domingo, 29 de novembro de 2020

RUTA CAMIÑO DO MIÑO (OUTEIRO DE REI)


Esta fermosísima ruta atópase dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Ten unha lonxitude de 21 km. Nós fixemos hoxe só 11. Dende S. Pedro de Taboi ata a área recreativa de Santa Isabel en Outeiro de Rei.

Aínda que o día amenceu cunha espesa néboa que dificultaba a visibilidade e a toma de fotos, a verdade é que non sabía a onde apuntar coa cámara debido ás imaxes tan fermosas que nos acompañaron durante todo o percorrido. É unha ruta cunha grandísima riqueza paisaxística  e dun grande interese medioambiental. Atravesamos carballeiras e bosques con moitos tipos de árbores, camiñamos na maior parte do tempo ás beiras do Miño, cunha vexetación exuberante ás súas beiras, pasamos por camiños rurais e pequenísimas aldeas...e compartimos traxecto durante uns 3 km. coa ruta Insuas do Miño que xa realizáramos noutra ocasión.

Esta é unha ruta sen dificultade ningunha xa que non hai desniveis e trancorre por camiños rurais, por prados e algo por asfalto.

Características:

Lonxitude: 11km.

Dificultade: nula

Ruta lineal, ben sinalizada.

Descripción:

Saimos dende a parroquia de San Pedro de Taboi. A ubicación AQUÍ

Deixamos o coche algo máis abaixo do lugar onde está a igrexa e a torre:

A Torre de Taboi formou parte dun castelo que foi antiguao feudo dos Saavedra. Hoxe tan só queda esta Torre da homenaxe practicamente en ruínas.

Moi cerca da Torre e tamén en estado precario existe un palomar que pertence ao pazo de Guevara.


Esta é a igrexa de S. Pedro de Taboi. O edificio que ten ao lado e que semella unha capela, non é tal. É unha sepultura.


Seguimos co coche un pouco máis para buscar un sitio axeitado onde aparcar (non hai moito) e uns metros máis adiante conseguimos deixalo e despois de percorrer uns 50m. pola carretera, pillamos a ruta:


O Miño quédanos á dereita. De momento camiñamos algo alonxados e non o vemos:

Chegando á aldea de Quintián que pertence á parroquia de Cela:

 

Ao lado do camiño por onde pasamos está o cruceiro de Quintián, onde ata hai 30 anos, os nenos e nenas que morrían sen bautizar eran enterrados ao seu carón.


Os cerrados de lousa son moi típicos da Terra Cha. Veremos varios:


Estamos en Trabanca. No medio da aldea, hai este impoñente carballo:


Chegamos xa á beiras do Miño:


A partires de aquí imos ir á beiriña do Miño durante un bo treito, cruzando prados cheos de árbores de folla caduca que nos amosan as fermosas follas de outono e contemplando un río manso, tranquilo en cuxas marxes medran multitude de árbores e plantas. Precioso!! E eso que o día non era propicio para as fotos debido á espesa néboa:





Agora alonxámonos do río porque o sinal indica que temos que ir polo camiño.


Decidimos ir ver a igrexa de Santa Mª de Meidonín ou de Cela que queda só a 190m. Meidonín é o lugar onde se sitúa a igrexa que pertence á parroquia de Santa Mª de Cela.


Retomamos de novo a ruta e volvemos ás beiras do Miño desfrutando de paisaxes únicas:


Nesta abidueira atopamos  que o tronco estaba colonizado por cogomelos:


Tamén vimos dous batuxos: son embarcacións rectangulares coa proa algo levantada propulsadas cunha vara e son tradicionais do Miño. Eran empregadas para servizo dos labregos e tamén para a pesca. A partires de mediados do S. XX teñen sobre todo caracter lúdico, empreganse para facer competicións polo río.

Esta é unha zona gandeira e de feito atopamos bastantes vacas pastando. Á esquerda do río aparecían ás veces pequenas aldeas.



E fomos chegando ao lugar onde esta ruta coincide durante un pequeno tramo coa ruta das Insuas do Miño. Como é unha ruta circular chegamos ao lugar xusto onde dá a volta e podemos escoller entre ir polo lado de Outeiro de Rei seguindo de frente ou ben coller á dereita, cruzar a ponte sobre o Miño e pasar a Rábade. Nós optamos por esto último xa que coñecíamos esta ruta e sabíamos que por esa parte é moi fermosa.
Cruzando esta ponte, xa estamos en Rábade

Cruzamos prados con enormes carballos



Outro cercado de lousas:

Nestas fragas, semella que se vai aparecer unha fada en calquera momento:

De novo estamos xunto ao río:

Moita ATENCIÓN aquí!. Hai unha sinal que indica ir polo camiño de frente pero non está ben. Hai que pillar á esquerda polo carreiro, pegados ao río:

Esta é a ponte pola que pasa o tren:

Chegamos á área recreativa de Rábade. Moi grande e coidada:

Na área recreativa, contemplando o Miño
Ponte medieval reconstruída en tempos de Isabel II(S. XIX) Por ela cruzamos para seguir a ruta:


Agora imos separados do río ata chegar a área recreativa de Santa Isabel en Outeiro de Rei.
Imos por esta carretera uns 50m.

Cruzamos a N. VI

No concello de Outeiro de Rei hai moitas casas señoriais e pazos que foron a morada característica da pequena e mediana fidalguía que durante os séculos XVII e XVIII viviron un auxe económico. Os pazos e casas señoriais foron, ao longo da Idade Moderna, centros de producción agraria nos que se centralizaron as relacións económicas do réxime señorial galego.
Esta é a casa señorial de Abelleira

Este bosque de coníferas apenas deixaba pasar a luz:

Imos chegando xa a Santa Isabel e seguimos sorprendidos pola cantitade de carballeiras que atopamos neste concello:

Nesta área recreativa volvemos atoparnos co Miño:
Entrando na área recreativa de Santa Isabel

Esta área ocupa unha inmensa carballeira

Aquí deixo un plano da ruta:

3 comentarios:

  1. Viñeches coñecer a miña aldea e o meu concello. Alédame que che gustase. Non sei se te fixaches nos portos e nos caneiros.
    Quero facer 2 achegas. A aldea ou parroquia é Santa María de Cela. Cando falas de "pequenas aldeas" son barrios desta parroquia. A segunda achega é que os batuxos ou barcas eran propulsados por "remas". Así se chaman esas varas.
    Un saúdo e agardo que volvas pronto.

    ResponderEliminar
  2. Viñeches coñecer a miña aldea e o meu concello. Alédame que che gustase. Non sei se te fixaches nos portos e nos caneiros.
    Quero facer 2 achegas. A aldea ou parroquia é Santa María de Cela. Cando falas de "pequenas aldeas" son barrios desta parroquia. A segunda achega é que os batuxos ou barcas eran propulsados por "remas". Así se chaman esas varas.
    Un saúdo e agardo que volvas pronto.

    ResponderEliminar
  3. Ola. Nos caneiros si me fixei e espero facelo máis no tramo que aínda nos falta.
    Grazas pola precisión de barrios da parroquia e polo nome das varas para mover os batuxos.
    Vexo que liche con atención o que escribín. Alédame moito!
    Tedes en verdade un concello ben fermoso. Cantas carballeiras vin!
    E que grande é Outeiro de Rei. Nada menos que 27 parroquias!!
    Espero non tardar moito en volver para seguir coñecendo ese concello que foi toda unha sorpresa agradable.
    Saúdos e graciñas por escribir.

    Carmen

    ResponderEliminar