luns, 27 de setembro de 2021

O CAMIÑO DOS FAROS. TRAMO: PRAIAS DE REIRA- CAMARIÑAS

Hoxe remataremos a 5ª etapa deste Camiño dos Faros que nós imos partindo en tramos. Partiremos das praias de Reira e chegaremos a Camariñas pasando polo Monte Pedrosa, o faro Vilán, a capela da Virxe do Monte...e praias pequenas, recónditas, salvaxes...Estamos no concello de Camariñas.

Características:
Lonxitude: 13, 8 km.
Dificultade: fácil
Ruta lineal ben sinalizada.

O track en Wikiloc:

Descripción:

Partimos como dixen das praias de Reira. Son un conxunto de praias con distintos nomes pero que no seu conxunto reciben este. A primeira que vemos sí se chama "Praia de Reira"
Praia de Reira
 
 En Punta Forcados vemos esta pedra grande con forma de oso que no ano 2002 foi levada para A Coruña por uns operarios que traballaban nunha obra. De alí a un tempo foi devolta ao seu sitio.

Agora vemos a praia de Area Longa co Monte Pedrosa ao fondo.

E antes de ascender ao monte vemos a praia Balea, paraíso de surfistas.

Ao omenzar a subida ao Monte Pedrosa, empezou a chuviscar. A praia que vemos de fondo é a praia Pedrosa


Imos por unha pista moi cómoda ata Faro Vilán.
Este parque eólico foi dos primeiros construídos en Galicia.


Imos vendo o faro continuamente e a rocha "Vilán de fóra"

A foto seguinte corresponde ao Faro Vello situado nunha torre octogonal, funcionaba a vapor. Ao non estar situado na parte máis alta deixaba zonas a cegas, sen alumear `porque debido ao seu emplazamento non podía superar o punto máis alto de Cabo Vilán. Despois de varias traxedias acontecidas nesta costa con barcos naufragados e a perda de moitas vidas humanas decidíuse construir outro faro e no ano 1986 inaugurase o actual cunha torre octogonal de 25m de altura.
Faro vello

O novo faro foi o 1º eléctrico de España e supoxo unha notable melloría para a navegación. No ano 1933 foi declarado de Interese Nacional en 1933. O edificio que vemos era a vivenda dos fareiros e está separado da torre por un túnel con 250 escaleiras.

No ano 2019 jubilouse a última fareira, Cristina Fernández, dunha profesión que se extingue. Ela e o seu home acompañados doutros fareiros, viviron nesa casa ao pé do faro.

Continuamos o camiño despois dunha parada duns 20 minutos neste enclave. Imos bordeando unha piscifactoría de rodaballo:



O camiño é ancho e moi fáil de percorrer. Fixándose ben, aló ao lonxe, no alto do Monte Farelo vemos a capela a onde temos que chegar. É a capela da Virxe do Monte.


Subimos ata capela nun ascenso moderado polo Monte Farelo uns 150m.

A ermida da Virxe do Monte é de estilo barroco do S. XVIII. É moi sinxela e ao estar situada nun alto ten unhas excelentes vistas ao océano e a veciña Muxía.

Vemos Muxía dende a ermida. O día non se presta nada para as fotos pero é o que tocou hoxe.

Diante da capela temos un banco que mira ao océano. Parece que a moda non para...
Aquí celébrase unha importante romería a que acoden moitos camariñáns.


Dende esta ermida podemos dar a volta e, no cruce onde estaba o campo de fútbol, seguir o camiño por onde indicaban as frechas mías curto e fácil ou ben dende a mesma capela baixar por un estreito carreiro por onde tamén está sinalizado. Nós fixemois esto último.

Baixando dende a ermida


Punto onde se xuntas os dous percorridos: o que traemos nós e o que baixa polo muro de pedra.

Pasamos xunto á praia de Lago onde un cartel di que as súas augas son excelentes para o baño.

 Un pouco despois temos a praia de Portocelo.

