Aló polo 2016 empecei este Camiño Natural que aínda rematei o pasado ano 2022. Funo pospoñendo moitas veces por outras rutas xa que moitos dos tramos xa os tiña coñecidos e camiñados ao pasar moi preto de onde vivo. Este ano remateino e aínda que moitos dos tramos xa me eran coñecidos, descubrín en cada un deles algo novo.
Este Camiño está realmente dividido en 8 etapas pero eu separeinas en tramos á miña conveniencia.
Vou facer un resumo poñendo un enlace a cada tramo que xa hai no blog e contando o máis reseñable para mín de cada un.
TRAMO 1: RIBADEO-RINLO
O máis destacable:
- O porto de Ribadeo.-
Ten dúa partes: O porto comercial Mirasol, e o deportivo, Porcillán, que é un dos 4 portos deportivos de Galicia con bandeira azul e o único da provincia de Lugo con este distintivo.
|
Porto deportivo de Porcillán |
- O Cargadoiro.-
É un lugar que alberga os restos do que foi un antigo cargadoiro de mercadorías, un punto onde descargaba o tren para os barcos coa axuda dun guindastre, facilitando deste xeito o comercio con barcos de gran calado que non tiñan necesidade de entrar na ría dependendo das subidas e baixadas das mareas.
No cargadoiro descargaban o mineral de ferro fundido extraído nas minas da Pontenova. Ata aquí chegaba o ferrocarril da Sociedade Mineira de Vilaodrid para traladar por mar o mineral a distintas partes de Europa.
Este lugar quedou despois no abandono e só se mantiñan os piares de pedra derriba do mar. Encima deles, no sitio onde estaban os raíles, colocouse nos anos 90 unha pasarela de madeira que fai as veces dun excelente miradoiro.
|
O Cargadoiro |
- O Forte de S. Damián.-
foi construido nun punto estratéxico e de difícil acceso, polo Marqués de Cerralbo no S. XVII. A súa misión era protexer a entrada da ría ante posibles ataques por mar, polo que foi provisto de artillería.
|
Forte de S . Damián |
Illa Pancha.-
Alberga os dous faros de Ribadeo. O antigo, de planta cuadrada e hoxe rehabilitado para o turismo, e o actual que funciona como faro con franxas negras e brancas. A illa está unida a terra firme por medio dunha pequena ponte.
|
Illa Pancha |
- A vila de Rinlo.-
É unha parroquia de Ribadeo, a máis pequena en extensión. Foi unha típica vila de pescadores cun importante porto debido ás moitas capturas e tivo unha das primeiras confrarías de España.
|
Rinlo |
O máis destacable:
As cetáreas de Rinlo.-
Eran lugares que aproveitaban a entrada natural da auga do mar para criar marisco. Pechábanse muros para encorar as augas e alí se depositaban os animais: nécoras, langostas, bois de mar...
Praias dos Xuncos, dos Castros, de Esteiro...
Praias pequenas, con moito encanto e en algún caso rodeadas de espectaculares formacións rochosas.
- A praia de As Catedrais.Monumento Natural no que en marea baixa podemos ver como o mar durante anos de erosión foi debuxando nos cantís un conxunto arquitctónico de arcos, bóvedas e columnas que a fan ser considerada como das praias máis fermosas domundo e que recibe cada ano milleiros e milleiros de visitantes.
|
Praia As catedrais ou Augasantas |
O máis destacable:
A cantidade de praias polas que pasamos. É o tramo do Camiño no que máis praias veremos.
|
Praia Fontana Balea |
|
Praia Anguieira |
|
Praia Pena de Altar |
TRAMO 4.- PRAIA DE ANGUIEIRA-PORTO DE FOZ
O máis destacable:
A praia de Anguieira.-
Ubicada na ría que forma o río Masma na súa desembocadura. É unha praia de augas tranquilas como todas as das rías e con area e pedras. Normalmente está bastante concurrida en verán. Esta praia dispón dunha rampa para botar embarcacións en marea chea.
