga capela de S. Cosme da Montaña

Houbo unha lenda local que dicía que S. Cosme escapaba desta pequena capela en ruinas para irse á ubicación actual do santuario, creendo os veciños que era un milagre e que era desexo do propio santo cambiarse de lugar. Unha vez inaugurada a nova igrexa, cambiaron as tornas: agora o santo seica escapaba para a pequebna capela . A xente estaba preocupada porque pensaba que o santo non se afacía no novo lugar ata que descubriron que este novo milagre tiña que ver coa oposiciónn dun veciño ao novo traslado.
Outra lenda di que a nova ubicación da igrexa e do santo débese máis ben aos desexos dunhas ricas familias con apoio do clero.
Sexa o que sexa, a actual igrexa foi inaugurada en setembro de 1925 no lugar chamado Retama, na mesma parroquia de Galgao.
Na foto seguinte, as vistas que hai dende a vella capela. E. 1º termo, Lousada, aldea da parroquia de Sasdónigas (Mondoñedo) por onde pasaremos despois.
 
A capela antiga está nun lugar privilexiado para ter unhas excelentes vistas.

A romería de S. Cosme da Montaña ten lugar cada 27 de setembro e chegan romeiros dende moitos puntos das comarcas veciñas a oir misa, andar en procesión, prender candeas, depositar exvotos de cera vinculados ás peticións que se fan ao santo. É esta unha romeria moi querida por moitos chairegos e mariñaos.
Na foto, o que era o adrio da capela.

Adrio da antiga capela de S. Cosme da Montaña.

Iniciamos a partires de aquí unha curta baixada por un carreiro que nos vai levar a un lugar máxico!

Escoitamos un forte balbordo de auga nun entorno cheo de abelairas, felgos...

Unhas árbores caídas queren impedirnos o paso pero logramos sortealas sen maior dificultade

Atopamos unha fervenza ben alta con moita auga formada polo Rego de Muras, penso que de momento é ben descoñecida a pesares do seu relativo bon acceso. Eso si, só se pode chegar ata ela camiñando, do que me alegro un montón!


 O rego levaba bastante auga e hai que cruzalo. Así que ou unhas boas botas ou descalzarse como eu fixen!

Rego de Muras que hai que atravesar

Seguimos despois da cascada por un fermoso entorno moi húmido e no que vemos una corda que alguén colocou como axuda.

O camiño non pode ser máis fermoso e ademais cada vez quedan menos...

Desembocamos nunha pista pola que pasa o Camiño Norte de Santiago

Agora a paisaxe ábrese diante de nós e deixanos ver aló enriba unha "illa" verde que é onde estaba a vella capela en ruinas  por onde pasamos.

A pista anterior desemboca na aldea de Lousada, da parroquia de Sasdónigas, xa no concello de Mondoñedo.

Lousada

En Lousada quedan moitos cabozos estilo Mondoñedo, claro.

Vistas dende Lousada


Os cabozos "estilo Mondoñedo" son de madeira, pedra e lousa. Están elevados sobre altas cepas e levan no tellado uns turulecos para soportar o vento. Canto máis altos sexan os cabozos, mellor é a ventilación e mellor será o secado do millo e a conservación de alimentos que era para o que se usaban.

 

O hórreo tradicional galego que hoxe coñecemos nace nos Séculos XVII e XVIII aínda que tamén se construiron máis nos S. XIX e XX. O hórreo era indispensable en tódalas casas e tódalas vivendas tiñan un. Actualmente, e xa dende hai varias décadas, o uso para o que foron creados desapareceu e hai moitos en mal estado ou case en ruinas mentras que outros son restaurados como elemento etnográfico e patrimonial que son do noso país.

Alonxámonos de Lousada e xa teremos que ir por estrada ata o final da ruta. Tampouco nos importa moito, non pasa ninguén e a paisaxe é reconfortante. As casas que se ven aló no alto é a onde temos que chegar xa que foi de onde partimos: Os Samordás.

De momento seguimos no concello de Mondoñedo

Deixamos a estrada que de seguir por ela nos levaría a S. Vicente de Trigás e pillamos unha pista á dereita prara ir a Bicos.

Xa estamos de novo no concello de Abadín despois de atravesar o Rego de Carballo que separa aquí os dous concellos.

Bicos é unha aldea da parroquia de Galgao (Abadín) pola que pasei hai pouco facendo outra ruta.

Bicos

É unha aldea bastante ben coidada que conserva as casas orixinais en pedra.

Bicos

Seguimos subindo lixeiramente deixando atrás Bicos de Abaixo.



As vivendas que vemos pertencen a Bicos de Arriba.


Seguimos pola fermosa estrada. Estamos a piques de chegar a Os Samordás e polo tanto de rematar esta ruta.


 Vistas impresionantes que nos deixa a luz do atardecer


E de novo, xa en Os Samordás

Os Samordás


Páxina web consultada:

https://terrachaxa.com/es/news/reportaje-san-cosme-da-montana/18182/



Ningún comentario:

Publicar un comentario