mércores, 3 de maio de 2023

RUTA DA AUGA. PR-G 99 (GUITIRIZ)

 


Fomos ao concello de Guitiriz para realizar a archicoñecida "Ruta da Auga" (PR-G 99). Anteriormente tamén realizamos a Ruta da Pedra de Díaz Castro e A Ruta da Auga e da Pedra. Dúas rutas que moito nos gustaran. A de hoxe non foi menos.

Guitiriz, na provincia de Lugo e, dentro deste, na Comarca da Terra Cha. É unha vila termal, da auga e tamén da pedra que conta con máis de 5000 habitantes e 18 parroquias. Guitiriz posee un gran Patrimonio Histórico Cultural.

O nome de Guitiriz procede do rei suevo Witerico que fundou a vila no S. VI.

Características da ruta:

Lonxitude: 20 km.

Dificultade: moi fácil

Ruta lineal ben sinalizada agás nun pequeno cruce onde collíamos ao revés e o track que seguía nos axudou a voltar ao camiño correcto.

Deixo o meu track en WIKILOC:

A miña valoración desta ruta:🔆🔆🔆🔆🔆

Descripción da Ruta:

Partimos da parroquia de Parga, concretamente do lugar de S. Alberte. Podemos aparcar nun aparcadoiro que hai antes de cruzar a estrada N-VI e as vías do tren ou ben cruzar co coche estas vías (Moito coidado, xa que é un paso a nivel sen barreiras) , cruzar a Ponte de S. Alberte e aparcar pasada esta ponte como nós fixemos. (A ponte é moi estreita e semella que non pasas pero si que se pode atravesar.

Pasada esta ponte de S. Alberte dá comenzo a ruta. 

A Ponte de s. Alberte é lugar de paso para os peregrinos do Camiño Norte e formaba parte do Camiño Real de Madrid á Coruña.

Ponte de S. Alberte

Posiblemente esta ponte está construida sobre unha antiga ponte romana. De estilo gótico (siglo XIV), está construida en sillería granítica. Conta con dous grandes arcos un oxival e  outro, con sensibles diferenzas respecto a este, sospeitase que sexa  froito das reformas do S. XVIII.

Despois de cruzar esta ponte, collemos á dereita e deseguida veremos o sinal de "Ruta da Auga" en dúas direccións e por calquera delas iremos ben. Se pillamos á dereita, imos ao pe do río e quédanos a capela á esquerda, podemos achegarnos a vela e voltar a ese sendeiro que deixamos.

Se seguimos o outro sinal, máis de frente, imos directamente á capela e á fonte pero....OLLO hai un camiño en costa onde se ven os sinais do Camiño de Santiago!! Por aí NON é a nosa ruta. Teremos que darlle a volta á capela e na parte posterior da mesma hai un enlace ao sendeiro pegado ao río que é por onde hai que ir.

Ponte de S. Alberte

Nun entorno moi fermoso atopamos 1º a Fonte da Fala. De estilo renacentista,  a xente bebía desas augas que dicían que tiña propiedades curativas de males relacionados coa fala. Tamén acudía xente que se dicía que estaba endemoniada. A auga desta fonte sempre foi moi valorada por peregrinos e veciños.                        
Fonte da Fala

Ao pé da fonte, vemos a monumental capela de estilo gótico de S. Alberte do S. XIV. Neste fermoso entorno celébrase cada ano no mes de maio unha popular romaría.
Capela de S. Alberte

O arco de medio punto que se ve na imaxe seguinte, revela o estilo gótico da capela.

Os  8 contrafortes que ten son os que lle dan un aspecto maxestuoso
Capela de S. Alberte

O noso percorrido vai ao pé do río Parga durante 1,5 km. aprox.
Río Parga

Despois alónxase do río e temos a 1ª subida e única da ruta con moi pouco desnivel e moi curta.