|
Praia de Anguieira |
O entorno da ría.-
A praia de Anguieira xunto coa de S. Bartolo e a de Altar atópanse dentro da ZEPA (Zona Especial de Protección para as Aves) Ría de Foz- Masma.
|
Ría de Foz |
|
Ría de Foz |
A lagoa dos Patos.-Moi fermosa e onde con sorte poderemos ver parrulos e outras aves.
|
Lagoa dos Patos |
Vistas dende Mañente:
As vistas sobre a ría de Foz subindo cara ao barrio de Mañente (parroquia de Vilaronte) son extraordinariamente fermosas.
|
Vistas da ría dende Mañente |
O paseo de Malates.-
Moi coñecido e frecuentado pola xente da zona , sobre todo da vila de Foz e do barrio de Mañente por quedarlle moi próximo.
TRAMO 5 .- PORTO DE FOZ-PORTO DE FAZOUROO máis destacable:
O paseo marítimo de Foz.-
Fermoso e longo paseo á beira do Cantábrico e moi frecuentado pola xente local e polos veraneantes en época de vacacións.
|
Paseo marítimo de Foz |
O entorno de A Pampillosa .-
Nesta praia desemboca o río Ouro e aínda que non é nada boa para o baño pola cantidade de pedras que ten, o entorno con dúas áreas recreativas e 3 pontes é moi fermoso.
|
As 3 pontes en Fazouro |
O portiño de Fazouro.-
Recuncho moi abrigado que servía de porto natural ás pequenas lanchas da parroquia. Aínda se conserva algunha cabana de pescadores onde gardaban as lanchas e utensilios de pesca.
|
Porto de Fazouro. |
TRAMO 6.- CASTRO DE FAZOURO- PRAIA DE AREOURA (FOZ)
O máis destacable:
O Castro de Fazouro.-
Este castro, único que existe na costa cantábrica galega, está datado entre os séculos I e III d.C. Foi excavado nos anos 1963 e 1965 e as últimas actuacións no mesmo relizáronse entre 1988 e 1993.
|
Castro de Fazouro |
Paseo marítimo de Cangas.-
É un paseo curto pero moi fermoso.
|
Paseo marítimo de Cangas |
Praia de Areoura.- Praia que pertence ao concello de Foz pero moi frecuentada por xente de Burela debido á súa proximidade a esta vila. É una praia abrigada moi boa para o baño.
|
Praia de Areoura |
TRAMO 7.- BURELA- S. CIBRAO (CERVO)O máis destacable: Entorno da praia A Marosa (Burela).-
Praia en forma de cuncha, idónea para os amantes do surf xa que ten moita ondaxe. A ruta lévanos por un carreiro dende o que divisamos as rochas e cantís formando unha paisaxe fermosa.
Pequena e fermosa praia na desembocadura do río Xunco.
Foi construído por un nobre irlandes chamado O´Connor que fuxía das persecucións relixiosas no seu país no S. XVI. Chegou a esta zona e vendo o que se parecía no verdor á súa terra, quedouse a vivir aquí construíndo este pazo. No seu interior aínda se conserva o mascarón de proa do barco no que viaxou.
|
Pazo de Pedrosa. |
S. Cibrao.-Entramos pola Praia da Caosa.
S. Cibrao é unha península pequena pero moi fermosa que acumula nun espazo pequeno tres praias magníficas, un paseo marítimo que dá gusto percorrer; un porto pequeno e acolledor; a Punta da Atalaia onde se atopa o faro e dende o que hai unhas vistas grandiosas sobre o Cantábrico.
|
Praia da Caosa |
Estas ruínas son chamadas " O castelo" tal vez pola súa forma. Realmente, son os restos dunha fábrica de salazón. No ano 1921 sufriu un incendio e xa non sería reconstruída.
|
O Castelo |
Na Punta da Atalaia temos o faro. O 1º foi construido no ano 1864 e despois reformouse nos anos 20.TRAMO 8: S. CIBRAO-PORTO DE MORÁSO máis destacable:
Ría de Lieiro.-
Formada pola desembocadura do río Covo.
Ponte medieval de R. Covo.- Construíuse no medievo para poder cruzar o río cando a marea está alta. É semellante ás pontes romanas e atopamos outras en Cangas de onís, Navia de Suarna...
Ten un único ollo e de forma oxival. Foi restaurada polo concello de Cervo no ano 1986
Praia de Lago.-
Mide 650m de lonxitude, é unha praia de area moi fina e é algo ventosa. Atópase nunha zona illada, lonxe das casas. As únicas instalacións que se divisan son as industriais.
Esta praia conta cun importante sistema dunar separando a praia da área recreativa.
Porto e praia de Morás.-A praia de Morás, de 80m, de lonxitude é tranquila pola situación e polas poucas ondas. A carón desta praia atopábanse as antigas instalacións baleeiras de Morás xa que a pesca da balea tivo unha grande importancia no pasado
O máis destacable:
Os dolos.-
Formacións de formigón que se fabricaron aquí para a realización do espigón de abrigo do porto da fábrica de aluminio nos anos 70 do pasado século. Os Dolos
Cantís de papel.-
Chamados así debido á súa apariencia formando pregos, dobreces, formas singulares que fan pensar en papeis pero tamén fan pensar en titáns, en grandes monstros que impoñen pola súa envergadura. Son unhas inmensas formacións graníticas duns 40 m. de altura.
|
Cantís de papel |
Illa de Sarón.- Oficialmente coñecida como Ansarón. A súa altura é de 83m. e a superficie é de aprox. 10 hectáreas o que a convirte nunha das maiores illas da costa lucense. Son famosos os seus cantís por seren uns dos maiores productores de percebes de alta clase. A illa atópase a uns 200m. da terra firme.
|
Illa de Sarón |
As vistas.-Ao longo do percorrido desfrutaremos dunhas excepcionais vistas sobre o mar Cantábrico e a súa costa.
|
Vistas |
Praia de Portocelo.-
Conta cos servizos de socorrista, duchas e baños impecablemente limpos. Semella unha piscina debido ao espigón do muelle que a protexe, non é nada perigosa, moi, moi cha e ten ademais todo arredor árbores onde podes atopar sombra.
En marea baixa podemos pasar camiñando ao outro areal que vemos á esquerda, a praia de Canela.
|
Praia de Portocelo |
O máis destacable:
Ruínas de S. Tirso
Aquí houbo un mosteiro que se edificou sobre un castro anterior. En setembro de 2018 empezaron as excavacións que permitiron atopar unha necrópole altomedieval con 5 tumbas. Esta necrópole podería estar relacionada co mosteiro anterior. Tamén descubriron casas castrexas de hai 2000 anos.
Miradoiro de Nacente
Dende aquí vemos o camiño percorrido, as ruínas de S Tirso, a enseada de Portocelo e moi ao lonxe, o Alto do Cruceiro:
Foi construido na década dos oitenta. Empezou a alumear no 1984. Mide 94 m. A súa construcción foi necesaria polo alto nº de naufraxios que había nesta costa.
Moi preto do anterior miradoiro. Vemos ao lonxe a illa Coelleira e a Punta de Estaca de Bares:
Acadámolo despois dunha forte subida. Dende el vemos Punta Roncadoira e o faro.
Moi apta para a práctica do surf e cun importante espazo dunar.
O máis destacable:
Praia de Esteiro (Xove)
A praia de Esteiro é a máis salvaxe do concello de Xove e conta cunhas boísimas condicións para a práctica do surf, de feito vimos a tres surfistas na auga. É un espazo protexido pola Rede Natura 2000 xa que conta cun gran sistema de dunas
|
Praia de Esteiro (xove) |
Cala de Portonovo: É unha cala escondida con moitos coios a algo de area pero pouca. Ao estar tan illada e ser tan pequena ten unha ocupación moi baixa.
|
Cala de Portonovo |
Miradoiro de Monte FaroA ruta non pasa por aquí pero vale a pena achegarse (2km. ida e volta) Miradoiro nun entorno moi coidado e con excelentes vistas.
|
Miradoiro do Faro |
Praia de Area.-Ten uns bos accesos, un gran aparcadoiro, un amplo paseo paralelo á praia, hoteis, restaurantes...Ten unha gran ocupación no verán e as súas augas turquesa son moi tranquilas.
No noroeste da praia temos a illa de Area que é un importante refuxio para aves mariñas.
|
Praia de Area |
Celeiro.-Vila situada na ría do concello de Viveiro ao que pertence. É unha vila escalonada mirando ao porto que posee, un dos máis importantes do Cantábrico tanto en volume de pesca como en ventas, caracterizado pola flota que vai pescar ao Gran Sol onde se pesca a famosa pescada do pincho, distinguida como "Galicia Calidade"
O máis destacable:
Viveiro.-
É recomendable visitar esta cidade de máis de 900 anos de historia que ofrece un casco antigo excepcional con monumentos como a Porta de Carlos V, a Porta da Vila, varias igrexas, casas con corredores e galerías acristaladas, a Ponte da Misericordia...
|
Porta de Carlos V en Viveiro |
Paseo Marítimo de Covas.- Tamén chamado Paseo do enxeñeiro Martín Ledesma mide case 2 km.
Praia Seiramar e os Castelos.-No S. XIX naufragaron contra elas ao mesmo tempo a fragata Sta.Mª Magdalena e o bergantín Palomo nunha noite de temporal causando máis de 500 vítimas. En varios recunchos da cidade atópanse restos dese naufraxio.
|
Praia Seiramar e Os Castelos |
Parque Etnográfico da Insua.- (desviándose da ruta)O Cargadoiro era a zona onde se descargaba o mineral procedente da mina de Silvarosa (ferro) a través de cable aéreo durante máis de 5 km., algo pioneiro en Galicia. Esta actividade industrial foi moi importante en Viveiro dende finais do S. XIX ata os anos 60 do S. XX xa que daba traballo a moita xente.
Hoxe, esta zona está convertida nun lugar de ocio e área recreativa cun excelente miradoiro.
|
Parque etnográfico da Insua |
Cova da Doncela.-(desviándose da ruta)Xa no municipio de O Vicedo. Conta a lenda que nesta cova vivía unha fermosa doncela encantada por un rei moro. De cabelos rubios e vestida de branco, cada ano na noite de S. Xoán baixaba polos cantís para bañarse e peitearse cun peine de ouro e brilantes. Logo volta á súa cova da que non volve sair ata o próximo ano. Máis crible é a versión de que nesta cova contrabandistas e piratas agochaban os seus tesouros.
|
Cova da Doncela |
Praia de Abrela.-
Fermoso areal cunha área dunar na que se asentan piñeiros. Unha pasarela de madeira e bancos e mesas conforman un fermoso merendeiro. Nesta praia temos tódolos servizos, incluido un chiringuito moi ben considerado que só abre en verán. En época de ondaxe, esta praia é moi frecuentada por surfistas.
|
Merendeiro en praia de Abrela |
Cruz de S. Román.-
Esta cruz lembra a catro dos oito tripulantes do balandro "Drácula" que morreron cando esta embarcación naufragou.
Dos outros catro tripulantes, dous deles, despois de máis de 4 horas nadando, chegaron ata a praia de S. Román xa de noite e deron a voz de alarma para rescatar a Carlos e Margarida que eran noivos e deran chegado a unhas rochas onde foron rescatados por un pescador de S. Román que dende a súa lancha os oeu berrar.
|
Cruz e praia de S. Román |
TRAMO 13: PRAIA DE S. ROMÁN- PORTO DE O VICEDO
O máis destacable:
Praia de S. Román.-
Praia que se atopa no seu estado natural, pouco modificada, e que ten unhas pasarelas de madeira para non estropear o importante sistema dunar que ten. É unha praia moi ventosa e con algún obsevatorio de aves.
|
Praia de S. Román |
Miradoiro de Moreiras.-Dende este miradoiro podemos devisar ao lonxe a entrada da ría de Viveiro, a costa de Xove coa praia de Esteiro e a Punta Roncadoira e tamén Punta Socastro popularmente coñecida como "Fuciño do Porco".
|
Miradoiro de Moreiras ou S. Román |
Miradoiro de Tixoso.-Mesmas vistas que o miradoiro anterior. Tamén vemos a cala de Tixoso con acceso só por mar.
|
Miradoiro e praia de Tixoso |
Miradoiro das Laxes.-Excelente miradoiro á Illa Coelleira, a máis grande do Cantábrico galego. Está coroada por un faro e houbo nela un mosteiro de monxes benedictinos que foi arrasado pola incursións normandas. Debe o seu nome a que antigamente había aí moitos coellos.
|
Miradoiro das Laxes e Illa Coelleira. |
Praia de Xilloi.-Situada na entrada da Ría do Barqueiro ten unhas augas moi tranquilas debido a esta situación. É de area branca e moi fina e ten un importante sistema de dunas. É unha praia que dispón de todo tipo de servizos.
Pequena cala fermosísima onde as augas están case sempre tranquilas e son transparentes e moi azuis.
|
Praia de Caolín |
Praia de Vidreiro.-
Case pegada á anterior é unha pequena praia, de augas transparentes e area moi fina.
|
Praia de Vidreiro |
Porto de O Vicedo.-
Pequeno porto deportivo e pesqueiro ubicado na ría do Barqueiro.
O máis destacable:
O Vicedo.-
Vila pegada ao Cantábrico onde están a praias de Fomento e a de Arealonga. Fóra da propia vila é onde atopamos o máis interesante deste concello: fermosísimas praias polas que xa pasamos, miradoiros, Punta Socastro onde está o famoso Fuciño do Porco, o entorno do río Sor...
|
O Vicedo |
Paseo Marítimo de O Vicedo.-Chamado "Paseo de Moledos". É un curto paseo pero cunhas impresionantes vistas sobre o porto de O Vicedo, a praia de Arealonga e a vila de O Barqueiro.
|
Paseo de Moledos no Vicedo |
Praia de Arealonga.- É a máis longa do concello e está na fronteira entre O Vicedo e O Barqueiro. É unha praia de area fina, resgardada, en plena ría de O Vicedo.
|
Praia de Arealonga |
Desembocadura do río Sor.-O río Sor desembocando no Cantábrico e formando a ría do Barqueiro é unha das imaxes máis fermosas deste tramo e para mín, de todo o percorrido deste Camiño Natural.
As 3 pontes.-
Das tres ponte que hai xuntas salvando a desembocadura do Sor, a metálica foi a 1ª inaugurada e 1901 para o paso de vehículos e pechada en 1980 polo seu deterioro. No 2005 foi restaurada e habilitada como ponte peatonal.
A 2ª é a ponte de FEVE Ferrol-Oviedo construída nos anos 60 (a máis oscura da foto)
A 3ª ponte construída nos anos oitenta é para a circulación de vehículos na estrada AC-862
|
As 3 pontes na ría do Barqueiro |
O Barqueiro.-O Barqueiro pertence á parroquia de Mogor dentro do concello de Mañón. O Barqueiro é a capitalidade do municipio. É unha vila pequena, mariñeira, moi fermosa. A casas están dispostas de xeito escalado.
|
O Barqueiro |
Entorno da Praia de Esteiro.-
Ao redor desta praia hai un inmenso piñeiral con mesas, bancos , zona de barbacoa, parque infantil e un pequeno restaurante. Trátase dunha zona moi fermosa para pasar un día de relax.
|
Piñeiral na praia de Esteiro (Mañón) |
O mais destacable:
Desembocadura do río Esteiro (Mañón).-
Formando un fermoso esteiro vemos o río do mesmo nome a punto de desembocar no Cantábrico.
|
O río Esteiro formando un esteiro |
Punta Vilardeira.-
A praia de Esteiro está situada entre a Punta Herbosa que vemos de frente e esta na que nos atopamos, Punta Vilardeira. Esta praia é moi ventosa e axeitada para a práctica do surf.
|
Praia de Esteiro dende Punta Vilardeira |
Cantís impresionantes.-Este tramo do Camiño Natural do Cantábrico é dunha impresionante beleza. Ao longo do percorrido non deixaremos de ver impoñentes cantís e praias virxes ás que só se accede por mar.
|
Impresionantes cantís |
Bancos.-
Antes de chegar ao famoso Banco de Loiba, atopei 5 antes, algún incluso con mesa. Non sabería dicir cal me pareceu máis fermoso!
O máis destacable:
Praia de Sarridal.-
Tamén chamada Ribeira Grande é un inmenso areal de moito ondaxe e ventosa. Situada aos pés de grandes cantís e nun entorno protexido como LIC (Lugar de Importancia Comunitaria)
Esta praia é tremendamente solitaria e salvaxe e o único acceso que ten é un estreito carreiro por un acantilado cunha corda para axudar a baixar e a subir.
|
Praia de Sarridal ou Ribeira Grande |
Pena Furada.- A erosíon do vento e a auga debuxaron así esta pedra con dous buratos.
|
Pena Furada |
Praia de Bimbieiro. En 1º termo vemos a praia de Bimbieiro e ao fondo a de S. Antón.
|
Praia de Bimbieiro |
Praia de S. Antón.-Enclavada na parte norte da vila ten sobre 500m de lonxitude. É unha praia con tódolos servizos e moi boa calidade de auga por eso recibe a bandeira azul cada ano.
|
Praia de S. Antón |
Casa da Vela.- Garita reconstruída e que formaba parte dun sistema defensivo e de vixiancia propio dos S. XVI e XVII en toda esta zona de costa, debido aos ataques que sufrían por parte de piratas, sobre todo ingleses.
|
Garita ou Casa da Vela |
Castro de Punta dos Prados.- É un pequeno poblado (dá a sensación de non estar todo escavado) Está sobre unha penísula ao igual que a maioría de castros marítimos xa que así aproveitaban as condicións naturais de defensa dos cantís e na zona do istmo, construían as vivendas.
|
Castro de Punta dos Prados |
Praia de Santa Cristina.-Tamén chamada Praia dos Namorados está legada ao porto de Espasante.
|
Praia de Santa Cristina |
Porto de Espasante.-
Nunha vila de gran tradición pesqueira, o seu porto concentra gran parte da pesca do municipio e é un dos motores económicos do municipio.
|
Porto de Espasante |
Praia da Concha.-No lado contrario á de S. Antón (Non esquezamos que estamos nunha península) é moi fermosa, o seu nome vén da forma que ten. É unha praia grande e tranquila de area fina e está rodeada dun sistema dunar e dun fermoso paseo.
|
Praia da Concha |
E ata aquí chegou o resumo dos tramos deste Camiño Natural do Cantábrico que eu fun facendo pouco a pouco para desfrutar de cada recuncho polo que pasei.
NOTA: Pinchando no nome de cada tramo, tedes acceso ás entradas do blog onde aparecen moitos máis detalles e explicacións, fotos e o track de cada tramo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario