martes, 15 de outubro de 2024

LLAGARES VALVERÁN E SANTANDER:

Do 11 ao 13 de outubro de 2024 un grupo de persoas (non estou segura, pero creo que éramos algo máis de 60) viaxamos a Santander e provincia nunha viaxe organizada por Xaime Cancio á que eu persoalmente non teño que poñer ningunha queixa. As opinións, comentarios...que eu escribo aquí non teñen porque coincidir co que opinen, pensen...outros membros do grupo viaxeiro. Eu escribo única e exclusivamente no meu nome as miñas vivencias desta viaxe neste meu blog.

Foi unha viaxe que me permiteu coñecer vilas do fermoso interior de Cantabria e recordar outras que xa coñecía como Santander e Potes

Unha viaxe que para min foi enriquecedora a tódolos niveis, porque ademais de coñecer novos e fermosos lugares tamén me permiteu coñecer outra xente e profundizar con outra que si coñecía pero a nivel superficial. De toda esta xente, traio un grato recordo.

E agora, imos aló

LLAGARES VALVERÁN (Masaveu Bodegas)

De camiño a Santander 🚐🚐🚐🚐, paramos en Sariego para visitar Llagares Valverán. Teño que recoñecer que esta era unha visita que non me atraía moito porque dende logo a sidra non me gusta nada pero a bebida que aquí elaboran non ten nada que ver coa sidra que coñecemos.

A sidra Valverán é un proxecto creado en 1998 pola familia Masaveu, unha das familias máis ricas de Asturias e que son donos dun gran conglomerado empresarial nos sectores da construcción, inmobiliario, enerxético, arte e tamén no sector bodegueiro con esto da sidra, neste caso, José Masaveu é o encargado deste sector.

Cultivan ata 11 variedades de mazás nas súas fincas.

Pomarada nunha finca

Unha persoa encargouse de explicarnos moi ben todo o proceso. Valverán 20 mazás debe o nome a que son necesarias un mínimo de 20 mazás para a elaboración dunha botella de 37,5 cl. Estas mazás son escollidas á man, lávanse, tritúranse, prénsanse e o mosto resultante vai a unhas cubas de aceiro inoxidable.

A explicación da elaboración da sidra de xeo.

O mosto obtido conxélase a menos de 20ºC e despois de separar xeo e mosto, a esencia obtida fermenta 10 meses a 10ºC e despois permanece nas cubas de aceiro durante 8 meses.

Cubas de aceiro

Probamos esta sidra de xeo elaborada a partires da fermetación do mosto a baixas temperaturas. Que riquísima estaba!!

Queres saber máis da riquísima familia Masaveu, procedentes de Cataluña e dona desta empresa e de moitas máis? Pincha no ENLACE:

SANTANDER

Pouco tempo estivemos na capital de Cantabria, só unhas horas que aproveitamos primeiro para pasear polo Paseo Marítimo ao pe do Muelle Calderón onde vimos:

O Centro Botín, un moderno edificio dedicado á arte contemporánea inaugurado no 2017


Centro Botín


O guindastre de pedra. 
Empregado durante o S. XX polos barcos mercantes nos labores de carga e descarga. Representa a tradición industrial  e portuaria da cidade.
Guindastre de pedra

Palacete do embarcadoiro que destaca pola súa beleza. Foi construido no 1932 como estación de pasaxeiros, máis tarde foi empregado como cuartel da antiga Policía Armada e dende 1985 serve como sala de exposicións e conferencias.
Palacete do embarcadoiro

Monumento aos raqueiros (raqueiro eran os nenos marxinais, pobres...que se dedicaban nos muelles de Santander durante os S. XIX e principios do XX a sacar do mar as moedas que os pasaxeiros e tripulantes de barcos arroxaban ao mar para que eles se tiraran  recollelas). A palabra deriva do inglés wrecker  castelanizada como raquer.
"En Cantabria y en un lenguaje coloquial, actualmente se utiliza el término "raquero" para referirse a una persona maleducada o malhablada y que utiliza muchas palabras malsonantes."  (https://es.wikipedia.org/wiki/Raquero_(persona))
As esculturas foron realizadas por José Cobo en 1999
Son, dende logo, o recordo triste de algo que sucedeu, de como os ricos se burlaban dos pobres.
Monumento aos raqueiros

No noso paseo, á dereita temos o mar e á esquerda, os Xardíns de Pereda , inaugurados nun terreo ganado ao mar anteriormente ocupado polos muelles. En Santander hai estatuas, rúas xardíns...dedicadas a este home, J. Mª de Pereda, un escritor santanderino de finais do S. XIX/ principios do S. XX.

