xoves, 1 de agosto de 2024

PASTRANA (GUADALAJARA)

Ubicada na comarca da Alcarria, Pastrana tivo gran importancia no pasado cando foi vendida no S. XVI a Ruy Gómez de Silva, secretario de Felipe II e casado con Ana de Mendoza e da Cerda, futuros duques de Pastrana e Príncipes de Éboli. Con estes novos propietarios, a vila comenza un enriquecemento e crecemento propio como cabeza dos estados do seu ducado.

A Pastrana chegou Camilo J. Cela para plasmar o que ía vendo no seu futuro libro "Viaje a la Alcarria" e atopou un Palacio Ducal en estado lamentable.

Por este Arco de Entrada, accedemos á Praza da Hora.

Accedemos á Praza da Hora
“A la mañana siguiente, cuando el viajero se asomó a la plaza de la Hora, y entró , de verdad y para su uso, en Pastrana, la primera sensación que tuvo fue la de encontrarse en una ciudad medieval, en una gran ciudad medieval. La plaza de la Hora es una plaza cuadrada, grande, despejada, con mucho aire.”  (Viaje a la Alcarria. C. José Cela)
A Praza da Hora foi deseñada polo gran arquitecto daquel tempo (S. XVI), Alonso de Covarrubias a petición da avoa da pricesa de Éboli, Ana de la Cerda.
Foi lugar de mercado, de espectáculos públicos e actualmente é o centro neurálxico da vila. O seu nome, Praza da Hora, debése ao seguinte:
A princesa de Éboli foi encarcerada no Palacio que está na mesma praza  durante anos por Felipe II. A lenda di que estaba confinada na súa habitación e só podía sair 1 hora ao día ao balcón, de aí o nome da praza.

Praza da Hora

O Palacio Ducal foi deseñado tamén por Alonso de Covarrubias a petición da avoa da princesa de Éboli, Ana de la Cerda (S. XVI) Esta muller tivo problemas co concello e coa xente da vila e por esto non se fixo todo no S. XVI . Foi o actual propietario, a Universidade de Alcalá a que no 1999  rematou o proxecto do palacio con materiais modernos.
Palacio Ducal

O balcon con rexas da foto seguinte é polo que deixaban asomarse á Princesa de Éboli unha hora ao día.
A historia da princesa é a que segue:
Foi unha muller  con máis talento e das máis fermosas da súa época, nas pinturas que se conservan dela aparece cun parche nun ollo non se sabe moi ben a causa. Casou cun amigo do rei Felipe II . 
Cando quedou viúva, quixo entrar nun convento carmelita dos que ela mesma fundara en Pastrana . Entraron ela e as súas criadas nunha celda austera pero a princesa quería seguir conservando os luxos e tipo de vida que antes levaba, polo que Santa Teresa de Jesús marchou de Pastrana seguida por tódalas monxas.
Ana quedou soa e foise a Madrid onde tivo unha existencia problemática de intrigas e relacións, polo que o rei Felipe II a mandou encerrar neste Palacio Ducal xunto coa súa filla menor ata que morreu.
Balcón onde se asomaba unha hora ao día a Pricesa de Éboli

Paseando polas rúas mediveais de Pastrana:

Na época medieval, a pequena praza da seguinte foto, foi o centro da vila. Aquí se celebraba o mercado, estivo a Casa Consistorial ata as corridas de toros... Era chamada Praza do Mercado ou Praza de Arriba.
A monumental Fonte dos 4 canos nesta praza é un dos símbolos de Pastrana. Foi construida a finais do S. XVI
Praza e Fonte dos 4 Canos

Dende a praza anterior vemos no alto o Monte  Calvario e a súa capela que ten que ter unha espectaculares vistas sobre a vila. Non subimos! Hai un bo treito dende a vila e por riba coa calor que ía....

Para min, moi fermosa esta praciña da Fonte dos 4 canos.

Praciña da Fonte dos 4 Canos

A igrexa Colexiata da Asunción ademais de funcionar como igrexa alberga un Museo cunha importante colección de tapices e obras de arte de todo tipo. Por fóra é sobria e sinxela pero por dentro é de enorme grandiosidade e esplendor. A pena foi que por dentro non a vimos.

A Colexiata
No S. XIII fíxose unha pequena igrexa que logo se foi ampliando ao pasar os séculos. No S. XVI e a petición dos Príncipes de Éboli foille dado o grao de Colexiata sendo o fillo destes o que consigueu por en marcha as obras para facer unha gran colexiata.

"La colegiata o iglesia colegial es el templo católico que, sin ser catedral, posee un cabildo. La dignidad rectora recibe el nombre de deán, aunque ocasionalmente también sea llamado abad o prior.

La elección de una colegiata obedece a diferentes razones, como pueden ser la existencia anterior de una catedral en la misma ciudad, querer dar importancia a una población sin poner sede episcopal, para mayor esplendor del culto, etc." (https://es.wikipedia.org/wiki/Colegiata)

Na foto seguinte vemos a entrada gótica do S.XV á Colexiata.

Porta gótica da Colexiata

Frente á Colexiata temos o edificio do concello, nun amplo caserón  en cuxa fachada podemos ver o escudo de Pastrana.

Concello de Pastrana
Unha rúa de Pastrana:

Nós, que vivimos nunha terra que non ten por fortuna corridas de touros, chamounos a atención ver diante de moitas portas estas proteccións para cando os animais pasan por estas rúas durante algñún festexo.


A Rúa Maior, que desemboca na Praza da Hora:

Rúa Maior de Pastrana

Entramos de novo na Praza da Hora pero agora facémolo pola Porta Zorita, coñecida como Arco da Praza Maior.

Pastrana estivo amurallada ao igual que tódalas vilas e cidades medievais. Das oito portas que tivo a muralla só quedan 2.

Porta Zorita

Saimos da Praza pola rúa Princesa de Éboli, a mesma pola que entráramos antes,e fíxome no Palacio Vello situado en extramuros da Pastrana medieval

No pasado foi unha hospedería para cabaleiros da Orde de Calatrava Destacan na fachada os arcos reviravoltas moi similares aos da porta gótica da Colexiata. Na actualidade, o Palacio está dividido en dúas casas.

Palacio Vello

Como era o noso tempo libre e xa tomáramos algo na Praza da Hora e aínda faltaba moito para marchar, decidimos ir ata o barrio do Albaicín, así chamado porque foron levados a Pastrana para traballar máis de 1000 moriscos (musulmáns convertidos ao cristianismo) procedentes do Albaicín de Granada.

Subimos pola rúa do Pilar  e ao remate da mesma atopamos esta fonte.

Fonte no Barrio do Albaicín
Unha vista do Barrio do Albaicín. Neste barrio sitúase tamén a Praza de Touros nun lugar no que antes houbera un mercado. Foi constrida en 1854 e dende entón non cambiou de ubicación. É a praza máis antiga de Guadalajara.

Á esquerda, a praza de Touros

Despois de visitar o Barrio do Albaicín fomos ata o Convento de S. Francisco que o víramos ao pasar no bus e parecía un conxunto moi interesante. Penasamos que quedaba bastante lonxe, pero non, dende o cruce onde se pilla para o barrio histórico e para o Albaicín haberá sobre 250m aprox.

Este complexo de edificios foi fundado por unha comunidade de franciscana no S. XV e ampliados e reformados nos séculos XVII e XVIII

Actualmente, e sorprendeunos bastante, os distintos edificios están dedicados a: restaurante, Cuartel da Garda Civil, Centro de Saúde, Centro Cultural de diversas Asociacións...

Restaurante

A igrexa do convento, centro social de diversas actividades. ao pé, o Cuartel da Guarda Civil


A Capela de Santa Ana foi o oratorio particular do deán, cuxa casa está ao pé. Actualmente alberga un Centro Cultural dedicado á música.

A Casa do Deán (Un deán pode ser un cura que preside ou manda nunha catedral ou tamén unha Colexiata ou ben o cura máis importante do conxunto de iglesias dun territorio) pegada á Capela de Santa Ana é actualmente o Centro de Saúde de Pastrana.


Nunha parte do convento está instalada a Garda Civil.

Vista xeral do conxunto conventual.


Vimos moito, pero quedou bastante por ver en Pastrana:
- Casa do escritor Moratín
- Covento do Carmen
- Barrio da Praza de Abaixo...etc 
Sempre hai que deixar algo para poder volver. Eso din...

Páxina web consultada:
https://turismo.pastrana.org/




martes, 30 de xullo de 2024

SIGÜENZA

Abandonamos hoxe a comarca da Alcarria  para visitar Sigüenza, xa que esta cidade pertence á comarca da Serranía. 

