martes, 3 de outubro de 2023

RUTAS DO OSO E DO MEL(RUTA DAS FORGAS E DAS ANDURIÑAS) SECEDA- O COUREL


Panel indicador das rutas
As rutas do Oso e do Mel inauguradas no 2021 é un percorrido con 3 bucles diferentes que se poden facer xuntos ou cada un por separado. Chámanse:

- Ruta das Forgas.

- Ruta das Anduriñas .

- Ruta dos Alvares.

Hai que dicir que dende finais do S.XX, a poboación cantábrica do oso pardo estase recuperando grazas aos esforzos de conservación aplicados sobre a especie e o seu hábitat e ao cambio cara a unha percepción máis positiva e favorable entre os habitantes das zonas oseiras.

O oso desapareceu a finais do S. XIX da Serra do Courel, quedando limitada a súa presenza en Galicia a algúns enclaves dos Ancares. As numerosas alvarizas de pedra que quedan repartidas por este territorio do Courel reflicten os séculos de convivencia entre osos e humanos e os enormes esforzos realizados para protexer as colmeas. Actualmente, os osos chegaron de novo ao Courel de forma totalmente natural, e grazas ao aumento de osos dispersantes. Os extensos soutos de castaños e as frondosas devesas conforman un territorio moi favorable para o oso, que atopa aquí comida e tranquilidade.

Nós hoxe fixemos só as dúas primeiras rutas das tres que forman as Rutas do Oso e do Mel (Forgas e Anduriñas) Son só 11 km. pero nestas rutas de montaña eses km. sempre parecen o dobre debido aos desniveis, tipo de chan...Para nós estas dúas hoxe foron máis que suficiente debido sobre todo ao inmenso calor que ía (Ao redor dos 30º ) e en moitos tramos a pleno sol, polo que a verdade é que non desfrutamos esta fermosísima ruta como nos gustaría.

Características da ruta:

Lonxitude: O meu track marcou 11,5km. pero son uns metros menos porque nos engañamos nun punto que xa comentarei.

Dificultade: Media-alta.

Ruta circular ben sinalizada, con certas dúbidas no Castro de Seceda.

O meu track en WIKILOC

A miña valoración desta ruta:🔆🔆🔆🔆🔆

Descripción da ruta:

Esta ruta parte da aldea de Seceda, restaurada na súa totalidade usando materiais naturais como a pedra, lousa, madeira... co gallo de conservar a súa valiosa e importante arquitectura tradicional. Esta aldea foi en tempos pasados unha das máis importantes do Courel, cando os carros cargados con mineral de ferro pasaban por aquí cara á ferrería de Lousadela, ás beiras do río Lóuzara. O illamento que sufreu durante moito tempo esta aldea fixo que se fose despoboando e pasou de ter sobre 500 habitantes a principios do século pasado aos cerca de 20 que ten hoxe.

A 1ª ruta que imos facer é a das Forgas. Deixamos aparcado o coche na entrada da aldea, na zona alta da mesma (non se pode acceder con vehículos ao interior da mesma) e iniciamos o percorrido subindo por unha estreita rúa, agora restaurada en pedra onde temos o cartel anunciador desta ruta.

Inicio da ruta
Na foto seguinte vemos o aparcadoiro e a zona que percorremos no inicio desta ruta. Subiremos por onde está o souto que vemos de frente pero antes colleremos á dereita para ir ata a igrexa.
Aparcadoiro e inicio de ruta

Pasamos por unha fonte e un lavadoiro totalmente restaurados e cunha estatua a un lobo. Detrás da fonte hai un pequeno e ben coidado parque infantil.

Fonte de Seceda

A aldea de Seceda foi declarada BIC(Ben de Interese Cultural) no 1997. Esta parroquia atópase entre 760 e 790 metros de altitude. Como deixaron de edificarse novas vivendas cando a xente deu en emigrar, a aldea conserva o mesmo aspecto que tiña na 1ª metade do século pasado.
Seceda

A ruta NON vai por aquí, por xunto á igrexa, pero achegámonos a vela. (Son só uns metros os que nos apartamos do percorrido)
A igrexa de S. Silvestre (Oficialmente o nome da parroquia é S. Silvestre de Seceda) foi construida no S. XVII sobre outra máis antiga.
Igrexa de S. Silvestre

 Damos a volta para pillar o percorrido debido e volvemos pasar ao pé da fonte, o lavadoiro (o que aparece cuberto na foto) e o parque infantil.
Lavadoiro, fonte e parque

Introducímonos nun souto onde temos dúa cousas: castañas (estamos a primeiros de outubro) e sombra que fai boa falta xa que empeza a ir calor.
Souto

Subindo vemos ben a aldea e a igrexa.
Seceda e a súa igrexa
 
A ruta aparece sinalizada perfectamente de cada pouco.
Ruta ben sinalizada

O tronco seco dunha árbore chamou a miña atención e a imaxinación veu aí un ser coas mans nos xeonllos vixiando o souto e a aldea.
Troncos vivos e tronco seco

O camiño ás veces vai en chao.
Camiño

Pero deseguida o ascenso vaise facendo máis pronunciado e o sol é inclemente...A medida que ascendemos as vistas sobre as montañas son impresionantes. Á nosa dereita, escoitamos o murmurio do Rego do Fial.
Camiño de lousa ao pé do Regueiro do Fial

A sombra rematou e aínda que o carreiro é fermoso co seu valado de pedra, non o desfrutamos como nos gustaría, debido ao intenso calor que estamos tendo a pesares de ser día 1 de outubro.
Fermoso carreiro

As magníficas vistas mirando cara atrás. Entre as montañas baixa o Regueiro do Fial
Montañas do Courel

O ascenso fáisenos ben duro!!
Cambio de paisaxe
A medida que subimos tamén cambia a vexetación, coa altura desaparecen as árbores e aparece o toxo gateño, as uces, as carqueixas...
Cambio de paisaxe

Semella que estamos entrando no ceo!!. No chan, a cor avermellada das pedras dinos que nestas serras abunda o mineral de ferro.
 
Unha mirada atrás, por onde subimos.

Estamos no lugar máis alto ao que subimos e vemos aínda os restos das últimas queimas que houbo, os esqueletes dos piñeiros calcinados.

No punto máis alto

Empezamos a baixar deixando á nosa esquerda a Campa de Rebordelo.
Campa de Rebordelo

Empezamos agora a baixar pola outra aba da montaña.
Empezando a baixar

Á nosa dereita vemos agora outro regueiro: o do Lago

As magníficas vistas mentras imos baixando.

Ao pé deste muro de pedra que vemos, que ben puideo ser un alvar ou alvariza (lugar onde antigamente se colocaban as colmeas para protexelas do oso) hai un aviso de que teñamos coidado que hai abellas. Nós non as vimos e pareceunos que os trobos estaban baleiros.

 Agora cambiou o camiño, adentrándose máis no bosque.

Ao igual que antes subindo cambiaba a vexetación e polo tanto a paisaxe, agora que baixamos ocorre o mesmo pero ao revés, ímonos introducindo cada vez máis no bosque.
Uns metros máis abaixo da curva que vemos na seguinte imaxe, enlazamos coa ruta das Anduriñas torcendo á dereita (Está sinalizado)
Se quixesemos facer só a Ruta das Forgas, en lugar de torcer á dereita, seguiríamos de frente e deseguida chegaríamos a Seceda.

A seguinte foto xa corresponde á ruta das Anduriñas que empezamos despois de xantar xusto no cruce onde enlazan as dúas rutas, á sombra duns castiñeiros. O percorrido agora vai pola sombra.


Pero...a sombra dura pouco. Deseguida chegamos a un descampado onde o sol aperta moi forte. O noso percorrido non irá pola pista que vemos de frente senón que aproximadamente onde vemos a única árbore, torcemos á esquerda para ir por outro camiño paralelo ao que traemos pero máis abaixo.

Empezamos agora unha importante baixada onde o camiño está rozado pero non limpo e hai restos de xestas que molestan bastante ao camiñar e impiden facelo de xeito áxil.


Chegamos ao lugar que dá nome a esta ruta: as Cabanas das Anduriñas. Ata ben entrado o S. XX, as actividades gandeiras eran moi importantes na Serra do Courel e na aldea de Seceda había centos de habitantes que se desprazaban buscando pastos máis frescos, que abundaban por onde estamos agora e que foron reconvertidos en bosques. Estas cabanas servirían como morada deses gandeiros desprazados durante días ou semanas.

Coñécense como "Cabanas das Anduriñas" por estar situadas debaixo da rocha do mesmo nome.

Cabanas das Anduriñas

Vexo un espiño albar cos seus característicos froitos vermellos. Se queres saber máis das características e múltiples aplicacións que pode ter este arbusto pincha no enlace: ESPIÑO BRANCO
Espiño albar

Seguimos camiñando sempre ao sol e sudando a chorros. Son as horas de mediodía e as peores para camiñar hoxe.


Vemos xa o Castro de Seceda que saeu á luz no 2018 despois de décadas de abandono.

Os "Tesos Cumes" que escribía Uxío Novoneyra.

Na foto seguinte estamos chegando á sinalización para o Castro pero nós non vimos nun primeiro momento un sinal (a cruz) nunha lousa que indica camiño erróneo e seguimos por ese camiño de frente pero démonos conta que o Castro nos quedaba pillando á dereita xusto onde está o poste de madeira do sinal. Demos a volta para ir entón á dereita e visitar o castro.
Pillar á dereita

Un pouco máis adiante desta foto seguinte o camiño pérdese, non está nada definido o carreiro e tivemos moitas dúbidas de por onde avanzar. Botamos de menos algún tipo de sinalización neste punto.

Por fin atopamos marcas e sentímonos a salvo!!
Castro de Seceda

Este poboado fortificado formaría parte dunha extensa rede de lugares de control de paso que o Imperio romano deseñou para a comarca aurífera das montañas do Courel; nesta ocasión polo val do río Lóuzara.  A organización da súa superficie é un claro exemplo de adecuación ao medio natural.
Pasados 50 m de cómoda pendente, atopamos agora a principal liña de defensa desta aldea: un potente foso escavado na rocha, tras o cal se levantou unha potentísima muralla defensiva de máis de 4 m de ancho e unha lonxitude que acada as dúas beiras do esporón. Para acceder ao interior da aldea, superando así esta gran muralla, apréciase unha pendente que sobe polo oeste da defensa.
A superficie de ocupación deste xacemento, que en arqueoloxía se chama «croa», achegaríase aos 5.000 m2.
Castro de Seceda

As vistas ás montañas do Courel dende este castro son magníficas!

O Castro de Seceda é un castro romanizado, é dicir, este poboado fortificado formaría parte dunha extensa rede de lugares de control de paso que o Imperio romano deseñou para a comarca aurífera das montañas do Courel; nesta ocasión polo val do río Lóuzara.  


Dende o castro voltamos por un sendeiro paralelo ao da ida pero máis abaixo.

Ao pouco xa nos introducimos no Souto de Seceda. Os soutos ocupan unha grande parte do territorio do Courel, froito dunha tradición de séculos, un ecosistema manexado polo ser humano que se mantén en equilibrio coa natureza e que acolle unha gran biodiversidade.
A gran perda de poboación que sofre esta zona e a media de idade dos seus habitantes actuais fan que os soutos estean a sufrir unha profunda transformación debido ao abandono dos mesmos.
Souto de Seceda

Os soutos aportan aos habitantes do Courel as castañas, moitas das cales se secaban en sequeiros antigamente (aínda quedan moitos restos destas antigas contruccións) para poder desfrutalas todo a ano e tamén aportaban madeira para a construcción. Os soutos son tamén un hábitat de gran interese para o oso pardo que se se está tentando recuperar,  xa que nos soutos atopa alimento: castañas no outono e inverno e arandos e outros froitos no verán.
Souto de Seceda

Despois de atravesar o souto anterior desembocamos de novo en Seceda para rematar así esta ruta.

Seceda

Seceda conserva un aspecto medieval e moitas casas conservan os seus tradicinais corredores.

Seceda
 

As rúas desta aldea son estreitas e empinadas e todas elas foron restauradas con chapa cuña feita de lousas de pizarra.

Seceda
 Algunhas rúas pasan baixo corredores aéreos, unindo casas que teñen cubertas en común

Seceda

E aquí remata a descripción desta ruta que dende logo merece moito a pena pero que non desfrutamos como nos gustaría debido, como xa comentei, ao fortísimo calor e sol que non nos deron tregua en todo o día.


Páxinas web consultadas:

http://www.serradocourel.es/seceda.html

http://folgosodocourel.com/turismo/puntos-de-interese/castro-de-seceda

https://fundacionosopardo.org/

Ningún comentario:

Publicar un comentario