venres, 7 de abril de 2023

RUTA PARA NENOS: AS COVAS DE ANDÍA (EL FRANCO- ASTURIAS)

 

Esta pode considerarse unha MINI RUTA de sendeirismo e ademais diferente de case todas xa que non se pode acceder a ela sen guía e hai que pagar tamén unha entrada. Catalogueina de "Ruta para nenos" polo curta que é e porque desfrutan de camiñar por estreitos pasadizos, pontes, escaleiras...aprendendo ao mesmo tempo nomes de árbores e outras cousas.

Declarado como Monumento Natural, as Covas d'Andía están situadas nun val de rocha caliza e teñen un gran valor tanto paisaxístico como arqueolóxico. Están englobadas no Parque Histórico do Navia.

Están situadas na parroquia de Arancedo dentro do concello de El Franco, no occidente astur.

El Franco é un concello eminentemente rural sobre toda na súa parte interior. Ten tamén zonas turísticas como son Viavélez , praia de Pormenade...

QUE NINGUÉN PENSE que estas son as típicas covas interiores con estalactitas e estalagmitas xa que non é así: estas son covas a ceo aberto. Son formacións karsticas que sairon á luz grazas a que os romanos sacaron ouro de aí nos S. I e II.

Para poder visitalas hai que concertar antes unha cita chamando ao tfno. 619 36 81 69

Características da ruta:

Lonxitude: 

Dificultade: Fácil

Ruta circular só asequible con guía.

Deixo o track como información xa que para nada é necesario ao ir con guía.

Descripción da ruta: 

A ruta empeza no aparcadoiro onde tamén está a caseta para sacar as entradas.

Aparcadoiro e caseta onde está a guía e as entradas.

Estas covas foron abertas ao público no 2008. Os montes nos que se atopan son de propiedade privada.

Na foto seguinte vemos "El Pozo de Aguas Verdes" así chamado porque segundo como lle dea o sol, a auga que ten vese de cor verde reflectindo a cor das plantas e árbores que hai ao redor.

A vexetación está sempre presente no percorrido. Ao ser un lugar húmido a vexetación é moi xenerosa e no chan medran cantidade de plantas variadas como fentos, hedras, ruscus...

Plantas e árbores medran en tódolos sitios por onde imos.

Hai tamén escaleiras e pontes de madeira para salvar algún rego.


A frondosidade deste lugar é tan grande que aínda existen especies botánicas por explorar e tamén sendeiros inéditos.


As fotos seguintes amosan a "Cova das Grallas". Nesta zona de Asturias utilizan "A Fala" (un dialecto do galego moi usado entre as xentes que viven entre os ríos Eo e Navia) e que ten moitísimas palabras iguis ao galego como por exemplo gralla (ave da familia dos corvos)
Nesta cova, acostuma a haber grallas e incluso vimos un niño na entrada da mesma.

Teixo e Cova das Grallas
O brión non podía faltar nete ambiente tan húmido:
 
Hai unha inmensa variedade de árbores: teixos, piñeiros, abelairas, loureiros, érbedos, freixos, eucaliptos...


A orixe  destas covas remóntase aos séculos I y II despois de Cristo, momento histórico no que o Imperio Romano extraía do occidente de Asturias a maior parte do ouro que necesitaba para a súa administración.


Os buratos que vemos no chan son raposeiras , lugares onde se garda o raposo.

As perforacións e técnicas extractivas do ouro naquel tempo están presentes no Forno del Mosqueiro, impresionante lugar que vemos na seguintes imaxes:

O nome de Forno del Mosqueiro é debido a que neste lugar buscaban refuxio os animais escapando das moscas no verán xa que aquí hai sombra e  unha temperatura máis ben baixa polo umbrío do sitio.


Este caprichoso relevo é a consecuencia combinada dunha enorme mina da época romana destinada á obtención de ouro e á acción de fenómenos naturais.

Estas covas son dunha especial diversidade xeolóxica, xeomorfolóxica e paisaxística.


Abruptas quebradas, trincheiras, vaciados de ladeiras, cerros residuais e garndes acumulacións de escombros, hoxe disimuladas pola vexetación, forman os colosais vestixios dunha explotación a ceo aberto.


Imos introducirnos agora nun paso estreitísimo:



 O lugar que vemos na seguinte foto, que na fala en Asturias chaman Caleiro, nós en galego dicimos Caleira. Era un forno onde se calcinaba a pedra calcárea moi usada entón na construcción ata a aparición do cemento.

Subimos ata a beira dunha estrada local pola que imos uns poucos metros.

Deseguida nos introducimos de novo no bosque:

Este percorrido pode ser unha delicia para os nenos e nenas!

Xa estamos chegando ao final deste percorrido circular que durou case unha hora e media.


Case rematando vimos a Pena da Llamua. Na actualidade quedan ao descuberto esqueletos de rochas calizas que amosan fantasiosas formas naturais modeladas pola auga.

Ao pé da caseta de información e venda de entradas e do aparcadoiro hai unha inmensa área recreativa.


Como esta ruta é moi curta deixo enlaces a outras que fixen nete mesmo concello:

CASCADAS

RUTA COSTEIRA II






Ningún comentario:

Publicar un comentario