venres, 20 de marzo de 2026

PRAIA DOS BLOQUES, MUÍÑO DAS ACEAS E ALDEAS DE OVE (RIBADEO)

En Ribadeo xa fixen outras dúas rutas que son estas:

RUTA INDIANA+ AS ACEAS

RUTA DA RÍA

Estas dúas rutas pasan pola maioría dos lugares polos que pasa a de hoxe, é dicir que eu xa coñecía a praia dos Bloques, o Muíño das Aceas, Vilar, Graña....pero son lugares aos que non importa voltar porque son fermosos. A ruta de hoxe ben podía chamarse tamén " A Ría" porque a Ría de Ribadeo é a principal protagonista desta camiñata, camiñaremos ao pé dela e, cando non, seguiremos a vela dende as alturas.

Características:

Lonxitude: 10,2 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu percorrido, en WIKILOC

Descripción:

A ruta ten inicio e fin na Praia dos Bloques situada na ría de Ribadeo, moi resgardada e de augas tranquilas con area fina e unha zona de herba aos lados.

Praia dos Bloques

Praia dos Bloques e, ao fondo, Castropol, xa en Asturias.

Praia dos Bloques

 En Vilavella, vemos a superficie que ocupaban os antigos estaleiros, o embarcadoiro e un carro de reparación para subir e baixar embarcacións.
Restos de Construccións en Vilavella

Especúlase con que a poboación de Ribadeo trasladouse á Vilavella dende Cabanela e Porcillán para protexerse das invasións marítimas.
Vilavella

O seguinte edificio foi a Casa das Algas. A recollida deste vexetal marino era moi habitual nas vilas da costa nos anos 70 e 80. Recollíanse aproveitando a baixamar e metíase en sacas e despois secábase. Unha vez secas perden a metade do seu peso polo que había que pillar moita para que fose o máis rendible posible. Unha vez seca, viñan camións recollela para levala á fabrica de Vilavella.
Actualmente, neste edificio está o Club de Remo da vila de Ribadeo.

                                                         Club de Remo

Seguimos pola chamada "Senda Azul", un paseo que vai dende o Faro de Illa Pancha ata o Muíño das Aceas e que agora vai ser ampliado, como despois veremos.
Senda azul

Bordeamos á enseada de Vilavella, deixando agora Ribadeo á esquerda e vendo o barrio de Vilavella coa praia dos Broques que acabamos de atravesar.
Enseada de Vilavella

Vilavella e, no alto, o cemiterio de Ribadeo polo que voltaremos despois.
Enseada de Vilavella

Magníficas vistas bordeando a ría: dun lado Castropol e do outro, Figueiras xa en Asturias.

A madeira do paeo é agora sustituída por un camiño natural.

Formada pola desembocadura do río Eo xunto con outros ríos menores, como o río Suarón e o río Grande, a Ría de Ribadeo ten 10 km de lonxitude e unha largura duns 800 m, estreitándose ata os 600 m preto da boca, onde é atravesada pola Ponte dos Santos.
 O conxunto da ría de Ribadeo está dentro da Reserva da biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón e dentro do programa internacional de zonas húmidas Ramsar.
Colle o seu nome da principal vila ribeirá, Ribadeo, a única situada baixo administración galega. Os outros tres enclaves principais son, na beira asturiana e de norte a sur, As Figueiras, Castropol e A Veiga. 
Ó norte, o límite con Cantábrico ven marcado pola liña Illa Pancha (Galicia) - Punta da Cruz (Asturias).
Ría de Ribadeo

Na ría teñen afundido diversas naves. Entre elas, o galeón  S.Giacomo di Galizia no 1597 e do que se acordou a petición de Ben de Interese Cultural para os seus restos en 2019. Asemade, hai documentados outros afundimentos, como o da fragata Casas, de 43 m de eslora en 1857, ou a corveta Juliana González, da armadora Bengoechea.
Ría de Ribadeo

Nesta época están floridos os abruñeiros (nalgunha zona de Galicia tamén se chama escambrón) En castelán, chámanse endrinos. Este arbusto, ten estas flores blancas fermosas e moi olorosas. Medra moi enmarañado e ten espiñas. Os froitos, chamados abruños, son de cor azul oscura, amargos e de pequeno tamaño.

Abruñeiro

A vexetación vai facéndose máis frondosa a medida que nos achegamos ao muíño.

O muíño das Aceas (a palabra "acea" fai referencia a este tipo de muíños) dependía das mareas. Durante a pleamar , a auga almacénase e cando a marea baixa, ábrense as comportas obrigando a auga a sair e esto fai xirar unha roda  que acciona as rodas do muíño para poder moer.
Na foto seguinte vemos o muíño e a Punta da Torba pola que despois subiremos.

Muíño das Aceas

Este muíño de mareas é anterior a 1750. A fianis do 2006 foi restaurado.
Muíño das Aceas

A última vez que eu estiven nete lugar, aínda non se podía subir pola Punta da Torba e había que voltar polo mesmo camiño da ida pero abriron unha senda (os traballos aínda non remataron, pero pásase ben) Esta senda pretende unir este muíño das Aceas coa antiga vía do tren mineiro. 

Seguimos por esta pista recén aberta ás beiras da N- 642 pola dereita e á beira da ría pola esquerda.

A pista remata aquí.  Supoñemos que terán que salvar o desnivel cunha ponte.

Como vemos, os traballos non remataron. Neste lugar antes ubicábase un Miradoiro.

Dende o miradoiro anterior baixamos por unha pista que xa existía e vemos un Observatorio de Aves.

Observatorio de aves

Agora empeza un camiño que seguimos durante uns 200m. O camiño continuaba e non sabemos onde remata pero nós queriamos cruzar a N- 642 para acceder á outra parte da ruta.

 Non atobamos por onde subir ata a estrada que tíñamos moi cerca e de súpeto vimos un carreiro polo medio dos eucaliptos que nuns poucos metros nos levou á estrada.

Cruzamos a estrada  nacional para pillar a local.

Abandonamos a beira da ría e imos ganando altura e tendo estas vistas a Figueiras, a Ponte dos Santos, Ribadeo e camiños por onde antes pasamos.

Un hórreo tipo Ribadeo, loxicamente.
Cabozo "Tipo Ribadeo"

Aló enriba vemos A Graña, por onde despois habemos pasar.
A Graña

Vistas agora cara a parte asturiana.

Pasamos pola aldea de As Casas Novas. Estamos sempre, de momento, na parroquia de Ove.
As Casas Novas

A medida que imos subindo, despois de pasar As Casas Novas, as vistas vanse ampliando. Na foto seguinte, a ría e as montañas asturianas detrás.

Para o outro lado, a zona de Ribadeo na parte galega e tamén Figueiras e Castropol na parte asturiana.

Pasamos pola aldea de Vilar deshabitada dende 2024.
Vilar

O lugar que se ve en 1º plano, é a aldea de Vilar con vistas excepcionais.
Vistas dende Vilar

A capela de S. Esteban é A Graña.
Capela de S. Esteban (A Graña)

A Graña tiña en 2024 tan só 9 habitantes.
A Graña

Vistas dende A Graña.
Vistas dende A Graña

Dende A Graña pillamos un camiño entre eucaliptos e acacias negras.

As acacias negras están invadindo todo este monte. É unha especie invasora procedente de Australia que os aborixes empregaban como analxésico; a madeira é moi boa, considerada da mesma calidade que a madeira de nogueira. Pode causar graves problemas se s einxire porque ten alto contido en taninos e quinona: pode provocar náuseas, vómitos , diarrea...
Acacia negra

En moitos países, a acacia negra está consideradacomo unha praga. Foi declarada como especia invasora no 2020 porque ten gran capacidade reproductora e colonizadora formando espesos bosques en pouco tempo.
Acacia negra

Ademais, a acacia negra é altamente inflamable e actúa como combustible nos incendios provocando a frecuencia e intensidade destes. É ademais unha especie pirófita qe se beneficia dos incendios porque o lume estimula a xerminación das sementes.
Acacia negra

Unha vez establecida, é moi difícil a erradicación da acacia negra. En Galicia, estanse a levar a cabo actuacións encamiñadas a eliminar esta invasora porque é grande e perxudicial o impacto que produce nos ecosistemas galegos xa que impide que xerminen e medren outras especies autóctonas.
Acacia negra

Un fermoso xardín á chegada a un lugar habitado.

En Ove vemos gando vacún e moitas praderías.

Casas espalladas coma en case tódalas aldeas galegas.

Algo antes de chegar á igrexa de Ove, abandonamos a estrada para baixar por este camiño:

Desemobocamos noutra estrada local e cruzamos por derriba da N- 642.


Xa entramos en Ribadeo.

Coincidimos neste punto co Camiño Norte de Santiago.

O cemiterio de Ribadeo está ubicado nunha fermosa zona, dominando a ría.

Ten un fermoso paseo bordeado de plátanos de sombra.


O cemiterio foi construido en 1932. No seu interior repousan os restos de Leopoldo Calvo Sotelo, natural de Ribadeo e que foi presidente do goberno de España.
O cemiterio ten unha entrada monumental.
Cemiterio de Ribadeo

Os irmáns Moreno Ulloa  foron naturais de Ribadeo e emigraron a Arxentina, onde fixeron fortuna. Donaron 500000 pesetas, ademais do terreo, para a construcción deste cemiterio que ten ao fondo unha fermosa capela.

                                                                  Cemiterio de Ribadeo
Fermosas vistas dende o cemiterio.


Moitos ribadenses elixen este lugar para pasear.


Estamos chegando ao inicio/final da nosa ruta. Só queda cruzar a estrada e pillar cara ao porto.


Páxinas web consultadas:
https://gl.wikipedia.org/wiki/R%C3%ADa_de_Ribadeo
https://invasorasenramales.wordpress.com/2024/10/07/acacia-negra-la-amiga-del-fuego/
https://www.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/1477390/acacias-preciosa-letal-invasora-montes-galicia
https://entrepiedrasycipreses.com/cementerio-de-ribadeo/

domingo, 15 de marzo de 2026

CONDADO DE FONTAO E VOLTA POR CORDIDO (FOZ)

 Condado de Fontao é untítulo nobiliario galego outorgado pola raíña Isabel II 8 de xaneiro de 1840. O seu nome fai referencia ao antigo señorío xurisdicional de Fontao, na parroquia de Santa Cilla do Valadouro (Foz).

O 8º Conde de Fontao é X. Manuel Romero Moreno, nado en 1940 e que aínda que habitualmente reside en Madrid pasa moitas e longas tempadas no pazo de Fontao.

Características da ruta:

Lonxitude: 9 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track ou percorrido en WIKILOC

Descripción:

Esta ruta ten inicio e fin moi cerca do Pazo de Fontao, en terras do Condado. Subimos por un dos camiños que vai ao pazo (o outro está máis preparado para que suban os vehículos)


Á esquerda podemos ver o pazo ao lonxe e prados da súa propiedade.

Deixamos o camiño que levábamos torcendo á esquerda por este estreito con moitas silvas pero que nos deixaron pasar sen dificultade.

Chegamos a un alto dende o que divisamos propiedades do condado, o pazo e, ao lonxe, Trasmonte.


Tivemos unha tarde moi fermosa para desfrutar desta ruta.


Vimos tamén colmeas que supoñemos serán do pazo xa que estamos en propiedades do mesmo.


A medida que subimos, as vistas vanse ampliando ata que chegamos a un punto dende o que divisamos o Polígono de Fazouro , o Cantábrico e a costa de Barreiros.

Todo o que vemos eran ata hai pouco montes de eucaliptos pretencentes ao condado; cortaron todo e plantaron carballos e castiñeiros.


Deixamos as terras do condado e atravesamos un monte por un camiño en moi bo estado.


Ao pouco, chegamos a outra parroquia de Foz: Cordido.


Chama a nosa atención ver que a maioría das vivendas son novas e están moi ben coidadas.


Rematamos o camiño e agora saimos a unha estrada local pola que iremos mentres cruzamos o barrio de As Moás e o lugar de Outeiro.

Cordido é unha parroquia moi pequena que aínda non chega aos 200 habitantes. Dende algún dos seus barrios, ten vistas ao mar.


Vimos dúas fontes restauradas. Esta con lavadoiro incluido.

Unha fermosa imaxe desta aldea que evoca unha actividade gandeira e tamén agrícola, esta última máis ben no pasado.

Pasamos pola parte máis alta desta parroquia.

 
Deixamos Cordido pillando un camiño de monte:

Este camiño dura case 1km. ata desembocar de novo no mesmo punto polo que antes baixamos.

Xa estamos no punto máis alto da ruta. Agora toca sempre baixar. O espazo que vemos doutra cor son as antigas minas de caolín que foron explotadas no pasado século.

Baixamos por un camiño paralelo ao que subimos. De frente, Trasmonte.

Ímonos achegando ao Pazo de Fontao. Ao redor del hai casas agora baleiras nas que antes vivía a xente que traballaba as terras do condado.


As orixes do Pazo de Fontao remóntanse ao S. XVI aínda que a parte máis importante da casa é do S. XVIII. O camiño dá a volta ao redor do pazo e pódense admirar os magníficos xardíns, a capela, o cruceiro...
A capela está dedicada á S. Andrés e nela están enterrados 8 antepasados do Condado.

No S. XIX, hai que facer referencia a un gran personaxe da Casa: D. J. Mª Moscoso de Altamira y Quiroga que foi o 1º Conde de Fontao. Naceu en Mondoñedo onde foi nomeado Comandante do Reximento de Milicias e alcalde desa cidade.
Máis tarde trasladouse a Ferrol onde foi alcalde. Foi tamén Presidente das Cortes e Ministro de Fomento en Madrid. Foi ademais o 1º Presidente do Senado cando foi creada esta Institución. No 1840 foi nomeado Conde De Fontao.
Outro gran personaxe da Casa de Fontao foi D. José Moreno Osorio , IV Conde de Fontao, Enxeñeiro de Camiños, Conselleiro de RENFE e gran amante de Lugo e a súa provincia onde promoveu o accceso ferroviario e a ampliación do Porto de Foz onde hai unha praza chamada "Praza do Conde de Fontao".
Actualmente o VIII  Conde de Fontao é D. José Manuel Romero Moreno que pasa longas temporadas neste pazo que mantén sempre moi ben coidado.


Abandonamos o pazo contemplando esta vivenda, actualmente abandonada, e que está en dúas parroquias diferentes; unha parte da casa pertence á parroquia de Santa Cilla e outra parte pertence a Fazouro.


Páxina web consultada:

https://es.wikipedia.org/wiki/Cordido