xoves, 5 de febreiro de 2026

S. ANTONIO CONCIEIRO E CEMITERIO MUSULMÁN (BARCIA-VALDÉS)

 No concello de Valdés xa teño feito ben rutas tanto costeiras como de interior. É un concello cunha riqueza patrimonial natural espectacular.

Grazas ás rutas que xa fixen coñecín: a capela da Regalina, cabo Busto, praia de Barayo, Luarca...etc

A ruta de hoxe é de interior pero con vistas preciosas á costa.

Camiñarei sempre pola parroquia de Barcia y Leiján que pertence ademais á Comarca Vaqueira de Asturias.

Características desta ruta:

Loxitude: 9,5 km.

Dificultade: baixa. (Hai que ter coidado nalgún camiño con pedras soltas)

Ruta sen sinalizar . O meu track en WIKILOC

Descripción:

Inicio e finalizo esta ruta moi cerca da vila de Barcia, iniciando a subida á Serra de Concilleiros ou de Concieiro. Aparco cando vexo que o asfalto remata e dá lugar a unha pista ancha pero cun firme irregular.

Aparco uns metros máis abaixo.

Empezo unha lixeira subida pola Serra de Concilleiros.

Agora, en lugar de seguir subindo, inicio unha baixada á esquerda para ir dar ao pé do rego Ricante.

Vistas ao Cabo Busto antes de iniciar a baixada.

A baixada por un camiño con fermosas vistas:

A Serra de Concilleiros sufreu un devastador incendio no ano 2023.

Vistas ao Cabo Busto por onde xa fixen unha fermosa ruta que se pode ver AQUÍ

Na vaguada que se ve, adivíñase un río ou un rego e sí, por aí baixa da Serra o Rego Ricante

Agora deixo a Serra de momento. Un incendio devorou tódalas árbores que tiña.

Despois de pasar por debaixo da A-8 desemboco deseguida na N-634 que teño que cruzar.

Empezo agora un tramo que coincide co Camiño Norte de Santiago:

Fermoso camiño:

Este camiño é un pequeno desvío que volve dar na N-634 e ás beiras desta estrada atopamos o Cemiterio Musulmán de Barcia ou Cemiterio dos Moros como é coñecido pòr esta zona.

O Camiño de Santiago tamén rodea o cemiterio.

O 1º que vemos son estas ruinas do que se pensa que era unha pequena mesquita ou un lugar para a oración.

A entrada ao cemiterio é o máis monumental do mesmo: unha porta con arco de ferradura de estilo islámico en ladrillo. O muro que arrodea o cemiterio culmina nun telladiño de tellas árabes que sobrease polos dous lados como un beirado.


As acacias negras están a invadir o cemiterio. É unha especie invasora procedente de Australia que medra moi axiña e supón unha ameaza para a biodiversidade local.

Cada esquina do cemiterio ten unha torre como se fosen garitas.


O cemiterio foi construido en 1936 durante a Guerra Civil para enterrar aos soldados procedentes do Norte de África que combatiron no bando de Franco para controlar Oviedo.
Calcúlase que hai sobre 300/ 400 tumbas nunha superficie de máis de 4000 m. cadrados.
Actualmente, o cemiterio está invadido pola maleza e non se distinguen os restos de ningunha tumba.
Como non erradiquen a acacia negra, dentro de pouco non se vai poder andar por aquí.

A construcción paralizouse trala toma de Oviedo, ao finalizar a batalla de El Escamplero.

Detalle da monumental porta de entrada, vista dende o interior.

O espazo abandonuose prematuramente, e a dobre controversia  dun espacio islámico durante o franquismo, e un espazo franquista na democracia, fixo  que o cemiterio caera no esquecemento durante anos. E aínda que algo se limpou e adecentou segue a estar en estado de abandono.

Abandonamos o cemiterio en medio dunha exuberante vexetación pero...OLLO!!! Son acacias negras que están espallándose por Galicia e Asturias. Son árbores moi invasoras que "comen" as outras.

A inmensa maioría de árbores deste lugar son acacias negras.

Volvemos cruzar a estrada N-634



E entramos na vila de Barcia. De momento compartimos tramo co C. de Santiago.


Entraremos en Barcia por este camiño tendo á dereita o Cantábrico.

Desembocamos xa no asfalto para atravesar a vila.


Paso polo barrio chamado "Las Escuelas"


O nome do barrio é porque aquí está a escola de Barcia. Este centro pertence aoa CRA (Centro Rural Agrupado) formado ademais desta polas escolas de Cadavedo, Moanes e Otur no concello de Vadés e a escola de Anleo (Navia) Chámase CRA Pintor Álvaro Delgado. Cada unha destas escolas ten 1 unidade de E. Infantil e 1 de E. Primaria.

                                                      Escola de Barcia

Paso pola fonte do Pulgo.


Case enfrente da fonte anterior está este lavadoiro restaurado polos veciños.


Chaman a atención en Barcia as vivendas grandes e ben coidadas que hai.


Barcia y Leiján ten case 100 hórreos (15 son paneiras) tícos do occidente asturiano co tellado de pizarra negra.


Desviàndonos da ruta só uns metros temos a igrexa de S. Sebastián de Barcia. Saco a foto e dou a volta deixando xa o Camiño de Santiago.
Igrexa de S. Sebastián de Barcia

Diríxome xa cara á Serra de Concieiro atravesando o barrio "El Crucero", onde sigo a ver os hórreos asturianos.


O cruce que atopo agora soame moito e recoñezo deseguida que é por onde fun co coche antes, pillando cara ao cemiterio que xa vexo de frente.


Ao pé do cemiterio está o campo de fútbol.


Despois de pasar por debaixo da Autovía A-8 por onde antes pasei en coche, pillo unha pista á dereita para introducirme nun camiño con piñeiros á dereita. É o Monte de Barcia, propiedade dos veciños e exemplo de xestión comunal.

Á esquerda tamén hai unha recente plantación de piñeiros.



Vemos Almuña, Barcellina, Luarca...


Nos claros que deixan os piñeiros vemos parte da costa do concello de Valdés.


En canto o camiño xira á esquerda e gana altura, as vistas de toda a rasa costeira son impresionantes.



A subida é prolongada pero lévase ben, non hai un desnivel moi acusado.


O firme do camiño ten ás veces moitas pedras soltas que dificultan algo a camiñata, nada que non se poda salvar levando bo calzado. 
Ao chegar a un cruce, hai que xirar á dereita para achegarse ata a capela. Son 400m.
Empeza a subida peor. É curta pero con bastante desnivel.


O camiño vólvese chan a piques de chegar á capela.


A capela de S. Antonio de Concieiro está situada nun lugar moi illado; non hai casas en km. a redonda nin chega aquí ningunha estrada, chegan varios camiños pero para vir a pé, en todoterreo ou cabalo. O lugar invita á paz porque o silenzo case se pode oir e as vistas son extraordinarias.


Este foi un lugar de trasego de camiñantes que viaxaban a través do Camiño Real. Aínda podemos observar os restos dunha venta, parada de postas onde descansaban os arrieiros e  os seus animais y otras construcciones más modernas habitadas ata épocas non moi lonxanas. Neste lugar, venérase  a San Antonio especialmente nas festas do 17 de xaneiro. 


Hai algunha mesa e bancos ao redor da capela.


Hai unha ruta de sendeirismo promovida polo concello de Valdés identificada como PR-AS 3 de 17 km. que parte de Barcia ao igual que a ruta eu fixen pero que percorre toda a Serra de Concieiro.


Dende a parte alta deste lugar onde se ubica a capela, as vistas son espectaculares. Estas, cara á costa.


Dende a capela dou a volta ata o cruce anterior.


O camiño agora é en baixada, un descenso acusado con moito desnivel. Empeza a anoitecer pero non me asusta, falta moi pouco para chegar ao coche.




Imaxen do camiño de baixada e das vistas sempre espectaculares que se desfrutan.



Páxinas web consultadas:

https://www.20minutos.es/
https://crapintoralvarodelgado.blogspot.com/2015/02/

https://www.valdes.es/ruta-san-anton-de-concieiro









































venres, 23 de xaneiro de 2026

ESPASANTE (ORTIGUEIRA) RUTA CIRCULAR

 Esta é a 4º ruta que imos realizar no concello de Ortigueira. Un tramo da mesma xa o coñezo debido a que forma parte do último tramo que fixemos do Camiño Natural do Cantábrico. O día hoxe amenazaba con chover e así o fixo. Tivemos chuvia e tamén algo de sol.

Santa Marta de Ortigueira é un concello da provincia de A Coruña e que pertence á Comarca de Ortegal xunto cos concellos de Mañón, Cariño e Cerdido. 

Características desta ruta:

Lonxitude: 11 km.

Dificultade: fácil (excepto as escaleiras de baixada dende o castro de Espasante á praia de Santa Cristina que, se están molladas, esvaran moito.)

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Estamos en Porto de Espasante,  parroquia de Espasante ou S. Xoán de Espasante dentro do concello de Ortigueira.

A poboación de Espasante concéntrase en dous núcleos importantes, O Porto, que é o núcleo máis importante, onde está o centro de saúde, a farmacia, establecementos hoteleiros e de hostalería, e outro popularmente chamado a Aldea, que agrupa varios lugares ao longo da estrada AC-682 e arredor da igrexa parroquial. Na mesma Aldea, paralela a AC-862, hai unha estación de FEVE que hoxe só funciona como apeadoiro.

Porto de Espasante namoroume cando o coñecín: é unha pequena vila de tradición mariñeira que conta con xoias importantes e fermosas: 3 praias espectaculares; a garita Casa da Vela cunhas vistas espectaculares ao Cabo Ortegal, Espasante e a enseada de S. Antonio; o castro Punta dos Prados...

Empezamos e rematamos esta ruta ao pé da praia de S. Antón onde hai aparcadoiro para deixar os coches (agora, no inverno foi moi doado atopar sitio; no verán xa non sei se haberá tanto porque son aparcadoiros moi pequenos para a cantidade de xente que hai nesta vila nesa estación.)

NOTA: as fotos que se poden ver nesta entrada, pertencen a maioría a ruta descrita e outras pertencen á ruta do Camiño Natural do Cantábrico feita con anterioridade nun día de sol.


 A praia de S. Antón está encravada na parte norte da vila e ten sobre 500m . de lonxitude. É unha praia con tódolos servizos e moi boa calidade de auga por eso recibe a bandeira azul cada ano.

Praia de S. Antón

Pasamos por diante da capela de S. Antón punto de encontro de romaxes de xentes e animais en épocas aínda non moi afastadas.

Capela de S. Antón

Imos de camiño á garita Casa da Vela e vemos á nosa dereita a fermosa enseada de S. Antón coas praias de Mazorgán, Eirón e S. Antón.
Enseada de S. Antón

Vistas da ría de Ortigueira dende a Garita Casa da Vela.
Ría de Ortigueira e Ladrido

Tamén vemos dende o mesmo lugar o Cabo Ortegal e a vila de Cariño.
Cabo Ortegal e vila de Cariño

Garita ou Casa da Vela está reconstruída e  formaba parte dun sistema defensivo e de vixiancia propio dos S. XVI e XVII en toda esta zona de costa debido aos ataques que sufrían por parte de piratas, sobre todo ingleses.

Garita da Vela

Moi cerca da garita vemos esta outra construcción que parece ter un significado relixioso, non sabemos cal.

Algunha destas garitas costeiras tiñan baterías militares para defenderse. É probable que tamén esta Garita da Vela contara cun destes sistemas que estaría ubicado nun castro que hai máis abaixo.
Garita da Vela

 Unha chimenea que serviría para quentarse nas longas noites de inverno.

Vistas ao Porto de Espasante e á praia da Concha.
Espasante dende a Graita da Vela

Deixamos o asfalto para pillar un camiño que vai á beira do mar.

