A intención de hoxe era rematar no Porto de Espasante pero ao chegar á aldea de Mazorgán faltaba un sinal nun cruce e en lugar de pillar á dereita pola ruta oficial, crucei toda a aldea e desemboquei uns metros máis abaixo nunha estrada. Viñan dúas persoas facendo deporte e pregunteilles se ía ben e dixeron que sí, que seguira. Efectivamente, seguín pero xa me din conto ao pouco de que non ia ben xa que non vía sinal ningún cando adoita habelos a miúdo. Non me apetecía dar a volta polo que decido rematar aí o tramo de hoxe.
Saín do concello de Mañón e rematei no de Ortigueira, ámbolos dous na provincia de A Coruña.
Características:
Lonxitude:10 km.
Dificultade: baixa.
Ruta lineal ben sinalizada agás na aldea de Mazorgán onde me perdín.
A ruta en WIKILOC:
Descripción:
Saio da praia de Esteiro pola pasarela de madeira entre piñeiros
A pasarela serve para protexer o espazo dunar que ten esta praia.
Imaxe das dunas xunto á desembocadura do río Esteiro:
Unha ponte atravesa o río:
Ao rematar a ponte, xiro á dereita por esta pista.
Deseguida chego aos cantís de Punta Vilardeira cunha fabulosa vista da praia de Esteiro que acabo de deixar entre Punta Herbosa e Punta Vilardeira:
E vexo un banco!1 Non, non é "o máis fermoso do mundo" pero podía selo. Depende do que cadaquén guste de mirar.
Os cantís de Punta Vilardeira impresionan!
|
Cantís de Punta Vilardeira |
Azul e verde formando unha imaxe ben fermosa no meu percorrido:
Unha boa situación a desta mesa e bancos para cando non sopre o vento do mar, claro.
Que erosionada é esta costa!! Ao fondo de todo, vemos Cabo Ortegal:
A pequena praia de Lousido non ten acceso por terra.
Dende aquí vese ben o camiño que traio percorrido. Fermosísima costa!!
Este tampouco é o "Banco máis fermoso do mundo", pero tamén podía selo...
Chego á pequena aldea de O Picón que teño que atravesar. Xa estou no concello de Ortigueira.
|
O Picón |
A praia de O Picón ten acceso por unhas escaleiras. |
Praia de O Picón |
Vistas da aldea de O Picón e a súa praia. |
Aldea e praia de O Picón
Algo máis adiante, hai unha baixada para a praia de As Furnas onde aparecen unhas casetas de pescadores. |
As Furnas
E aquí está, un pouco máiss adiante da aldea e praia de O Picón o archifamoso banco ao que se achega moita xente con solo o afán de sacar a foto. Non saben o que se perden se non realizan esta fantástica ruta!!
Ata aquí pódese chegar en coche e vin que están abrindo outra estrada moito máis ancha para acceder mellor ao lugar, van habilitar rotondas, aparcadoiros para que entren autobuses...etc Enfín, eu dende logo en verán non penso ir, hoxe estiven completamente sola! Todo para mín!!!
O famoso banco de Loiba
O banco está situado no Miradoiro do Coitelo dende onde podemos ver estas rochas que teñen forma afiada.
Agora o camiño adéntrase cara ao interior:
E nuns metros, lévanos á area de descando O Cadaval que queda fóra da ruta, pero son só uns pouquiños metros e vale a pena chegarse a ver outra vez o mar.
|
Área de descanso e miradoiro de O Cadaval |
Dende o miradoiro anterior, cara ao oeste, temos a praia Gaivoteira.
|
Praia Gaivoteira |
Pouco despois, un sinal indícanos un desvío para Pena Furada e aló vou!
O miradoiro de Pena Furada está situado sobre a praia de Sarridal. Este areal remata nunha impresionante rocha con dous buratos debido á erosión do mar e o vento.
Estas praias salvaxes que vexo son moi coñecidas pola súa riqueza en algas.
Esa é a baixada para a praia do Carro, chamada así porque por ese camiño baixaban e subían os carros cargados de algas que abundaban especialmente nesa praia. Eran as mulleres as que realizaban estes traballos no pasado, sendo unha axuda á economía familiar noutros tempos. Eran usadas como abonos e tamén na industria farmacéutica, na cosmética...etc
|
Baixada á praia do Carro |
Dende un punto do percorrido, vexo ao lonxe S. Xulián de Loiba que é a parroquia de Ortigueira que estou pateando. Tamén pisarei a de Céltigos
Toca agora a parte menos atractiva do percorrido, atravesar un monte de eucaliptos por unha pista que serve de vía de comunicación entre aldeas próximas. (Sobre 2 km.) |
Atravesamos un eucaliptal |
E chego a Mazorgán, unha aldea da parroquia de Céltigos(concello de Ortigueira) e aquí cometín un erro: confiando na boa sinalización do Camiño non seguín ningún track e nesta aldea falta un sinal que indicaba coller á dereita no 1º cruce. Eu seguín, atravesei toda a vila e atopeime nunha estrada que leva a Céltigos e tamén ao Porto de Espasante a onde pretendía chegar, pero no quería ir por asfalto senón polas praias, así que por non desandar o andado ao revés, decidín rematar aquí o tramo de hoxe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario