venres, 13 de xuño de 2025

ÁRBORES SENLLEIRAS. MUIMENTA (COSPEITO)

 Sempre pensei que Muimenta era concello; hoxe aprendín que non, que é unha parroquia do Municipio de Cospeito. Tiña de referencia o nome de Muimenta pola famosa discoteca Hermo que segue aínda existindo dende 1975, pero nin fun nunca este lugar nin coñecía Muimenta. Hoxe descubrín algo desta parroquia que me sorprendeu e me gustou moito nunha ruta curta e moi, moi fácil como non podía ser doutro xeito estando na Terra Cha.

Características da ruta:

Lonxitude: 7,5 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar que eu planifiquei. O track en WIKILOC

Descripción:

Aparquei na Praza Maior (si, si...ten Praza Maior e todo!) .

Praza Maior de Muimenta

Nesta Praza hai un monumento á unha muller facendo filloas xa que tódolos 1 de maio se celebra  neste lugar a Festa da Filloa, declarada de Interese Turístico de Galicia.

Monumento á Festa da Filloa

Abandono a Praza Maior camiñando uns metros (moi poucos) pola estrada LU-120 pola que cheguei.

Chama a atención a nova igrexa tan moderna e diferente ás que estamos acostumados a ver.

Igrexa nova de Muimenta

No chamado "Campo da Igrexa" atopamos marabillas: a antiga escola, a antiga igrexa, 5 árbores Senlleiras...

A escola foi rehabilitada no ano 2012 coa axuda dos veciños. Fora construida no 1904 e funcionou ata 1965. Actualmente é un Museo Pedagóxico onde se recolle os materiais (mesas, láminas, mapas, cadernos...) de tempos pasados que non debemos esquecer.

Antiga escola de Muimenta, hoxe Museo Etnográfico

Na fachada principal da escola hai varios poemas escritos por poetas locais. O que podemos ler a continuación foi escrito por Anxo Lamas, artista chairego finado en 2018 e cuxa traxectoría artistica estivo viculada á pintura e á escultura pero tamén se adentrou no mundo da poesía; este poema fermoso é un exemplo.

Tamén se poden ler poemas de otros poetas chairegos como: Xosé Otero Canto, Aquilino Iglesia e Darío Xoán Cabana.

Poema de Anxo Lamas.

O Campo da Igrexa agora co cruceiro e a igrexa vella. A escola, que non aparece na foto, queda á nosa esquerda.

A vella igrexa é de estilo románico tardío e foi tamén restaurada polos veciños despois de levar moitos anos sen culto e en estado ruinoso. Nunha parte da igrexa está o Museo das Zocas.

Cruceiro e igrexa vella restaurada

Neste lugar hai tamén  4 carballos e 1 freixo que pertencen ao Catálogo de Árbores Senlleiras da Xunta de Galicia creado no 2007 para garantir a conservación de árbores que polas súas características (tamaño, antigüidade, beleza, significación histórica...etc) son consideradas xoias botánicas e teñen valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental.

Estas 5 árbores de Muimenta entraron neste catálogo no 2015 por iniciativa da Asociación Cultural, Veciñal e Deportiva dos Xogos Tradicionais de Muimenta (XOTRAMU)

2 carballos senlleiros

Non se apreza na foto o fermosísimo e antigo que é este freixo.
Un freixo senlleiro

Outra imaxe da nova e moderna nova igrexa de Muimenta.
Igrexa nova de Muimenta

Abandonamos o lugar anterior e deseguida pillamos un fermoso camiño.

Camiños acondicionados perfectamente porque deben de pasar tractores.

Vou todo o tempo á sombra de carballos.

A man esquerda quédame a Lagoa de Regueiriña así chamada porque se atopa no lugar da parroquia así chamado.
Lagoa de Regueiriña

Dende o camiño non se ve a lagoa. Hai dous ou tres lugares dende onde se pode acceder a ela. Son pequenos carreiros que se ven dende o camiño.
Lagoa de Regueiriña

No medio das masas arbóreas, de cando en vez, aparece algún prado.


Vaia ruta guapa planifiquei! Canta natureza! E que ben se camiña!

Atraveso unha estrada local e o camiño fermoso segue...

Chego a outro lugar da parroquia pasando por diante da casa que se ve na foto.

Só uns metros (moi poucos) por asfalto e ao deixar a casa, xa volta o camiño rural.

Hoxe en día, a parroquia de Muimenta está formada por dous sectores diferenciados: por un lado a parte urbana de onde parte e onde remata esta ruta con bares, algún restaurante, sevizos banqueiros, farmacia, dúas Estacións de Servizo e un Parque Empresarial. Despois está a parte rural, por onde trancorre a outra parte desta ruta e onde vemos os camiños de toda a vida, prados e algunha vaca.



Non deixa de sorprersderme tanta masa de ábores autóctona! Estou acostumada a ver tódolos días eucaliptos e só eucaliptos! A un lado bidueiras, ao outro, carballos.

 Atopei varios regos  nesta zona tan húmida.


 Pasei por varios lugares habitados da parroquia

Fermoso prado e fermoso animal que me observa!

Aqui teño dúas opcións. Escollo a da esquerda que non ten asfalto.

Vexo unha casa fermosamente resaturada. A verdade é que nesta parroquia non vin lugares abandonados.


Paisaxe aberta e fermosa ao pé da casa anterior.


Hai aínda moita xente que non distingue unha bidueira dun amieiro. Na foto aparecen os dous exemplares e son moi fáciles de distinguir polas follas(as da bidueira son pequeniñas e en forma de corazón) e polo tronco (o do amieiro é máis ocuro, o da bidueira é branco)

Tódolos camiños desta ruta son así de fermosos.

Despis das casas que se ven na foto de abaixo, imos entrar nun tramo de estrada que nos vai levar deseguida ao punto de inicio.

Páxinas web consultadas:

https://destinogalicia.net/museo-pedagoxico-vella-escola-de-muimenta/

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2018/02/03/span-langglfalece-artista-chairego-anxo-lamasspan/00031517659513394959859.htm

https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/

https://medioambiente.xunta.gal/portada

https://muimenta.com/historia.htm











mércores, 4 de xuño de 2025

SENDEIRO DE PENA GUÍMARA (A FONSAGRADA) PR-139

 A Fonsagrada, ao noroeste da provincia de Lugo, é o municipio máis extenso de Galicia. O núcleo urbano está situado a 952m. sobre o nivel do mar.

Este municipio, declarado Reserva da Biosfera é dos lugares naturales máis privilexiados de Galicia e conta con tres espacios protexidos: Carballido, Río Eo e A Marronda. Nesta ruta desfrutaremos da fraga do Carballido.
























Esta ruta foi das primeiras que fixen, daquela aínda estaba lonxe o empezar a grabalas e o subilas a Wikiloc. Agora xa está o track AQUÍ
A ruta  de Pena Guímara discorre por camiños e antiguas corredoiras, por sendeiros zigzagueantes no medio de fragas exuberantes, á beira do río ás veces e con elementos etnográficos e culturais ao longo do seu percorrido: muíños, corripas, aldeas abandonadas...

Características da ruta:
Lonxitude: 11 km.
Dificultade: Moderada
Ruta circular ben sinalizada 

Descripción:
 Santa Mª da Veiga de Logares é unha parroquia de Fonsagrada por onde hoxe vai discorrer a miña camiñata. A parroquia contaba en 2019 con tan só 146 persoas e penso que a máis non foi. Concretamente, a ruta ten inicio e fin xunto a un colexio que se ve moi novo aínda pero que supoño que leva xa ben anos pechado; está en Vilardíaz, unha aldea moi pequena desa parroquia.

Antigo colexio de Vilardíaz na estrada LU-P 1904

Deseguida deixamos a estrada para pillar un carreiro á esquerda.

Deseguida o carreiro se pecha e teño que ir por un prado.

Supoño que empezaron a rozar pola parte de abaixo, polo carreiro por onde cheguei ata aquí, e non remataron...

En Vilardíaz vimos casas nunha total ruina e outras como a da foto, restauradas.

En Vilardíaz vimos esta capela arruinada Por detrás adosaron outro edificio tellado de uralita. Que horror!!😮😮

A capela vista polo outro lado. Canto tempo haberá que non hai aquí servizos relixiosos??


A capela por dentro...

Vilardíaz tamén ten casas de pedra ben grandes.

Estou a punto de deixar o asfalto por esta estrada tan florida.


A estrada chega ata a casa que se ve na foto superior e empeza este camiño:

Estoume adentrando no Bosque de Carballido que abarca os concellos de A Fonsagrada, A Pontenova e Ribeira de Piquín, dentro da zona Eo, Oscos e Terras de Burón, reserva da Biosfera.

Empezo a ver unha gran variedade de árbores: castiñeiros, carballos, amieiros, abelairas, faias e fermosos felgos.

Este é un lugar espectacular que desperta sensacións e invita a desfrutar de cada recuncho.


A camiño estalle a facer falta unha sega nalgúns tramos. Este ano choveu moito e a herba medra...

Ata aquí compartín traxecto coa Ruta de Gallol, esta segue polo camiño e eu teño que pillar á dereita, por un carreiro en baixada.

A baixada é en zig zag  e o bosque segue a ser impresionante.

Unha zona de moitas abelairas.

Nun claro vexo a inmensidade deste bosque de Carballido.

Desemboco na estrada LU-1905 que percorro uns metros.

Volvo internarme no bosque por un carreiro.

 E chego ás beiras do río Veiga de Logares que baixa cantareiro. Unha mesa e bancos de pedra están estratexicamente colocados...

O río Veiga de Logares é cantarín e forma pequenas cascadas.

Vou nun continuo sube e baixa, ás veces pegada ao río e ouras un pouco máis lonxe del. O percorrido non pode ser máis fermoso!

Enormes carballos e castiñeiros me acompañan.

Ás veces hai varandas para axudarnos.

 O chan, por veces, vólvese bastante técnico con pedras que hai que pisar.



O río forma pequenos saltos encadeados coñecidos como as Foces da Pinguela.


Chego a un cruce e podo pillar á dereita directamente para ir ao punto de partida ou pillar á esquerda e nun poucos metros visitar a aldea de Romeán. Decido visitar este lugar que no pasado foi unha pequena aldea á que non chega ningunha estrada. Está completamente abandonada e nótase que dende hai tempo.

Aldea abandonada de Romeán

Desando os poucos metros andados para subir cara a S. Martiño de Robledo.

De S. Martín de Robledo só se pasa ao pé da igrexa, as casas da aldea quedan uns metros máis alonxadas e non se chegan a ver. Esta é a igrexa que está totalmente abandonada.

Igrexa de S. Martiño de Robledo.

Esta tivo que ser a Casa Rectoral que sempre eran casas inmensas. No pasado, esta debeu ser unha importante aldea para ter semellante igrexa e casa rectoral.
Casa Rectoral de S. Martiño de Robledo

Tamén é moi normal que haxa ouriceiras debido a que vin varios soutos. As ouriceiras eran  construcións tradicionais para gardar os ourizos das castañas no mesmo souto onde se recollen. Consiste nun valadiño circular de pedra , construído de forma rudimentaria, cunha entrada nun dos puntos. No interior déitanse os ourizos aínda sen abrir que se chimpan do propio castiñeiro cunha avaloira ou taloira para posteriormente cubrilos de follas secas de castiñeiro, de xeito que se poden conservar por varios meses.

A súa funcionalidade viña determinada pola necesidade existente nas serras de protexer as castañas de animais como o xabarín ou porco bravo.

Na actualidade as castañas da ouriceira son menos apreciadas que as outras xa que collen un sabor pouco agradable coñecido como "saber a ouriceira", sendo esta unha das posibles causas do actual abandono progresivo do seu uso.

Ouriceira

Xa case chegando ao final da ruta atopamos os restos dos traballos ao descuberto dunha antiga mina de ouro romana explotada aló polo S.I d. C. 
Son as Minas de Vilardíaz.
Minas de Vilardíaz



Páxinas web consultadas:
https://terrasdeburon.es/es/
https://gl.wikipedia.org/wiki/Ouriceira