mércores, 10 de setembro de 2025

CAMIÑO DOS CERQUEIROS POLA SENDA DOS CORZOS. FRAGAS DO EUME (MONFERO)

 No 2023 fixemos esta mesma ruta que se pode ver no ENLACE pero dun xeito diferente. Tiña ganas de repetila  como a fixemos hoxe porque nos resultou moito máis doada.

O nome de CERQUEIROS desta ruta fai referencia ás persoas que facían o labor de cerqueirar, é dicir rodear, poñer cercas en prados e/ou montes. 

A ruta que fixemos é unha variante do Camiño dos Cerqueiros atallando pola Senda dos corzos (supoñemos que o nome ten un claro significado de que animais andaban ou andan por alí) Este atallo permite acurtar a ruta orixinal e, sobre todo, vai por un espazo moito máis fermoso e interesante como veremos.

Características da ruta:

Lonxitude: 8,2 km.

Dificultade: moderada (pola senda dos corzos que é un carreiro con chan dificultoso e esvaradío, sobre todo en época de chuvia) O resto da ruta vai por camiños e pistas anchos e de cómodo camiñar.

Ruta circular bastante ben sinalizada. De tódolos xeitos, eu sempre sigo un track e aquí deixo o meu en WIKILOC

Descripción:

O Parque Natural das Fragas do Eume ten varios accesos e un deles é a estrada CP-5002. Dende o mosteiro de Monfero (como referencia), seguir en dirección a Pila da Leña pola CP-5002. Son uns 7 minutos en coche ata o panel que indica o acceso á ruta. Primeiro atoparemos o panel da ruta dos Cumios de Sanguiñedo e a uns 100 metros o da ruta dos Cerqueiros.

Empezamos a camiñar pola mesma estrada pola que chegamos (CP-5002) nunha mañá moi fea con néboa e chuvia miúda.

O asfalto dura menos de 700m. Aquí tamén se pode empezar a ruta. Deixamos a estrada para pillar un ancho camiño á esquerda.

Na foto seguinte unha foto onde se ve o traxecto que pensamos percorrer. Temos dúas opcións para facer esta ruta: ir todo polas liñas brancas ata case o encoro ou ben atallar pola liña de cor azul que é a Senda dos Corzos. Foi esto último o que nós fixemos esta vez.

Estamos na parte alta das Fragas onde abundan os piñeiros e monte raso.

Esta ruta é unha das do Parque Natural considerado como "pequeno percorrido"

Segundo imos baixando, a paisaxe vai cambiando e aparecen frondosas como castiñeiros, carballos, bidueiras...


























Aínda non parou de chuviñar pero parece que quere despexar. Sería "unha boa faena" que non vísemos nada dende o miradoiro ao que estamos chegando.

Pasamos pola aldea abandonada de Os Esterqueiros.
 
Este camiño entre toxos, vai levarnos ao Miradoiro da Carbueira.

Dende o miradoiro temos fermosas vistas aos canóns do río Eume. Por fin o día despexou de todo!!
                                                    Vistas dende o Miradoiro da Carbueira

De momento, o miradoiro só é accesible a pé e oxalá siga así sempre!


O miradoiro está ao pé dun abrupto acantilado e protexido  por unha varanda semicircular de madeira.

Damos a volta sobre os nosos pasos e volvemos pasar polos Esterqueiros. Que valente foi a xente no pasado por colonizar este lugar tan illado e solitario.

En lugar de continuar de frente, polo ancho e cómodo camiño dos Cerqueiros, xiramos á esquerda para ir pola Senda dos Corzos.

Imos adentrarnos nunha fraga máxica por un carreiro que era o que unía as aldeas de Teixeiro e Os Esquerdeiros.

Atravesamos un bidueiral:
 
Este lugar non pode ser máis fermoso. Agora estamos nunha fraga na que tamén abundan os acivros.

Aquí reina o silenzo, só roto polo correr da auga dalgún rego e o piar dos paxaros.


Hai que levar moito coidado co chan, sobre todo en época de chuvias.

O musgo e os liques nas pólas das árbores dan idea da humidade e do aire limpo que aquí se respira (os liques non medran onde hai contaminación, é raro atopalos nas árbores das cidades)

Hai que estar acostumado a pisar lugares así facendo sendeirismo para poder realizar esta ruta.

É espectacular esta fraga autóctona, tan frondosa que deixa pasar pouca luz.

Atopamos unha dobre cancela para que non escape o gando, aínda que hoxe non vimos ningún animal.

Nesta época, nas rutas que facemos, hai zonas nas que vemos pereiras bravas de froito  pequeno, oscuro e amargo aínda que comestible. En Galicia tamén se lles chama peros. A árbore ten polas espiñentas e aínda que prefiren lugares húmidos á beira de ríos e regatos para vivir, tamén se poden dar en lugares altos como é neste caso.
Unha pereira brava

Ábrese a paisaxe, que vai mudando a medida que imos saindo da Senda dos Corzos.

Nesta época de finais do verán florece o azafrán de montaña tamén chamado "quitamerendas" ou "espantapastores" porque estas flores aparecen de xeito tardío e presaxian os días curtos e a chegada próxima do outono o que fai que o gando e as persoas vaian abandonanado as zonas máis altas e frías do monte. Esta flor non ten nada que ver co azafrán que comemos, aínda que se asemellan pero este é tóxico.
Azafrán de montaña

Cruzamos regos por ponte de madeira nunha zona na que predominan os piñeiros.

E desembocamos no Camiño dos Cerqueiros.


Por unha pista ancha e cómoda voltamos ao punto de inicio que xa está moi cerca.


Páxina web consultada:
https://gl.wikipedia.org/wiki/Pereira_brava

luns, 8 de setembro de 2025

ENCORO DE RÍO COBO (CERVO)

 O río Cobo nace nas turbeiras do  Pau da Vella, nos Montes de Buio e ten un percorrido duns 15 km. antes de desembocar en S. Cibrao, no Cantábrico. No seu percorrido  atópase un encoro que foi creado para abastecer de auga á vila de S. Cibrao e á industria representada en ALCOA. O encoro tamén é empregado para actividades deportivas como o piragüismo, a vela ou a pesca.

Eu fixen unha ruta bordeando o encoro, indo pegada a el polas súas dúas beiras. Na marxe esquerda hai un camiño moito máis accesible pero só vai pegado ao encoro nos primeiros metros, despois alónxase totalmente sendo un camiño sen interés ningún que vai polo medio dos eucaliptos.

Caracteristicas da ruta:

Lonxitude: 9 km. (no track aparecen máis porque me esquencín de parar a grabación cando rematei)

Dificultade: moderada, sobre todo indo pola marxe esquerda do encoro porque o chan ten pedras, ramas e árbores caídas...

Ruta circular para que é necesario un track para realizala. O meu, en WIKILOC

Descripción:

Iniciei e finalicei esta ruta no mesmo sitio: xunto á igrexa de S. Xiao de Castelo (parroquia de Cervo)

Igrexa de S. Xiao de Castelo

Esta igrexa data do S. XVIII e conserva unha pía bautismal de época medieval e retablos rococós de gran beleza artística.
Igrexa de S. Xiao de Castelo

Subín ata o campanario polas escaleiras exteriores e dende aí vin zonas da parroquia.

Esta casa e cabozo de pedra en ruinas adivíñase, a pesares do mal estado no que están, que foi unha vivenda importante. Sería a Casa  Rectoral??


Paso polo lugar de Plaza cun lavadoiro tradicional restaurado, para ir ao encontro do río Cobo.


O río Cobo, que cruzo por unha ponte, vai aquí aínda no seu estado natural antes de convertirse nun encoro uns metros máis adiante.

                                                                     Río Cobo

Vou uns metros por asfalto ata que vemos esa casa e hai dúas opcións agora mesmo de percorrido: seguir uns metros máis pola estrada e atoparemos un camiño á man dereita que vai por detrás da vivenda ou ben como eu fixen e está no track, pillar como se fosemos para esa casa e inmediatamente pillar un carreiro á dereita. Actualmente, aínda que é estreito o carreiro está en perfectas condicións de paso, pero nun futuro se alguén non corta os felgos e toxos, o sendeiro pechará. Sempre queda a opción do outro camiño.


Este é o carreiro polo que fun e que de momento se pode pasar.

Ao ir pola beira do encoro desfrutamos destas fermosas imaxes

As nubes e as árbores reflictíndose na auga. As vistas son da outra marxe do encoro.

Unha fermosura para min sola.

Por esta marxe pisei moitas pedras pero tamén hai zonas polas que se pasa moi ben. Na imaxe vemos tamén a outra marxe do encoro e a présa.

A marxe dereita do encoro reflictíndose na auga.


A marxe por onde vou agora camiñando:


As árbores secas que seguen aí, serían as que había antes de construir o encoro?

Restos de ramas e árbores mortas.



Por derriba destas pedras e outras máis hai que pasar.


O encoro vaise estreitando agora porque xa estamos chegando ao final do mesmo.

O encoro de Río Cobo foi construido en 1979. ALCOA ten a concesión do mesmo por 75 anos.

Ao rematar o percorrido pola beira do encoro hai acceso a un camiño pero NON é visible a simple vista, máis ben hai que adiviñalo. Xusto onde remata o encoro, subir ese valadiño que se ve na foto onde abundas os felgos e tamén as silvas!! Eu salvei ese escollo sen maior problema pero non valerá para calquera.

Agora accedemos a un camiño moi cómodo xa para camiñar.

Estou agora na parroquia de Lieiro, concretamente no lugar de A Venta.


Antiga escola de A Venta.

Imos por estrada cruzando A Venta.

Pasamos por debaixo da N-642.

E agora por un carreiro, imos para O Guioncho.

Á sombra dese enorme carballo na Fonte do Guioncho, que ben se estaba!!

Subimos uns metros pola estrada para deseguida pillar á dereita un camiño de monte.

Camiño de monte polo que se camiña perfectamente.

Desemboco na estrada que vai a S. Cibrao e hai arcén para camiñar.

Á esquerda, a urbanización Riocobo.

Despois da rotonda, seguimos cara a Castelo.


Imos por asfalto uns metros, ata pillar á dereita cara de novo ao encoro. Vemos a nave onde se gardan as piragüas. Neste xullo de 2015 celebrouse a III regata da Copa Deputación con clubes de toda a provincia.

Na foto seguinte,  un embarcadoiro.

Vou ata o final deste camiño.

O percorrido pola marxe dereita do encoro no ten nada que ver co da outra marxe. Camíñase perfectamente.

Esta marxe do encoro é moito máis ampla e cha.

Xa case no principio do encoro pillo un camiño de monte á esquerda

Nuns poucos metros estou de novo en Castelo. Xa se ve a igrexa.

Nun cruce, un singular cruceiro.


Páxina web consultada:


https://es.wikipedia.org/wiki/Archivo:Igrexa_parroquial_de_San_Xiao_de_Castelo.JPG