Xardíns de Pereda

Estamos agora en Portochico, un barrio formado por varias rúas, unha plaza e un pequeno muelle deportivo que vemos na foto. 

Na actualidade, esta zona é popular como lugar de encontro polos numerosos bares que ten.

Muelle de Portochico

Xa no final do noso paseo marítimo vimos o Palacio de Festivais de Cantabria cun aspecto moi moderno. Estivo incluido en listas dos edificios máis feos de España, seica.

Palacio de Festivais

Xunto ao Planetario de Santander metémonos cara ao centro da cidade. O Planetario está situado nun extremo da Escola Técnica Superior de Náutica que vemos adosado. 

Escola de Náutica e Planetario

Santander sufreu en 1941 un tremendo incendio que fixo perder á cidade gran parte dos seus edificios nobles, algúns dos que se conservaron foron estes que vimos:
Edificio da Consellería de Inclusión Social, Xuventude, Familia e Igualdade do Goberno de Cantabria.

Edificio da Consellería de Inclusión Social, Xuventude, Familia e Igualdade do Goberno de Cantabria.

O Edificio Castelar, foi construido en 1919 con idea do arquitecto Gonzalo Bringas autor tamén doutros edificios na cidade como o Palacio da Magdalena. Ten baixo, entrepranta e 6 pisos. Foi proxectado para vivendas de luxo pero tamén alberga oficinas.

Ufffff...canto custará unha vivenda neste edificio?😮😮😮

Edificio Castelar

Pasamos pola Praza de Pombo rodeada de fermosos edificios
Praza do Pombo

Este antigo palacio que vemos na foto foi construido en 1902 e foi unha das poucas xoias que quedou. Despois de ser a sede doutros bacos como o Banco Mercantil, de Banesto...agora é a Sede do Banco Santander dende 2023.


Sede do Banco Santander

Sede do Banco Santander

 O edificio da Casa Consistorial é de estilo ecléctico (combinación de diferentes estilos e épocas) ten 3 pisos e bastante ornamentación.

Concello de Santander

Pasamos tamén por diante do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Cantabria que está dentro do Mercado do Leste no que estivemos algúne algunhas tomando algo.
Museo de prehistoria e Mercado do leste

Deseguida chegamos á Praza Porticada ou Praza Velarde construida en estilo Neoclásico Herreriano inaugurada en 1950 despois de que o incendio de 1941 destruira a maior parte do casco histórico da cidade. A súa construcción foi inspirada nunha antiga aduana de finais do S. XVIII que houbera alí e que desapareceu tralo incendio.
Esta praza ten 5 entradas e soportais en toda ela. 
Praza Porticada ou Praza Velarde

Unha estatua de Velarde nunha das entradas á Praza do mesmo nome. É unha das estatuas máis antigas da cidade e representa ao héroe da Guerra de Independencia que é de orixe cántabro.
Estatua de Velarde

Os edificios da Praza Porticada están ocupados por Organismos Públicos, destacando o que alberga a Caixa de Aforros de Santander e Cantabria. Este edificio ten un pórtico con columnas xigantes derriba do que hai dúas esculturas dun home e unha muller espidos que representan o "Aforro" e a Beneficencia"



A Catedral da Asunción está ubicada nun alto do que foi o antigo cerro de Somorrostro. A peculiaridade deste monumento é que está formado por dous templos superpostos. O templo inferior é coñecido como cripta ou Parroquia de Cristo construido ao redor do S. XIII para albergar os restos de dous soldados romanos martirizados . O templo superior coñecido como Basílica é de mediados do S. XIII e foi reconstruida e ampliada despois do incendio de 1941.

Frente á catedral temos a Praza da Asunción ou das Atarazanas. A baía de Santander ocupaba no S. XV cos seus muelles este lugar e o nemo de atarazanas é porque aquí estaban as Reais Atarazanas ou estaleiros onde se construeu a famosa Armada Invencible de Felipe II.

(NOTA: As fotos que se ven a continuación son cedidas por Xaime Cancio)
Praza das Atarazanas ou da Asunción.

Dentro da catedral está enterrado Marcelino Menéndez Pelayo, escritor, crítico literario, político e  un dos historiadores máis importantes de España.

Tumba de Marcelino Menéndez Pelayo
 

O claustro da catedral foi o último en edificarse, no S. XIV. É de estilo gótico-cisterciense.

Claustro da catedral

Aspecto da nave central da catedral.
Nave central da catedral.

Un edificio que puido resistir o incendio de 1941 foi a Cripta do Cristo ou Igrexa Baixa. É o monumento máis antigo de Santander.

Altar principal da Igrexa do Santísimo Cristo

Mira cantas cousas vimos en poucas horas!!!

Páxinas web consultadas:

https://llagaresvalveran.com/

https://es.wikipedia.org/wiki/Raquero_(persona)

https://www.santander.info/paseo-maritimo-santander

https://www.cantabriaeconomica.com/reportaje/el-palacete-del-antiguo-banco-mercantil-vuelve-a-resplandecer/

https://es.wikipedia.org/wiki/Catedral_de_la_Asunci%C3%B3n_(Santander)

https://es.wikipedia.org/wiki/Marcelino_Men%C3%A9ndez_Pelayo

https://catedraldesantander.es/

mércores, 9 de outubro de 2024

ALDEAS DO CADRAMÓN

Esta é unha ruta curta, tal vez demasiado, se non se vive cerca desta parroquia do Valadouro. A idea era facela algo máis larga pero como nos parecía que tampouco aportaría demasiado, acurtámola e quedou así:

Características: 

Lonxitude: 4,3 km.

Dificultade: fácil a non ser un pequeno tramo dende Corvelle que vai por un carreiro con bastante auga e silvas.

Ruta circular sen sinalización ningunha. Necesario seguir un track. O meu en WIKILOC

Descripción:

Iniciamos e finalizamos esta ruta no cruce que se ve na foto. A estrada que está máis baixa lévanos á aldea de O Albardo. Nós imos baixar ata a estrada que trouxemos para chegar en coche, a LU-P-0101

Imos pola estrada LU-P 0101 durante uns 400m. e cruzamos o Rego de Corvelle.


Subimos polo barrio de O Tituelo

Vemos a igrexa de S. Xurxo do Cadramón, construida no S. XIX.

Outro barrio da parroquia é Fonte da Vila polo que agora estamos a subir.


Vistas dende Fonte da Vila


Imos por asfalto entre eucaliptos.


Volvemos ver  o Rego de Corvelle que verte as súas augas no río Ouro, un pouco máis abaixo, na aldea de Balsa


E cruzamos a aldea de Corvelle, na que só viven 2 persoas e unha delas ten máis de 90 anos...
                                                                  Corvelle
O Cadramón, ao igual que case tódalas parroquias do interior está sofrindo dende hai xa ben anos unha tremenda perda de poboación.

O veciño máis novo de Corvelle (o outro ten máis de 90 anos e non o vimos) indicounos un camiño para chegar ata O Albardo porque a estrada pola que chegamos, remata neste lugar.


Trátase dun carreiro estreito e con auga. É só un pequeno tramo


Deseguida desembocamos nun toxal aberto.


E perrcorremos un tramo moi curto por un carreiro con toxos a ámbolos dous lados pero imos pasando.


Cruzamos este rego (non sei se segue a ser o de Corvelle) 


E xa imos por un camiño ancho que ten peches para o gando e que debemos deixar sempre como os atopamos.


Outro peche máis rudimentario que abrimos e pechamos.


O camiño anterior desemboca noutra pista, xa chegando a O Albardo. Temos estas vistas:

O Albardo é outro pequeno lugar da parroquia do Cadramón no que só viven 4 persoas, nos dixo un señor maior que atopamos paseando.
O Albardo

Outra vista de O Albardo. A poucos metros temos xa o coche.


martes, 8 de outubro de 2024

CELEIRO DE MARIÑAOS

 Celeiro de Mariñaos pertence ao concello de Barreiros e hoxe quixen coñecer esta parroquia pola que sempre pasei en coche.

Características da ruta:

Lonxitude: 7,5 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular. necesario seguir un track se non se coñece a zona. O meu en WIKILOC

Características da ruta:

O inicio e final desta ruta ten lugar AQUÍ cerca do río Masma:

A ruta vai de momento por asfalto, unha estrada local por onde non me crucei con ninguén.

O Masma nace cerca da Serra do Xistral, no Valadouro, atravesando os concellos de Abadín, Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros ata desembocar formando a ría de Foz.
Río Masma

Ao fondo vemos o Pico de Cornería e algúns dos moitos castiñeiros que vin nesta ruta.

O camiño vólvese cada vez máis rural. A estrada principal vai por máis abaixo, á volta hei vir por ela.

Aínda que Celeiro é unha aldea con moita vida, o abandono do rural tamén chega aquí.

Hai que cruzar a N 634 para pillar cara á Ermida e S. Caetano.


Vemos a A8 non  moi lonxe e torcemos á dereita

 Imos pola zona alta da parroquia e vemos os barrios do Barral e o Monte Cornería.

Tamén observamos  a parte da parroquia que se estende ao longo da N- 634.

Imos por unha estrada local ata S. Caetano.

Volvemos ver castiñeiros no medio dos eucaliptos.

Dende a Capela de S. Caetano temos estas vistas sobre a zona da igrexa parroquial de Celeiro.

A capela de S. Caetano foi no pasado o centro dun importante conxunto de casas. Incluso aquí estivo situado o concello de Barreiros. No S. XVIII, celébrabase ao pé da capela unha feira.
Hai uns anos despois, esta capela foi motivo de discordia entre os veciños da parroquia e un particular (Xesús Domínguez). Este home adquireu un pazo próximo á capela para restaurar e considerou que tamén lle pertencía a capela, cambiou a pechadura da mesma e empezou a construir un muro que invadía masas comúns, nunha das que se atopa a capela.
A diócese de Mondoñedo-Ferrol emprendeu acción legais e no xuízo demostrouse que a capela fora cedida á igrexa de Celeiro pola súa propietaria orixinal, Cruz Miranda. A anterior propietaria do pazo, Araceli Rodríguez Otero vendeulle a Xesús Dominguez  a capela e o pazo. Ao ser unha venda ilegal, o xulgado declara que a propietaria da capela é a Igrexa Parroquial de Celeiro e dclarou nulo o contrato de compra-venta.
O litixio durou dende o ano 2000 ata o 2006 no que se se volveu a recuperar a titularidade da capela por parte da igrexa e no seu entorno celébrase tódolos anos en agosto unha romería.
O pazo, que podemos ver por detrçás da capela estaba en venta no 2012 e era o inmoble máis caro á venda da provincia de Lugo (2.750000€)
Non sei como é agora a situación, se se vendeu ou non, canto custa...
Capela de S. Caetano e entorno

Ao redor da capela hai un gran espazo  moi ben coidado.

Fonte colocada ao pé da capela este mesmo ano 2024 en agosto. Na placa pódese ler: "En recoñecemento a todos e todas os que traballaron e loitaron por recuperar a capela para a parroquia. S. Caetano sempre!! Celeiro de Mariñaos a 9 de agosto de 2024"
Fonte de S. Caetano
 Baixando cara a igrexa, polo barrio chamado precisamente "Xunto á igrexa", vexo un cabozo tipo Mondoñedo que mantén o antigo patín que o unía á vivenda.

A igrexa parroquial de Santa Cristina é do S. XVIII e foi construida sobre outra anterior da que só queda a capela lateral esquerda.
Igrexa de Santa Cristina

Non sei se a casa que está xunto á igrexa podía ser a antiga Casa Rectoral. É probable, a xulgar pola gran dimensión e o abandono actúal en que se atopa, ao igual que a maioría delas.

Imos cara a Rexa por entre prados e terras de millo.

Xa en Rexa temos quecruzar o Masma por unha ponte.

A partires de aquí, imos compartir un tramo co Camiño Natural de S. Rosendo, levando o río Masma á nosa dereita.

Seguimos atopando castiñeiros que nos deixan ver que estamos xa en pleno outono.

Aspecto do camiño (con asfalto). Aínda que agora non o vemos, á dereita o Masma. Ao lonxe, a A8

Cando hai uns anos xa fixera o Camiño Natural de S. Rosendo, chamárame a atención este cobertizo ou cabana. É a Cabana de Parga. Non sei quen é este tal Parga, pero ten un cabana ben chula e coidada, así como o entorno.
A Cabana de Parga

O camiño vai á beira de castiñeiros, loureiros eucaliptos...

Un castiñeiro "bebendo" no masma...

No lugar da Barral abandonamos o tramo compartido co Camiño Natural de S. Rosendo que segue de frente e nós pillamos á dereita para voltar ao punto de inicio.

Pillando á dereita e alí máis adiante volveremos cruzar o Masma.

Cruzamos pola ponte por ondeasan tamén os vehículos pero descubro que ao pé desta ponte hai outra moito maís antiga e que case non se ve.

Esta é a ponte vella pola que tamén se pode pasar a pé.

Deseguida enlazamos coa estrada da ida e voltamos polo mesmo sitio da ida un pequeno tramo.

Estamos xa chegando ao punto de inicio desta ruta.

Páxinas web consultadas:
https://mondonedoferrol.org/parroquias/directory/celeiro-marinaos-santa-cristina/
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/2001/06/26/suspenden-festa-da-tortilla-barreiros-evitar-enfrentamientos/0003_632871.htm
https://mondonedoferrol.org/parroquias/directory/celeiro-marinaos-santa-cristina/