venres, 25 de marzo de 2022

CAMIÑO NATURAL DO CANTÁBRICO. TRAMO: PRAIA DE ESTEIRO (MAÑÓN) - MAZORGÁN ( ORTIGUEIRA)

A intención de hoxe era rematar no Porto de Espasante pero ao chegar á aldea de Mazorgán faltaba un sinal nun cruce e en lugar de pillar á dereita pola ruta oficial, crucei toda a aldea e desemboquei uns metros máis abaixo nunha estrada. Viñan dúas persoas facendo deporte e pregunteilles se ía ben e dixeron que sí, que seguira. Efectivamente, seguín pero xa me din conto ao pouco de que non ia ben xa que non vía sinal ningún cando adoita habelos a miúdo. Non me apetecía dar a volta polo que decido rematar aí o tramo de hoxe.

Saín do concello de Mañón e rematei no de Ortigueira, ámbolos dous na provincia de A Coruña.

Características: 

Lonxitude:10 km.

Dificultade: baixa.

Ruta lineal ben sinalizada agás na aldea de Mazorgán onde me perdín.

A ruta en WIKILOC:

Descripción:

Saio da praia de Esteiro pola pasarela de madeira entre piñeiros

 

A pasarela serve para protexer o espazo dunar que ten esta praia.

Imaxe das dunas xunto á desembocadura do río Esteiro:

 Unha ponte atravesa o río:
 Ao rematar a ponte, xiro á dereita por esta pista.

Deseguida chego aos cantís de Punta Vilardeira cunha fabulosa vista da praia de Esteiro que acabo de deixar entre Punta Herbosa e Punta Vilardeira:

E vexo un banco!1 Non, non é "o máis fermoso do mundo" pero podía selo. Depende do que cadaquén guste de mirar.

Os cantís de Punta Vilardeira impresionan!


Cantís de Punta Vilardeira

Azul e verde formando unha imaxe ben fermosa no meu percorrido:

Unha boa situación a desta mesa e bancos para cando non sopre o vento do mar, claro.


Que erosionada é esta costa!! Ao fondo de todo, vemos Cabo Ortegal:
 
A pequena praia de Lousido non ten acceso por terra.

Dende aquí vese ben o camiño que traio percorrido. Fermosísima costa!!
 Este tampouco é o "Banco máis fermoso do mundo", pero tamén podía selo...
Chego á pequena aldea de O Picón que teño que atravesar. Xa estou no concello de Ortigueira.
O Picón

A praia de O Picón ten acceso por unhas escaleiras.
Praia de O Picón

Vistas da aldea de O Picón e a súa praia.
Aldea e praia de O Picón
Algo máis adiante, hai unha baixada para a praia de As Furnas onde aparecen unhas casetas de pescadores.

                                                                    As Furnas
E aquí está, un pouco máiss adiante da aldea e praia de O Picón o archifamoso banco ao que se achega moita xente con solo o afán de sacar a foto. Non saben o que se perden se non realizan esta fantástica ruta!!
Ata aquí pódese chegar en coche e vin que están abrindo outra estrada moito máis ancha para acceder mellor ao lugar, van habilitar rotondas, aparcadoiros para que entren autobuses...etc Enfín, eu dende logo en verán non penso ir, hoxe estiven completamente sola! Todo para mín!!!

O famoso banco de Loiba
 
O banco está situado no Miradoiro do Coitelo dende onde podemos ver estas rochas que teñen forma afiada.

 Agora o camiño adéntrase cara ao interior:

E nuns metros, lévanos á area de descando O Cadaval que queda fóra da ruta, pero son só uns pouquiños metros e vale a pena chegarse a ver outra vez o mar.
Área de descanso e miradoiro de O Cadaval

Dende o miradoiro anterior, cara ao oeste, temos a praia Gaivoteira.
Praia Gaivoteira

Pouco despois, un sinal indícanos un desvío  para Pena Furada e aló vou!

O miradoiro de Pena Furada está situado sobre a praia de Sarridal. Este areal remata nunha impresionante rocha con dous buratos debido á erosión do mar e o vento.
Estas praias salvaxes que vexo son moi coñecidas pola súa riqueza en algas.

Esa é a baixada para a praia do Carro, chamada así porque por ese camiño baixaban e subían os carros cargados de algas que abundaban especialmente nesa praia. Eran as mulleres as que realizaban estes traballos no pasado, sendo unha axuda á economía familiar noutros tempos. Eran usadas como abonos e tamén na industria farmacéutica, na cosmética...etc
Baixada á praia do Carro

Dende un punto do percorrido, vexo ao lonxe S. Xulián de Loiba que é a parroquia de Ortigueira que estou pateando. Tamén pisarei a de Céltigos
 
Toca agora a parte menos atractiva do percorrido, atravesar un monte de eucaliptos por unha pista que serve de vía de comunicación entre aldeas próximas. (Sobre 2 km.)
Atravesamos un eucaliptal

 E chego a Mazorgán, unha aldea da parroquia de Céltigos(concello de Ortigueira) e aquí cometín un erro: confiando na boa sinalización do Camiño non seguín ningún track e nesta aldea falta un sinal que indicaba coller á dereita no 1º cruce. Eu seguín, atravesei toda a vila e atopeime nunha estrada que leva a Céltigos e tamén ao Porto de Espasante a onde pretendía chegar, pero no quería ir por asfalto senón polas praias, así que por non desandar o andado ao revés, decidín rematar aquí o tramo de hoxe.







xoves, 24 de marzo de 2022

CASCADAS DE PENADECABRAS (EL FRANCO- ASTURIAS)

Esta non é propiamente unha ruta de sendeirismo xa que non andivemos nin 2 km. e tampouco está sinalizada. É este un lugar que ten a singularidade de gardar 5 fervenzas  case seguidas nun entorno totalmente virxe. Só  no principio da aldea  hai dous letreiros rústicos que nos indican o camiño a seguir ata o río (Había un terceiro letreiro pero desapareceu)

Hai que estar, pois, moi dispostos a sortear todo tipo de maleza e obstáculos: troncos atravesados, silvas, maleza de todo tipo durante a búsca das fervenzas pero a recompensa de atopalas vale moito a pena xa que son altas, con moita auga e nun entorno fermoso como acostuman a estar as fervenzas.

Deixo o track en WIKILOC:

Descripción:

Estamos no concello de El Franco, no occidente asturiano. Xa visitamos este concello noutras ocasións, a última non hai moito para realizar unha ruta costeira; hoxe toca atopar estas cascadas. Para eso, imos dende A Caridá que é a capital do municipio ata a parroquia de A Braña que se atopa a 12 km. e aquí torcemos á esquerda para ir á aldea de Penadecabras (a 3 km.) que pertence a esta parroquia.

Penadecabras é unha aldea moi pequena á que chegamos por unha estrada bastante estreita e con curvas. Cando cheguemos aquí, temos que xirar á esquerda, cara abaixo. (Antes había aquí un letreiro que poñía "Cascadas" pero a día de hoxe está desaparecido)

Uns metros despois atopamos outro letreiro que xa nos indica para onde está o camiño que temos que pillar.

O barrio de Penadecabras a onde imos chámase Bronzo e é a zona que está máis preto do río. Temos que chegar aló embaixo. Moita xente deixa o coche na parte de arriba, nós como non atopamos onde aparcar, levamos o coche ata abaixo de todo, ata a última casa blanca que se ve. Aí o deixamos.

O Bronzo, en Penadecabras


Según nos apeamos do coche, estas ovellas viñeron recibirnos e non paraban de bear.
Ovellas en Penadecabras

Temos que coller por un sendeiro (poñía "cascadas" nun letreiro tirado no chan) que baixa ao río.

Carreiro que baixa ao río

Logo duns 100m. aprox. xa chegamos ao río Mazo. O sendeiro polo que baixamos desemboca nunha pista forestal que estaba así de inundada nas rodeiras que deixaron as máquinas dedicadas non hai moito a cortar madeira ao pé do río.

Camiño forestal e río Mazo
 

Primeiro, cruzamos a pista e fomos cara á esquerda, río abaixo onde se localiza unha cascada:

Atravesamos o camiño

Despois deste pequeno prado, chegamos á das fervenzas. 

Cruzamos o prado

Sorprfendeunos o fermosa que era e a forza que levaba:

1ª fervenza

Demos a volta dende aquí e cruzamos a ponte de pedra e cemento que hai:

Ponte do río Mazo
A partires de aquí, o sendeiro volveuse impracticable. Non está definido e abundan as silvas, troncos caídos...imos á aventura.


O río ofrece fermosas imaxes con pequenos saltos de auga:

Pequenos saltos de auga.

Seguimos esquivando obstáculos pero continuamos. Os anos de sendeirismo han de server para algo...
Por aquí pasamos

O percorrido é moi curto: deseguida chegamos áfervenza:
2ª fervenza
E case pegada está a fervenza que podemos ver moi de preto se baixamos ata a súa base con moito coidado.
3ª fervenza
E o sendeiro que nos levou ata a 3º fervenza remata aí, pero mirando cara arriba vemos un camiño e decidimos ir ata el a ver se nos leva outra vez xunto ao río. Ao subir, vemos esta panorámica da aldea de Penadecabras.

E efectivamente, o camiño lévanos ao pé do río de novo onde vemos xa a cascada. Esta fervenza remata nunha zona onde a auga se remansa e axéitase para contemplala sen cansar. 
4ª fervenza

Entre a 4º e a 5ª fervenza hai un sendeiro perfectamente delimitado que nos leva.
Sendeiro entre a 4ª e 5ª fervenza
Agora vemos a 4ª cascada dende a parte de arriba. 
4ª cascada dende arriba
 E chegamos á última, á cascada que vimos nun traxecto que non chega a 2 km. en total.
5ª fervenza

En vez de voltar sobre os nosos pasos, fixémolo pola pista forestal que vai un pouco máis arriba do río e desembocamos outra vez na ponte do río Mazo. Seguimos outro pouco río abaixo antes de cruzar pero agora pola marxe diferente de antes, cando víramos a 1ª fervenza,  que  por certo dende esta beira apenas se deixa ver. Só fomos uns poucos metros por esa marxe do río, ata onde vimos que era imposible continuar.
Pista forestal
Seguimos uns metros máis á beira do río pero hai un momento que non se pode avanzar e hai que dar a volta.
Río Mazo
Como o noso percorrido foi tan curto decidimos para á volta en A Braña que é esa aldea toda rodeada de verde. Está situada a uns 300m. de altitude entre a costa e a montaña e a súa economís é rural ligada á gandeiría vacuna.
A Braña
O primeiro que atopamos ao parar é a igrexa (diante dela hai sitio para aparcar). Do S. XVIII, aséntase sobre unha capela do S. IX, está dedicada a Nosa Señora da Braña e atrae a multitude de xente debido á fama dos milagres desta santa. O 15 de agosto celébrase unha romería con comidas familiares no seu entorno, que está moi ben acondionado.
Igrexa de A Braña
O entorno da igrexa está perfectamente acondicionado, moi limpo e coidado.
 
A uns 200m. está fonte e a súa auga que, segundo a lenda, ten poderes milagreiros (Como din as lendas de tódalas fontes onde hai santuarios cerca)
O certo é que a fonte está nun entorno fermoso e moi ben acondicionado.

                                    Entorno onde se atopa a fonte da Virxe e outra decorativa.

Detalle da fonte
No lugar onde se atopa a fonte hai tamén un lavadoiro totalmente restaurado e onde a auga corría en abundancia e tan transparente que apetecía volver ao costume de lavar a roupa á man.
Antes de subir á fonte da Virxe vemos tamén outra fonte decorativa con banco ao redor. Un sitio moi chulo!

Soprendeunos moito o tamaño da igrexa nunha aldea tan pequena e xa nos demos conta de que alí tiña que haber devoción popular por algunha santa ou santo. Neste caso, á Virxe da Braña.

E este foi o percorrido de hoxe. As pernas usámolas pouco para camiñar pero valeu a pena coñecer as cascadas e estas aldeas do occidente astur.