luns, 8 de maio de 2023

AO REDOR DO RÍO RATO (LUGO)


O Paseo do Rato é moi frecuentado polos lucenses para sair a pasear, facer deporte... Nós hoxe fixemos unha ruta que comparte traxecto con este paseo e que tamén se alonxa algo del para desfrutar das inmensas carballeiras que hai ao redor deste río e pasamos pola aldea de Muxa para rematar voltando ao Paseo do Rato pero pola beira contraria da ida.

Fixemos un percorrido circular moi fermoso, relaxante e desfrutamos dunha natureza exuberante onde o verdor desta época primaveral o inundaba todo en forma de árbores autóctonos, hortas, prados...

Tamén vimos moitas pontes, A Casa da Cestaría, O centro de Interpretación Terras do Miño...barrios de Lugo como A Tolda, A Chanca...

Características da ruta.-

Lonxitude: 11,7 km.

Dificultade: moi fácil

Ruta circular na que o Paseo do Rato non ten perda pero para facer a ruta tal e como nós a fixemos é imprescindible un track se non se coñece a zona.

O meu en WIKILOC

A miña valoración desta ruta: 🔆🔆🔆🔆🔆

Descripción:

Iniciamos o percorrido no Parque do Sagrado Corazón que é o lugar onde o Paseo do Rato empeza.

Parque Sagrado Corazón

Unha noticia dun xornal de marzo deste 2023, di que hai en marcha un proxecto para este parque que incluirá áreas de descanso, zonas de sombra con merendeiros, un parque infantil, unha pista de patinaxe e outra multiusos que irá cerrada para evitar que se escapen os balóns e actividades de aventura para todas as idades. 

                                                               Parque Sagrado Corazón

Iniciamos o percorrido pasando por debaixo do túnel que vemos ao pe do Rato.

Túnel

Pontes de madeira, salgueiros, carballos, amieiros, abidueiras...A ponte que vemos de frente non imos cruzala nunca. Ao ir, collemos á dereita e ao volver, viñemos pola esquerda.
Ponte de madeira que nunca cruzamos

Entramos no barrio de A Chanca que empezou a rexurdir hai uns anos grazas á rehabilitación de casas e ao paso por aí do Camiño Primitivo.
A súa cercana situación  ao centro da cidade, a beleza da zona cun entorno rodeado de vexetación e a oportunidade que presenta para o ocio que o barrio estea atravesado polo paseo do río Rato, fan de A Chanca un lugar atractivo. 
A casa grande que vemos na foto foi un antigo curtidoiro (lugar onde se curtían as peles)
                                                           Antigo curtidoiro na Chanca

A Ponte Vella da Chanca dáballes entrada a Lugo a 2 camiños históricos: o Camiño Real de Meira e o Camiño Primitivo que vén da Fonsagrada. A ponte é de orixe medieval e no S. XVI foi reconstruída. Os seus arcos máis antigos son tres que ben se distinguen dos outros dous engadidos en épocas máis recentes.
                                                                 Ponte Vella de A Chanca

A soberbia ponte para o ferrocarril A Coruña-Palencia é de finais do S. XIX. Cos seus 298 m. de longo e os seus 20 arcos de ata 29 m.de altura é considerada como unha das grandes obras de enxeñería da Península do S. XIX.
Que ben rechifla o tren
pedindo vía franca...
o tren que vai e vén
pola ponte da Chanca. (Anxel Fole)
Viaducto da Chanca

É moito de admirar e aplaudir a enorme cantidade de árbores autóctonos que hai neste paseo. Na foto seguinte, unha carballeira.

Carballeira no Paseo do Rato

Pasamos por debaixo doutra ponte:


Outras dúas pontes:

O Paseo do Rato discorre paralelo ao río que lle dá nome e ten unha lonxitude de 4 km. ata que desemboca no Miño.

O Paseo do Rato continúa pero nós torcemos á esquerda, cruzando a ponte cara ao barrio de Cela:

O Barrio de Cela. Ao final da rúa, torcemos á dereita:

Imos uns metros por estrada contemplando hortas e o paseo do Rato á nosa dereita:


Deseguida collemos un carreiro estreito e fermoso.
Carreiro

O carreiro anterior remata na Casa da Cestaría que trata de conservar e fomentar a tradición

tradición da cestaría a través de cursos, demostracións e exposicións.

Casa da Cestaría

Dende a Casa da Cestaría seguimos o sinal que indica Fonte Arcada e nuns metros chegamos a ela. É unha fonte con dous canos dos que corre un fío de auga por cada un.
Fonte Arcada

Collemos á dereita por un sendeiro moi marcado que nos leva á unha estrada local. 

Nesta estrada  xiramos á esquerda. Ao pouco veremos un sinal que nos indica que cerca hai un miradoiro. Podemos ir ata el (son só uns metros) pero o único que se ve son masas de árbores próximas

  
Seguimos por esta estrada local durante 1 km. aprox.

Seguen a sorprendernos inmensas carballeiras:
Carballeira

Agora imos en lixeira baixada por un camiño entre outra carballeira:
Carballeira

Estamos á beira do Paseo do Rato e de feito dende este lugar podemos acceder a el moi fácil xa que hai pontes para cruzar.
Neste lugar hai uns letreiros que prohiben o paso. Non entendemos porque, xa que non vimos perigo ningún e pásase perfectamente.


Baixamos ata o Paseo antes de continuar o percorrido para ver e fotografar a Cascada que forma o Rego de Samai. Non era necesario xa que despois, á volta, pasaremos por diante dela.
Cascada do Rego de Samai

Pequenas illas que se forman no río Rato:

 Un Paseo do máis fermoso. Non é de estrañar que sexa o elexido de moitísimos lucenses para o seu ocio.

Un pouco máis adiante, pasamos polo Centro de Interpretación Terras do Miño, conxunto de casa e muíño do S. XIX, entre carballos centenarios , coñecido como Muíño do Tendeiro.
"La Reserva de la Biosfera Terras do Miño, con 363.668,9 ha de extensión, es la Reserva de mayores dimensiones de Galicia, y se sitúa entre las 5 Reservas que poseen una mayor superficie dentro del Estado español. Incluye territorios de 26 municipios de la provincia de Lugo: Abadín, Alfoz, Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Mondoñedo, Muras, Ourol, Outeiro de Rei, O Páramo, A Pastoriza, Pol, Rábade, Riotorto, O Valadouro, Vilalba y Xermade" (Red española de Reservas de la Biosfera).

O Centro de Interpretación está ao pé do Paseo do Rato e tamén hai un bar-restaurante nun muíño rehabilitado.

Continuamos atravesando centenarias carballeiras:

Pasamos ao pé dos Hortos da Deputación, terreos Públicos formados por 150 hortos para que os veciños, entidades e centros de ensino lles saquen partido potenciando a vida saudable.

Chegamos ao barrio de A Tolda 

E cruzamos a ponte da Tolda para deseguida pillar á dereita pero NON polo Paseo do Rato senón cara a Muxa.

Imos por unha estrada local en ascenso (un traxecto moi curto, sobre 200 m.) cara a Muxa.

Muxa está nun alto e ten estas vistas sobre Lugo onde tamén s epode aprezar o inmenso pulmón verde que rodea a cidade.

A igrexa de S. Pedro Fiz de Muxa está situada nun outeiro. É do S. XVIII.
Igrexa de S. Pedro Fiz en Muxa


Atravesamos a aldea de Muxa:
Muxa
 Deixamos Muxa por unha estrada local cunha exuberante vexetación:

Desembocamos noutra estrada onde xiramos á dereita para entrar deseguida (nuns 100m) no Paseo do Rato de novo.

Entrando de novo no Paseo do Rato.

Volvemos camiñar á beira do Rato.
 
De cada pouco atopamos carteis informativos das árbores que vemos.

Tamén vemos pequeniños saltos de auga (azudes en castelán ou vertedoiros en galego) para derivar auga do río.
“El azud es una estructura rebasable, generalmente de poca altura, que sirve para elevar el nivel de la lámina de agua con objeto de alimentar una derivación o una toma para fines de suministro, pero no embalsa agua ni tiene capacidad para ello.
Según explica el Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, el azud es una construcción de origen árabe que se realizaba habitualmente con el objetivo de elevar el nivel de agua de un arroyo o río para desviar parte del caudal a las acequias cercanas y facilitar con ello el riego de los campos y cultivos de la zona
(https://maldita.es/malditateexplica/20230505/presas-azudes-embalses-y-pantanos-que-son-las-barreras-fluviales-y-que-tipos-existen/)

De seguro que estes vertedoiros foron realizados hai moitísimos anos para regar os cultivos que había en toda esta zona, moitísimo antes de habilitarse o Paseo do Rato.


Camiñamos á beira da estrada e dun carril bici.

Agora vemos a Casa da Cestaría polo outro lado.

Volvemos cruzar a Ponte que cruzamos antes pero agora pillamos á esquerda:

Uns metros máis adiante, abandonamos o Paseo para subir por estas escaleiras:

Vemos o edificio da Cruz Vermella pero torcemos á dereita, pola estrada de arriba:

Na zona da esquerda, a cidade de Lugo; por onde imos nós, árbores, hortas....por un lado, o urbano; polo outro, o rural...

Volvemos a estar no Viaducto da Chanca e agora o traxecto será o mesmo da ida pero só uns metros.

Estamos outra vez no emblemático barrio da Chanca:

Hai moitos salgueiros no Paseo do Rato, os desta zona son especialmente exuberantes. Antes non cruzamos a Ponte da Chanca pero agora si para ir pola outra beira do río:

O barrio de A Chanca naceu a carón do Camiño Primitivo. 
As mulleres desta aldea que ten fértiles hortas, levaban á cidade boa parte das hortalizas e froitas que se consumían na cidade.

Esta ruta non pode ser máis fermosa. Vai sempre en contacto con árbores autóctonas, prados...pisando moi pouco asfalto.

O ir por este lugar obrígannos a dar unha pequena volta que nos sacará ao barrio de Galegos para dende aí volver pola outra beira do río.

"Os barrios da Chanca, Castelo, A estación, As Gándaras, Fontiñas, Galegos, Paradai e Sagrado Corazón conforman un importante núcleo comercial, empresarial e de comunicacións. De orixe obreira e rural, esta área mestura as novas construcións de grandes bloques de edificios con antigas casas de orixe labrega que nos últimos anos están a experimentar un proceso de rehabilitación. A declaración do Camiño Primitivo como Patrimonio da Humanidade foi un impulso para os barrios que ven entrar aos peregrinos na cidade"
(https://localmentelucense.gal/)
Cruzaremos unha ponte e voltamos pola outra beira do río.
Barrio de Galegos


Hortas no Paseo do Rato

Na foto seguinte vemos os dous paseos ás beiras do río Rato . Agora imos pola dereita. Cando iniciamos este percorrido fomos pola senda da esquerda na foto.
Paseo do Rato

Os últimos metros coinciden co percorrido da ida. Observamos o cerca que está a cidade do mundo rural con hortas e animais.

 Encantounos esta ruta!! É moi fácil, relaxante e relativamente curta (Aínda non 12km.)
Para comer eleximos o restaurante  "A Campiña" no lugar do mesmo nome que nos quedaba camiño da casa. Comemos moi ben, a atención moi boa e a comida abundante e saborosa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario