xoves, 5 de maio de 2022

RUTA DA LAGOA DE PALLARES OU LAGOA DOS PATOS. (BARREIROS)


O concello de Barreiros sinalizou esta ruta  Lagoa de Pallares ou Lagoa dos Patos e aínda que eu xa coñecía o tramo ata lagoa, xa que coincide co Camiño Natural do Cantábrico, quixen facer a parte que me faltaba e que ten elementos etnográficos que son dignos de admirar. 

Características: 

Lonxitude: 6 km.

Dificultade: fácil. Nalgunha páxina do concello lin que a califican como moderada e non entendo as razóns xa que esta ruta ten un firme de chan moi bon, non presenta apenas desniveis e non pasa por lugares que entrañen ningún perigo.

Ruta circular moi ben sinalizada.

Deixo o meu TRACK

Descripción:

A ruta sae e volve ao Campo de Fútbol de Cascabeiro. Estamos no lugar de Áspera que pertence á parroquia de S. Cosme de Barreiros No inicio temos un panel grande co mapa e as características da ruta.

Xiramos á esquerda onde vemos un cruceiro.

Cruceiro entre Áspera e Viladaíde

Empezamos a camiñar por asfalto por unha estrada local e deseguida enlazamos co percorrido do Camiño Natural do Cantábrico que chega a nós nun cruce pola dereita.
Xa imos no tramo coincidente co C. Natural do Cantábrico

Baixando por esta estrada veremos deseguida un pequeno camiño á dereita que nos leva á mesma beira da Ría. Hoxe a marea estaba baixa e a auga quedaba moi lonxe. Vale moito a pena achegarse aquí. Supón apartarse da ruta uns 20m. e sentarse nun rústico banco de madeira que hai aí é todo un relax. Estamos no lugar de Xestelo.
Vistas da vila e da Ría de Foz dende Xestelo

Voltamos á estrada pola que non pasa ninguén. A cor verde rodéanos.


Despois dunha curta subida, volvemos ver Foz e a Ría:
                                                             Vistas de Foz e a súa ría


Chegamos a este cruce onde vemos os sinais das rutas coincidentes:

Estamos en A Barcela e dende aquí as vistas son inmellorables sobre Foz coa súa ría.

Abandonamos o asfalto para adentrarnos nun monte no que aínda que a maioría de árbores son eucaliptos tamén vimos algún carballo:


Deseguida cruzamos este monte e chegamos á Lagoa de Pallares tamén coñecida como Lagoa dos Patos (Eu xa a visitei ben veces e patos, a verdade, nunca vin) pero a visita merece igual a pena pois a lagoa é moi fermosa:
Lagoa de Pallares
Deixamos á esquerda esta ponte do tren por debaixo da que viremos despois.
 
Bordeamos unha parte da Lagoa que nace a partires dunha antiga canteira naturalizada e reconvertida nun espazo natural.

Seguimos camiño e nun claro, vemos outra vez a ría e ao lonxe a costa de Foz e a de Barreiros.

O noso percorrido continua entre eucaliptos. Á nosa dereita, podemos intuir a ría entre as árbores.
 
Vemos este inmenso caserío rodeado de cipreses.
 
E agora chegamos ao asfalto de novo, neste tramo, todo son acacias.
 
Neste cruce separámonos do Camiño Natural do Cantábrico xa que nós colleremos á esquerda:

E deseguida aparecemos outra vez na Lagoa de Pallares. Na foto seguinte vemos á esquerda o camiño polo que chegamos e agora imos polo asfaltado da dereita:

 Chegamos ao lugar de Vilar:

Paceunos un sitio precioso, con moitas árbores e fermosos xardíns moi coidados.

Fermoso xardín

Ata vimos a Pinocho
Ata os hórreos lucían así de chulos. Nesta ruta aprendín a diferenciar os de estilo Mondoñedo e os de estilo Ribadeo.
Muíño estilo Mondoñedo pero con bodega debaixo
 
 Tanto o de arriba como o de abaixo son de estilo Mondoñedo. Os hórreos deste estilo teñen mestura de madeira e pedra e están elevados sobre altas cepas e a cuberta é ás 4 augas de pizarra.
Hórreo estilo Mondoñedo

Case pegado ao anterior, vemos outro hórreo pero agora, de estilo Ribadeo. Están todos construidos en pedra e recebados. Non se levantan sobre cepas, senón sobre celeiros que poden ser dun ou dous pisos. Este estilo de hórreo leva aberturas laterais en vertical. A cuberta é tamén a 4 augas de pizarra con turulecos de pedra para suxeitar a pizarra.
Hórreo estilo Ribadeo
 
Noutra casa vimos esta fermosura de xardín!

Canto me gustou este barrio! Aquí vemos outro hórreo estilo Mondoñedo frente a unha casa indiana.

"Casa Arturo" é unha casa indiana que atopamos neste barrio de Vilar.
Casa indiana

Detalle do gurugú ou miradoiro desta casa indiana:

Pasamos tamén pola igrexa de S. Cosme de Vilar. Esta era a antiga igrexa desta parroquia de S. Cosme de Barreiros. Como está situada no lugar de Vilar por eso se chama así. Foi construida nos S. XVII e XVIII. Na actualidade, a igrexa parroquial está situada no núcleo urbano do concello.
Antiga igrexa parroquial de S. Cosme

Uns metros antes da igrexa, a ruta lévanos ao antigo lavadoiro de Áspera e Vilar:
 
Este lavadoiro foi construido en 1911 e aproveita a auga do Rego de Esteiro:
 
A igrexa de S. Cosme de Vilar segue a funcionar como co-parroquial e ten enfrente o cemiterio.
Igrexa de S. Cosme de Vilar

Estamos xa en Áspera e chama a nosa atención esta enorme casona: é outra casa de indianos coñecida precisamente como "Casa Grande".

Esta casa indiana foi promovida por Ignacio López e data de 1907.

Vimos por esta zona de Barreiros árbores moi diversas. Ata vimos unha oliveira.

Xa chegando ao final do percorrido, vemos este pombal no Cascabeiro. Os pombais eran un privilexio de pazos e grandes casas labregas. Os buratos era por onde as pombas entraban e saían e dentro tiñan os niños. Non teño foto pero ao pé da igrexa de S. Cosme vimos outro pombal.
 
E aquí, onde empezamos remata a ruta. Marchamos moi satisfeitos do que vimos e do aprendido xa que non hai ruta de sendeirismo na que non se aprenda algo.





domingo, 1 de maio de 2022

RUTA A CORUXEIRA E OUTRAS COUSAS QUE VER (PANTÓN)

 Voltamos a Pantón!! Xa realizara eu neste concello a ruta Cibrisqueiros-S. Cosmede e tamén a da Fervenza de Augacaída. Hoxe tocou a Ruta de A Coruxeira, moi curtiña pero con moito encanto. Debido a esta curta lonxitude da ruta tamén aproveitamos para visitar a igrexa de S. Fiz de Cangas, a igrexa de Augas Santas e o mosteiro cistercense de Santa Mª ou das Madres Bernardas.

O concello de Pantón está situado ao sur da provincia de Lugo, na Ribeira Sacra lucense. Está bañado o concello por tres ríos: o Miño, o Sil e o Cabe. A capital do concello é  Ferreira.

Imos primeiro coa ruta.

Características:

Lonxitude: 4,7 km. (porque demos unha voltiña pola aldea de Pacios, senón serían menos)

Dificultade: fácil

Ruta circular sinalizada agora mesmo de xeito deficiente xa que atopamos algún poste indicador caído, outros faltaban e tamén atopamos na baixada á fonte de augas férreas unha árbore atravesada.

A ruta en WIKILOC: 

Descripción:

Dicir en 1º lugar que é unha lástima que non sinalizaran a ruta dende a igrexa de S. Fiz de Cangas, xa que o comenzo oficial está moi preto e dende logo considero que é imprescindible unha visita a esta igrexa e o seu entorno. No meu track veredes que nós comezamos a ruta onde está o panel inicial. Despois en coche fomos a S. Fiz.

Estamos na parroquia de S. Fiz de Cangas e dentro dela no lugar de A Arribada. Antes de chegar ao núcleo de poboación empeza a ruta. AQUÍ

Baixamos por un carreiro estreito á beira dun prado.

 

E deseguida chegamos á Fonte de Augas Férreas. Estas augas no pasado eran moi aproveitadas pola xente que tiña problemas de saúde pola falta de ferro. A fonte está nun entorno moi fermoso:

Entorno da fonte

Vemos a cor característica deste tipo de auga:

Fonte de Augas Férreas


Seguimos o noso camiño nun fermoso entorno entre muros de pedra seca e carballeiras:

 

 Neste tramo imos sempre á sombra e boa falta fai que temos un día de sol ben caloroso!!

Camiñando á sombra

Agora cruzamos un prado onde o sendeiro empeza a estar desdebuxado pola alta herba:

   

E chegamos a unha bifurcación onde dá igual o camiño elexido xa que se imos por un lado, volveremos polo outro para atoparnos outra vez aquí:

 

Nós escollemos ir primeiro á esquerda, pola ponte:

 

Seguimos á sombra que agradecemos neste día de calor.

Camiño sombreado

E, de súpeto, a paisaxe ábrese ante nós e desembocamos nunha zona de vides. Pantón é terra de viño. O seu emplazamento xeográfico otorga aos seus viños unhas características únicas e nos últimos anos o concello incrementou a producción vinícola e ao redor de 400 viticultores están rexistrados na denominación de orixe. Hai 8 adegas  que fan evidente unha importante actividade neste sector que é un gran dinamizador da economía local.

Vides

Tódolos anos ten lugar en maio a Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón que recentemente obtivo o recoñecemento oficial de Festa de Interese Turístico.

 Estamos xa noutra parroquia, na de Deade. A aldea que vemos ao fondo é Pacios que non pertence a esta parroquia senón a de Espasantes. 
Pacios ao fondo

 Atravesamos o lugar de A Cal, pertencente á parroquia de Deade.
A Cal

Camiñamos agora por asfalto pero só uns metros para atravesar A Cal e chegar a Pacios onde colleremos de novo un sendeiro de terra para facer circular esta ruta.
Chegando a Pacios
 Aínda que o trazado da ruta non se adentra en Pacios, nós quixemos dar unha voltiña e fomos coñecer a igrexa de Santo Estevo de Espasantes, construida no S. XIII e reconstruida no S.XVII
Igrexa de Santo Estevo

Vistas dende a igrexa: vides e A Cal por onde acabamos de pasar.
 
En Pacios, hai que coller ao pé dunhas casas un carreiro á dereita.
 
Que nos volve a sumerxir en sendeiros tradicionais con árbores autóctonas. Volvemos a atoparnos na bifurcación polo outro lado e logo imos palo camiño da ida ata o final.


E ata aquí esta curtiña pero fermosa ruta. Agora xa no coche, achegámonos ata a igrexa de S. Fiz de Cangas.
O primeiro que vemos ao chegar é o Calvario do Campo do Santo Cristo do S. XIV que no seu interior alberga unha réplica dun calvario gótico coas figuras de Cristo crucificado, a Dolorosa e S. Xoán realizado en madeira policromada. O conxunto orixinal atópase no Museo do Convento das Clarisas en Monforte.
Calvario do Campo do Santo Cristo
 
Popularmente este lugar é coñecido como humilladoiro, pequeno lugar de devoción situado nas entradas ou nas aforas das aldeas ou cidades con imaxes ou cruces.
Humilladoiro

Neste lugar , ao lado do Calvario, hai un campo grande onde se celebran as festas, chamado Campo do Santo Cristo.
Seguimos o sinal que nos vai levar á igrexa:

A igrexa de S. Fiz de Cangas foi construida entre os Séculos XII e XIII como templo dun convento de monxas benedictinas pero, dende moitos séculos antes, en época visigoda, xa había aquí un mosteiro. Do conxunto mosteiral que houbo, consérvanse  restos das antigas dependencias, hoxe propiedade privada e moi modificadas, destinadas a vivendas e á actividades agrícolas ata non hai moito tempo; consérvase a igrexa e unha pequena capela adosada a ela.
Igrexa de S. Fiz

No S. XVII practicáronse algunhas reformas como o derribo da ábsida lateral esquerda e no seu lugar engadeuse a capela de Torrenovais para albergar o sepulcro de D. Rodrigo López de Quiroga
No lugar onde había unha ábsida, engadeuse unha capela

Na fachada principal, destaca un arco apuntado e o tímpano debaixo. A decoración deste consta dunha cruz grega con grafismos  que simbolizan o sol e a lúa, uns rectángulos concéntricos e unha estrela inscrita nun cadrado.

A vida monástica mantívose en S. Fiz ata a reforma de finais do S XV en que as relixiosas desta orde Benedictina se viron obrigadas a trasladarse ao Mosteiro de S. Paio de Antealtares en Santiago.
Restos do mosteiro.

Moi preto da igrexa vemos este pombar restaurado que supoñemos pertencería ao conxunto mosteiral no pasado.
Pombar restaurado
 
Outra imaxe das dependencias pegadas á igrexa:
 
Tamén vemos esta fonte e lavadoiro frente á igrexa:
Fonte e lavadoiro

Imaxe do conxunto de S. Fiz visto dende o lado oposto á igrexa. Todas estas dependencias están pegadas a ela.


E agora imos comer a Ferreira, a capital de Pantón. Fixémolo no restaurante O Mosteiro. Comemos un menú do día normal de todo. Nada que destacar da comida pero sí do lugar. Como o día se prestaba, comemos fóra no que é o centro da vila, nunha fermosa praza onde están o edificio do Concello, da Biblioteca pública e un Centro Sociocultural.
A construcción orixinal do edificio que vemos debaixo data do S. XVII aínda que se fixeron reformas posteriores, ten forma de L, muros de sillería de granito con tellado de tella. No 1928 engadeuse a Torre do Reloxo. Diante hai unha fermosa praza.
O edificio alberga a Casa Consistorial, a Biblioteca e o Xulgado.

No edificio onde está o Centro Sociocultural, no baixo, hai un bar e na terraza cuberta temos a estes dous coñecidos escritores galegos da provincia de Lugo, ligados a Pantón dalgunha maneira xa que ámbolos dous mencionaron este concello nalgunha das súas obras literarias. Manuel Mª ten unha rúa dedicada que sae xusto da Praza do Concello.
 
Outra imaxe do centro da vila:
 
O Centro Sociocultural xa é máis moderno:
Centro Sociocultural
 
Despois de comer, fomos visitar o Mosteiro Cistercense de Santa Mª  que tamén se chama Mosteiro de S. Salvador (porque está consagrado a este santo) ou Mosteiro das Bernardas (porque nel viven monxas bernardas en clausura) que dende logo non pasa desapercibido pola súa beleza e grandiosidade. Este é o único mosteiro feminino cistercense da Ribeira Sacra que ten actualmente vida relixiosa.
Está situado moi cerquiña do centro da vila, na estrada que vén de Monforte , á man dereita. Na foto seguinte xa vemos ao lonxe o centro da vila onde está o concello e á dereita en 1º termo está o mosteiro con sitio para aparcar.

O mosteiro etá rodeado por unha muralla e a entrada recorda á entrada dun castelo:

 A portada ten unha torre a cada lado. Na da esquerda, arriba de todo vemos unha figuriña: é a imaxe de S. Salvador a quen está consagrado o mosteiro na torre da dereita vemos o escudo da Orde do Cister pois estamos nun mosteiro cistercense. No centro da porta vemos unha cruz e un escudo que pode ser o do mosteiro.
Entrada ao mosteiro
 
Este mosteiro foi levantado ao longo de cinco séculos, a igrexa románica é do S. XII, o claustro do S. XV e o resto de dependencias, do S. XVIII pero xa se fundou no S. X  aínda que nese momento era dúplice (tiña dependencias para monxe e para monxas totalmente separadas) e era Benedictino. No S. XII este tipo de mosteiros dúplice desapareceu e este anexionouse ao Cister dependendo do Mosteiro de Santa Mª de Meira.
Dende 1975, o Mosteiro de Santa Mª de Pantón é Monumento Nacional.
Mosteiro de Santa Mª de Pantón


A fachada é de estilo barroco, moi sinxela segundo marcaban as normas do Cister.

Fachada do mosteiro

A fachada  principal da igrexa non se pode ver porque dá a zona na que viven as monxas e non é visitable. É do S. XII e é un dos exemplos do románico máis interesantes da Ribeira Sacra.
A entrada á igrexa

Os chapiteis desta igrexa teñen decoración vexetal, animal e con historias.


A ámbolos dous lados do altar, hai dous sepulcros góticos do S. XV. Un é de D. Diego de Lemos (lider da Revolta Irmandiña) e o outro é o do seu fillo

 
Mirando ao teito vemos un artesonado mudexar do S. XVI que é ben fermoso.
Artesonado mudexar

Unha cousa que sempre chama a atención nas igrexas románicas son os canciños (non todas os conservan) nesta vense moi ben. Tamén se conservan moi ben as ventaniñas das ábsidas.

 Dicir tamén que o mosteiro conta cunha hospedería que hai pouco que reabreu. Nós non vimos o claustro porque íamos con presa pero é moi fermoso e tampouco probamos os doces que elaboran as monxas de xeito artesanal que din que están exquisitos. Temos que volver!!

Decidimos ir facer unha visita rápida á igrexa e balneario de Augas Santas e de camiño chamounos a atención un inmenso conxunto de edificacións que están sendo restauradas ao pé dunha igrexa. Paramos e había cerca un home que moi amablemente nos informou. Non hai nada mellor que falar cos lugareños para enterarse ben das cousas!
Resulta que a igrexa que vemos é a de S. Martiño de Siós e é o único que se conserva dun antigo convento dominico do S. XVI. Este convento que estaba totalmente en ruínas mercouno no 2017 un empresario natural da parroquia de Doade en Pantón propietario dunha cadea de hoteis en Canarias e a rehabilitación vai feita con fins turíssticos; tamén se plantaron dentro deste proxecto unhas 200 hectáreas de viñedo. A xoia deste lugar é unha adega que se atopa anexa á igrexa pola parte de atrás, dise que é a maior da R. Sacra e tamén está  sendo restaurada.
Igrexa de S. Martiño e edificios en restauración.
 
Tamén vimos o Balneario que foi construido no S. XIX sobor dunha charcas que se usaban dende moi antigo como augas medicinais. Foi un dos balnearios máis importantes da provincia de Lugo ata principios do S.XX. Despos foi abandoado e un incendio converteuno en ruinas. No 2006 construeuse o edificio que hoxe vemos.
Balneario de Pantón
 
Cerca do balneario atopamos o Santuario de Augas Santas. É un lugar de culto na zona e no mes d esetembro hai importante romaría.
Santuario de Augas Santas

Santuario de Augas Santas.