sábado, 16 de abril de 2022

CAMIÑO NATURAL DO CANTÁBRICO: MAZORGÁN-PORTO DE ESPASANTE ORTIGUEIRA)


No último tramo deste Camiño Natural, a idea era chegar ata o Porto de Espasante (Ortigueira) despois de sair da praia de Esteiro (Mañón) pero por un erro que cometín rematei en Mazorgán. Quedábame pois de realizar este pequeno tramo que hoxe completei e que defrutei moitísimo. Xa irei indicando o porqué.

Dicir que empecei este Camiño Natural en Ribadeo un feísimo día de febreiro do ano 2016. Xa hai 6 anos!! Oficialmente, o Camiño está dividido en 7 etapas, dende Ribadeo ata Ladrido en Ortigueira con máis de 150 km. Como as etapas oficiais nos parecían algo longas(cada unha ten cerca de 20 km. ou máis) decidimos partilas en tramos á nosa conveniencia e en total fixemos o Camiño en 15 tramos . A idea que eu teño do sendeirismo non é queimar km e km. andando por andar. A mín gústame desfrutar de cada rincón que vou vendo, vou despacio (sobre todo subindo), a fotografía tamén é indispensable para mín, onde hai imaxes e paisaxes que o merecen quero pararme a desfrutalos....

Fixen este Camiño ás veces con xente (os primeiros  2 tramos con 7/8 persoas) e a maioría das veces fíxeno con outra persoa ou sola.

Hoxe douno por rematado xa que aínda que oficialmente remata en Ladrido (uns 4 km. máis adiante de onde rematei hoxe) dixéronme que eses km. que faltan non valen moito a pena.

Dicir que este Camiño Natural percorre a costa Cantábrica das provincias de Lugo e A Coruña pasando por tódalas praias bañadas por este mar ou moi cerca delas. Praias grandes, pequenas, coñecidas e frecuentadas e recónditas e inaccesibles; tamén pasa por vilas e aldeas, por portos, por paseos marítimos e por carreiros e camiños. Ao mellor nalgúns lugares podía ir o trazado máis pola beira do mar ou ter menos asfalto nalgún outro pero, en xeral. a mín gustoume moito; algúns tramos menos e outros máis pero todos eles os desfrutei, sempre me desviei do trazado para visitar lugares próximos pero por onde non pasaba e ao final desta entrada deixarei o enlace por orde a tódolos tramos que xa están plasmados neste blog. 

Vou co tramo de hoxe:

Características:

Lonxitude: 9,6 km.

Dificultade: fácil

Ruta lineal ben sinalizada.

O track en WIKILOC:

Descripción:

Partimos pois do lugar de Mazorgán que pertence á parroquia de Céltigos no concello de Ortigueira:

Nós metémonos polo medio da aldea e aparcamos perfectamente onde se ve na foto xa encamiñados no percorrido que íamos levar..

 

Mazorgán é unha pequena aldea rodeada de prados dende os que se ve xa o Porto de Espasante aló lonxe.

 

Empezamos o noso camiñar cara ao mar:

Deseguida chegamos á Praia de Sarridal, tamén chamada Ribeira Grande, un inmenso areal de moito ondaxe e ventosa. Situada aos pés de grandes cantís e nun entorno protexido como LIC (Lugar de Importancia Comunitaria)
Praia de Sarridal

Esta praia é tremendamente solitaria e salvaxe e o único acceso que ten é un estreito carreiro por un acantilado cunha corda para axudar a baixar e a subir. Eu sabía que había persoas que baixaban ata esta praia e quixen ver se era moi difícil. O trazado da ruta pasa xusto por unha baixada (ten dúas). Comprobei que viña subindo un pescador e non me pareceu en absoluto que fose difícil, sobre todo porque no último tramo de baixada(o máis complicado) hai unha boa corda para axudarse. Baixamos e subimos a persoa que me acompañaba e eu sen ningún tipo de problema, con moito coidado e axudados pola corda, pero OLLO!! Cadaquén ten que sopesar as súas posibilidades e limitacións. Se tes medo, se polo que sexa non te atreves...non baixes!!

Corda para baixar á praia

Nesta praia é onde se atopa a famosa Pena Furada que no tramo anterior vira dende un miradoiro que hai pero dende arriba vese regular, nada como vela tan de cerca!!

Pena Furada
Esta pena foi erosionando pola acción da auga, o vento...e quedou así , con dous buratos.
Pena Furada

Cerca da Pena Furada hai outro acceso á esta praia tamén coa axuda dunha corda. Hai xente que baixa por aquí e depois sube por onde nós baixamos e subimos.

Canto me prestou camiñar por esta praia ( percorrémola toda) con ese silenzo, só oíndo o mar! Cando hai marea chea, queda moi pouca area por eso aproveitamos a marea baixa.

Praia do Sarridal

E agora toca subir!!

Continuamos o percorrido levando á man dereita o mar e á esquerda vemos Mazorgán cos prados que a rodean.
Prados de Mazorgán
 Agora iremos por un camiño entre piñeiros.

 Vemos á dereita, aló ao lone, a vila de Cariño e o Cabo Ortegal.
Cabo Ortegal e vila de Cariño

O Camiño é fermoso

Despois de atravesar este piñeiral fermoso, chegamos á Praia de Bimbieiro ou Mazorgán rodeada de chalets e casas de nova construcción que deben ser a 2ª vivenda de cada vez máis xente.

Nesta foto vemos a praia de Bimbieiro e a de S. Antón que está seguidas e ao fondo, a Vila Porto de Espasante
 
Aquí aprezamos a enseada de S. Antón ao pé de Porto de Espasante e o saínte de Punta dos Prados que logo percorreremos.

Cruzamos a praia de Bimbeiro e o Camiño vai levarnos a unha curta pero forte subida. Estaba a marea xa moi alta, en caso contrario poderiamos ir polas praias, eso sí, escalando unhas rochas que hai no medio das praias ou mollarse porque a auga chega aí en marea baixa tamén.
Fermoso paseo que cruzamos
Dende a praia de Bimbieiro ata chegar á estrada é todo subir (menos mal que son 1,5 km. apox.) As vistas xa se amplían e deixan imaxes así á nosa esquerda:
 A subida é primeiro por un carreiro e logo unha pista forestal entre eucaliptos:
 
Deseguida nos unimos á estrada, que agora en baixada, nos vai achegar axiña a Porto de Espasante:
 
Pola dereita, algún claro deixanos ver outra vez o mar e o Cabo Ortegal.
  
O Porto de Espasante é unha pequena vila mariñeira que onte, Venres Santo, tiña moita animación. Vimos moita vivenda e apartamentos de recente construcción que parecen indicar que moita xente está optando por este lugar como 2ª residencia. 
Mapa do Porto de Espasante onde se pode apreciar perfectamente a situación e forma desta vila


Ten nada menos que tres praias esta pequena vila. A 1ª coa que nos atopamos ao chegar é a de S. Antón que xa víramos de lonxe no percorrido que trouxemos. Enclavada na parte norte da vila ten sobre 500m . de lonxitude. É unha praia con ódolos servizos e moi boa calidade de auga por eso recibe a bandeira azul cada ano.

Tíñamos reservada a comida no restaurante "Orillamar", na mesma beiriña da praia de S. Antón. É un restaurante grande onde o 1º que nos sorprendeu foron as mesas de fóra, xa que toda elas tiñan un poema dun relevante escritor ou escritora galegos

 
O restaurante estaba ateigado de xente e grazas  a que reservara o víspera estivemos sentados ao pé da ventá, cunhas marabillosas vistas. Comemos ben e cunha atención exquisita a pesares de que ao final víronse algo desbordados pola cantidade de xente que entraba a comer.

Despois de xantar foi cando bordeamos a península que se adentra no mar. Dende o restaurante só hai que subir para arriba. Tomamos á dereita xunto á capela de S. Antón (hai sinais xa indicando)
Subindo, á nosa dereita, estas vistas:
 
A subida é por estrada. De frente, Cabo Ortegal.

 No punto máis alto deste promontorio, atópase a Garita ou Casa da Vela reconstruída e que formaba parte dun sistema defensivo e de vixiancia propio dos S. XVI e XVII en toda esta zona de costa debido aos ataques que sufrían por parte de piratas, sobre todo ingleses.
Garita da Vela
Algunha destas garitas costeiras tiñan baterías militares para defenderse. É probable que tamén esta Garita da Vela contara cun destes sistemas que estaría ubicado nun castro que hai máis abaixo.
No interior da garita vimos unha chimenea que serviría para quentarse nas longas noites de inverno.
Garita ou Casa da Vela
Dende aquí, temos unha perfecta visión da outra parte de Porto de Espasante que non víramos coa praia da Concha.
Porto de Espasante e praia da Concha
 
A Casa da Vela cumpre actualmente a función de ser un fermoso Miradoiro.

Ao baixar da Casa da Vela, temos a opción na seguinte e próxima curva de seguir pola estrada e seguiremos bordeando o promontorio para sair outra vez á estrada pola que subimos. Tamén temos a opción de nesa mesma curva, pillar á dereita por un camiño de carro que nos levará ao castro e ao porto e praia da Concha. Loxicamente, nós collemos este camiño aínda que non hai sinal indicadora ningunha. Pensamos que sería moi necesaria.
Camiño que nos leva a lugares interesantes

Xa se deixan ver o Porto de Espasante e a praia da Concha.
Porto e praia da Concha
Baixando ao porto, aparece o Castro de Punta dos Prados. É un pequeno poblado (dá a sensación de non estar todo escavado) Está sobre nunha penísula ao igual que a maioría de castros marítimos xa que así aproveitaban as condicións naturais de defensa dos cantís e na zona do istmo, construían as vivendas. Botamos de menos que non haxa nin un solo panel interpretativo e que haxa bastante maleza nesta xoia patrimonial.
Castro Punta dos Prados.
Por unhas escaleiras de madeira baixamos e atopamos de súpeto unha pequena praia que desconocíamos que existise: trátase da Praia de Santa Cristina ou dos Namorados.
Praia de Santa Cristina
A praia anterior está pegada ao porto. Da importancia do mesmo dá conta o nome da vila, xa que oficialmente chámase S. Xoán de Espasante pero todo o mundo a coñece por Porto de Espasante. Aínda que actualmente se ven moi poucos barcos no seu porto, é unha vila de gran tradición pesqueira.
Porto de Espasante
Mires onde mires, o Porto de Espasante, sempre ofrece fermosísimas vistas coma esta do dique do porto e a praia da Concha.

A praia da Concha, no lado contrario á de S. Antón (Non esquezamos que estamos nunha península) é moi fermosa, o seu nome vén da forma que ten. É unha praia grande e tranquila de area fina e está rodeada dun sistema dunar e dun fermoso paseo.

Chamaron a nosa atención estas fotos que hai no paseo. Son obra de Mónica Fustes e renden homenaxe aos veciños desta vila. A idea xurdiu durante o confinamento de 2020 e hai un total de 40 retratos cada un co seu nome. Pareceunos unha forma fermosa e moi emotiva de honrar aos seus paisanos.
Paseo coas fotos de Mónica Fustes
  
Paseo á beira da praia da Concha. Non o andivemos todo pero prometo facelo porque dende logo quedáronme unhas tremendas ganas de voltar a esta fermosísima vila.
Paseo
 
Na Praza de S. Antonio, vemos a estatua dun porco, trátase do porco Antón todo un referente e un emblema nesta vila. A historia comenzou hai moitísimos anos cando se decideu rifar un porco para sacar fondos para construir a capela de S. Antón. A idea funcionou tan ben que aínda continua hoxe en día. Tódolos anos se cría un porco de xeito comunitario, chámase sempre Antón e anda ceibo pola vila, come. pasea e ao final sortéase e co diñeiro recaudado oraganízanse as festas patronais.
O porco Antón

Praza S. Antonio e o porco Antón


O meu Camiño Natural do Cantábrico remata hoxe aquí e non podía facelo de mellor xeito xa que Porto de Espasante é unha vila que me namorou e á que penso voltar axiña!

Os tramos deste Camiño Natural do Cantábrico podes velos todos nestes enlaces:
















Ningún comentario:

Publicar un comentario