martes, 11 de abril de 2023

SENDEIRO DO MUÍÑO DE CUÍÑA PR-G 248 (LALÍN- PONTEVEDRA)


É a 2ª vez que imos á Comarca do Deza formada polos concellos de Silleda, Agolada, Vila de Cruces, Rodeiro, Dozón e Lalín que é a capital.

A vez anterior fixemos unha ruta en Agolada que se pode ver AQUÍ e hoxe fomos ao concello de Lalín (A ruta pasa polas parroquias de Bendoiro, Prado e Noceda) para facer un fermosísimo percorrido que detallo a continuación.

Características da ruta:

Lonxitude: 12,5 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular perfectamente sinalizada e acondicionada excepto nun pequeno tramo en Praduxao que hai que atravesar un prado e o carreiro estaba moi pechado e con ortigas.

Deixo o track en WIKILOC

A miña calificación desta ruta: 🔆🔆🔆🔆🔆

Descripción:

Empezamos ao pé do Muiño de Cuiña onde hai un aparcadoiro grande para deixar os coches.

Aparcadoiro

Empezamos a camiñar xunto a unha plantación ecolóxica de arandeiras. (Á esquerda)



Hai unha gran superficie plantada desta planta que dá os arandos:
Arandeiras
 
Tamén hai unha plantación de grosellas:
Plantación de grosellas

Atravesamos unha fermosa carballeira. Estamos en abril e empezan xa a agromar as follas:
Carballeira

Camiñamos uns metros por estrada e vemos a aldea de Vilar do Río que pertence á parroquia de Bendoiro. Non pasamos por ela xa que torcemos antes á dereita na bifurcación que se ve.
Vilar do Río

Vimos a curtiduría Manuel Cortizo que estivo en activo dende finais do S. XIX ata 1958. Absorbía boa parte das peles que se producían na zona e exportaba coiros a Valencia e Sevilla. Fabricou tamén solas de zapatos e cola coa carnaza e graxa sobrante da limpeza dos coiros.
Antiga curtiduría Manuel Cortizo

No S. XVIII aparecen en Galicia as primeiras fábricas de curtidos. O concello de Lalín chegou a contar con 4 factorías.
Antiga curtiduría Manuel Cortizo
 
Vemos a canle que surtía de auga á fabrica de curtidos. A auga vén do Rego de Lamas ou Rego de Santa Lucía que está a nosa dereita.
Canle
 
Cruzamos a estrada:


E camiñamos agora ao pé do Rego de Santa Lacía ou de Lamas:
Rego de Lamas
 
Camiñaremos nun fermoso entorno con pontiñas de madeira en varias ocasións:
Pontiñas de madeira á beira do Rego de Lamas ou de Santa Lucía

A Capela de Santa Lucía pertence á parroquia de Bendoiro. A 1ª noticia referente á a esta capela é do ano 1705 no que dous veciños de Noceda preitean "por el molino de debaxo da la ermita de la gloriosa Sta. Lucía"
A ermida ten unha fonte á que se lle atribúen propiedades curativas.
Ermida de Santa Lucía

A esta ermida acoden xentes da comarca á procura dos favores da Santa, especialmente relacionados co sentido da vista, do que a Virxe é patroa.
Ermida e cruceiro de Santa Lucía
 
Moi cerca da ermida, hai un muíño, o de Santa Lucía que está en ruinas. Pertence xa á parroquia de Prado. É un muíño dunha moa con tellado a dúas augas que deixou de moer ao redor de 1970 e era de propiedade veciñal. 
Hai outro roteiro que vai coincidir en parte con este que nós facemos, chamado "Roteiro dos Muíños do Rego de Lamas", que empezaría máis atrás, na parroquia de Bermés.
Na foto, despois da pontella de pedra, está o Muíño de Santa Lucía.
Pontella e muíño de Santa Lucía en ruínas

Os recunchos ao pé dos antigos muíños son máxicos, preciosos, coma este no de Santa Lucía.
Entorno do muíño de Santa Lucía

Continuamos o percorrido por un sendeiro moi ben coidado,  seguindo o Rego de Lamas ou Santa Lucía. 
 Sendeiro á beira do Rego de Lamas

 Outros regatos máis pequenos que verten no de Lamas:
Regatos vertendo no Rego de Lamas

Ao longo do percorrido á beira deste Rego atopamos moitos muíños. Agora vemos o de Costa. Pertence á parroquia de Prado, era dunha moa e logo foi ampliado a dúas. Ten tellado a unha auga e aparece ben conservado ou restaurado.
Era un muíño de maquía e cobrábase en cartos ou en gran a moenda(eso era a maquía)
Muíño de Costa
Moi cerca, temos o Muíño de Vilar que é dunha soa moa e tellado a 2 augas. Foi construído arredor de 1905 e deixou de moer en épocas recentes.
Era de propiedade veciñal, dos veciños de Vilar e da Toxiña e o sistema de rolda era por días.
Muíño de Vilar
 O percorrido alónxase agora do Rego pero serán só uns metros:

Estamos moi cerca do
Muíño de Cuíña e vemos o sistema de comportas  para desviar a auga do Rego de Lamas e para regular o caudal da mesma.
Comportas para desviar a auga e controlar o caudal
 
Ao pé da área recreativa, vai a canle para o muíño.
Área recreativa

Agora a canle fai unha inclinación e a auga baixa con forza para accionar o rodicio.
Muíño de Cuíña

O Muíño de Cuiña era de maquía, é dicir, de propiedade privada e os veciños que viñan moer pagaban en gran (a maquía)
Foi construido por Eladio Cuiña Taboada en 1918 e contaba cunha soa pedra de moer. O seu fillo, Luis Cuiña Fondevila renovou o muíño dotándoo de 3 pedras ou rodicios.
Na actualidade, o muíño continua sendo xestionado pola 4ª xeración da familia e coa última reforma de 2002 amplíanse a 7 as pedras de moer: dúas hidráulicas e 5 eléctricas.
É un dos poucos muíños deste tipo que segue en activo e elaborando fariñas que venden por todo o país.
Muíño de Cuíña

Un peculiar cruceiro está situado en frente do muíño.
Cruceiro

Vemos tamén a estatua dun muiñeiro: un regalo que os alcaldes da provincia de Pontevedra lle fixeron ao político Xose Cuíña sendo este Presidente da Deputación de Pontevedra.
Estatua do muiñeiro

Neste punto, onde se atopa o Muíño de Cuiña, xa poderiamos finalizar se quixesemos o que sería un curto paseo de 3,5 km. xa que o coche está aparcado a uns metros deste punto.
Nós continuamos e vemos á nosa esquerda a maquinaria e a canle para outro muíño que hai e estado totalmente ruinoso.

O muíño en ruinas:

Seguimos uns metros por estrada (sobre 100m) e deseguida voltamos ao pé do Rego de Lamas.

 Vemos outro muíño máis en ruinas.
Muíño en ruinas
E chegamos a un lugar que os veciños chaman "O Batán" . O topónimo derivaría da existencia aquí dun enxeño hidráulico que utilizaba a forza da auga para golpear panos e mantas.
O abatanado era o proceso que remataba a confección dalgúns tecidos, sobre todo mantas. Era preciso para desengraxalas, limpalas e suavizalas, eliminando as asperezas da la ou liño.
Lugar onde houbo un batán
 
Imos agora alonxarnos do rego durante 500m. aprox. e temos unha curta subida.

Agora baixamos por un camiño levando á dereita estes centenarios carballos.
Carballos

Desviándonos uns 20m. da ruta vemos o Pozo do Rato. O Rego de Lamas precipítase nun desnivel rodeado de rochas formando esta cascada e outros saltos nun recuncho verdadeiramente fermoso.
Pozo do Rato
 Saltos que fai a auga no Pozo do Rato:
Pozo do Rato

Cruzamos esta rústica ponte que é un enorme tronco.
Ponte
 A ruta está super ben sinalizada. Neste punto atopamos outro enlace para, facendo a ruta tamén circular, voltar ao punto de partida se queremos.

Rematamos aquí o camiñar ás beiras do Rego de Lamas ou de Santa Lucía porque desemboca aquí, no río Deza.

O río Deza discorre pola provincia de Pontevedra nacendo no concello de Lalín. É un afluente do Ulla.
Río Ulla

O río Deza flúe tranquilo deixándonos paisaxes fermosas. Camiñaremos agora á súas beira.

E temos outro enlace máis por se queremos acortar a ruta. Non é o noso caso.

Bidueiras, abelairas, salgueiros...medran á beira do río.