E chegamos a Camariñas entrando polo seu porto.






domingo, 26 de setembro de 2021

MOSTEIRO +SANTA COLOMBA DAS PÍAS + CAMPAMENTO ROMANO DE CIADELLA.(SOBRADO DOS MONXES-A CORUÑA)

MOSTEIRO DE SANTA Mª DE SOBRADO

Despois de realizar a "Ruta da Carballeira":  Rutas de sendeirismo: RUTA DA CARBALLEIRA. SOBRADO DOS MONXES. A CORUÑA e comer en Sobrado, quedábanos a tarde libre e aproveitamos para coñecer ao máximo este concello.

E por suposto, empezamos polo seu monumento estrela, o máis emblemático e polo que é coñecida esta vila: o Mosteiro de Santa Mª de Sobrado que foi incluido no 2015 dentro  do Camiño Norte como un ben individual formando parte do Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

É un dos monumentos galegos que mellor representa o estilo barroco.


Este mosteiro foi fundado no S. X polo conde de Présaras e a súa muller. O mosteiro foi herdado polos sucesores dos fundadores ao longo dos séculos. No S. XII foi entregado por Fernando e Bermudo Pérez de Traba aos monxes cistercienses, chegando dende Francia unha comunidade de monxes.

Durante os séculos XII e XIII o mosteiro desenrola unha grande actividade espiritual e aconómica. Logo entra en decadencia ata o S. XVI no que recupera o seu esplendor e son construídos a maioría dos edificios que hoxe podemos ver, por exemplo a monumental igrexa é de finais do S. XVII.

No S. XIX entra nunha gran decadencia a consecuencia da Desamortización, no ano 1834, o mosteiro queda suprimido. O mosteiro, os edificios contiguos e todas as propiedades son vendidas a particulares e hai un deterioro progresivo de tódolos edificios acabando practicamente en ruínas.

No ano 1954 por orde do arcebispo de Santiago, Fernando Quiroga Palacios, outro mosteiro da mesma orde faise cargo da súa restauración e no ano 1966 envíase unha comunidade de monxes da orde cisterciense da estreita observancia(trapenses) de Cantabria e así despois de máis de 130 anos de ausencia volve a inicarse a vida monástica neste mosteiro ata o día de hoxe.

Para entrar a visitar o mosteiro hai que pasar por debaixo do arco da foto seguinte (Casa do Arco) que foi antiguamente Casa de Audiencias e hoxe se emprega como hospedería cando é necesario

Os peregrinos entraban por debaixo deste arco e atravesaban o patio chamado "Vía Sacra" ata o mosteiro.
Vista da Casa do Arco ou Casa das audiencias do lado do mosteiro

Dentro do recinto do mosteiro, está a igrexa parroquial de S. Pedro da Porta.

Damos un paseo ao redor do mosteiro para darnos conta do inmenso que é:

Aquí temos o muíño do mosteiro que facían funcionar coa auga traída dende a lagoa que mandaran construir moi cerca coa auga do río Tambre.

Na foto seguinte vemos a igrexa por detrás e parte do mosteiro:

A igrexa do mosteiro é espectacular por dentro e por fóra. A impresionante fachada é obra de Pedro Monteagudo, do S. XVII. Sobre a porta hai unha imaxe da Virxe da Asunción. Dous pares de columnas altísimas enmarcan o corpo central. Máis arriba hai un escudo de armas flanqueado tamén por dúas columnas. Por último o frontón corvo partido serve de base a un enorme crucifixo. As torres aumentan a sensación de verticalidade e altura desta igrexa.

Para poder acceder ao interior, hai que pagar 2.5€ e tes dereito a visitar dous claustros, a Sala capitular, a cociña do S. XIII e a igrexa.
En 1º lugar, visítase o Claustro dos Peregrinos, do S. XVII  e rehabilitado no 1972 É de planta cadrada e as columnas superiores de estilo xónico as inferiore son dóricas. 
Claustro dos peregrinos

Na foto seguinte vemos a Maristella, escaleira principal que leva a estancias privadas dos monxes. Debe o seu nome a que cando os monxes subían a escaleira ían cantando o himno "Ave Maris Stella" e á Virxe que as preside. 
As dependencias privadas dos monxes non van incluídas na visita, loxicamente

A continuación, entramos no "claustro de los medallones" que foi o claustro orixinal da construción do século XIII pero foi completamente restaurado entre os séculos XVI e XVIII
É de planta rectangular e destacan os 36 medallóns da parte superior con caras de diferentes personaxes: bispos, apóstolos, cabaleiros...etc
Claustro dos medallóns

Na seguinte foto, vemos algunha das caras dos medallóns.


A continuación, visitamos a a cociña que ten arcos de medio punto e catro sólidas columnas das que pendían as cadeas colgando sobre a lareira.
Cociña do S. XIII

Despois fomos á Sala Capitular que foi reconstruída no 1965 conforme a como era no S. XII. esta sala era onde se reunían os monxes para recordar o Capítulo que leran durante a comida e/ou para conversar de asuntos relativos ao mosteiro.


E por último imos á igrexa que causou en nós unha sorpresa ao vela totalmente baleira de imaxes, retablos...

A Capela do Rosario, atribuida a Domingo de Andrade, ten unha portada que semella a fachada da igrexa, cun barroco moi exuberante no arco de entrada. O conxunto interior desta capela coa súa cúpula é considerado o barroco máis representativo de Galicia.

A Sacristía está considerada como o máis fermoso conxunto renancentista en Galicia. Foi deseñada por Juan de Herrera, autor do mosteiro do Escorial.

Dende aquí podemos contemplar outro claustro que non está aberto ao público:


A cúpula da sacristía:


Despois de admirar tranquilamente a fermosura e grandiosidade deste monumento, saimos dispostos a ir coñecer outro lugar deste concello.

CAPELA DE SANTA COLUMBA DAS PÍAS
Na parroquia de Codesoso, a 8 km. de Sobrado, atopamos este santuario moi antigo e de gran devoción popular. Está situado nunha fermosa carballeira e por aquí pasa o Camiño Norte a Santiago.
Aquí celébrase unha importante romería xa que esta santa é para moita xente remedio a moitas e variadas enfermidades.

Capela de Santa Columba das Pías, do S. XVII

Está situada nunha fermosa carballeira.

Este é o camiño que conduce a fonte que, como en case tódolos santuarios, non podía faltar:

A Fonte Santa é de estilo barroco. Débese beber dela ou lavarse para poñer remedio ás máis diversas enfermidades.


 A parte baixa deste cruceiro é o elemento  máis antigo da capela. Faltáballe a cruz que foi colocada recentemente e ben se nota a diferenza.

Tamén hai un ritual en torno a este carballo centenario que conta no seu tronco cunha cruz tallada no mesmo para sacralizalo. A tradición manda encher a pía que ten diante con auga da fonte e dar nove voltas ao redor do carballo e da pía dándolle un bico ao tronco, rezar un Noso Pai e facer o sinal da cruz en cada xiro para acadar o que se pida ou ben para dar grazas polos favores recibidos.



CAMPAMENTO ROMANO DE CIADELLA

Por último fomos ver o campamento romano de Ciadella que tivo moita actividade entre os séculos II e IV.
É o maior campamento romano de Galicia

A función principal deste campamento sería o control das comunicacións entre Brigantium (A Coruña) e Lucus Augusti (Lugo)

O foxo do campamento

O campamento estaba defendido por unha muralla que pechaba todo o recinto, protexido por varias torres e un foxo paralelo ao recinto do que só se conserva o lado este.
As excavacións comenzaron no ano 1935 e non foron continuadas, sendo retomadas na década dos oitenta. 
No campamento atopáronse abundantes materiais destacando restos cerámicos, monedas e obxectos de vidro, de bronce e de ferro. Están depositados para o seu estudo no museo arqueolóxico e histórico "Castelo de S. Antón" (A Coruña)

Se queres saber máis cousas deste campamento romano, Podes visionar este vídeo: