mércores, 19 de outubro de 2022

AZORES (ILLA DE S. MIGUEL)

Do día 9 ao 16 de outubro estiven en dúa das illas (S. Miguel e Terceira) que forman o arquipélago das Azores, da man da Asociación Amigos das Viaxes encabezada por Jaime Cancio.

A viaxe, na miña opinión, foi moi cómoda debido á organización de dez e a atención individual que Jaime dedica a cada viaxeiro@. 

As Illas Azores (Açores en portugués) é un arquipélago de nove illas situadas no medio do Océano Atlántico. Estas illas, famosas polo nome do anticiclón que afecta a toda Europa, forman unha rexión autónoma dentro de Portugal, país ao que pertencen.

Son illas de orixe volcánico, montañosas e cunha vexetación exuberante. Para os que nos gusta a natureza son un auténtico paraíso, por fortuna aínda non masificadas, mantendo o seu caracter auténtico.


Nós saimos dende a Mariña de Lugo o domingo 9 de outubro  en 2 autobuses parando a recoller tamén xente en Lugo, logo xantamos en Chaves (Portugal) e pola tarde voamos dende o aeroporto de Oporto ata o de S. Miguel.

ILLA DE S. MIGUEL


San Miguel é a illa máis grande e a máis turística, está recuberta de frondosos bosques subtropicais e mires a onde mires sempre verás a cor verde en distintas tonalidades, o que fai que sexa coñecida co apodo de Illa Verde. A súa capital é Ponta Delgada onde está o aeroporto e onde tíñamos o hotel.

Estivemos na illa de San Miguel dende o domingo á noite que chegamos, ata o xoves pola mañá que voamos ata a illa de Terceira.

Na illa de S. Miguel imos ver lagoas inmensas, miradoiros con vistas espectaculares, (algúns deles rodeados de xardíns fermosísimos e super ben coidados con zonas de descanso) Veremos fumarolas, augas termais, vilas floridas e ben coidadas, a cidade de Ponta Delgada cos seus históricos edificios e un fermoso paseo marítimo...e o verde, sempre esta cor presente por toda a illa, nunha exuberante vexetación similar á que vemos algunhas veces nos contos infantís. Pero non é un conto. É real e está aquí, nas Azores!

LUNS, día 10.-

Hoxe visitamos o norte da illa.

Empezamos este día visitando a fábrica:

 CHÁ GORREANA.-

É a plantación de té máis antiga de Europa, en funcionamento dende 1883. Produce té negro e verde. 

O noso guía, Wilson, explicounos que dende que a producción de laranxas existente na illa se viñese abaixo a causa dunha enfermidade nas árbores, empezou a producción do té a partires de sementes traídas do Brasil a principios do S. XIX, pero á xente local faltábanlle coñecementos para unha producción eficiente, por eso a Sociedade Promotora da Agricultura Micaelense contratou a dous chineses para que transmitisen os seus coñecementos. Tal vez de aí vén que en portugués coñezan o té co nome de cha.

Fábrica Cha Gorreana

A finais do S. XIX existían en S. Miguel varias fábricas de té, pero a forte emigración do S.XX e os cambios nas leis laborais establecidos despois da Revolución dos Caraveis no 1974 fixeron que só a Fábrica Gorreana lograra manter a súa producción sen interrupción dende o 1883. 

Actualmente hai en S. Miguel dúas plantacións de té: a de Porto Formoso e esta que visitamos. 

A fábrica Chá Gorreana é un negocio familiar. O clima húmido e chuvioso, as temperaturas amenas, o solo acido e volcánico, permiten a producción dun té verde e negro de calidade.

Poidemos ver a antiga maquinaria empregada aínda hoxe en día. É de orixe británico do S. XIX.



Mulleres traballando 

Mulleres preparando á man as bolsiñas do té

As plantacións de Gorreana ocupan un total de 32 hectáreas que producen unhas 40 toneladas anuais de té. Está permitido percorrer esta plantación e para eso existe unha pequena ruta de sendeirismo que non chega aos 4km. Penso que só outras dúas persoas e eu nos "perdemos" por estas plantacións, non poidemos completar a ruta por falta de tempo pero sí demos un fermoso paseo.


Unha pequena parte da producción de té queda na illa e a outra parte é exportada a países como Canadá, Portugal, Australia, Alemania, Austria...etc.

Camiño que algunhas (poucas) persoas percorremos entre as plantacións de té.


NOTA: ao buscar máis información para a publicación desta entrada, descubrín que en Galicia tamén temos unha plantación de té e outros cultivos na comarca de As Mariñas, en A Coruña, concretamente en Paderne. É Orballo que dende 2012 cultiva castiñeiros , abelairas, nogueiras e múltiples plantas aromáticas como por exemplo o té, sendo a 1ª plantación de té ecolóxica certificada en Europa.

MIRADOIRO PICO DO FERRO. No concello de Povoaçao e dentro deste na freguesía (parroquia) de Furnas atopamos este miradoiro cunha altitude de case 600 m. Este miradoiro ofrece unha inmensa vista sobre o cráter volcánico do Val das Furnas coa Lagoa das Furnas á dereita e o val á esquerda.

Lagoa das Furnas dende o Miradoiro de Pico do Ferro

O val é en realidade un cráter de 7 km. de diámetro e no seu interior está a vila de Furnas coas "Caldeiras" (fumarolas) e o parque botánico Terra Nostra que despois veremos.
Val das Furnas

 CALDEIRAS DE FURNAS.- 

Este lugar sorprende polos fenómenos volcánicos que poidemos observar. Furnas atópase no espazo dun dos volcáns máis novos da illa e a vila está construída sobre unha terra cunha gran capacidade volcánica. Segundo nos imos achegando un forte cheiro a xofre (azufre) nos envolve e a auga fervendo sae da terra por cavidades, fontes, regatos...e menos mal...porque eses "respiros" axudan a que o volcán non estale con furia.

Algunhas "caldeiras" están secas e outras en plena actividade. Todas elas teñen nome.

Caldeiras de Furnas

Un regato de auga quente que cruza a vila.

 Fumarolas nas que a auga sae dende 61,5 ºC. ata 93ºC.


 COCIDO DAS FURNAS.-
Moi cerca das caldeiras anteriores temos outras onde se cociñou o noso xantar de hoxe: o famoso cocido das furnas ( carne de polo, de porco, chourizo, morcilla, patacas, cenorias, repolo...) todo esto é cociñado nunha pota debaixo da terra entre 6 e 8  horas sen auga, só co vapor e a calor do volcán de xeito moi lento. 

Tódolos restaurantes de Furnas teñen aí o seu propio burato para facer o cocido que logo recollen á hora de xantar.

Desenterrando a pota

A pota xa está fóra
Estas "caldeiras" están situadas ao pé do lago que antes víramos dende o Miradoiro do Pico do Ferro.
Lagoa das Furnas


E aquí sacamos unha foto de grupo:
O grupo ao pé da Lagoa das Furnas

FURNAS.-

Fomos comer o cocido ao restaurante Espaço Tony's.  A mín encantoume!

Nesta vila vimos esta casa invertida. En realidade, esta curiosa vivenda non se atopa habitada senón que pertence ao concello e trátase dunha estación de transformación de enerxía eléctrica.
Casa invertida de Furnas

Despois do xantar fomos a:

TERRA NOSTRA GARDEN.-

Este xardín botánico ten unha superficie de 12,5 hectáreas e unha colección de plantas e árbores de gran valor histórico e cultural que incluen, non só especies nativas das Azores, senón tamén numerosas plantas orixinarias de países con climas completamente diferentes ao de Furnas, pero perfectamente adaptadas.

O xardín Terra Nostra está formado por unha extensa área de bosques, estanques, xardíns con flores exóticas, edificios tamén históricos e un espazo termal de augas ferruxinosas.

A pena é que non nos chegou a nada (polo menos a mín) o tempo que nos deixaron para desfrutar desta marabilla...

Na entrada do parque vemos esta árbore que chama a nosa atención polo seu enorme tamaño, é un metrosideros neste caso unha especie de Nueva Zelanda onde son extremadamente grandes xa que a maioría destas árbores acostuman a ser pequenas.

Metrosideros

En 1775, Thomas Hickling, un rico comerciante de Boston, vivía en S.Miguel en calidade de cónsul honorario estadounidense. Construeu unha sinxela casa de verán de madeira, á que chamou Yankee Hall. Frente á casa, engadiu unha piscina cunha illa no centro, rodeando o perímetro con árbores traídas principalmente de América do Norte. Máis adiante a propiedade foi comprada por un vizconde que construeu unha nova casa onde estaba a anterior. Este home e a súa muller e despois o seu fillo seguiron realizando melloras, ampliando terreo e plantando máis e máis árbores e plantas de distintas especies, construiron estanques, novos xardíns...
Poidemos bañarnos nas augas termais da imaxe moi ricas en minerais, sobre todo ferro. A auga estaba moi cerca dos 40ºC .

No 1920, o parque estaba descoidado pero uns anos máis tarde foi adquirido pola Compañía Terra Nostra e o parque volveu florecer de novo.

 Este xardín botánico é unha marabilla natural con máis de 2000 árbores e plantas.

Moitas especies que vemos foros importadas doutros países como Norteamérica, Australia, Nueva Zelanda, China, Sudáfrica...
A auga e o verde son protagonistas.

Estanques con nenúfares.

Aínda que eu persoalmente percorrín un bo traxecto no parque, quedaron moitas partes que non deu tempo de ver e que, por fotografías que puiden contemplar, son impresinantemente fermosas!
Distintos animais representados con vexetación

Os fentos aquí son árbores!!



VILA FRANCA DO CAMPO.-
Voltando para o hotel polo sur da illa, paramos en Vilafranca do Campo, xusto ao pé do mar para contemplar e fotografar un illote (en realidade son dous) que leva o mesmo nome ca vila. É a parte emerxente dun volcán submarino de hai 4000 anos.
Voltando a vista á dereita temos a vila de Vila franca do Campo chamada así porque era unha vila franca , é dicir que non se pagaban impostos ao pasar por ela e "do Campo" porque no pasado cultivábase moito cereal.
Vilafranca do Campo

Foi descuberto este illote no S. XVI e tivo distintos usos ao longo da historia: forte militar, porto de abrigo, punto de vixiancia de baleas e ata zona de cultivo de viñas ata que foi adquirido polo Goberno Rexional das Azores. No 1983 foi convertido en Reserva Natural.
Illote de Vila Franca do Campo

Martes, día 11.-

MIRADOIRO LAGOA DO FOGO.-

Despois de percorrer Ponta Delgada en bus para unha visita panorámica que comentarei máis adiante, despois de facer o mesmo percorrido pero a pé, empezamos a subir polo medio dunha paisaxe tan espectaularmente fermosa que semella de postal. Unha subida serpenteante en pronunciado desnivel que nos deixa ver unha paisaxe totalmente verde en distintas tonalidades, con prados e árbores e ao lonxe o mar e distintas vilas costeiras.

Panorámica subindo no bus

A Lagoa do Fogo é unha das de maior tamaño do arquipélago (2 km. de longo e 1km. de ancho) e a 2ª maior de S. Miguel. A vista da mesma dende este miradoiro é espectacular. A Lagoa descansa no fondo dun cráter dun volcán apagado que tivo a última erupción no S. XVI.
Tivemos moita sorte de poder vela con claridade xa que debido á que está situada a 575m de altura en moitas ocasións está tapada pola néboa.

Lagoa do Fogo

A foto seguinte está tomada dende un punto máis arriba do miradoiro e dá idea da altura á que estamos.



CALDEIRA VELHA.-
Moi cerca da Lagoa do Fogo, na Serra de Água de Pau, no municipio de Ribeira Grande, atopamos este lugar cunha exuberante vexetación e con piscinas e cascadas de augas termais. Outro lugar marabilloso! E é que non deixamos de sorprerdernos a cada paso nesta fermosa illa!!

O parque natural de Caldeira Velha é unha zona protexida que conta con varias piscinas e unha cascada fermosísima  de augas termais onde podemos sumerxirnos rodeados dunha vexetación tan exuberante que nos podemos imaxinar dentro dun conto de fantasía.

Xente do grupo relaxándose nas augas termais
 

A vexetación deste lugar é propia de lugares moi húmidos e con calor. Estamos metidos nun barranco onde medran grandes fentos e árbores preciosas.

Podemos dicir que estamos no "paraíso"

O percorrido de Caldeira Velha remata nesta fermosa cascada que forma unha gran poza onde tamén te podes bañar, aínda que a auga está un "pelín" máis fría que nas outras pozas..

Cascada de Caldeira Velha

MIRADOIRO DE VISTA DO REI.-
Despois de xantar pasamos por este miradoiro que é o máis famoso da illa. O nome débese á visita a este lugar que en 1901 fixeron os reis D. Carlos e Dona Amelia, reis de Portugal. Veremos a  doble Lagoa de Sete Cidades situada nun enorme cráter. Son dúas lagoas, a máis pequena en cor verde e a grande en cor azul conectadas entre elas por un paso estreito, derriba do que hai unha ponte que as cruza. A cor diferente das lagoas débese a que a lagoa verde é menos profunda e reflicte o ton verdoso da vexetación marina e a azul, máis prufunda, reflicte a cor do ceo pero tamén hai unha lenda que di que a cor das augas débense aos amores prohibidos entre unha princesa de ollos azuis e un pastor de ollos verdes que ao non poder verse vertían bágoas da cor dos seus ollos. Que cadaquén crea o que queira...jeje...
Por toda a illa hai rutas de sendeirismo que para os amantes desta actividade como é o meu caso, é fácil imaxinar o fermosas que deben ser. Aquí tamén hai unha ruta que conecta o miradoiro coa vila de Sete Cidades e outra ao redor dos dous lagos.
A Lagoa de Sete Cidades é a maior de auga doce de todas as Azores.
Lagoa de Sete Cidades e a vila do mesmo nome, ao fondo
 

Ao pé do miradoiro hai un hotel abandonado como consecuencia dun avaricioso plan turístico, trátase do Monte Palace, un hotel de 1ª categoría cunhas vistas privilexiadas sobre a Lagoa de Sete Cidades. Pechou no 1990, ano e medio despois da súa inauguración.


SETE CIDADES.-

Fixemos unha mini parada técnica nesta vila que está ao pé das lagoas e paramos no edificio máis relevante: a igrexa de S. Nicolao de estilo neogótico do S. XVIII e construida con pedra volcánica. O paseo ata a igrexa está bordeado de araucarias e hortensias.
Igrexa de S. Nicolao
 
Tamén vimos estas estatuas que representan o milagre de Fátima.

Esta é unha rúa de Sete Cidades, unha vila pequena situada no fondo da caldeira do volcán.

LAGOA DO CANARIO.- 
Percorremos un fermoso camiño para chegar ata a lagoa:
Camiño da Lagoa do Canario
 O verde das árbores reflíctese no lago.

PONTA DELGADA.-

A verdade é que as visitas panorámicas en autobús non me gustan moito xa que penso que para coñecer ben un lugar hai que "patealo".  Como o noso hotel era moi céntrico tiven ocasión de visitar varias veces os lugares máis emblemáticos de Ponta Delgada indo a pé.

Ponta Delgada é a capital da illa de S. Miguel dende o S. XVI. Ata entón era Vila Franca do Campo que quedou arrasada por un terremoto no 1522. Empezou sendo unha pequena vila de pescadores pero deseguida empezou a cobrar importancia como principal porto da illa. Esto foi o máis significativo que vimos:

As Portas da cidade: 
Constan dun conxunto de 3 arcos de medio punto que son un símbolo da primitiva defensa da cidade. Foron construidos no S. XVIII
Portas da cidade
Cámara municipal.-
É o edificio que alberga o concello. 
Concello de Ponta Delgada

Igrexa Matriz.-
 Frente ao concello temos a igrexa matriz de S. Sebastián  do S. XV. O seu campanario está coroado por un reloxo. O estilo manuelino da igrexa lémbranos que estamos en Portugal onde predomina este estilo nas súas igrexas.
Igrexa de S. Sebastian

Igrexa de S. Sebastian

Campo de S. Francisco
É unha praza pegada ao mar onde está a igrexa de S. Xosé, e o convento de Nosa Señora da Esperanza.
A igrexa de S. Xosé do S. XVII é a igrexa máis grande do arquipélago.
Igrexa de S. Xosé

Convento de Nossa Senhora da Esperança.-
Fundado no século XVI, mantén as súas actividades relixiosas ata o día de hoxe. Aquí atópase o Santuario do Señor Santo Cristo dos Milagres , de máxima devoción para os azorianos, e un dos tesouros de arte sacro máis importantes do país.
O convento pecha a porta ás 18:30 e chegamos cando xa ian pechar, pero ao dicir que víñamos de moi lonxe, deixáronnos pasar amablemente e ver o Santo Cristo. A estatua do Cristo está profusamente adornada con xoias e foi un regalo do Papa Pablo II ás monxas no S. XVI. Esta imaxe é o centro de tódalas celebracións relixiosas o 5º domingo despois de Semana Santa.
Santo Cristo dos Milagres, de gran devoción entre os azorianos

O claustro do convento é moi sobrio.
                                                                Claustro do convento
Monumento ao Emigrante
Na Praza do Campo de S. francisco vimos tamén este monumento que me chamou a atención. Trátase do monumento ao Emigrante. Moita xente da illa tivo que emigrar, sobre todo a finais do S. XIX, a Estados Unidos e Canadá buscando unha vida mellor.


Forte de S. Bras.-
Actualmente é un museo militar. As súas robustas murallas lembran que no pasado foi un edificio de defensa.
Forte de S. Bras

Unhas fortes murallas lembran que sirveu de defensa.
Forte de S. Bras
Paseo marítimo.-
Pasear coa luz do anoitecer polo porto de Ponta Delgada é unha experiencia fermosa que se reflicte nas fotos. Camiñar por este paseo duns 3 km. de lonxitude é inevitable para coñecer unha parte importante da cidade. Aquí hai unha gran área comercial onde se atopan restaurantes, tendas, bancos ou servizos de alquiler de vehículos.. ao tempo que contemplas todo tipo de embarcacións deportivas, pesqueiras (vimos poucas) e comerciais.
Porto de Ponta Delgada

Vemos ao pasar a praza onde están as Portas da Cidade e a igrexa matriz:

O porto deportivo coa luz do solpor:
 Fermoso paseo marítimo:

 Dende esta Pase Marítimo vemos tamén a igrexa de S. Pedro.
 
Tamén vemos indo por este paseo as chamadas "Piscinas Oceánicas" porque te bañas directamente no Atlántico, non hai aquí area.

Empedrado portugués

É un tipo particular de revestimento do chan empregado sobre todo na pavimentación de beirarrúas e espazos públicos en xeral. 

O empedrado portugués é o resultado da pavimentación con pedras de forma irregular, xeralmente de pedra caliza ou basalto, que se poden empregar para formar patróns decorativos mediante o contraste entre as pedras de diferentes cores. As cores máis tradicionais son o branco e o negro.

En Ponta Delgada, as beirarrúas  e rúas peatonais máis céntricas son todas así.

Empedrado portugués

Empedrado portugués

Empedrado portugués

Empedrado portugués

Empedrado portugués
Mércores, día 12.-
O mércores foi o noso último día na illa de S. Miguel.

MIRADOIRO DO PISAO.-
Fomos primeiro a este miradoiro dende o que podemos ver aló embaixo o Convento da Caloura, no municipio de Lagoa. Ten este convento unha particular ubicación construido sobre rochas, ao pé do mar. É do S. XVI e a súa historia está vinculada ao culto do Santo Cristo dos Milagres que vimos antes en Ponta Delgada. Esa imaxe estivo 1º aquí, neste convento, ata que debido aos frecuentes asaltos de piratas foi trasladada ao Convento de Nossa Senhora da Esperança, onde  se atopa actualmente.
Convento da Caloura dende o Miradoiro do Pisao.

POVOAÇAO.-
Nesta localidade do sur de S. Miguel  instalaronse os primeiros habitantes da illa no S. XV. O monumento que se ve na foto (Porta dos Descubridores) é unha homenaxe a esa chegada á illa dos primeiros portugueses. Nesta porta do 2005 aparecen as cabezas dos primeiros descubridores.
Monumento aos primeiros habitantes da illa.

Unha rúa de Povoaçao tamén con empedrado portugués.
Rúa de Povaçao

Fermoso parque no centro da vila:

A igrexa de Nossa Senhora dos Remedios é do S. XIX
Igrexa de Nossa Senhora dos Remedios

Situada ao pé dun cerro temos esta recóndita praia en Povoaçao.
Praia de Povoaçao
O porto.
Porto de Povoaçao

MIRADOIRO  DO PICO LONGO.-
Este miradoiro ofrece unhas boas vistas da vila e o val de Povoaçao.
Povoaçao dende o miradoiro de Pico Longo

MIRADOIRO DA PONTA DA MADRUGADA.-
Situado na Costa Nordeste ten un coidado e fermoso xardín con zona de descanso

Panorámica dende o miradoiro de Ponta da Madrugada.

O miradoiro ten uns fermosos xardíns moi coidados.
 
Tamén hai neste miradoiro un merendeiro no que había moitos gatos.

MIRADOIRO DA PONTA DO SOSSEGO.-
Parecido ao anterior. As vistas son impresionantes pero tamén impresionan os xardíns tan fermosos.
Entrando polo xardín
A zona do merendeiro non pode estar máis fermosa e coidada.
 
Vistas dende o miradoiro
Dende o Miradoiro da Ponta do Sossego

O nome deste miradoiro está sobradamente xustificado. Que paz inspiran estas vistas!

VILA DO NORDESTE.-

Humilde povo olvidado
neste recanto da ilha,
o onde o sol primeiro brilha... (Poema que poidemos en frente da igrexa)

Florida vila, un dos seis municipios da illa de S. Miguel. Este concello é un dos máis remotos e fermosos da illa.
Nordeste é coñecido polos seus fermosos xardíns, polas súas rúas floridas e moi limpas  e polo seus  espectaculares miradoiros como os de Ponta da Madrugada e Ponta do Sossego que acabo de comentar.
Nordeste

Unha rúa de Nordeste
Aquí hai flores por tódolos sitios!
 
Unha foto de grupo diante da igrexa de S. Jorge do S. XVIII
O grupo diante da igrexa de S. Jorge (Nordeste)

Despois de xantar estupendamente nesta vila, fomos a:

RIBEIRA DOS CALDEIROES.-
O Parque Natural de Ribeira dos Caldeirões  é unha área protexida localizada ao longo do curso do río Guilherme situada en Achada, no municipio de Nordeste. Un bosque húmido, subtropical de vexetación sorprendente polas súas formas e o seu gran tamaño, entre as que destacan os felgos arbóreos. Tamén poden atoparse impresionantes macizos de hortensias e criptomerias enormes. 
Na foto seguinte vemos a "Gran Cascada", un impresionante salto de auga que cae no medio dunha vexetación luminosa.
A gran cascada

O Parque Natural de Ribeira dos Caldeirões ten
 5 muíños de auga do S. XVI que foron declarados Ben de Interese Público. As casas dos muiñeiros son agora tendas de artesanía, cafetería...
Estanque e ao fondo o que foron as casas dos muiñeiros
A vexetación é exuberante.

Nesta illa hai moitísimas hortensias. É unha planta á que lle encanta a humidade así que por eso se dá tan ben aquí.


 
Atopamos outra cascada ao final do percorrido.
 
Foi unha pena que non poidéramos estar máis tempo neste lugar. A mín soubome a pouco!!

PLANTACIÓN DE PIÑA.-
Visitamos a plantación de piña Arruda. Como o clima da illa non é o máis propicio para o cultivo desta froita ao aire libre, dase en invernadoiros.
A producción desta froita ganou importancia durante o S.XIX.  En 1864, foi construido o primeiro invernadoiro a escala industrial e empezaron as exportacións dos froitos cara a Europa, onde estaban consideradas como un producto de luxo. Despois da II Guerra Mundial, a competencia das piñas americanas fixo que moitas plantacións azorianas tiveran que cerrar. Os que sobreviviron, como Arruda, orientáronse ao aspecto educativo e pedagóxico, mostrando cales son as fases de cultivo. Por outro lado, a producción paciente das súas piñas, ten como mercado restaurantes locais da illa.


E ata aquí chegou a nosa visita á illa de S. Miguel. Persoalmente, encantoume !! En contra do que escoitei dicir a algunhas persoas de que "verde tamén temos en Galicia", " xa me canso de ver sempre o mesmo" eu opino totalmente o contrario; claro que afortunadamente temos verde en Galicia pero é unha vexetación totalmente distinta (sobre todo na nosa zona da Mariña onde o monocultivo do eucalipto impide que vexamos outras especies arbóreas) Esto sí que  é "ver sempre o mesmo". E aínda que sexa nas zonas onde sí temos vexetación autóctona como acivros, carballos, castiñeiros, abelairas...etc son árbores totalmente diferentes aos que vimos en Azores. A mín, dende logo, non se me pareceu en nada ao que temos aquí, sen menosprezar o noso por suposto.

Páxinas web consultadas:
https://astelus.com/

https://www.portugal.net/azores/

https://es.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Portada

https://trotamundos.com/site/

https://www.miguelenruta.com/

https://www.turismoazores.es/

https://lagavetavoladora.com/

https://www.nuncasinviaje.com/

















martes, 4 de outubro de 2022

AS MINAS (PR-AS 182) TOL. (CASTROPOL-ASTURIAS)

 Tol é unha parroquia do concello asturiano de Castropol. Hoxe fun ata aí porque sabía desta ruta pero a verdade fun sen grandes expectativas, só porque me quedaba cerca da casa e era curta. 

Tol é unha aldea gandeira (sobre todo gando vacuno) e agrícola. Vin varias granxas, moitos campos cultivados, moito prado e varios tractores grandes traballando.

Sorprendeume  a ruta positivamente. Lera nalgún sitio que a maioría ía por asfalto o que é mentira; máis ben ocorre ao revés, por asfalto só vai ao principio e ao final nun curto tramo. Tamén lin que había moito eucalipto; algo sí había pero abundaban máis outras árbores que había en maioría. É unha ruta moi cómoda, curta, na que vas subindo e nin te enteras. 

Características da ruta:

Lonxitude: 7.2 km.

Dificultade: fácil

Ruta homologada, circular, ben sinalizada agás en dous cruces. Deixo o meu track de WIKILOC

Descripción:

O panel de comenzo de ruta vémolo nun cruce onde está a igrexa pero non hai onde aparcar por eso eu decido facelo uns metros antes, xunto ao lado do pavillón e as antigas escolas, onde hai tamén un pequeno parque infantil. O meu trck parte de aí. Hai xente que empeza a ruta algo máis adiante, nunha área recreativa pola que logo hai que pasar porque aí si que se pode aparcar pero eu, se é posible, sempre procuro visitar os lugares sexan vilas ou aldeas por onde pasan as rutas ou onde empezan ou rematan. Por riba nesta ruta tan curta é tamén restarlle km.

O primeiro que vexo ao empezar a camiñar é este fermoso e coidado xardín.

Nunha pedra podemos ler "El jardín de mi casa" non sei se para reivindicar o seu uso privado...

Tamén vexo de frente a igrexa de S. Salvador do S. XVII

Igrexa de S. Salvador
 Aquí, ao lado da igrexa, no cruce está o panel indicador da ruta:

Panel de comenzo de ruta
A ruta empeza por asfalto e doume conta de que esta aldea é eminentemente agrícola e gandeira. Vexo varios tractores traballando e terras de cultivo e prados...
Zona agrícola e gandeira
 Deseguida chego á área recreativa de Fontequías. É pequeniña pero está ben acondicionada e coidada:
Área recreativa
Seguindo o track e os sinais vou por esta estrada local uns metros.


Neste cruce temos a opción de escoller o camiño que traemos e seguir de frente ou ben coller o da dereita, calquera dos dous nos volverá trae aquí, a este cruce. Nós seguimos de frente e as frechas xa o indican poñendo "inicio ruta" no que vai de frente e "fin ruta" no outro. Pensamos que o motivo é claro, indo de frente imos subindo pero nin nos enteraremos xa que o desnivel é moi pouco e se optamos por ir pola dereita a subida é moi acusada e longa.

Estamos no lugar de Boudois e aquí está instalada unha gandaría moi importante, das máis prósperas da comarca e un referente na zona.

 A casa e granxa da gandería Boudois:

 

Á dereita, edificio de casa e granxa da Gandería Boudois. En Tol, a maioría dos veciños son gandeiros e as súas granxas están destinadas a leite e á recría. Foron mellorando xeneticamente os animais, informatizándose e aprendendo ao ir visiando outros países e esto fixo que nesta vila non se coñece o paro, a maioría dos gandeiros son xente nova.

Ao rematar de pasar esta granxa, o camiño vai á derita e xa nos introducimos nun antigo camiño de carro:


Vemos á esquerda prados con vacas e escoitamos un tractor. Tol é dos maiores productores de leite da zona e os veciños foron facéndose con terras que antes eran arrendadas. Hoxe o 98%  son propietarios.
 
O camiño que levamos é fermoso á beira sempre dun rego que parece ser que máis tarde se converte no río Anguileira, que máis escoitamos que vemos debido á espesa vexetación.
 

Aínda que vemos eucaliptos, tamén vemos moitas outras especias arbóreas o que non fai nada monótono o percorrido.


Camiño rodeada sempre de verde:

Case totalmente oculto pola maleza temos un túnel que dá acceso a unha das galerías das minas de ferro que houbo nesta zona (As minas da Grandela) Esta é a 1ª galería na que aínda se podn percorrer uns 120m. (Eso sí, quen se atreva a meterse aí xa que está inundada) e pode ser resultar perigoso. Eu boto de menos neste lugar un punto de información.
 
Un pouco máis arriba do túnel, temos o Forno de calcinación no que se cocía o mineral de ferro das minas da Grandela para quitarlle as impurezas. Tamén está a pasarela de carga pero non se ve ao estar "comida" pola vexetación. A actividade destas minas rematou nos anos 50 do S. XX

Penso que é unha pena que esta fermosa ruta non estea mellor coidada. A pesares de estar homologada, o cartel da foto necesita con urxencia un cambio, o forno tamén empeza a estar comido pola vexetación ao igual que o túnel de carga da parte posterior do que xa non se pode aprezar nada.

 
Seguimos camiñando polo medio de árbores diversas nas que agora predomina o eucalipto pero tamén vexo bastantes bidueiras, carballos novos e algún castiñeiro.
 
De súpeto, ábrese a paisaxe a terras de labor. Estou nunha zona alta pero non me din conta da subida xa que o desnivel é moi pouco ata aquí.,
 
Dende este alto vemos as cores verdes de prados e árbores e a cor marrón das terras de labranza, salpicadas por aldeas.
 
Avanzamos agora entre piñeiros:

Segundo imos baixando  ante nós ábrese a paisaxe e vemos Ribadeo, Tapia e diversas aldeas esparcidas cerca do Cantábrico.



Miremos onde miremos as panorámicas son únicas.A praia de Penarronda coa súa característica rocha furada vese perfectamente...

As vacas pacían tranquilamente pero en canto me viron, achegáronse como querendo saudarme:

Xa chegando ao cruce onde a ruta se fai circular, vemos estes fermosos acivros.


Mirando cara atrás, vemos o camiño percorrido. Acabo de pasar ao pé de aquela casa blanca, solitaria:

Na área recreativa vemos esta vella apisonadora

Vou achegándome a Tol.

Ao subir non me fixara neste vello e abandonado cemiterio que quedou aí, no medio da vila, ao contruir outro que si vin ao lonxe.
 
A igrexa de S. Salvador que ten diante unha enorme oliveira:

 E xa cheguei de novo ao lugar onde aparcara o coche. Vemos sinais do Camiño Norte de Santiago que pasa por aquí:
 
Nas antigas escolas está actualmente o albergue de peregrinos:
 
Este corazón gustoume. 

Aquí finaliza esta ruta que merece ser máis coidada e que a acondicionen debidamente poñendo máis puntos informativos nas minas, pensando ademais que a ruta leva precisamente ese nome "das Minas" así que eu considero fundamental que se pretenden dar a coñecer con esta ruta o pasado mineiro da localidade, teñen que incidir máis para o seu coñecemento.
Tamén se debería sustituir o cartel informativo que está no forno xa que o actual está moi deteriorado, sinalizar mellor dous cruces,...etc.