Hai un punto onde vemos as vías do tren de media distancia que unen A Coruña con Monforte ou Ourense.
As vías do tren

Deseguida torcemos á dereita para voltar xunto ao río:
Á dereita, baixada ao río

Atopamos esta curiosa barquiña feita toda ela con materiais reciclados como botellas de plástico.
 
Temos que atravesar a ponte que vemos na foto, Ponte Piteiro, para seguir á beira do Parga pero pola outra marxe.
Ponte Piteiro

No noso percorrido imos no medio de carballos, bidueiras, salgueiros...
Carballos, bidueiras...

Estas plantas que vemos chámanse dente de león ou mexacán. As follas son usadas para ensaladas e tamén se usan para fabricar productos farmacolóxicos naturais indicados para múltiples enfermidades.

                                                       Mexacán ou dente de león.

A Fonte de Valdovín de augas menciñais foi construída en pedra no 1950. Por iniciativa dos veciños e comuneiros de S. Estevo de Parga, a fonte foi cuberta por un templete heptagonal no ano 2002 e acondicionouse ao pé unha pequena área recreativa. As súas augas sulfuradas e fluoradas son indicadas para doentes do figado e riles, afeccións da pel e trastornos dixestivos.

                                                             Fonte de Valdovín

O concello de Guitiriz é moi rico en augas termais.
Fonte de Valdovín.

Na seguinte foto aprezamos con detalle como conviven carballos, bidueiras e salgueiros:

Chegamos a Parga e á súa área recreativa moi grande e onde vemos primeiro un bar e unha piscina fluvial. Nesta cafetería con terraza exterior paramos a descansar tomando algo.

Esta área ten tamén un parque infantil, cancha de baloncesto, campo de fútbol...

Cruzamos a estrada e segue a área recreativa " A Carballeira", fermoso lugar onde vimos non só carballos senón outras árbores autóctonas como castiñeiros e varias mesas con bancos, barbacoas que ao pé do río serven de lugar de relax e divertimento.
Neste lugar celébrase unha arraigada feira de caracter quincenal.
A Carballeira de Parga

Ao deixar a área recreativa A Carballeira, vemos este muíño restaurado no ano 2007.
Muíño da Carballeira

O percorrido continua igual de fermoso ás beiras do río que vai moi tranquilo e non se sente, xa que non ter que saltar precipicio ningún.

A cor verde inunda toda a paisaxe nesta época. Estamos a 1 de maio.

Salgueiros, bidueiras, carballos  novos e algún amieiro medran á beira do río:

Crazamos unha estrada local na parroquia de Becín.

O río Ladroil, afluente do Parga, é o que agora nos acompaña. Vemos unha rústica ponte de pedra que non temos que atravesar.

As bidueiras distínguense moi ben pola súa cortiza branca. Son árbores moi presentes nas beiras dos ríos.
Manuel María, o poeta da Terra Cha, nacido en Outeiro de Rei, escríbelle así ao bidueiro ou abidueira:
Que branca é a abidueira!
Cara ao ceo anda a soñar!
Feita zoca anque non queira,
moita lama ha de tripar!

As follas da abidueira tamén son inconfundibles. En todo o norte de España, podemos atopar estas árbores ata os 2000 m. de altitude.
Son árbores moi resistentes á humidade e ás baixas temperaturas. A madeira da abidueira foi moi empregada en carpintenría, na fabricación de zocas e utensilios de labranza.

Aínda que poucos, tamén vimos eucaliptos. A diferenza entre un bosque autóctono e un eucaliptal vese ben na foto.

As construccións que vemos na seguinte foto chámanse pasos ou poldras e servían para poder cruzar un río. Tal vez sexa unha das maneiras máis antigas de facelo e as orixes pérdense no Neolítico.

                                                Poldras ou Pasos para atravesar o río.

Estamos pasando polo lugar de Ansede na parroquia de Lagostelle.
Ansede

Agora imos alonxados do río pero a paisaxe segue igual de fermosa:

Xa chegando a Guitiriz atopamos esta Área de Autocaravanas cunha orixinal fonte, parque infantil...Aquí hai tamén paneis de sinalización da ruta que estamos a facer e unha construcción (a da foto) chamada "Casa da Auga", unha especie de Centro de Interpretación pero que estaba pechado.

Fonte e Casa da Auga

Vemos a estrada N-VI que era a antiga vía de comunicación antes da A-6 e que cruza Guitiriz polo centro. Nós, que xa xantáramos o bocadillo uns km. antes, collemos á esquerda uns metros de nada para tomar o café na Pensión-Restaurante Cisne.

Voltamos sobre os nosos pasos para seguir a ruta e vemos na gasolineira esta fermosa escultura.

Imos cara á Área Recreativa de Sete Muíños. Este percorrido de 2,5 km. xa o fixemos na ruta Sete Muíños e Ruta da Pedra e da Auga xa que xusto partimos e voltamos a este lugar, ao pé da gasolineira na N-VI. No foto vemos unha presa que surtía auga a un antigo muíño.
 
Agora camiñamos ao pé do río Veiga, afluente do Parga.

Cruzamos algunha ponte de madeira:


Tamén cruzamos a estrada moi cerca da vila de Guitiriz:

A Área Recreativa de Sete Muíños é enorme e dentro dela hai un parque infantil, dous muíños, unha piscina fluvial, mesas, bancos, barbacoas....o río pasa aquí xoguetón, sorteando rochas formando pequenos saltos de auga. Un fermoso lugar!!
Área Recreativa de Sete Muíños


Área Recreativa de Sete Muíños


Área Recreativa de Sete Muíños
 
Imos un curto traxecto pola estrada (ten un bo arcén) e deseguida torcemos á dereita:

Desembocamos noutra estrada local, moi preto da A-6 e imos á esquerda por onde indica o sinal. (A ruta está ben sinalizada)

Atravesamos unha ponte sobre a A-6:

Dende a Área de Sete Muíños alonxámonos definitivamente do río pero a paisaxe de interior segue a ser moi fermosa:

Atravesamos o lugar de O Pazo pertencente á parroquia de Lagostelle. Supoño que o nome lle virá por este inmenso pazo que actualmente semellan dúas vivendas.
O Pazo

Debeu de ser un pazo importante. Na foto vemos a súa capela. Non atopei referencia ningunha sobre a quen pertence ou pertenceu este pazo.
O Pazo

Seguimos entre prados, carballos. bidueiros...O final está moi cerca.


O muíño que vemos agora é o de Pardiñas. Dá gusto velo restaurado!
Muíño de Pardiñas


Pardiñas é un lugar da parroquia de Lagostelle.
Pardiñas

No Balneario de Pardiñas rematamos esta ruta.

O balneario conta tamén cunha igrexa bastante grande.

O promotor destas instalacións foi Domingo Cabarcos. Era galego emigrado a Cuba e cando voltou levantou xunto á súa muller este balneario nun lugar onde as augas eran xa aproveitadas dende había moito tempo na Fonte de Santo Domingo.
Este balneario foi inaugurado no 1955 e despois pasou a outros familiares que o venderon. A familia que o comprou despois segue sendo a propietaria.
Coa apertura deste balneario, Guitiriz reforzaba o seu prestixio como vila termal que xa tiña ao contar con outro balneario anterior que facía da vila un lugar de veraneo.
Na foto vemos o edificio de porta e ventás verdes que é onde está a Fonte de Santo Domingo. (Hai horario de apertura). Tamén vemos o local que era bar e aloxamento.
Balneario de Pardiñas

Neste fermoso entorno, celébrase dende o ano 1980 o famoso Festival de Pardiñas de música folk.




Páxinas web consultadas:
https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2020/05/san-alberte-guitiriz.html
https://www.escapalandia.com/area-recreativa-de-parga-con-ninos/
https://www.escapalandia.com/la-ruta-da-auga-de-guitiriz-con-ninos/

Ningún comentario:

Publicar un comentario