mércores, 9 de outubro de 2024

ALDEAS DO CADRAMÓN

Esta é unha ruta curta, tal vez demasiado, se non se vive cerca desta parroquia do Valadouro. A idea era facela algo máis larga pero como nos parecía que tampouco aportaría demasiado, acurtámola e quedou así:

Características: 

Lonxitude: 4,3 km.

Dificultade: fácil a non ser un pequeno tramo dende Corvelle que vai por un carreiro con bastante auga e silvas.

Ruta circular sen sinalización ningunha. Necesario seguir un track. O meu en WIKILOC

Descripción:

Iniciamos e finalizamos esta ruta no cruce que se ve na foto. A estrada que está máis baixa lévanos á aldea de O Albardo. Nós imos baixar ata a estrada que trouxemos para chegar en coche, a LU-P-0101

Imos pola estrada LU-P 0101 durante uns 400m. e cruzamos o Rego de Corvelle.


Subimos polo barrio de O Tituelo

Vemos a igrexa de S. Xurxo do Cadramón, construida no S. XIX.

Outro barrio da parroquia é Fonte da Vila polo que agora estamos a subir.


Vistas dende Fonte da Vila


Imos por asfalto entre eucaliptos.


Volvemos ver  o Rego de Corvelle que verte as súas augas no río Ouro, un pouco máis abaixo, na aldea de Balsa


E cruzamos a aldea de Corvelle, na que só viven 2 persoas e unha delas ten máis de 90 anos...
                                                                  Corvelle
O Cadramón, ao igual que case tódalas parroquias do interior está sofrindo dende hai xa ben anos unha tremenda perda de poboación.

O veciño máis novo de Corvelle (o outro ten máis de 90 anos e non o vimos) indicounos un camiño para chegar ata O Albardo porque a estrada pola que chegamos, remata neste lugar.


Trátase dun carreiro estreito e con auga. É só un pequeno tramo


Deseguida desembocamos nun toxal aberto.


E perrcorremos un tramo moi curto por un carreiro con toxos a ámbolos dous lados pero imos pasando.


Cruzamos este rego (non sei se segue a ser o de Corvelle) 


E xa imos por un camiño ancho que ten peches para o gando e que debemos deixar sempre como os atopamos.


Outro peche máis rudimentario que abrimos e pechamos.


O camiño anterior desemboca noutra pista, xa chegando a O Albardo. Temos estas vistas:

O Albardo é outro pequeno lugar da parroquia do Cadramón no que só viven 4 persoas, nos dixo un señor maior que atopamos paseando.
O Albardo

Outra vista de O Albardo. A poucos metros temos xa o coche.


martes, 8 de outubro de 2024

CELEIRO DE MARIÑAOS

 Celeiro de Mariñaos pertence ao concello de Barreiros e hoxe quixen coñecer esta parroquia pola que sempre pasei en coche.

Características da ruta:

Lonxitude: 7,5 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular. necesario seguir un track se non se coñece a zona. O meu en WIKILOC

Características da ruta:

O inicio e final desta ruta ten lugar AQUÍ cerca do río Masma:

A ruta vai de momento por asfalto, unha estrada local por onde non me crucei con ninguén.

O Masma nace cerca da Serra do Xistral, no Valadouro, atravesando os concellos de Abadín, Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros ata desembocar formando a ría de Foz.
Río Masma

Ao fondo vemos o Pico de Cornería e algúns dos moitos castiñeiros que vin nesta ruta.

O camiño vólvese cada vez máis rural. A estrada principal vai por máis abaixo, á volta hei vir por ela.

Aínda que Celeiro é unha aldea con moita vida, o abandono do rural tamén chega aquí.

Hai que cruzar a N 634 para pillar cara á Ermida e S. Caetano.


Vemos a A8 non  moi lonxe e torcemos á dereita

 Imos pola zona alta da parroquia e vemos os barrios do Barral e o Monte Cornería.

Tamén observamos  a parte da parroquia que se estende ao longo da N- 634.

Imos por unha estrada local ata S. Caetano.

Volvemos ver castiñeiros no medio dos eucaliptos.

Dende a Capela de S. Caetano temos estas vistas sobre a zona da igrexa parroquial de Celeiro.

A capela de S. Caetano foi no pasado o centro dun importante conxunto de casas. Incluso aquí estivo situado o concello de Barreiros. No S. XVIII, celébrabase ao pé da capela unha feira.
Hai uns anos despois, esta capela foi motivo de discordia entre os veciños da parroquia e un particular (Xesús Domínguez). Este home adquireu un pazo próximo á capela para restaurar e considerou que tamén lle pertencía a capela, cambiou a pechadura da mesma e empezou a construir un muro que invadía masas comúns, nunha das que se atopa a capela.
A diócese de Mondoñedo-Ferrol emprendeu acción legais e no xuízo demostrouse que a capela fora cedida á igrexa de Celeiro pola súa propietaria orixinal, Cruz Miranda. A anterior propietaria do pazo, Araceli Rodríguez Otero vendeulle a Xesús Dominguez  a capela e o pazo. Ao ser unha venda ilegal, o xulgado declara que a propietaria da capela é a Igrexa Parroquial de Celeiro e dclarou nulo o contrato de compra-venta.
O litixio durou dende o ano 2000 ata o 2006 no que se se volveu a recuperar a titularidade da capela por parte da igrexa e no seu entorno celébrase tódolos anos en agosto unha romería.
O pazo, que podemos ver por detrçás da capela estaba en venta no 2012 e era o inmoble máis caro á venda da provincia de Lugo (2.750000€)
Non sei como é agora a situación, se se vendeu ou non, canto custa...
Capela de S. Caetano e entorno

Ao redor da capela hai un gran espazo  moi ben coidado.

Fonte colocada ao pé da capela este mesmo ano 2024 en agosto. Na placa pódese ler: "En recoñecemento a todos e todas os que traballaron e loitaron por recuperar a capela para a parroquia. S. Caetano sempre!! Celeiro de Mariñaos a 9 de agosto de 2024"
Fonte de S. Caetano
 Baixando cara a igrexa, polo barrio chamado precisamente "Xunto á igrexa", vexo un cabozo tipo Mondoñedo que mantén o antigo patín que o unía á vivenda.

A igrexa parroquial de Santa Cristina é do S. XVIII e foi construida sobre outra anterior da que só queda a capela lateral esquerda.
Igrexa de Santa Cristina

Non sei se a casa que está xunto á igrexa podía ser a antiga Casa Rectoral. É probable, a xulgar pola gran dimensión e o abandono actúal en que se atopa, ao igual que a maioría delas.

Imos cara a Rexa por entre prados e terras de millo.

Xa en Rexa temos quecruzar o Masma por unha ponte.

A partires de aquí, imos compartir un tramo co Camiño Natural de S. Rosendo, levando o río Masma á nosa dereita.

Seguimos atopando castiñeiros que nos deixan ver que estamos xa en pleno outono.

Aspecto do camiño (con asfalto). Aínda que agora non o vemos, á dereita o Masma. Ao lonxe, a A8

Cando hai uns anos xa fixera o Camiño Natural de S. Rosendo, chamárame a atención este cobertizo ou cabana. É a Cabana de Parga. Non sei quen é este tal Parga, pero ten un cabana ben chula e coidada, así como o entorno.
A Cabana de Parga

O camiño vai á beira de castiñeiros, loureiros eucaliptos...

Un castiñeiro "bebendo" no masma...

No lugar da Barral abandonamos o tramo compartido co Camiño Natural de S. Rosendo que segue de frente e nós pillamos á dereita para voltar ao punto de inicio.

Pillando á dereita e alí máis adiante volveremos cruzar o Masma.

Cruzamos pola ponte por ondeasan tamén os vehículos pero descubro que ao pé desta ponte hai outra moito maís antiga e que case non se ve.

Esta é a ponte vella pola que tamén se pode pasar a pé.

Deseguida enlazamos coa estrada da ida e voltamos polo mesmo sitio da ida un pequeno tramo.

Estamos xa chegando ao punto de inicio desta ruta.

Páxinas web consultadas:
https://mondonedoferrol.org/parroquias/directory/celeiro-marinaos-santa-cristina/
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/2001/06/26/suspenden-festa-da-tortilla-barreiros-evitar-enfrentamientos/0003_632871.htm
https://mondonedoferrol.org/parroquias/directory/celeiro-marinaos-santa-cristina/