luns, 28 de marzo de 2022

RUTA DOS MUÍÑOS DO RÍO DAS GÁNDARAS. PR-G 195 (VILASANTAR-A CORUÑA)

 Estamos no concello de Vilasantar, na provincia de A Coruña, situado ao sur da comarca de Betanzos e limitando con Curtis, Oza-Cesuras, Sobrado, Mesía e Boimorto.

Esta é unha fermosísma ruta fluvial na que se desfruta dun percorrido ás beiras do río das Gándaras, afluente do Tambre e de elementos etnográficos que xurdiron aproveitando a auga. Veremos numerosos muíños, un conxunto etnográfico "O Batán de Mezonzo", os "Pasos da Vella" ( pedras que colocaba a xente no río para poder cruzalo), unha fervenza e fóra da ruta pero moi preto, a igrexa románica de Santa Mª de Mezonzo. O noso percorrido transcorre entre árbores autóctonas que nesta época están sen follas pero que dentro de pouco encherán o camiño de verdor e de sombra.

Cabe reseñar que esta ruta, ata hai pouco remataba na Ponte de Gándaras pero actualmente continúa río arriba. Nós andivemos 1km. máis pero como tiñamos a comida reservada nun restaurante, demos a volta dende o muíño de Ferreiro, pero a ruta continuaba.

Características:

Lonxitude: 12,8 km.

Dificultade: fácil

Ruta lineal moi ben sinalizada.

O track en WIKILOC:

Descripción
Iniciamos a ruta moi cerca do núcleo de Vilasantar e temos sitio grande para aparcar.
 

Deseguida atopamos o 1º muíño aínda que apenas o vemos xa que é de titularidade privada e vemos que hai unha vivenda totalmente resturada. Aquí había tamén un aserradoiro e unha fábrica de facer varas para as zocas.
Muíño de Ponte do Sapo
A ruta segue por unha pista ancha. O percorrido está moi ben sinalizado:
Ruta moi ben sinalizada

Imaxinamos que o camiño, cando as árbores teñan follas, será super relaxante á sombra.
 
Chegamos á canle de auga para a Central Eléctrica:
Canle de auga

Central eléctrica
O Muíño das Cernadas está en estado de abandono:
Muíño das Cernadas
Esta pasarela de madeira é evitable. Por qué non se pode ir pisando o carreiro?
Pasarela de madeira evitable

 A nós gústanos moito máis o sendeiro natural:

 Chegamos a unha fermosa fervenza:

 O percorrido lévanos á parte de arriba da fervenza que é onde está o Batán de Mezonzo:
Batán de Mezonzo
 O Batán de Mezonzo é un conxunto etnográfico dun gran valor composto por un batán (Aparello de madeira construído no curso da auga composto por dous que se moven altenativamente pola acción da auga e baten nos tecidos para desengraxalos e que se volvan máis tupidos) un muíño e un aserradoiro e un antigo mazadoiro do liño, este ultimo en ruinas.
Os batáns, construidos sempre na beira dos ríos, aproveitaban a súa auga primeiro facendo unha presa dende onde a auga era conducida mediante unha canle con forme pedente ata a roda que comenzaba a xirar e con ela poñíanse en marcha tódolos mecanismos do batán.
Este batán atópase no lugar do mesmo nome pertencente á parroquia de Mezonzo. (Neste lugar non hai moito só vivían dúas persoas.
Este batán é privado e pertence á familia "Mahía Pardo". A historia do batán vencéllase a da historia do antigo mosteiro de Mezonzo (moi cerca de aquí) do S. XII e pénsase que foron os monxes quen o contruiron sendo un dos máis antigos da península. Estivo en funcionamento ata o ano 1954 e hoxe tamén se pode ver en acción avisando na casa que está máis arriba.
Batán de Mezonzo
O muíño que está ao pé do batán tamén foi restaurado. Chámase Batán 2.
Muíño Batán 2
Este conxunto etnográfico está situado nun enclave espectacular e ten ademais uns bancos e mesas como área de descanso.
Área de descanso, no Batán de Mezonzo.


Só uns metros máis arriba atopamos o Muíño  do Batán 1
Muíño do Batán 1
Chegamos a unha estrada local onde temos a sinalización á igrexa de Santa Mª de Mezonzo á que iremos á volta. Tamén vemos á esquerda o muíño do Crego.
Estrada local. Pillamos á esquerda.
 O Muíño do Crego está en estado de abandono:
Muíño do Crego
 Algo máis adiante temos o Muíño de Mera tamén en estado de abandono. Cantos muíños atopamos!! Como aproveitaban os recursos naturais os nosos antergos!!
Muíño de Mera.

Ao atravesar un prado, ábrese máis a paisaxe:


Pasamos por diante do Muíño de maquía de Vasques pero é de titularidade privada e está restaurada e habitada a vivenda e tamén case oculta entre as árbores por eso non teño foto. Dicir que un Muíño de Maquía era onde o muiñeiro, como pago, se quedaba con parte do gran  ou fariña que moía.

Algo despois atopamos en ruina total o Muíño de Opa
Muíño de Opa

Continuamos o noso camiñar sempre á beira río, que aquí case é un regato, e observamos que na nosa esquerda hai unha recente plantación de eucaliptos que ameazan con invadir esta fermosa zona.

Esta pedras no río, son os Pasos da Vella, chamados así porque son pedras que colocaba a xente para poder cruzalo.

Pasos da Vella

Vemos outro muíño de maquía: o de Freire
Muíño de maquía de Freire
E agora o de Fachal en estado ruinoso. En que enclaves fermosos están os muíños!!
Muíño do Fachal
O Muíño do Xuezo é o último antes de chegar á Ponte de Gándaras.
Muiño do Xuezo
E chegamos á Ponte de Gándaras onde oficialmente remata a ruta segundo os carteis postos polo concello pero terán que modificalos xa que ampliaron a ruta algún km. máis.
Ponte das Gándaras.
A ruta continúa cruzando a estrada e baixando estas escaleiras.
A ruta continúa
 
Segue á beira do río estando perfectamente sinalizada.
 
Colocaron algunha pasarela aquí tamén. Pouco nos gustan xa que  de non vemos o sentido de non camiñar polo sendeiro natural.
 
Tamén colocaron pequenas pontes.

Outro muíño: o de Pazos
Muíño de Pazos
Chegamos a un espazo aberto onde atopamos unha casa e unha estrada local.

Cruzando esa estrada local, temos o Muíño de Ferreiro e aínda que a ruta segue, nós temos que dar a volta, temos o xantar reservado e o tempo apremia!
Chamei ao concello de Vilasantar e dinme que nos quedou moi pouco para rematar, como 1km. aprox.
                                                                     Muíño de Ferreiro

Imos 600m. por estrada para visitar a igrexa de Santa Mª de Mezonzo.                           

Esta igrexa atópase no lugar de O Priorato, dentro da parroquia de Mezonzo. O nome do lugar debe de vir de que o mosteiro que aquí houbo era un priorato (lugar onde os monxes ou monxas eran rexidos por un prior)
Do antigo mosteiro, só queda a igrexa de estilo románico.

Igrexa de Santa Mª de Mezonzo
Na fachada oeste da igrexa destacan os contrafortes.
 
O antigo mosteiro foi filial do de Sobrado dos Monxes  durante toda a Idade Media  e máis tarde pasou a depender de S. Martiño Pinario en Santiago.
Igrexa de Santa Mª de Mezonzo e casa rectoral

Un dos personaxes máis destacados deste antigo mosteiro foi S. Pedro de Mezonzo, quen foi abade do mosteiro e é unha persoa relevante en Santiago e en toda Galicia medieval. Pedro de Mezonzo naceu en Curtis e formouse na importante biblioteca deste mosteiro 

Durante o S. XVII o mosteiro entrou nunha total ruina e desapareceron tódolos restos, só algún se aproveitou na veciña casa rectoral. Actualmente o interese está na súa igrexa románica.

Non voltamos por onde viñéramos, senón que collemos unha pista que en moi pouco tempo nos leva á parte da canle da Central Eléctrica.
 
Neste percorrido vemos outros sinais que coinciden co PR-G195. Son os do Roteiro Espiritual de S. Pedro de Mezonzo que vai dende a igrexa que acabamos de visitar ata Sobrado dos Monxes durante 14 km.

Tíñamos o xantar reservado no restaurante "O Castiñeiro" en Vilasantar. Por 12,5€ tiñan en domingo un menú estupendo. De primeiros había ensaladilla rusa, callos, revolto de gulas con champiñóns e langostinos á prancha. De segundos había chipiróns á plancha con pataca cocida, secreto de porco con patacas fritas, codillo asado ao forno con patacas fritas e carrilleiras con patacas. Despois postre ou café. Todo abundante e ben cociñado.
Restaurante O Castiñeiro en Vilasantar.
Outro aspecto do restaurante.
 
O restaurante está xusto enfrente da Casa Consistorial:
 
E ao lado do concello está a igrexa, o cruceiro e este inmenso e moi vello castiñeiro.



Ningún comentario:

Publicar un comentario