Este blog crease para ir mostrando rutas de sendeirismo de dificultade baixa e /ou media-baixa e tamñen teñen cabida outras viaxes realizadas.
Rutas por Galicia e Asturias que non sobrepasen os 15/20 km. de lonxitude para que as podan realizar persoas que non necesiten estar en ningunha especial forma física.
Esta é a cuarta ruta que facemos en A Fonsagrada porque a natureza foi moi xenerosa con este concello e ten unhas paisaxes de interior moi fermosas: ríos, castros, montañas, fervenzas, soutos , carballeiras...dignas de visitar e de desfrutalas.
As rutas que xa levamos feitas, podense ver nos enlaces:
As rutas anteriores que fixemos están perfectamente sinalizadas pero esta deixa bastante que desexar. Hai algúns sinais pero precísanse máis, sobre todo ao principio da ruta. É importante axudarse con un track para non ter dúbidas.
A ruta do Castañoso atópase nun lugar moi recóndito, na montaña de A Fonsagrada, concretamente na Serra do Corno do Cervo. É bastante esixente a nivel físico debido ás baixadas e subidas e chan irregular pero ten poucos km. polo que unha cousa queda compensada coa outra.
É unha ruta moi pouco coñecida pero moi, moi fermosa. Nun lugar recóndito e con zonas practicamente virxes descubriremos unha ruta con grandes carballeiras, con fervenzas, un muíño, unha pequena capela, varios cortíns e un castro moi ben conservado e que é dos poucos de Galicia que ten unha sauna.
Características:
Lonxitude: 7km. aprox.
Dificultade: media
Ruta circular regularmente sinalizada.
Descripción
Nós partimos da aldea de Castañoso pero hai quen a fixo dende a aldea veciña de Silvachá. Estas son dúas aldeas pertencentes á parroquia de Maderne.
A ruta oficial parte dende Castañoso e dende logo é a que eu recomendo. Lin varios comentarios de xente que a fixo dende Silvachá e comentan que está moi mal, que non se pasa coas silvas e os felgos. Nós non temos ningunha queixa nese senso: a ruta estaba perfectamente limpa.
Aparcamos ao lado do primeiro panel que indica a ruta
E imos uns 200 m. por estrada:
Nevara bastante nos últimos días e aínda se conservaba bastante neve:
Vemos nesta aldea perdida casas moi grandes e varias delas restauradas. Tamén vemos os cabozos de clara tendencia asturiana:
Chegamos ao segundo panel indicador e seguimos segundo nos marca a frecha. É aquí, no inicio, onde botamos de menos máis sinais aclarotorias, pois na aldea hai varias rúas e cruces nos que non está moi claro para onde hai que pillar.
Esta é a capela de S. Gregorio en Castañoso:
Alonxámonos da aldea:
E atopamos un prado pechado cunha cancela que abrimos e volvemos pechar.
Aínda que semella unha finca privada e estaba pechada, o sinal mándanos por aquí:
E volvemos atopar pechado ao final do prado. Agora con arames. Fomos pasando...
A ruta adéntrase agora nunha fermosa carballeira:
Camiñamos rodeados de árbores centenarias:
Chegamos a un mirador que pensamos que hai moi pouco que o colocaron pois vese rozado ao redor de moi recente e a madeira tamén se ve moi nova:
Tamén se nota que estes sinais son novos. Agora podemos ir á dereita ou á esquerda. Se imos á dereita veremos a capela en ruínas de Santiago, un muíño e unha preciosa fervenza. Vale moito a pena esta visita e consta aprox. de 2km. entre baixar e subir porque se baixamos, logo temos que volver subindo ata este mesmo punto.
Esta é a capela de Santiago, hoxe en ruínas, ao redor da que antiguamente viñan romeiros de festa:
Tamén observamos corripas que eran construccións circulares de pedra para gardar as castañas:
O muíño de Penallo no rego das Covas é un deses lugares nos que te preguntas cómo virían construír un muíño tan lonxe(en realidade son sobre 2 ou 3 km. dende a aldea máis próxima) pero a maneira de chegar aí é por carreiros empinados e de dificcil aceso. O muíño, por desgraza, está nun estado de abandono total
O lugar é dunha beleza extraordinaria, un lugar onde só se oe a auga que se precipita nunha preciosa e caudalosa fervenza no medio de castiñeiros e carballos centenarios.
Voltamos sobre os nosos pasos e toca subir o baixado. Facémolo con calma, desfrutando da paz e da beleza que ofrece esta ruta. Deseguida chegamos de novo ao cruce e agora baixaremos ao Castro.
Oímos ruído de auga moi cerca e collemos á esquerda, atravesando un bosque virxe para ver unha alta fevenza. Este desvío non está sinalizado pero deseguida vemos a auga. Sacamos a foto de lonxe sen achegarnos, pero podía facerse.
Volvemos retomar a ruta e toca baixar. Moito coidado quen non teña acostumado a facer sendeirismo por lugares así xa que a baixada pode resultar complicada nese caso. Non é o noso xa que levamos moitas rutas deste tipo ás costas.
Chámase "calle dos mouros"a esta senda.
Cortín de Monteagudo. Un cortín é unha construcción de pedra onde se gardaban as colmeas para protexelas dos ósos.
Pouco despois atopamos o de López e Villar:
E así chegamos ao Castro de Castañoso, chamado "O Castelón". Está moi ben conservado e ten un edificio termal, unha sauna do S. I d. C que é a mellor conservada do noroeste penínsular, segundo os expertos.
Esta que se ve é a entrada á sauna:
Xa dentro da sauna, vemos que conserva a chimenea:
As primeiras noticias que se teñen deste castro son de 1986. No 2011, o profesor de Santiago, Manuel Gago realiza un estudo da zona e chama a atención acerca desta sauna que corría perigo de derrumbe. No 2015 comenzan os labores de excavación do Castro nunha 1ª fase que continuará en 2017.
Como resultado das excavacións, descubrironse 8 vivendas moi grandes, aínda que non todas están reconstruídas, e a saúna que é a edificación máis destacada por ser moi grande e estar moi ben conservada.
O Castro sitúase entre os regatos Valdobarreiro e Covas, non ten terras de labranza ao redor e está separado do río por unha acusada pendente. Os estudosos pensan que os habitantes deste lugar se dedicarían á explotación das minas de ouro das proximidades.
No Castro de Castañoso queda aínda moito que excavar e descubrir. Ao mellor por eso, os operarios que traballaron aquí non recolleron a "tenda de campaña" que empregaron. A verdade, non loce moito neste lugar:
Volvemos sobre os nosos pasos para afrontar a dura subida.
Carballos e castiñeiros centenarios nos acompañaron durante toda a ruta.
A medida que subimos, a neve vai aparecendo.
Castañoso está a unha altitude duns 700m.
Xa vemos as primeiras casas da aldea:
Marchamos moi contentos de ter feita esta ruta que nos namorou e penso que ten moito potencial para ser realizada pero deberán sinalizala mellor e publicitala máis.
Aínda que vive algo de xente en Castañoso, só vimos como seres vivos a un can e a este cabalo:
Un track para seguir a ruta e non perderse pode ser ESTE que parte dende Castañoso. os outros tracks que vin parten de Silvachá.
Aquí deixo un vídeo que atopei en Youtube con información relativa ás escavacións no Castro.
O Camiño Natural de S. Rosendo pretende unir as provincias de Ourense e Lugo e debe o seu nome a que S. Rosendo foi prior do monasterio de Celanova que el fundou, e bispo de Mondoñedo. Foi unha importante figura relixiosa e política do seu tempo.
A ruta consta de momento só de tres tramos :
Porto Quintela- Celanova
Celanova-Ourense
Mondoñedo-Foz
O tramo entre Mondoñedo e Foz consta de 32,4 km. pero eu pretendo percorrelo en tres tramos para ir moi despacio, desfrutando a cada paso das diferentes paisaxes e parando en diferentes puntos que así o precisen.
Este primeiro tramo sorprendeume agradablemente xa que é este un Camiño que transcorre pouco por asfalto xa que aproveita antiguos camiños de carro, carreiros e pistas de monte e procura buscar sempre a parte máis natural e significativa dos lugares que percorre.
Características:
Lonxitude: 13 km.
Dificultade: baixa
Ruta lineal ben sinalizada aínda que nalgúns momentos hai que prestar atención para non errar o Camiño.
Descripción:
Esta ruta arranca dende a Plaza da Catedral de Mondoñedo. A ubicación, AQUÍ
Esta catedral é tamén chamada "A catedral axenlloada" polas súas perfectas proporcións e a súa escasa altura.
Foi construída no S. XIII e sufríu modificacións en séculos sucesivos; como consecuencia ten diferentes estilos: románico, barroco, rococó, gótico...
Un detalle da Praza da Catedral:
Estátua de Álvaro Cunqueiro que mira á catedral. Este escritor naceu en Mondoñedo.
Iniciamos a camiñata pola rúa Pardo de Cela. O casco vello da vila (que ten a categoria de cidade) é Conxunto histórico -Artístico e, dende 2015, Patrimonio da Humanidade.
Deseguida desembocamos nesta rúa que nos leva ás aforas da vila:
Iremos vendo estas sinais. Sempre están, deberemos buscalas porque sempre aparecen.
Imos pola beirarúa desta carretera uns poucos metros.
Este Camiño Natural coincide ata Lourenzá co Camiño de Santiago (Camiño Norte). Nós iremos ao revés, claro.
A ruta métese polo barrio de S. Lázaro onde podemos contemplar estas casas indianas. Neste barrio estivo sitúada unha leprosería, algo que era común nos Camiños de Santiago.