A ruta non é monótona en absoluto xa que pasamos por distintos tipos de paisaxes. Abandonamos o Deza para atravesar agora un piñeiral.

E unha carballeira:

Desembocamos nunha estrada local pola que camiñaremos sobre 400m. e vemos a Cooperativa Hoxe de Queixos con denominación de orixe Arzua-Ulloa.
Cooperativa de Queixos Hoxe
 
Volvemos a adentrarnos nun camiño e imos coincidir coa Ruta dos Pazos e Ponte Taboada (PR-G 234) lineal e que une a vila de Lalín coa Ponte Taboada da que nos atopamos moi preto. Tamén pasa por este lugar o Camiño de Santiago (A Vía da Prata)

A Via da Prata do Camiño de Santiago percorre por Galicia un excepcional patrimonio natural e etnográfico como é esta comarca do Deza.

As primeiras fábricas da luz suministarban electricidade  ás vilas e lugares próximos.
Os restos que contemplamos pertencen á Central Hidroeléctrica de Pereiro que funcionou dend ea dácado dos 50 ata comenzos dos 70 proporcionando electricidade a Silleda e a Taboada. Quedou obsoleta coa posta en marcha dos grandes encoros.
Antiga Central Hidroeléctrica de Pereiro

Fermoso e antigo camiño empedrado moi cerca da Ponte Taboada.

Antiga calzada de pedra

A Ponte Taboada foi construida sobre o río Deza no ano 912, é románica e está situada sobre o río Deza no antigo Camiño real que unía as cidades de Ourense e Santiago.
Entro en desuso ao construirse as modernas estradas e hoxe só a cruzan os peregrinos que se dirixen a Santiago pola Vía da Prata.
Ponte Taboada
Esta ponte pertence ao municipio de Silleda e une as parroquias de Taboada (Silleda) e Prado (Lalín)
Ponte Taboada
Camiñamos un treito levando pola dereita o río Deza e pola esquerda a canle que proporcionaba auga á Central Hidroeléctrica que vimos.
 
Outro afluente do Deza é o Asneiro que vemos na foto seguinte desembocando. Ata aquí chega o percorrido que vai ao pé do río Deza.


A partires do encontro do Asneiro co Deza, a ruta métese cara ao interior abandonando o río. Atravesamos agora unha carballeira e antes cruzamos un piñeiral.
Carballeira


Ímonos achegándonos ao Pazo de Liñares.

O Pazo de Liñares é de estilo barroco galego. Hai constancia da súa existencia dende o o ano 1512 aínda que na súa maior paret foi construido a finais do S. XVII e principios do XVIII.
Na fachada principal destacan a chimenea e o escudo de armas da familia Taboada. A linaxe de Taboada foi propietaria ininterrrumpidamente do pazo durante catro séculos. No 1920, o seu último sucesor abandonouno e a partires de entón vai pasando de man en man e sumíndose progresivamente na ruina e o abandono.
No ano 2002 é adquirido polo concello de Lalín co obxectivo de recuperar e preservar o seu legado histórico e arquitectónico. No ano 2009 é declarado BIC (Ben de Interese Cultural) e no 2014 inaugúrase tras ser rehabilitado.
Actualmente é un centro d eactividades culturais d ereferencia en toda Galicia.
O aviador Xoaquín Loriga Taboada naceu neste pazo.
Pazo de Liñares

No cruce que vemos na foto, se collemos á dereita imos por Prado e alongamos a ruta uns 2 km. máis (sería a forma máis longa de facela). Como xa nos parecía bastante longa e en Prado só se destaca a súa igrexa oie seguimos de frente.

A ruta está super ben sinalizada. Aquí, atravesando a aldea de A Borrallla da parroquia de Prado.
A Borralla

Viramos ao pé dunha casa para este prado que cruzamos ortigando as pernas. É o tramo de ruta máis descoidado:


Atopamos dúas cancelas que sempre hai que deixar como estaban xa que son para que o gando non escape.

Chegando a Praduxao, este carreiro que atravesa un prado tamén estaba en malas condicións:


Agora o sendeiro xa está ben. Estamos rematando a ruta.

Xa case ao pé do aparcadoiro, vemos esta fermosa cascada:

Vemos o último muíño:

E rematamos vendo xa o aparcadoiro onde temos os coches, esta fermosísima e interesante ruta que non deixa indiferente.













Ningún comentario:

Publicar un comentario