E chegamos ao Castro Punta dos Prados. É un pequeno poblado ( non esta todo escavado) Está sobre nunha penísula ao igual que a maioría de castros marítimos xa que así aproveitaban as condicións naturais de defensa dos cantís e na zona do istmo, construían as vivendas. Botamos de menos que non haxa nin un solo panel interpretativo.
Castro Punta dos Prados

Vistas dende o castro a Cabo Ortegal e Cariño. A erosión fixo que o tamaño do castro se reducira á metade aprox.

As escavacións realizadas en 2003 permitiron exhumar parte do entramado de estructuras que rodean o monumento con forno.
O castro aproveita as defensas naturais do acantilado, e onde estas non existen, eríxense monumentais defensas artificiais que constan de dúas liñas de muralla de terra e pedra, dous anchos foxos en forma de U e un parapeto exterior. O espazo intramuros queda na aba dunha suave pendente e existe unha rampla que vai dende o foxo ata o cumio do castro.
Castro Punta dos Prados

Entre os obxectos que se puideron recuperar, ademais de tipos cerámicos de man e torno lento, cerámica común romana e sigilatta, crisois con restos de bronce, muíños, pesas, fusaiolas, unha fíbula e un ás de bronce de época imperial, que permitiron unha mellor datación do xacemento, destaca a aparición unha conta de colar de pasta vítrea, oculada, e unha arracada de ouro, que poderían indicar unha primeira ocupación do castro entre os séculos IV e III a. C.
Castro Punta dos Prados

Por unhas escaleiras de madeira  moi esvaradías hoxe ao estar molladas, baixamos e atopamos de súpeto unha pequena praia: trátase da Praia de Santa Cristina ou dos Namorados.
Praia de Santa Cristina

A praia anterior está pegada ao porto. Da importancia do mesmo dá conta o nome da vila, xa que oficialmente chámase S. Xoán de Espasante pero todo o mundo a coñece por Porto de Espasante. Aínda que actualmente se ven moi poucos barcos no seu porto, é unha vila de gran tradición pesqueira.
Porto de Espasante

praia da Concha, no lado contrario á de S. Antón (Non esquezamos que estamos nunha península) é moi fermosa, o seu nome vén da forma que ten. É unha praia grande e tranquila de area fina e está rodeada dun sistema dunar e dun fermoso paseo
Praia da Concha

Chamaron a nosa atención estas fotos que hai no paseo. Son obra de Mónica Fustes e renden homenaxe aos veciños desta vila. A idea xurdiu durante o confinamento de 2020 e hai un total de 40 retratos cada un co seu nome. Pareceunos unha forma fermosa e moi emotiva de honrar aos seus paisanos.
Fotos no paseo

As dunas protexen a praia da Concha.
Sistema dunar na praia da Concha

Rematado o paseo, cruzamos a área recreativa que se ve ao pé da praia.

A fermosa praia da Concha vista dende o outro extremo e con Cabo Ortegal de fondo:
Praia da Concha

O río Dola desemboca na praia da Concha. Cruzamos a ponte que se ve na foto:
Río Dola

O río Dola foi encauzado no seu tramo final no 2015. Antes, esta zona do Xuncal sufría inundacións.
Río Dola

Agora toca de novo asfalto.

Pillamos á dereita para achegarnos máis á costa facendo un bucle. Despois volveremos pasar por este mesmo punto.



Hoxe o día estivo moi irregular en canto ao tempo, choveu ás veces, quentou algo o sol. Agora mesmo chovía por Cabo Ortegal e Cariño.

Imos tendo unha espectaculares vistas sobre a Illa de S. Vicente e a praia de Morouzos. A illa de S. Vicente está situada na ría de Ortigueira e pertence á parroquia de Luama.
Está  cuberta por unha masa arbórea na súa cara sur, protexida dos embates do Atlántico, mentres a cara norte está cuberta de toxeiras e matogueiras propias do litoral. Cando baixa a marea, a illa queda unida a terra mediante un extenso banco de area. Está nunha paraxe de alto interese ecolóxico polo que a illa, xunto coas marismas que a rodean están protexidas. Segundo menciona Julio Dávila Díaz na súa obra Geografía descriptiva de la comarca de Ortigueira (1931), na Idade Media existiu na illa un pequeno mosteiro nun principio ocupado polos templarios e máis tarde polos franciscanos, do que aínda quedan algúns restos.
Illa de S. Vicente

O Camiño Natural do Cantábrico remata oficiamente aquí, en Ladrido, aínda que penso que nestes últimos tramos debería chamarse xa Camiño Natural do Atlántico porque o Cantábrico rematou xa en Estaca de Bares.
Eu fixen tódolos tramos deste Camiño natural pero rematara en Espasante.

Dentro da ría Ortigueira/Ladrido atopamos  está pequena ría de Ladrido formada pola desembocadura do río Baleo e o seu pequeno embarcadoiro. É un dos humedais máis importantes de Galicia, é un importante refuxio de aves invernantes e migratorias e tamén ten gran riqueza botánica. E tal a súa importancia, que está declarada zona RAMSA (Humidal de Importancia Internacional), ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves) e LIC (Lugar de Importancia Comunitaria)

Río Baleo formando a Ría de Ladrido

Unha imaxe da Virxe do Carme, ao pé da ría. Tódolos anos se celebra aquí unha festa na honra desta Virxe, patroa dos mariñeiros.

O río Baleo formando a ría de Ladrido.

Unha bucólica e femosa imaxe neste día invernal no que tivemos sorte e luceu o sol para fotografar este recuncho.

Ría de Ladrido

A Ría de Ortigueira e Ladrido é un humidal típico de estuario con saída ao mar aberto, nel atópanse amplas extensións de chairas intermareales e vexetación de marismas.

Praia de Morouzos e a ría

Santalla de Ladrido é unha parroquia de Ortigueira moi pequena xa que non chega aos 300 habitantes.

Santalla de Ladrido

Hai constancia dunha igrexa anterior a esta que estaría debaixo da explanada da actual. A que vemos foi reformada nos S. XVIII e XIX polo chamado "cura reloxeiro de Ladrido" que elaborou el mesmo os planos para construir esta nova igrexa moi cerca da anterior. Este cura tiña o seu propio talller de reloxería na rectoral con dous fornos de onde sairían reloxos para o mosteiro de Sobrado dos Monxes, o Palacio Duque de Rivas en Madrid...etc. 
No 2014 reparáronse as fachadas da igrexa e outros elementos da mesma.

Igrexa parroquial de Santalla de Ladrido


Un restaurado lavadoiro e fonte ao pé da igrexa.

En Ladrido pillamos unha pista de terra (con moita lama hoxe debido as chuvias frecuentes todo este outono/inverno)

O outro núcleo importante da parroquia ademais do Porto é popularmente chamado a Aldea e agrupa varios lugares ao longo da estrada AC-682 e arredor da igrexa parroquial. Na mesma Aldea, paralela a AC-862, hai unha estación de FEVE que hoxe só funciona como apeadoiro.

Aldea (o outro núcleo de poboación de Espasante)

Chegando ao remate da pista de terra e desembocando xa na estrada que nos leva ao Porto, vemos a imaxe da vila e a praia da Concha.
Espasante e Praia da Concha

Voltamos a cruzar o río Dola, agora por outra ponte.

E entramos en Porto de Espasante nun momento no que a chuvia volve a ameazar.

Na Praza de S. Antonio, vemos a estatua dun porco, trátase do porco Antón todo un referente e un emblema nesta vila. A historia comenzou hai moitísimos anos cando se decideu rifar un porco para sacar fondos para construir a capela de S. Antón. A idea funcionou tan ben que aínda continua hoxe en día. Tódolos anos se cría un porco de xeito comunitario, chámase sempre Antón e anda ceibo pola vila, come. pasea e ao final sortéase e co diñeiro recaudado oraganízanse as festas patronais.
Praza de S. Antón cun monumento ao famoso porco.


Páxinas web consultadas:

https://gl.wikipedia.org/wiki/Espasante,_Ortigueira

https://patrimoniogalego.net/index.php/6444/2011/10/castro-de-punta-dos-prados/

https://turismodegalicia.org/