A Fonsagrada, ao noroeste da provincia de Lugo, é o municipio máis extenso de Galicia. O núcleo urbano está situado a 952m. sobre o nivel do mar.
Este municipio, declarado Reserva da Biosfera é dos lugares naturales máis privilexiados de Galicia e conta con tres espacios protexidos: Carballido, Río Eo e A Marronda. Nesta ruta desfrutaremos da fraga do Carballido.

Esta ruta foi das primeiras que fixen, daquela aínda estaba lonxe o empezar a grabalas e o subilas a Wikiloc. Agora xa está o track AQUÍ A ruta de Pena Guímara discorre por camiños e antiguas corredoiras, por sendeiros zigzagueantes no medio de fragas exuberantes, á beira do río ás veces e con elementos etnográficos e culturais ao longo do seu percorrido: muíños, corripas, aldeas abandonadas...
Características da ruta:
Lonxitude: 11 km.
Dificultade: Moderada
Ruta circular ben sinalizada
Descripción:
Santa Mª da Veiga de Logares é unha parroquia de Fonsagrada por onde hoxe vai discorrer a miña camiñata. A parroquia contaba en 2019 con tan só 146 persoas e penso que a máis non foi. Concretamente, a ruta ten inicio e fin xunto a un colexio que se ve moi novo aínda pero que supoño que leva xa ben anos pechado; está en Vilardíaz, unha aldea moi pequena desa parroquia.
 |
Antigo colexio de Vilardíaz na estrada LU-P 1904 |
Deseguida deixamos a estrada para pillar un carreiro á esquerda.
Deseguida o carreiro se pecha e teño que ir por un prado.
Supoño que empezaron a rozar pola parte de abaixo, polo carreiro por onde cheguei ata aquí, e non remataron...
En Vilardíaz vimos casas nunha total ruina e outras como a da foto, restauradas.
En Vilardíaz vimos esta capela arruinada Por detrás adosaron outro edificio tellado de uralita. Que horror!!😮😮
A capela vista polo outro lado. Canto tempo haberá que non hai aquí servizos relixiosos??
A capela por dentro...
Vilardíaz tamén ten casas de pedra ben grandes.
Estou a punto de deixar o asfalto por esta estrada tan florida.
A estrada chega ata a casa que se ve na foto superior e empeza este camiño:
Estoume adentrando no Bosque de Carballido que abarca os concellos de A Fonsagrada, A Pontenova e Ribeira de Piquín, dentro da zona Eo, Oscos e Terras de Burón, reserva da Biosfera.
Empezo a ver unha gran variedade de árbores: castiñeiros, carballos, amieiros, abelairas, faias e fermosos felgos.
Este é un lugar espectacular que desperta sensacións e invita a desfrutar de cada recuncho.
A camiño estalle a facer falta unha sega nalgúns tramos. Este ano choveu moito e a herba medra...
Ata aquí compartín traxecto coa Ruta de Gallol, esta segue polo camiño e eu teño que pillar á dereita, por un carreiro en baixada.
A baixada é en zig zag e o bosque segue a ser impresionante.
Unha zona de moitas abelairas.
Nun claro vexo a inmensidade deste bosque de Carballido.
Desemboco na estrada LU-1905 que percorro uns metros.
Volvo internarme no bosque por un carreiro.
E chego ás beiras do río Veiga de Logares que baixa cantareiro. Unha mesa e bancos de pedra están estratexicamente colocados...
O río Veiga de Logares é cantarín e forma pequenas cascadas.
Vou nun continuo sube e baixa, ás veces pegada ao río e ouras un pouco máis lonxe del. O percorrido non pode ser máis fermoso!Enormes carballos e castiñeiros me acompañan.
Ás veces hai varandas para axudarnos.
O chan, por veces, vólvese bastante técnico con pedras que hai que pisar.
O río forma pequenos saltos encadeados coñecidos como as Foces da Pinguela.
Chego a un cruce e podo pillar á dereita directamente para ir ao punto de partida ou pillar á esquerda e nun poucos metros visitar a aldea de Romeán. Decido visitar este lugar que no pasado foi unha pequena aldea á que non chega ningunha estrada. Está completamente abandonada e nótase que dende hai tempo.
 |
Aldea abandonada de Romeán |
Desando os poucos metros andados para subir cara a S. Martiño de Robledo.
De S. Martín de Robledo só se pasa ao pé da igrexa, as casas da aldea quedan uns metros máis alonxadas e non se chegan a ver. Esta é a igrexa que está totalmente abandonada.
 |
Igrexa de S. Martiño de Robledo. |
Esta tivo que ser a Casa Rectoral que sempre eran casas inmensas. No pasado, esta debeu ser unha importante aldea para ter semellante igrexa e casa rectoral.
 |
Casa Rectoral de S. Martiño de Robledo |
Tamén é moi normal que haxa ouriceiras debido a que vin varios soutos. As ouriceiras eran construcións tradicionais para gardar os ourizos das castañas no mesmo souto onde se recollen. Consiste nun valadiño circular de pedra , construído de forma rudimentaria, cunha entrada nun dos puntos. No interior déitanse os ourizos aínda sen abrir que se chimpan do propio castiñeiro cunha avaloira ou taloira para posteriormente cubrilos de follas secas de castiñeiro, de xeito que se poden conservar por varios meses.A súa funcionalidade viña determinada pola necesidade existente nas serras de protexer as castañas de animais como o xabarín ou porco bravo.
Na actualidade as castañas da ouriceira son menos apreciadas que as outras xa que collen un sabor pouco agradable coñecido como "saber a ouriceira", sendo esta unha das posibles causas do actual abandono progresivo do seu uso.
 |
Ouriceira |
Xa case chegando ao final da ruta atopamos os restos dos traballos ao descuberto dunha antiga mina de ouro romana explotada aló polo S.I d. C. Son as Minas de Vilardíaz.
 |
Minas de Vilardíaz |
Páxinas web consultadas:
https://terrasdeburon.es/es/
https://gl.wikipedia.org/wiki/Ouriceira
Ningún comentario:
Publicar un comentario