luns, 4 de abril de 2022

INSUA DE SEIVANE + CANEIRO DE PIAGO (OUTEIRO DE REI)

 Hoxe fomos ao concello de Outeiro de Rei, a tan só 11 km. de Lugo. É un concello moi extenso con nada menos que 27 parroquias e que ten un inmenso patrimonio histórico- artístico e natural. Hoxe percorremos algo do seu patrimonio natural, onde o río Miño creou insuas e paraxes dunha gran beleza.

 Nese concello xa percorreramos un tramo da ruta "Camiño do Miño" hai un tempo. Deixo aquí o ENLACE .  Tamén ten unha interesante e pequena ruta que gusta moitísimo aos nenos e nenas e que tivo un enorme éxito a súa publicación neste blog. Trátase da coñecida como "Aldea das Formigas"  na parroquia de S. Clodio de Aguiar e pódese ver AQUÍ

Hoxe imos percorrer unha ruta moi pequeniña pero fabulosa e para completala fomos ata o Caneiro de Piago que se atopa cerca, pero como o traxecto ata aí non está sinalizado, teremos que seguir algún track. Eu deixo o que nós fixemos.

Estamos nun espazo natural protexido dun gran valor ecolóxico e medioambiental que forma parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño e da Zona Especial de Conservación (ZEC) Parga-Ladra-Támoga.

Características da ruta

Lonxitude: 4,5 km.

Difcultade: ningunha

Ruta circular e só sinalizada a da Insua de Seivane.

A ruta en WIKILOC

Descripción:

Accedemos á Insua de Seivane, tamén chamada pola xente do lugar Insua do Pazo ou Insua de Arriba, pola ponte colgante sobre o Miño dende a parroquia de S. Xoán de Parada.

A ponte colgante favoreceu que a insua deixara de ser practicamente descoñecida xa que acceder a ela era dificil. Este illamento no pasado propiciou un bosque autóctono e hoxe vemos convivindo a caballos, acivros, fresnos, en perfecta harmonía.

Ponte colgante sobre o Miño

 Esta ponte ten unha lonxitude duns 30m.

O primeiro no que nos fixamos ao rematar de cruzar a ponte, é nesta caseta que resulta que foi un refuxio de pescadores. Ao seu carón hai unha pequena área recreativa.

Refuxio de pescadores.
Tanto ten pillar o sendeiro da esquerda que o da dereita. A ruta é circular e imos empezar e rematar no mesmo lugar onde empezamos.
Nós pillamos á nosa esquerda.
Sendeiro de pescadores
Imos todo o tempo pegados ao río por un sendeiro de pescadores. Á nosa dereita está o bosque, á esquerda, o Miño.
Sendeiro
Nesta época (principios de abril) aos espiños xa lles sairon as follas.
 
Tamén se poden ver acivros e outras árbores.
 
Deseguida (a illa é moi pequena) voltamos ao principio, onde están o refuxio de pescadores e a área recreativa.
Refuxio de pescadores e área recreativa

 E volvemos cruzar a ponte, agora para o outro lado:
Ponte colgante

Ao ser tan curtiña esta ruta, decidimos seguir un track que nos levou ata o Caneiro de Piago.
Ao rematar de cruzar a ponte, pillamos un camiño e despois un carreiro que nos leva todo pola beira do Miño nun paseo moi agradable.
Río Miño


O sendeiro remata ao chegar a unha ponte. Subimos á estrada e cruzamos a ponte sobre o río.

Despois duns metros (moi poucos) pola estrada xa vemos á esquerda o camiño que nos leva ao Caneiro de Piago, na parroquia de Robra.
 
Un CANEIRO é unha presa de pouca altura que ademais de para a pesca servían para cruzalos ríos. En moitos casos servían tamén para canalizar a auga para os muíños.
Esta presa une as parroquias de Robra e Martul

 No Caneiro de Piago desvíase parte da auga do río cara a unha gran canle que alimentaba a 1ª Central que prduxo enerxía para iluminar a cidade de Lugo a finais do S. XIX. Mantivo a súa actividade durante máis de 30 anos, logo estivo inactiva e no ano 2018 foi recuperada para a producción de electricidade.
Central Hidroeléctrica de Piago
 Voltamos por onde viñéramos.

En total só camiñamos 4,5 km. e como aínda quedaba moito día decidimos achegarnos ata Vilalba (que nos quedaba camiño da casa) para andar polo Paseo dos Soños, pero esto contareino na próxima entrada.

xoves, 31 de marzo de 2022

RUTA SICENATA PACATA. CASTELO DE PARADA. PEREIRO DE AGUIAR(OURENSE)

 É a 2ª vez que imos de ruta á provincia de Ourense. O motivo de tan poucas visitas de momento, é o lonxe que nos queda dende a Mariña de Lugo pero pensamos ir máis veces xa que agora que son os días grandes comprobamos que dá tempo para todo. De feito, saimos da casa ás 9:30 h. da mañá e ás 19:00 h. xa estábamos de volta despois de facer unha parada polo camiño nunha área de servizo á ida e á volta; de realizar a ruta con toda a calma do mundo (eu sempre as fago así, parando, desfrutando e sacando fotos) Así que voltaremos seguro porque esta provincia ten rutas fascinantes en enclaves autóctonos con paisaxes marabillosas.

Hoxe fómonos ao concello de Pereiro de Aguiar para realizar unha ruta que nos namorou, eu diría que é a ruta dos penedos, das carballeiras, dos muros de pedra seca, dos carreiros e camiños ancestrais e ten ademais o valor engadido de agochar unha inscripción nunha rocha que di "Sicenata Pacata" estudiada por moitos especialistas e cuxo significado aída é obxecto de controversias. A ruta pasa tamén polo Castelo de Parada cunha vistas espectaculares e polo Pazo de Bouzas así como por diversas aldeas. Xa vou debullando a continuación.

Características:

Lonxitude: 8,5 km.

Dificultade: baixa

Ruta circular perfectamente sinalizada.

A ruta en WIKILOC:

Descripción:

Aínda que se pode empezar noutros lugares, nós empezamos a ruta onde manda oficialmente: na aldea de S. Salvador que pertence á parroquia de Vilariño. Non hai moito sitio onde aparcar e ademais as rúas son moin estreitas así que hai que ir con moito coidado ou ben aparcar no inicio de todo da aldea, na parte baixa. Nós fomos atrevidos e subimos o coche ata onde mesmo está o cartel de comenzo da ruta. Aí aparcamos sen maior problema. Tamén hai que dicir que hoxe é mércores, se fose o fin de semana ao mellor estaba a cousa máis complicada.

S. Salvador.
 Dende a parte alta desta aldea temos unha magníficas vistas:
Vistas dende S. Salvador


O percorrido comenza costa arriba. Deixamos S. Salvador aló embaixo:
S. Salvador
 

Subimos lixeiramente entre muros de pedra seca que serán unha constante no noso camiño:

A ruta está moi ben sinalizada:

 

Aquí está a rocha que contén a inscripción Sicenata Pacata. Varios investigadores estudaron esta inscripción e teñen dúbidas sobre o significado de Sicenata xa que lles parece moi difícil de interpretar. Máis doado é Pacata; con esta palabra hai un consenso xeralizado de que deriva do latín e significa "pacificación ou sometemento"

Unha destas rochas ten a inscripción "Sicenata Pacata"
As investigacións promovidas polo concello de Pereiro de Aguiar permitiron rescatar obxectos de interese arqueolóxico que datan este lugar na época medieval. Para ver a inscripción hai que fixarse moito pero mirando con atención, si que se pode ler.


Este é o percorrido dos grandes penedos.

E chegamos á Fonte da Pinguela. En Galicia hai moitas fontes con este nome. Onde eu vivo, hai unha. Nesta fonte a auga mana dunha rocha mediante un pequeno fío. Segundo as xentes máis vellas deste lugar, esta fonte nunca quedou sen auga, nin tan sequera nos días máis secos do verán.

Fonte da Pinguela
 

Avanzamos agora entre xestas con flores blancas.

Neste cruce hai que desviarse só 100 m. para ir ao Castelo de Parada.

O Castelo de Parada son uns penedos cheos de marcas, de chanzos, de buratos de esrtructuras...restos do que debeu ser no pasado unha fortaleza medieval. Pola morfoloxía e o emprazamento do lugar, os especialistas pensan que debeu estar ocupado hai máis de 1000 anos. De momento, non apareceu ningunha testemuña escrita disto.
Castelo de Parada

As vistas dende o Castelo de Parada son espectaculares:
Vistas do río Miño dende o Castelo

Hai que subir e baixar con moito coidado:
 
Os camiños que percorremos non poden ser máis fermosos.
Camiño de xestas con flor blanca

Pasamos pola aldea de Parada, onde moita xente decide empezar esta ruta. Esta aldea pertence á parroquia de S. Martiño de Sabadelle.
Hórreos en Parada

Praza en Parada
Atravesamos esta aldea e deixamos a estrada collendo á esquerda para sumerxirnos noutra frondosa carballeira:

 
Os muros de pedra seca van acompañarnos sempre que camiñemos polo bosque:

Cruzamos esta estrada local para introducirnos noutra carballeira.

Agora o camiño vólvese ancho, un antigo camiño de carros.

Ata chegar ao Pazo de Bouzas, o percorrido será en baixada continua durante uns 3 km.

O Pazo de Bouzas está en estado ruinoso pero é unha das construccións máis monumentais da Ribeira Sacra do Miño. Situado en Bouzas de Fondo que pertence á parroquia de Santa Mª de Melias, foi construido no S. XVIII e non se sabe nada da súa historia, nin quen o habitou, cando foi abandonado....
É unha mágoa ver o estado de abandono en que se atopa o que no seu día foi un pazo extraordinario. Está case todo comido pola maleza. A carón do edificio hai unha finca moi grande totalmente abandonada onde emerxen aínda cerdeiras en flor.
Chama a atención a súa inmensa cheminea, propia de pazos de familias moi ricas.
Pazo de Bouzas

E frente do pazo, no alto dunha finca, están os restos da capela. Case non queda nada da mesma, so a fachada principal coa espadana e unha solitaria columna cun chapitel  dórico.
Capela do Pazo

Un gran escudo preside a porta principal. Se non o remedian, axiña será devorado polas hedras


Se queres saber máis cousas sobre este pazo, deixo este ENLACE:

Seguimos o noso percorrido uns metros por estrada, ata pillar este carreiro:

Que deseguida nos leva  a Espiñedo, un lugar que pertence tamén á parroquia de Santa Mª de Melias.

Chegando a Espiñedo

Espiñedo é hoxe unha aldea practicamente abandonada. Varias casas estaban derruídas e vimos dúas ou tres en bo estado pero alí parecía non haber ninguén.
 
 Despois de Espiñedo empezamos a subir durante 1,5 km. aprox. polo medio dun fermoso bosque.

Seguimos atopando grandes penedos:
 
Ata algún cunha cruz que non sabemos que significado ten:
 
Agora xa empezamos a baixar ata chegar ao punto de partida:

Por algo califico esta ruta como a dos penedos:
 
E a dos muros de pedra seca e carballeiras:
 
E chegamos de novo a S. Salvador. Nesta aldea sí que hai vida e semella que vai a máis: vimos moitas casa novas e outras que están restaurando. A verdade é que ten unhas vistas privilexiadas sobre o Miño e está cerca de Ourense, ademais de estar rodeada dunha natureza xenerosa e espléndida.

Ata aquí esta fermosa ruta que nos deixou moitas ganas de voltar a este concello porque sabemos que ten preparadas outras rutas tamén moi apetecibles!!