sábado, 6 de xaneiro de 2024

RUTA CIRCULAR A CABO BUSTO (VALDÉS)

Miradoiro de Cabo Busto

Non é esta a 1ª ruta que facemos no concello de Valdés, cuxa capital é Luarca xa que ao estar a 1 hora aprox. da Mariña Luguesa é ademais pola autovía A-8, é moi factible para nós chegar a este municipio.

Fixemos xa neste concello as rutas seguintes:

LOS LLUGARINOS (TREVÍAS)

LUARCA-PRAIA DE PORTIZUELO-LUARCA

MIRADOIRO DO CHANO (LUARCA)/ CAPELA DA REGALINA (CADAVEDO)

Hoxe fixen unha fermosa ruta combinando paisaxes de miradoiros espectaculares sobre praias inaccesibles e altísimos acantilados con verdes prados salpicados de piñeiros pasando polo Cabo Busto e polo medio da aldea do mesmo nome.

Características da ruta:

Lonxitude: 10,6 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular ben sinalizada. Deixo o meu percorrido en WIKILOC 

A miña valoración desta ruta:🔆🔆🔆🔆

Descripción:

Iniciei a ruta en Busto que pertence á parroquia de Canero, xunto á capela de S. Bartolomé.

Capela de S. Bartolomé en Busto

Deseguida chego ás antigas escolas nun edificio construido en 1901 e que hoxe alberga a biblioteca "Eduardo Pérez de la Fanosa" que foi aberta no 2021 con máis de 6000 exemplares. Esta iniciativa foi obra da Asociación de Veciños de Busto. No edificio celébranse tamén charlas, exposicións, talleres...
Unha iniciativa desta Asociación é tamén o proxecto "Losas Literarias" que se atopan ao longo de toda esta ruta e que se trata dunha serie de textos de autores coñecidos escritos sobre pequenas lousas e colocados en lugares estratéxicos. A 1ª lousa atopámola precisamente ao pé da biblioteca.

Biblioteca de Busto

Abandono o asfalto por esta ancha pista agrícola:

E chego a un cruce onde o track que eu sigo me manda xirar á dereita pero decido seguir uns metros de frente para ir a un miradoiro.


Atopo a 2ª lousa literaria
 

Dende o Miradoiro Las Imeas teño unha fermosa vista da praia de Cueva e outra lousa literaria. Nesta praia desemboca o río Esva que non se ve na foto porque queda oculto polos eucaliptos e piñeiros.

Praia La Cueva e Lousa Literaria

Volto sobre os meus pasos ao camiño que deixara e dende outra punta descubro a praia de La Herbosa sen acceso por terra, é un espazo protexido ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves) O leito desta praia está fotrmado por pedras na inmensa maioría e algo de area oscura.

Praia La Herbosa
Atravesamos agora un piñeiral.

Alonxámonos un pouco do mar.

Entre piñeiros baixamos á seguinte praia, a esta podemos acceder por terra a través da pista que se ve na foto:

 

Unha pequena baixada que logo teremos que subir para retomar a ruta.

A praia de Bozo é pequena, formada por cantos rodados e rodeada de grandes acantilados. É unha praia solitaria, á que só hai como acceso o camiño polo que acabo de baixar. Sentindo a forte ondaxe que había ese día e como a marea estaba baixa foi o meu comedor deste día.

Destaca a gran cova que se formou no acantilado.

Voltamos a desandar o camiño andado e imos agora entre prados. Notamos que nesta localidade moita xente debe vivir da gandería.

Deseguida voltamos á beira do Cantábrico e xa cerca do Cabo Busto atopamos esta área recreativa:

Aquí hai un miradoiro que nos deixa ver a praia de Bozo que acabo de visitar.

Praia de Bozo
Outra Lousa das moitas que hai:

Sigo co percorrido por este paseo marítimo tan natural acondicionado que me encanta!!

Outro miradoiro coa súa lousa literaria:

O Faro de Cabo Busto foi inaugurado en 1858 e atópase rodeado de grandes acantilados case verticais que acadan os 80m. de altura. A torre orixinal foi sustituida pola actual en 1962.

Faro de Cabo Busto

Ao redor de Cabo Busto, os acantilados caen case en vertical.


As frases das lousas parecen ben escollidas, a xogo co entorno.

Un paseo marítimo natural, sen cemento.

Vexo unha corda para acceder á praia Boxada el Vino pero paréceme moi perigosa. Non se ve o final da baixada. É demasiado arriscado baixar por aí, sobre todo indo soa como vou.

Corda para baixar e subir

As praias Boxada el Vino e El Serrón están pegadas e son de moi difícil ou case imposible acceso por terra.

No seguinte miradoiro vemos aló embaixo a illa do Serrón e outra lousa literaria.
Illa do Serrón

Todo este tramo está plagado de miradoiros. Este é o de Punta L´Arenosu dende o que vemos a praia de Barchinas ou praia Vallino
Miradoiro Punta L´Arenosu

Alónxome do mar entre prados por camiños agrícolas en perfecto estado para camiñar.

Non cabe dúbida de que moitos dos habitantes de Busto viven da gandaría vacuna.

Estamos moi cerca de Busto. Se no cruce torcera á dereita, chegaría deseguida ao punto de inicio pero decido seguir o track que me vai levar de novo á beira do mar, pillando á esquerda.

Outra cita literaria na árbore deste cruce.

O camiño entre prados vainos achegar ao mar que xa vexo ao lonxe.

Chego á praia Vallino ou Barchinas agora vista dende o outro lado.

Na seguinte foto vemos o Miradoiro de Punta Corbeiriños, o último no que vou estar por hoxe.
Miradoiro de Punta Corbeiriños

Dende o miradoiro anterior, cara ao leste vemos saíntes tras os que se esconden diversas praias: Cadavedo, Ballota, a do Silencio... A punta que máis sobreasae é Cabo Vídio no que estiven hai moi pouco. A serra que vemos é a de Camoneo. A praia en 1º plano é a de Punxéo.

Alónxome do Cantábrico lendo esta frase García Márquez que é ben atinada!!

Agora hai que pillar á dereita, á beira destes cipreses, para ir achegándose a Busto:

E precisamente nunha destas árbores leo a penúltima de tantas citas literarias que hoxe lin.
                                                                    
Vou por camiños que atravesan fincas onde se ve que houbo plantado millo. este cereal, amplamente cultivado no occidente asturiano está asociado á producción láctea xa que é unha das principais fontes de alimentación do gando xa sexa ensilado ou en forma de gran para elaborar piensos.

A semente de millo foi introducida no occidente de Asturias por González Méndez de Cancio a principios do S. XVII. No 1605 este home, natural de Tapia de Casarigo, volta a Asturias dende Florida onde era Gobernador traendo consigo as sementes deste cereal.

La extensión del cultivo pronto permitió el enriquecimiento de nobles, de propietarios rurales y de clérigos asturianos. La construcción o la reconstrucción de edificios palaciegos en Asturias no se entiende sin ese beneficio. «El impacto derivado de la llegada del maíz en Asturias y en Galicia es total»
Plantación de millo
Última lousa literaria que vou ver.

Paréceme unha imaxe que reflicte desolación, tristeza...do que foi e xa non é.


Unha imaxe de Busto cos típicos hórreos asturianos que, ao igual que en Galicia, están protexidos.
Busto
Xa entrando de novo en Busto recíbenme estas vacas case no medio desta vila que combina gandaría con modernos chalets.
Busto

Páxinas web consultadas:

https://migijon.com/la-biblioteca-eduardo-perez-de-la-fanosa-un-faro-literario-en-la-cima-del-cabo-busto

https://es.wikipedia.org/wiki/Playa_de_La_Herbosa
https://www.asturnatura.com/turismo/guia/faro-de-cabo-busto-1864
https://campoastur.es/cultivo-del-maiz/
https://www.lavozdeasturias.es/noticia/asturias/2020/12/18/revolucion-maiz-germino-tapia-400-anos/00031608284576056369226.htm

domingo, 31 de decembro de 2023

PRADO DEL MARQUÉS/SERRA DE PULIDE (CASTRILLÓN)

 Por vez 2ª vou ata o concello asturiano de Castrillón a facer unha ruta (vai ser a última deste 2023). É un concello costeiro situado na parte central asturiana. O aeroporto de Asturias que todos dicimos que está en Avilés, realmente está neste concello. A capital é Piedras Blancas sendo tamén a localidade máis poboada.

A primeira ruta que realicei neste concello foi unha ruta urbana en Salinas que tamén pertence a este concello que é un referente turístico de 1ª orde.

Hoxe en lugar de ir cara ao mar, fun ao interior do concello  para subir ao punto máis alto do municipio que se atopa na Serra de Pulide: o alto do Prado do Marqués a 438m de altitude.

Características da ruta

Lonxitude: 10km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. Necesario seguir un GPS. O meu track en WIKILOC

A miña valoración desta ruta: 🔆🔆🔆

Descripción:

Inicio a ruta en Moire, parroquia de Pillarno aparcando ao pé da Gruta de Arbedales. Esta gruta é visitable. Trátase dunha formación xeolóxica natural con varias salas repletas de estalactitas, estalagmitas e pregamentos de gran fermosura. Eu non a visitei porque ía sola e son necesarias como mínimo 2 persoas para que a ensinen.

Inicio de ruta

 Empezo o percorrido camiñando uns metros ao pé do Rego del Cuadro.

Moire

Pegado a Moire está o lugar de La Campa. Non imos cara aí senón que torcemos á esquerda porque imos cara a La Buria.

Á esquerda

Subindo a La Buria se volvemos a vista atrás, temos esta paisaxe. Vemos xa o mar.

La Buria é outro lugar que atravesamos. A partires de aquí a ruta faise circular.

La Buria
Vou en ascenso suave e volvendo atrás a vista vexo La Buria e máis aló, o mar.

Teño que atravesar un monte sen moito atractivo a verdade, polo medio de eucaliptos.

Desemboco nunha estrada local que leva á aldea As Vinadas pero eu teño que pillar á esquerda.
As Vinadas

Vou uns metros pola estrada costa abaixo. Á dereita, aló enriba quedan As Vinadas e os prados ao redor.

Pillo deseguida unha pista á dereita polo medio doutro monte.

Despois de atravesar este monte, o camiño desemboca en Pulide a case 400m. de altitude.  Unhas casas pertencen á parroquia de Pillarno e outras ao de Candamo.
Unhas vacas estaban tranquilamente no camiño, unha delas amamantando ao seu xatiño. 


Ao ver que eu camiñaba cara a elas, asustáronse e fuxiron a todo correr. A nai que amamantaba seguiu polo camiño durante uns metros ela sola pero nun momento dado saltou os arames e xuntouse ás demais.

Pulide conta cunhas 10 vivendas, a maioría delas, deshabitadas. O silenzo era absoluto. Nin ladrou un can...só se escoitaban os cencerros das vacas.
Pulide
Nin un alma vin nin escoitei...
Pulide
Ao pouco cheguei a Área Recreativa de Pulide no punto máis alto da Serra do mesmo nome. Con moitas árbores (piñeiros sobre todo) que proporcionan boa sombra no verán conta ademais con tódolos servizos: mesas e bancos en madeira, asadoiros, fontes, papeleiras, parque infantil...
Área recreativa de Pulide

A área recreativa hai que percorrela ata o final para gozar das magníficas vistas que hai. Dende os 425m de altitude, dende a punta que vemos na foto, podemos observar gran parte de Asturias.

Dende o Alto do Prado do Marqués (así é como se chama este lugar onde se sitúa a área recreativa porque pertencía ao Marqués de Castrillón , título nobiliario que segue existindo a día de hoxe) mirando cara ao oeste vemos Muros de Nalón, Soto del Barco, o río Nalón...e moitos outros lugares da costa cantábrica.
Vistas dende a Serra de Pulide
 
Se miramos de frente, vemos o aeroporto de Asturias que está situado no concello de Castrillón, a autovía A8...
Vistas dende a Serra de Pulide

Mirando cara ao leste, vemos a ría de Avilés, a praia de Salinas...etc
Vistas dende a Serra de Pulide

A Área Recreativa de Pulide ten tamén zona de xogos infantís construídos en madeira, respectando o entorno.
Área recreativa de Pulide


Área recreativa de Pulide

Tamén atopamos un hórreo asturiano.
Área recreativa de Pulide

Dende a área recreativa volvo atrás uns metros e pillo un camiño polo medio do monte á esquerda.


Desemboco na aldea de Buxande seguindo na parroquia de Pillarno. É un lugar con 4 vivendas que parecen deshabitadas todas elas.

O máis absoluto silenzo reina neste lugar.
Buxande
Buxande conserva aínda restos de arquitectura tradicional asturiana.

Vou 1km. aprox. por estrada local onde só me cruzo con coches de cazadores. Mirando á esquerda volvo ver Buxande.

E chego a un cruce onde deixo a estrada anterior para coller á dereita e de seguido outra vez á dereita non pasando polo medio da aldea O Fresno, onde vexo cans soltos que xa de lonxe me ladran.
Á dereita

El Fresno quédanos agora á esquerda. É unha pequena aldea.

Emprendo agora o último tramo polo medio dun monte no que atopei tres cazadores coa escopeta no ombreiro. Danme máis medo eles que ningún xabarín!!

Despois de pouco máis de 1km. desemboco en La Buria de novo.

Enlazo co tramo de ida para facer este pequeno tramo lineal.
 
E chego ao punto de inicio en Moire.