Esta é a capela de S. Lázaro que dá nome ao barrio. Foi fundada a principios do S. XVIII
Imos cruzar a ponte de S Lázaro sobre o río Valiñadares. Esta ponte ten dous escudos. Este representa as armas da cidade de Mondoñedo:
Saímos á carretera e imos uns 200m. por asfalto ata pillar á man dereita cara ao barrio de o Reguengo:
Subimos por un camiño asfaltado deixando atrás Mondoñedo. A subida é suave e só duns 700m. aprx.
Chegamos ao Reguengo:
Abandonamos este lugar por un estreito carreiro no medio dunha exuberante e preciosa vexetación:
E baixamos agora cara ao barrio de S. Pedro:
Capela de S. Pedro da Torre que data do S XVI aínda que tivo reformas posteriores.
Continuamos lonxe do asfalto entre prados e árbores:
E pasamos por detrás do cemiterio novo de Mondoñedo:
Cruzamos por unha ancha pista de monte (uns 200m)
E desembocamos no lugar de Grove, na parroquia de Vilamor onde veremos o cruce de varias carreteras e a autovía A-8 ao lonxe. Afortunadamente nós só teremos que cruzar algunha carretera e non transitar por elas.
A ruta cruza por debaixo deste cabozo
e desemboca na ermida da Virxe de Guadalupe que data do S. XVIII e é unha das máis de 25 capelas dispersas polo municipio.
OLLO!! Neste cruce hai que ter coidado xa que a sinalización pode resultar confusa. Imos uns metros (moi poucos) cara a onde indica a frecha e hai que cruzar a carretera para meterse por un camiño á man dereita.
Pasamos por debaixo da autovía e seguimos por esta pista (todo o Camiño é moi doado de andar porque non ten desniveis fortes nin irregularidades)
Vendo á nosa dereita a aldea de Arroxo. Xa estamos no concello de Vilanova de Lourenzá
E agora iremos durante uns 2km. por unha pista polo medio do monte:
Que ao rematar ábrese e deíxanos ver as lonxanas montañas, os prados e aldeas do concello de Lourenzá.
Ao final desta pista, cruzamos unha carretera e pillamos á esquerda por un estreito carreiro.
Que , baixando, nos achegará ao centro da vila:
A xoia desta localidade é o Mosteiro de S. Salvador ea igrexa de Santa Mª de estilo barroco pegado a este. O mosteiro é un dos máis importantes de Galicia. As súas orixes remóntanse ao S. X e fundouno o bispo Osorio Gutiérrez, Conde Santo, xa que estaba emparentado coa realeza galega e era curmán de S. Rosendo. Xa vemos que o Camiño non é chamado así por casualidade se non que semella que este S. Rosendo estivo moi ligado a estas terras.
O templo de estilo barroco é do S. XVIII.
Se queres saber máis información deste monasterio e a igrexa barroca, pinchaAQUÍ
O Mosteiro é hoxe a sede do concello de Lourenzá:
Abandono Vilanova de Lourenzá buscando os sinais e a verdade é que din unha pequena volta que me sirvíu para coñecer mellor esta vila:
Deseguida atopei o sinal que buscaba:
Temos que cruzar a Ponte de Pedra sobre o río Baos. Esta ponte é o vestixio dunha vía de entrada a Vilanova no pasado, de tal xeito que esta vila foi chamada noutro tempo "Vila da Ponte"
Seguimos por esta carretera vendo a A-8 de frente. Volveremos deseguida a pasar por debaixo.
Pero antes vexo un letreiro que di "Aula da Natureza" a 100m. e aló me dirixo. O que hai son só tres ou catro mesas á beira do río, xunto a unhas árbores e un edificio que di "Protección Civil". No verán débese estar ben aí pero pensaba que atoparía outra cousa.
Volvo sobre os meus pasos para coller cara á Cazolga por onde indican os sinais:
Agora toca ir por asfalto durante 2 km. aprox. por unha carretera secundaria sen apenas tráfico e desfrutando de paisaxes abertas onde predominan os prados e os barrios e montes que vemos ao lonxe:
Vou por unha grandísima recta:
E MOITA ATENCIÓN!!! porque ao rematar a recta, esta carretera pola que vou enlaza con outra que vai á Cazolga. Ao chegar ao cruce non veremos o sinal do Camiño se non un indicador á esquerda que pon "A Cazolga". Se collemos para ese lado, á esquerda, chegaremos á Cazolga igualmente pero non polo Camiño oficial.
Aí, nese cruce hai que PILLAR Á DEREITA e deseguida veremos o sinal indicador do Camiño. Teremos que andar uns pasos para poder velo e aí si que pilllaremos á esquerda para ir por unha pista de monte ata a aldea de A Cazolga:
Por esta pista hai que ir:
A pista é cómoda e ben acondicionada.
E así chegamos á Cazolga, unha aldea na que destaca a súa ponte que nos recibe ao chegar.
Ás beiras do río Masma, hai unha preciosa área recreativa con mesas, bancos, barbacoas...e incluso un albergue.
A ponte foi construída no S. XVIII polos monxes benedictinos de Lourenzá.