sábado, 27 de xullo de 2024

BRIHUEGA

 CAMPOS DE LAVANDA

O motivo de viaxar nesta época á provincia de Guadalajara foi sobre todo para ver os campos de lavanda en Brihuega pois só neste mes de xullo locen en todo o seu esplendor. A visita estrela desta viaxe foi coñecer estes campos que se perden no horizonte teñidos de cor lila entre os zunidos das abellas.

Hai máis de 40 anos, un mestre desta vila, Álvaro Mayoral, que veraneaba en Francia trouxo con el uns esquexes de lavandín (un híbrido entre a lavanda e o espliego) Os campos de Brihuela xa eran abundantes en espliego e contaban coas condicións idóneas para que esta planta se dera. A esto sumouse Emilio Valeros, técnico de Loewe, cuxos coñecementos permitiros que esto fose a máis.

Actualmente supéranse o millar de hectáreas, aumentando case 100 cada ano.

Campos de lavanda en Brihuega
A finais de xullo, principios de agosto colleitan a lavanda que ten múltiples usos: aceites, perfumes, cremas, ambientadores, repelente de insectos, antiinflamatoria...ata se emprega na fabricación de cervezas e licores.
Campos de lavanda en Brihuega
Eu non sabía que as fotos entre estas plantas resultaban máis fermosas vestíndose de branco. Aprendín esto a víspera de ir aos campos e como levara este vestido pois púxeno, claro.

BRIHUEGA
E loxicamente, despois de ver os campos, fomos ata Brihuega da que estariamos aprox. a 2 km.
Ademais da lavanda, os campos producen cereais en abundancia.


Entramos en Bihuega pola Porta da Cadea, unha das que queda e formaba parte da antiga muralla.
Escribía C. J. Cela no seu libro "Viaje a la Alcarria":
"....el viajero se encuentra con la puerta de la Cadena, por la que se mete en el pueblo. La puerta de la Cadena tiene una hornacina con una Purísima, y debajo una lápida de mármol blanco que dice: 1710-1910. La villa de Brihuega en el segundo centenario de su memorable bombardeo y asalto..."

Porta da Cadea
As rúas estaban engalanadas por mor do Festival da Lavanda celebrado todos estes días en Brihuela.

A cor morada en honor á lavanda, invade toda a vila.

Estamos na Praza dos Herradores ou Ferreiros. Como tódolos nomes teñen o seu porqué, este tal vez se deba a que no pasado se instalarían neste lugar xente que se dedicaba a este oficio.
Plaza de los Herradores

Moi fermosas as rúas...

Máis adornos...

E máis...

 E chegamos á Praza do Coso que é a praza Maior da vila. Aquí foi tradicionalmente se ubicaba o comercio e, a partires do S. XVIII, as principais hospederías e mesóns.
Praza do Coso
Nesta praza atopamos o edificio do concello reconstruido en 1975 sustituíndo ao anterior do S XVI
Concello

Nós aquí, en lugar de seguir ao grupo, decidimos visitar as Covas Árabes. A entrada píllase na tenda que está ao lado e cada media hora entraba un grupo. Nós entramos ás 12:00 cun grupo no que éramos unhas 10 persoas. A visita durou uns 10 minutos (vaise sen guía e non ten perda, está perfectamente marcado o percorrido) e foi moi interesante.

Entrada ás Covas Árabes.

As covas percorren o subsolo de Brihuega e foron construidas entre os séculos X e XI.

Covas árabes

Que a gusto se estaba dentro coa calor que ía fóra!!

Teñen unha lonxitude aprox de 8 km. pero só son visitables uns 700m. Empregáronse primeiro como refuxio en caso de asedio pois eran unha vía de escape para sair fóra das murallas.

Covas árabes

Como manteñen unha temperatura constante duns 12º, foron empregadas para conservar alimentos como viño, aceite e augardentes.

Covas árabes
As covas son un laberinto de galerías e túneles.

A Porta da Guía é un arco que se abre  nun torreón da vella muralla do castelo. Esta abertura data do S. XIX en plena Guerra da Independencia cando as tropas francesas se establecen no Castelo de Peña Bermeja. Faise para facilitar o paso dos soldados ata o castelo e a poboación.

                                                   Porta da Guía

A Igrexa de Santa Mª da Peña foi construida a principios do S.XIII e é un exemplo de arquitectura cisterciense de transición do románico ao gótico.
Igrexa de Santa Mª da Peña

No interior desta igrexa está a imaxe da Virxe da Peña, patroa da localidade.

A  igrexa anterior está situada no que foi o Patio de Armas do castelo de Pedra Bermeja do que na foto vemos un lateral.

Castelo de Piedra Bermeja

O Castelo de Piedra de Piedra Bermeja está nun promontorio e foi edificado sobre un fortín árabe. Nós entramos pola porta que hai ao pé da igrexa da Virxe da Peña e o 1º que vimos foi un cemiterio.

Na foto, unha capela con sepulturas.

Cemiterio no castelo

No exterior, o que sería o Patio Central do Castelo está totalmente ocupado por tumbas antigas e recentes.

O chan, as paredes...por tódolos lados hai sepulturas.

No edificio que hoxe ocupa a Oficina de Información e Turismo estivo o cárcere de Carlos III aínda que tivo tamén outros usos: escola, academia de música, Biblioteca Muicipal....
Cárcere de Carlos III
Como luce Brihuega!!!

Esta é das fontes máis monumentales de toda a provincia de Guadalajara: A Fonte dos 12 Canos e outros 13 na súa parte posterior que alimentan un granísimo lavadoiro. Foi construida no S. XX

Fonte dos 12 canos

A parte traseira da fonte cun enorme lavadoiro.

Lavadoiro

Páxinas web consultadas:

https://www.elrincondesele.com/campos-lavanda-brihuega-guadalajara-consejos-cuando-donde-ver/#:~:text=Los%20or%C3%ADgenes%20del%20cultivo%20de,cuales%20se%20empe%C3%B1%C3%B3%20en%20plantar.

https://www.rutasconhistoria.es/loc/plaza-del-coso-brihuega

https://turismobrihuega.com/index.php/conoce-la-villa/que-ver/item/416-cuevas-arabes






martes, 23 de xullo de 2024

GUADALAJARA

Dende o xoves 18 ao domingo, 21 de xullo deste 2024 viaxamos a Guadalajara e provincia un grupo de persoas da man de Javi que foi o organizador desta viaxe ademais de conductor. 

Tamén nos acompañou unha guía, Cristina, e dúas guías locais en diferentes momentos.

O xoves 18 madrugamos bastante, paramos a almorzar en Vega de Valcarce e a mediodía xa estábamos no hotel no que estes días nos aloxamos. Despois de comer e descansar unhas dúas horas, empezamos as visitas.

GUADALAJARA.-

Pertence á Comunidade Autónoma de Castela A Mancha e ten 4 comarcas :A Alcarria, A Campiña, As Serranías e O Señorío de Molina. Guadalajara pertence á comarca da Alcarria.

Guadalajara, cunha poboación de cerca de 90000 habitantes, é a 2ª máis poboada de Castela A Mancha, despois de Albacete

Foi fundada polos árabes  e reconquistada por Alfonso VI de León no S. X. A protección da cidade por Alfonso X (S.XIII) asegurou o desenrolo económico da mesma mediante a defensa dos seus comerciantes e a autorización de celebrar feiras e mercados.

Na 2ª metade do S. XIV, estableceuse en Guadalajara a familia dos Mendoza que trouxo consigo o esplendor a esta cidade.

O Palacio do Infantado, en estilo gótico Isabelino con elementos renacentistas, foi ordenado construir por Iñigo López de Mendoza, a finais do S. XV. O 5ª fillo deste home foi o coñecido Cardenal Pedro González de Mendoza, naquela época en que os cardenais se casaban tiñan fillos lexítimos e ilexítimos... Foi un dos personaxes máis destacados da época e ostentou numerosos e importantes cargos ao longo da súa vida, ademais de ser un mecenas excepcional e un home cunha gran cultura.

Palacio do Infantado na Praza España e estautua do Cardenal Mendoza

O Palacio está situado onde antes houbo unhas casas de Pedro González de Mendoza que foi o 1º Mendoza na Alcarria. Neste palacio casou o rei Felipe II con Isabel de Valois.
O Palacio estivo abandonado durante séculos, cando os Mendoza se foron a Madrid e foi obxecto de diversas restauracións tendo distintos usos ao longo da súa historia. No 1936 foi arrasado por un incendio que fixo desaparecer a maior parte da decoración interior. Ata 1960 mantívose en ruinas e despois foi rehabilitado.
Actualmente é sede do Museo Provincial de Guadalajara, o máis antigo de España, e tamén do Arquivo Histórico Provincial.
Na foto vemos o "Patio de los Leones" con dobre arcada superposta.

Patio dos Leóns no Palacio do Infantado

Chaman a atención os elementos decorativos. As parellas de leóns son un emblema de Diego Hurtado de Mendoza (un fillo do que mandou construir o Palacio)


A fachada do Palacio é preciosa, realizada en pedra caliza, unha das xoias de arte gótico civil e deixase ver tamén  a arte mudexar nos balcóns superiores. Vemos tamén a porta principal que non ocupa o centro da fachada.
Fachada do Palacio do Infantado

O edificio que vemos na seguinte foto corresponde ao Palacio de Antonio de Mendoza construido no S. XVI e que tivo moitos usos. Anos despois, outra Mendoza chamada Brianda que herdara este edificio estableceu nel unha comunidade de relixiosas franciscanas e empezou a edificación da igrexa baixo a dirección dun gran arquitecto da época como foi Alonso de Covarrubias.
No S. XIX, estas edificacións soportaron restauracións que no caso da igrexa resultaron moi desafortunadas, xa que se tirou unha ábsida e no interior tamén se alterou o trazado primitivo.
O conxunto formado polo Palacio de Antonio Mendoza e o Convento da Piedade alberga actualmente as instalacións do IES Liceo Caracense

Palacio de Antonio Mendoza

O edificio de Correos é outra construcción emblemática desta cidade. Foi construido no S. XIX (1917) e despois de estar pechado uns anos hoxe volve a prestar os servizo de Correos para o que foi concebido.

Edificio de Correos
Outra fachada do IES situado no Palacio de Antonio Mendoza.

O que vemos na seguite foto é a concatedral de Santa Mª A Maior de Guadalajara. Unha concatedral comparte a Sede ou Cátedra do bispo con outra catedral, neste caso coa de Sigüenza. Nótase no exterior que conserva moito do seu estado orixinal. 
Está construida en ladrillo visto toda ela e ten 3 estilos arquitectónicos: mudexar, renacentista e barroco.
O pórtico que vemos é de estilo renacentista.
Concatedral de Guadalajara

Na fachada anterior que é a principal atópase a porta principal en claro estilo mudexar.

O estilo barroco vémolo na cúpula da concatedral. Tamén é moi fermoso o retablo do altar Maior.

Na Capela da Virxe de Fátima podemos aprezar a figura de J. Pablo II representando o momento no que ofrece á Virxe a bala do atentado que sufreu en 1981

Outra cúpula ben fermosa:

Na Costa de S. Miguel, moi cerca da catedral, vemos a Capela funeraria de Luis de Lucena, unha obra mestra da arquitectura en ladrillo. Estivo adosada á igrexa de S. Miguel hoxe desaparecida e segue revelendo a tradición mudexar no uso do ladrillo. Foi fundada por Luis de Lucena no S. XVI. Este home foi un humanista que se interesou pola arqueoloxía ademais de exercer como clérigo e como médico. Aída que deixou disposición testamentaria de que o enterrasen en Guadalajara, foi enterrado en Roma onde resideu moitos anos.


                                                   Capela Funeraria de Luis de Lucena

Seguindo o noso percorrido, chegamos á Praza de Beladíez onde se atopa o Palacio dos Condes De Vega del Pozo e a capela anexa de S. Sebastián que hoxe pertencen ao Colexio dos Irmáns Maristas. Aínda que, dende o 2023, xa non hai Maristas neste colexio que saltou á fama hai poucos anos debido a que se denunciaron abusos sexuales a menores nese centro nos anos oitenta.
Palacio e capela dos Condes de Vega del Pozo ou Palacio da vizcondesa de Jorbalán

A igrexa de S. Nicolás é do S. XVII. Sobre a fachada de ladrillo destaca a portada barroca de pedra.

Igrexa de S. Nicolás

No interior desta igrexa destaca o seu fermoso retablo maior.
Retablos da igrexa de S. Nicolás

Tamén destaca a estatua xacente do comendador Rodrigo de Campuzano.
Estatua do Comendador Rodrigo de Campuzano.

No tempo libre que tivemos, descubrimos a igrexa de S. Ginés que está na Praza de Santo Domingo. Esta igrexa foi antes un antigo convento xa desaparecido. É do S. XVI

                                     Igrexa de S. Ginés na Praza de Santo Domingo.
  
Na mesma praza aparece este monumento ao Conde de Romanones que foi erixido en 1913 por suscripcions de mestres españois.
Monumento ao Conde de Romanones

Ao pé do anterior monumento tamén temos este de libros tallados en madeira dun piñeiro que ía ser talado e que representa unha homenaxe aos mestres.

                                                           Monumento aos mestres

Na Praza Maior de Guadalajara atopamos a Casa Consistorial. O edificio actual data de 1906 e foi deseñado sobre outro anterior do S. XVI

Concello de Guadalajara

Sorprendeume de Guadalajara que ten moitas zonas verdes e o morta que estaba, con moito comercio local pechado a pesares de ser un día laborable, aínda que se non hai xente, para que van abrir? A razón de que a cidade aparecese baleira pose ser que estamos en xullo e moita xente estaría fóra de vacacións.
Só estivemos unha tarde nesta cidade e aínda que vimos os principais lugares tamén quedaron sen ver outros como: O Panteón da Condesa, o Torreón de Alvar Fáñez cos seus xardíns, Palacio da Cotilla...etc Como dixo o organizador da viaxe; Javi, sempre hai que deixar algo por ver para así volver de novo.

 NOTA: Na seguinte entrada publicarei a visita a Brihuega.

Páxinas web consultadas:

https://es.wikipedia.org/wiki/Palacio_del_Infantado

https://www.guadalajara.es/es/ciudad/monumentos/palacio-del-infantado/

https://www.guadalajara.es/es/ciudad/monumentos/convento-de-la-piedad/

https://nuevaalcarria.com/articulos/descubre-5-curiosidades-de-la-concatedral-de-santa-maria-la-mayor
https://es.wikipedia.org/wiki/Capilla_de_Luis_de_Lucena
https://www.guadalajara.es/es/actividad-economica/palacio-condesa-de-la-vega-del-pozo.html?texto=&idSubCategoria=0&idCategoria=1&turismo=0