Sigüenza ten cerca de 5000 habitantes e ostenta o título de cidade. Conta cun inmenso patrimonio histórico e tamén natural (Parque Natural do Barranco do Río Dulce) aínda que este non o visitamos.

Dentro do que é a cidade atesora unha gran riqueza monumental e dende 1965 xa está declarada Conxunto Histórico-Artístico

Esta cidade é o reflexo do poder material e espiritual dos bispos que dende o S. XII ao XIX  gobernaron esta diocese.

Empezamos polo barrio medieval que vai dende o castelo ata a catedral.

Unha leve subida vai achegarnos ao Castelo de Sigüenza situado no máis alto da cidade.

Subindo ao barrio medieval

O castelo foi construido no S.XII sobre os restos dunha antiga alcazaba musulmá para repeler ataques adversarios. Despois, e durante  case seis séculos, foi residencia habitual de bispos seguntinos. Dende 1972 é un Parador Nacional de Turismo.

Castelo de Sigüenza

Porta de entrada a o que hoxe é Parador de Turismo. Neste castelo estivo recluida Blanca  de Castela despois de ser repudiada por Pedro I.
Parador de Turismo

Baixamos do castelo pola Rúa Maior cara ao centro da cidade. Esta rúa está chea de nobles edificios que hoxe son restaurantes, albergues..Deseguida pillamos á esquerda, pola Rúa Travesaña para ir pola Casa do Doncel.

Barrio medieval

Unha rúa  medieval de Sigüenza. Por estas rúas convivían comerciantes, artesáns, cristiáns, xudeus e musulmáns.
Rúa medieval

Pasamos pola Prazuela do Cárcere, aberta no S. XV para celebrar o mercado semanal. No lado esquerdo está a Pousada do Sol e entre esta e o que foi edificio do concello (co cartel colorado) está o que foi cárcere. Era un depósito municipal onde se metía aos presos de xeito temporal antes de levalos ao presidio.
Inicíase a construcción da Casa Consistorial en 1501 e logo faise o cárcere.
O edificio do Concello cumpreu as súas funcións como tal ata o S. XIX en que pasou á Praza Maior que logo veremos.
Praza do Cárcere coa Pousada do Sol á esquerda, o cárcere e o antigo Concello

A Porta de Ferro é unha das portas que tiña a muralla (Sigüenza tivo ata tres murallas) e era onde se cobraban impostos para meter mecadorías dentro da cidade cando había mercado. Na foto vemos a parte interior da porta cunha imaxe da Virxe da Concepción. Na parte exterior ten dous enormes cubos de mampostería, dos que na foto podemos ver un.
Porta de Ferro de Sigüenza

A igrexa de S. Vicente é románica do S. XI. Hai que fixarse para vela, xa que está rodeada completamente por edificios civiles. Destacan as arquivoltas decoradas do seu pórtico e a Virxe gótica.

Igrexa de S. Vicente

 A Casa do Doncel ou Palacio dos Marqueses de Bedmar é un edificio do gótico civil. Foi residencia ao londo dos séculos de ilustres personaxes e familias. Agora pertence á Universidade de Alcalá de Henares que o rehabilitou como museo, sala de lectura e aulario para cursos de verán.

Casa do Doncel

Voltamos á Rúa Real e atopamos a Igrexa de Santiago tamén románica do S. XII. Durante a G. Civil sufreu danos e foi restaurada no 2007. Como se ve na foto, estivo no pasado unida a un mosteiro da Orde das Clarisas, abandonado nos anos 40.
A igrexa foi excavada no 2017 atopándose restos arqueolóxicos de gran valor, ademais do esqueleto dun servidor do Cardenal Mendoza.
Igrexa de Santiago
  
Na nosa visita vemos que parece seguir en proceso de restauración.

A Porta do Sol é unha das  portas orixinais da muralla medieval que se conservan. Vémola dende a Rúa Maior e do outro lado hai hortas e casas extramuros e o Paseo da Ronda ao longo do Rego do Vado.
Porta do Sol
A Rúa Maior desemboca na Praza Maior  do S. XV e mandada construir polo Cardenal Mendoza, este personaxe que tanto significou en Castela-A Mancha e notros lugares de España no seu tempo. Aquí estan a catedral, o Palacio dos Deáns, hoxe sede do concello, e o que foron casas da nobreza.
A Rúa Maior desembocando na Praza Maior.

"En el siglo XV, el cardenal Mendoza decide derribar un lienzo de la muralla para crear un nuevo espacio diáfano, frente a la Catedral, donde celebrar espectáculos y el mercado semanal.  De estructura rectangular, a uno de sus lados se levantó una galería porticada para guarecerse los días de lluvia, que llega hasta la Puerta del Toril. Sobre la galería se edificaron casas para el Cabildo que se adornan con escudos".

(http://clmturismoaccesible.com/content/plaza-mayor-siguenza)

Praza Maior de Sigüenza

Frente a catedral , no que foi o Palacio dos Deáns, está actualmente a Sede do Concello de Sigüenza.
Concello de Sigüenza. O edificio aparece torto na foto. Na realidade está ben dereito...

A Catedral de Sigüenza ten a súa orixe no S. XII, cando o bispo Bernardo de Agén conquistou a cidade aos musulmáns. Ten estilos gótico e románico segundo as tendencias que había nas distintas épocas que durou a súa construcción.
Na foto vemos a chamada Porta do Mercado e a Torre do Galo. Esta Torre é do S.XIV e na súa orixe foi unha atalaia militar para transmitir sinais que poideran verse dende o castelo
Porta do Mercado e Torre do Galo da catedral

 Unha imaxe da maxestuosidade da catedral de Sigüenza.
Catedral de Sigüenza
As dúas torres da catedral na fachada principal danlle  un aspecto de fortaleza militar polas funcións de templo-fortaleza que ás veces tivo que asumir
Catedral
Bóvedas da nave central da catedral de Sigüenza da época do Cardenal Mendoza:
Bóvedas da catedral

Dentro da catedral hai moitos sepulcros, un deles é o de Fernando de Arce e Catalina de Sosa, pais do Doncel.
Fernando De Arce e Catalina de Sosa

O Altar de Santa Librada é unha obra de arte en estilo plateresco do S. XVI.
Altar de Santa Librada

Sorprende tamén este conxunto en estilo barroco que está detrá do coro formado por columnas preciosas en mármore e coa imaxe central de Santa Mª, patroa de Sigüenza.
Conxunto barroco na catedral de Sigüenza

Outra das obras mestras desta catedral é o enterramento  de Martín Vázquez de Arce, Doncel de Sigüenza. A estatua é de alabastro e resalta porque non é como as demais unha estatua tumbada, durmida, senón que está recostado, cunha perna derriba de outra lendo un libro.
O Doncel

Sen dúbida faltan moitas outras cousas que comentar desta catedral tan rica en arte, pero entón faríase eterna esta entrada do blog.

Nun lateral da catedral, na praza do Obispo D.Bernardo, hai unha gran fonte barroca do S. XVIII de tres canos.
Fonte barroca

Na mesma praza está o Museo Diocesano de Arte Antiga que se atopa no antigo palacio neoclásico (S. XVI) coñecido como "Antiga Casa dos Barrena". En 1956 foi adquirido por un bispo para instalar o Museo Diocesano. Dentro alberga restos arqueolóxicos sobre todo de arte sacro. Tamén hai unha rica colección pictórica destacando un cadro moi famoso de Zurbarán: A Inmaculada Concepción.

Museo Diocesano de Arte Antiga.

Unha vista da rúa Seminario dentro xa do barrio renacentista. (Finais do S.XV)
Barrio Renacentista

No tempo que nos deixaron libre, baixamos ata o Barrio de S. Roque e a Alameda. Eu sabía que se nos perdíamos esta parte, quedaba bastante incompleta a visita a Sigüenza xa que hai moitísimo que ver nesta zona.
Ao rematar de baixar a rúa dende a catedral, topamos coa Praza das 8 Esquinas ao pé do Barrio de S. Roque e da Alameda.
Praza das 8 esquinas

A Alameda foi inaugurada no 1804 e caracterízase polo seu estilo neoclásico. Este lugar é un importante punto de encontro, un lugar de reunión, de esparcemento para os seguntinos. A Alameda foi idea doutro bispo (xa vemos a enorme importancia que estes tiveron no desenrolo desta cidade) é o complemento e culminación do Barrio de S. Roque
A Alameda

Escritores como Pérez Galdós, Pío Baroja, Emilia Pardo Bazán, Unamuno...etc alabaron as virtudes deste parque.
A Alameda
 
Outra imaxe da Alameda:
A Alameda

O Barrio de S. Roque, moi cerca da Alameda,  foi construido a finais do S. XVIII a instancias doutro bispo, Juan Díaz de la Guerra, que quería mellorar a calidade de vida dos seus fregueses e o desenrolo cultural e económico da súa diocese. Ubicou este barrio na parte baixa da cidade, o barrio ilustrado.
Barrio de S. Roque, o barrio ilustrado

Grandes casonas de pedra con severas fachadas, balcóns, grandes portadas, patios interiores... pensadas para xente con diñeiro
Barrio de S. Roque

No fondo da alameda atopamos o mosteiro de Nuestra Señora de los Huertos, habitado por unha comunidade de monxas clarisas que elaboran doces riquísmos como magdalenas, bizcoitos, trufas...Nós mercamos uns bizcoitos e magdalenas.
A igrexa é do S. XVI en estilo gótico-renacentista. No 1940  trasladáronse aquí unha comunidade de monxas clarisas que construiron o convento..

Mosteiro de Nuestra Señora de los Huertos

A fermosa portada plateresca de entrada á igrexa.

Tamén vimos ao pé deste mosteiro, un conxunto de sepulturas que pertencen a un cemiterio que houbo nos arredores da igrexa, datándose entre os S. XII e XIII
Paseamos polo centro da Alameda, parando incluso a tomar algo refrescante nunha terraza dun bar que había na mesma. Daba gusto estar alí á fresca sombra das árbores!
Ao final do Paseo da Alameda atopamos outra xoia: o Convento de S. Francisco máis coñecido como "Mosteiro das Ursulinas"
Data do S. XVI e 1º foi ocupado por carmelitas e despois por franciscanos e dominicos. Despois da desamortización pasou a mans das ursulinas que o convertiron nun colexio chamado Sagrada Familia.

Convento de S. Francisco ou Ursulinas
Tamén vimos a Ermida da Vera Cruz que está pegada ao convento de S Francisco. Actualmente é un museo da Semana Santa seguntina.
Nesta mesma zona, no Barrio de S. Roque temos esta pequena e encantadora praciña: a Praza das Cruces.
                                                          Praza das Cruces
Dando nome a este barrio está a Capela de S. Roque. O interior, actualmente está dedicado a museo.
                                                            Capela de S. Roque

Dende a rúa de S. Roque vemos esta outra bocarrúa na que se levanta o Palacio dos Infantes, un fermoso edificio barroco cuxo destino foi  albergar un Colexio Universitario e formar unha escolanía de nenos para o coro da catedral.
Palacio dos Infantes
Seguimos pola rúa S. Roque ata desembocar de novo na Praza das 8 esquinas e volvemos subir cara á catedral pero antes pillamos á dereita pola rúa do Seminario e vemos un noble e grande edificio: o Seminario Conciliar de S. Bartolomé fundada por un bispo (non podía ser doutro xeito) no S. XVII. No século seguinte, outro bispo ampliou o edificio cun maxestuoso claustro e unha espectacular fachada barroca. 
Estamos en pleno barrio renacentista.
Seminario Conciliar de S. Bartolomé
Segundo íamos cara ao bus vemos a Ermida do Humilladero, (pequenos templos que se situaban á entrada das cidades para servir de descanso e oración aos camiñantes). É do S. XVI. Agora non funciona como lugar relixioso. Houbo un tempo que foi Oficina de Turismo que actualmente se ubica noutro lugar.
Ermida do Humilladero

Eu voume de Sigüenza pensando a inmensa cantidade de arte que hai nesta pequena cidade. En ben poucos km. pasamos por tres barrios (medieval, renacentista e ilustrado) e contemplamos un castelo, unha catedral, unha Praza Maior, varias prazas máis pequenas, palacios, grandes casonas, conventos, igrexas, mosteiros, unha alameda....
Encantoume esta cidade á que non me importaría voltar!!

Páxinas web consultadas:

https://www.barcelo.com/guia-turismo/es/espana/madrid/que-ver/siguenza/

https://fundacionantonioperez.com/la-fundacion/sede-siguenza/el-edificio/

https://www.rutasconhistoria.es/loc/portal-mayor-siguenza

https://www.caminodelcid.org/servicios/iglesia-de-san-vicente-martir-de-siguenza-1910824/

https://es.wikipedia.org/wiki/Casa_del_Doncel

https://henaresaldia.com/la-alameda-de-siguenza-un-parque-con-dos-siglos-de-vida/

https://www.recuerdosdemimochila.com/

https://www.herreracasado.com/2001/08/16/barrio-de-san-roque-en-siguenza/