xoves, 20 de abril de 2023

CASCADA IGUALTA + LA HUELLA DEL ORO (TINEO)

 



Tineo é un concello asturiano no que aínda non realizáramos ningunha ruta e non porque non teña ruas interesantes senón porque as estradas que hai para chegar son complicadas, con moitísmas curvas e ás veces non moi anchas e con firme en estado regular como ocorre por exemplo indo por La Espina por onde nos fomos á ida e que me pareceu unha estrada insufrible, tanto que ata me mareei, eu, que non me mareo nunca! 

Tineo é o 2º concello máis extenso de Asturias e un dos que ten unha densidade de poboación máis baixa. É un territorio de montaña, cunha altitude media elevada e fortes pendentes (nas 2 rutas que fixemos poidemos comprobar que aínda que eran moi curtas, tiñas as dúas bastante desnivel) Estes territorios teñen case sempre unha gran riqueza paisaxística e cultural.

Hoxe realizamos dúas pequenas rutas neste concello, unha pola mañá e outra despois comer no restaurante "La Vinoteca" estupendamente unha comida abundante e ben cociñada e cun servizo moi bo no que imperaron a rapidez e a amabilidade.

A 1ª ruta realizada pola mañá, foi:

CASCADA IGUALTA

Características.

Lonxitude: 3 km.

Dificultade: fácil

Ruta lineal que fixemos circular (Ida e volta polo mesmo sitio)

O meu track en WIKILOC:

A miña valoración desta ruta: 🔆🔆🔆

Descripción:

Saimos de Máñores, unha pequena aldea que pertence á parroquia de Tineo, a onde está case pegado.

Máñores

En Máñores vimos moitos hórreos e paneiras tradicionais:

Máñores

Unha paneira moi peculiar, situada a moita altura:

Empezando a ruta e ao ir alonxándonos de Máñores vemos moi ben esta aldea e Tineo.

Máñores e ao fondo, Tineo

Abandonamos a aldea por un camiño de carro:

Se miramos á esquerda vemos Máñores e Tineo. 

Tineo ten unha puxante industria e actividade agroalimentaria, sendo un dos maiores productores de leite de Asturias. Nos arredores da vila vemos grandes pradeiras.
 
Agora empezamos a baixar cara á cascada:

Baixada con bastante desnivel que despois haberá que subir...

A cascada de Igualta aparece documentada no S. XVI. Era usada polos veciños da zona para lavar as ovellas antes do esquilado.
Está formada polo rego de Máñores.
Cáscada de Máñores

Nesta época escasa en chuvias, a pesares de estarmos en abril, non leva moita auga.
Cascada de Máñores

Voltamos polo mesmo camiño da ida e ao entrar de novo en Máñores fixámonos nesta zona onde hai un lavadoiro cuberto, unha fonte e un banco nunha zona de relax rodeada por árbores.

O noso coche quedara aparcado xunto á igrexa de Máñores (non hai moito máis sitio para facelo) e chamounos a atención ver que unha das portas está tapiada e, no frente, onde está o campanario hai unha porta totalmente inapropiada para unha igrexa. Ademais aparece moi descoidada ao redor e cunha vivenda que parecía abandonada pegada a un dos muros da igrexa.
Igrexa de Máñores cunha vivenda pegada a un muro

Neste templo había unha talla da Virxe de Máñores que foi trasladada ao Museo Sacro de Tineo. Ao quedar sen a súa Virxe, os veciños empedzaron a chamarlle a esta igrexa "Santo Cristo de Máñores".
Esta igrexa está situada no Camiño de Santiago Primitivo.
Igrexa do Santo Cristo de Máñores

Despois de comerr en Tineo en "La Vinacoteca" demos un pequeno paseo pola vila. Esta vila  ten zonas que son un verdadeiro balcón natural:

Tineo foi importante xa durante o Imperio Romano pola explotación dos seus resursos auríferos (Despois faremos unha rutiña en Navelgas onde teremos ocasión de contemplar unha destas explotacións) adquireu o seu máximo esplendor durante os S. XII ao XV debido en gran parte ao Camiño de Santiago Primitivo. De feito, ser ser aínda época de vacacións, vimos moitos peregrinos por Tineo.
A foto seguinte corresponde á Praza do Concello ou "Plaza del Ayuntamiento" que é o centro neurálxico da vila. O edificio da Casa Consistorial é de principios do S. XIX construido sobre o solar dunha antiga casa de labranza. Foi reformado a principios do S. XX.
Edificio do Concello na Praza do mesmo nome

Noutro lado da Praza do Conecello atopamos o Pazo de Merás construido no S. XVI e que é un dos mellores exemplos de arquitectura civil de Asturias. Durante o S. XX foi casino,almacén de viños, academia...ata a actualidade que foi rehabilitado como hotel.

                                                             Pazo de Merás

Pegada á praza anterior está a Praza do Fontán que foi o antigo centro comercial da vila onde se celebraba o mercado de gando ovino e porcino tódolos xoves.
Esta praza está rodeada de edificios de arquitectura popular urbana do S. XIX como galería acristaladas e balcóns de ferro forxado. Aquí tamén se atopa a Oficina de Información Turística que visitamos e onde nos proporcionaron toda esta información que escribo.
Praza O Fontán

Como queríamos facer outra ruta, o tempo non deu para máis visitas nesta vila. Somos conscientes que nos quedou moito por ver como o templo primitivo de S.Pedro, a igrexa de S.Pedro, o Pazo dos García de Tineo, o Paseo dos Frades...etc que deixamos para outra ocasión espero que non moi lonxana, xa que está na miña intención realizar o Camiño Primitivo de Santiago en datas vindeiras e  pasa por esta vila.

                                         LA HUELLA DEL ORO (PR.AS-195)

Como Navelgas nos quedaba no camiño de volta á casa (decidimos voltar por calquera estrada que non fose pola Espina), decidimos realizar nesta localidade outra ruta, neste caso moi curtiña pero interesante.
Navelgas, situada na parte noroccidental de Tineo, é unha parroquia deste último concello. É chamada tamén "El Cuarto de los Valles" e é a 2ª pobación máis importante do concello de Tineo, por detrás da propia capitalidade. Tradicionalmente foi o centro económico e de servizos da comarca.

"Galardonada con el Premio al Pueblo Ejemplar 2003 de la Fundación Príncipe de Asturias “...por su continuado y compartido esfuerzo en la recuperación en la recuperación y mantenimiento de sus tradiciones y recursos naturales“. El jurado valoró su acierto en revivir un trabajo tan ancestral y singular como el bateo de oro, actividad que dio proyección internacional a la localidad." (navelgasoro.com)

A ruta La Huella del Oro vai permitirnos coñecer o pasado vinculado ás minas de ouro desta localidade e explotadas en época da dominación romana.

Características da ruta:

Lonxitude: 1,5 km.

Dificultade. Moderada (aínda que é unha ruta super curta ten unha importante subida e baixada)

Ruta circular ben sinalizada e acondicionada. De tódolos xeitos deixo o meu track con fotos e explicacións en WIKILOC

A miña valoración desta ruta: 🔆🔆🔆

Descripción 

Esta ruta circular pódese empezar na Área Recreativa de Navelgas ás aforas da vila, ou ben na estrada AS-219 ond etamén hai outro acceso sinalizado.
Nós empezamos na área recreativa . Aquí hai paneles informativos que nos din que xa antes dos romanos se coñecía a minaría do ouro en Asturias; naquel entón, o ouro era obtido das areas auríferas que transportaban algúns ríos, mediante a técnica do bateo (botábase area no fondo dun recipiente e mediante movementos xiratorios íanse obtendo pepitas ou láminas de ouro)
Área recreativa de Navelgas, inicio e fin da ruta

Todo o percorrido vai polo medio dun fermoso bosque. O sustrato calizo que propiciou no seu momento a mineralización do ouro, condicionou tamén a aparición de determinadas plantas e árbores e así abundan os freixos, abelairas, salgueiros...
Camiño

Camiños con peches ancestrais.

Hai unha bifurcación que, se queremos, nos leva a un caleiro (un forno que se empregaba para producir cal a partires da pedra caliza e que era moi empregada para abono, desinfección de lugares, de feridas dos animais, de protección dos troncos das árbores...) Nos poñía a distancia que había e non nos achegamos. Agora pésame porque lin que hai poucos metros e vale a pena de ver sobre todo o entorno onde aínda quedan restos do antigo caleiro.
Bifurcación. Á esquerda iriamos ao caleiro

Lemos nun cartel da ruta que non se dan as bidueiras neste bosque pero eu xuraría que os que vemos na foto seguinte son easa árbores.
Bosque


Baixo o dominio romano, a obtención do ouro fíxose nos xacementos en rocha mediante complexas técnicas para o que necesitaban gran cantidade de auga; para esto desviaron ríos e regos e crearon unha complexa e densa rede de canles e depósitos.
Trincheiras subterráneas que empregaron para a explotación mineira pódense ver nesta ruta:

Despois de dous séculos de actividade, as minas foron abandonadas deixando toda a área devastada con numerosas covas e rochas desnudas conformando unha paisaxe lunar que pouco a pouco foi cubríndose de vexetación diferente á do resto do val xa que se asentou en rochas ácidas. Diferente fentos, brión, ruscus, edras...e árbores que xa nomeei foron creando un manto vexetal novo.
 
Esta paisaxe nada ten que ver coa que houbo en séculos pasados. Navelgas é un val froito da actividade mineira explotada polos romanos cando para buscar ouro desmontaron montañas.

Na seguinte foto vemos a mina chamada Entrepeñas:
Mina Entrepeñas
 
Vemos que ten auga.
Mina Entrepeñas

Detrás do panel da foto vemos unha xoxa ou corripa. Era unha construcción circular que se levantaba no mesmo bosque, ao pé dos castiñeiros para almacenar os ourizos sen abrir. Tapábanse con felgos e maleza para conservar a humidade ata que as castañas se despredían por si mesmas do ourizo.

A ruta a pesares de ser moi curtiña é toda unha lección sobre as minas de ouro explotadas polos romanos e de como a paisaxe foi tranformada para converterse actualmente nun fermoso bosque.

Rematamos a ruta voltando á área recreativa pola parte de arriba, onde aparcáramos o coche xunto a unha boleira. Os bolos celta son dende sempre un deporte autóctono desta zona.
Boleira na área recreativa.

Na área recreativa de Navelgas empezamos e rematamos.
Área recreativa de Navelgas

E ata aquí a nosa 1ª visita a Tineo. No camiño á casa, vimos os estragos que fixeron os incendios de días pasados. Aínda cheiraba a queimado. Unha inmensa pena ver así a paisaxe!!






Ningún comentario:

Publicar un comentario