martes, 2 de novembro de 2021

CONCELLO DE O PINO (A CORUÑA)

 O Pino é un concello situado practicamente no centro do territorio galego que pertence á comarca de Arzúa. Ten 13 parroquias e a capital municipal está en O Pedrouzo. O concello está bañado polos ríos Tambre e os seus afluentes o Mera e o Noa e tamén polo Ulla.

Atópase O Pino moi cerca do aeroporto de Santiago e de feito varias pistas da terminal atópanse neste concello.

Os habitantes de todo o concello non chegan aos 5000 e están empregados no sector servizos seguido da agricultura, a industria e a construcción.

Ultimamente, e grazas ao pulo do Camiño de Santiago (por aquí pasa o Camiño Francés), O Pedrouzo e Santaia de Arca que están pegados, posuen numerosos establecementos asociados ao Camiño: bares, restaurantes, albergues de todo tipo e hostais. Non hai que esquecer que en Arca finaliza unha etapa do Camiño Francés polo que moitísimos peregrinos comen e durmen nestas localidades. De feito e a pesares de que viaxamos un mércores deste mes de outubro a este concello, vimos moitos peregrinos que descansaban nesta localidade.

S. XULIÁN DE LARDEIROS.-

Nesta parroquia atopamos a igrexa  chamada "Catedral da Montaña" debido ás súas dimensións e beleza. É de estilo barroco con planta de cruz latina e dúas capelas aos lados.

Igrexa de S. Xulián de Lardeiros

Igrexa de S. Xulián de Lardeiros
  

Xunto a esta igrexa destaca o cruceiro que vemos do S. XVIII. Por esta parte mostra unha imaxe da Piedade co seu fillo nos brazos. Polo outro ten un Cristo.

Cruceiro xunto á igrexa.
 

Tamén pegado á igrexa está o cemiterio que nos chamou a atención polo antigo que é e a forma das sepulturas realizadas en pedra e enmarcadas con columnas.

Cemiterio de S. Xulián de Lardeiros

Unha señora que estaba neste cemiterio poñendo flores díxonos que pegado a este cemiterio construiran outro porque este quedárase pequeno e comentounos que o novo era moito máis fermoso. Par nós...claro que non!! O novo era todo igual muy uniforme con nichos de mármore pero este ademais de ter a antigüedade, a maioría das sepulturas son de pedra.


No adro da igrexa destaca esta enorme oliveira con bancos a seu arredor para descansar á sombra. É doado imaxinar á xente que acode á Misa esperando que chegue o párroco mentras parrafea debaixo da oliveira.
Oliveira centenaria

ÁREA RECREATIVA DE PONTEPEDRA.-

Na parroquia de Pastor está a Área Recreativa de Pontepedra coa que a verdade nos levamos unha pequena decepción. Non deixa de ser unha área recreativa das moitas que hai por Galicia adiante. Tamén nos preguntamos se de verdade é necesaria tanta área rural, xa que non moi lonxe hai outra, nestes espazos rurais que teñen tan a man as árbores, os ríos...
Para empezar,  1º que vemos é o cartel roto:

E preguntámonos se estará moi concurrida esta área recreativa.

Conta tamén cun muíño:
 
Ao final da área recretaiva cruzamos unha pequena ponte de pedras, moi rústica porque léramos que ao final, a uns 200m. había unha zona moi fermosa cunha cascada. Aló fomos pero o sendeiro estaba practicamente intransitable con moitísima herba e silvas, ortigas...Chegar chegamos pero no vale a pena en absoluto ortigarse para ver un pequeno salto de auga e un muíño en ruínas.

Ponte de pedra que cruzamos sobre o río Noa, afluente do Tambre.

O outono empeza a facerse notar:


PRAIA FLUVIAL DA TARROEIRA.-

Na parroquia de S. Vicenzo de Pino atopamos a Praia Fluvial de A Tarroeira, un espazo que aproveita as augas dos ríos Tambre e Mera para crear unha praia fluvial con piscina incluso para os máis pequenos. Conta cunha gran área onde as árbores dan sombra aos merendeiros equipados con mesas, bancos e barbacoas. Ten ademais un parque infantil e dende aquí parte a Senda Fluvial Botánica do Río Mera.
Polo sendeiro que vemos no medio da foto, empeza a Senda Botánica do Río Mera.
Merendeiro na Tarroeira

O merendeiro ten dúas zonas: unha á beira do Tambre e, cruzando a estrada, hai outra parte onde está tamén o parque infantil:

Baixada á praia fluvial.
Praia fluvial
O río Mera desemboca no Tambre neste punto:

SENDA  FLUVIAL BOTÁNICA DO RÍO MERA.-
Oficialmente, esta senda trancorre ás beiras do río Mera, afluente do Tambre, dende a Praia Fluvial da Tarroeira ata a igrexa de Gonzar. Nós só fixemos ata o Muíño de Pena que sería o 1º tramo porque lemos en distintos lugares que a partires deste muíño estaba intransitable a senda.
Senda fluvial do río Mera
 A senda está equipada con escaleiras nalgún tramo:

O percorrido é moi curto (en total, ida e volta, 2,4km.) pero é un relaxante paseo con moitas especies diferentes de árbores.

Un recuncho no Muíño de Pena, hoxe destinado ao Turismo Rural.

 O Muíño de Pena foi unha auténtica industria adicada á moer o gran e tamén foi aserradeiro. Durante moitos anos proporcionou un servizo indeispensable aos habitantes do concello de O Pino empregando como forza motriz a forza da auga do río. Traballou deste xeito ata a década dos anos 70 aínda que nos últimos anos só s eempregaba como muíño. No ano 1998 comenzaron os traballos para rehabilitar a vivenda e tranformala nunha casa de Turismo Rural como é hoxe.
Muíño de Pena

O track do percorrido, podedes velo en Wikiloc

IGREXA DE GONZAR.-
Como non chegamos andando á igrexa de Gonzar, decidimos ir en coche. A igrexa de Santa Mª de Gonzar é maxestuosa. De estilo barroco está situada nun entorno natural moi fermoso. No momento da nosa visita estaba en obras, retocaban a fachada onde está a torre.

Igrexa de Santa Mª de Gonzar e detrás o cemiterio

Un pouco máis arriba da igrexa está a que foi Casa Rectoral. Sempre me chaman a atención estas casas polo grandísimas e señoriais que se ven, un sinal do poder da igrexa en tempos pasados. Actualmente a maioría delas están nun estado penoso.

Os cemiterios tamén axudan a facerse unha idea dos usos e costumes que hai vinculados á morte nos distintos lugares. En Europa xa hai unha gran tradición en moitos países do turismo de cemiterios. En España aínda está empezando a andar. A mín sempre me interesou, xa que penso que son parte do noso patrimonio polas esculturas, os grabados, as formas que teñen. Todos son diferentes e aportan algo.
Cemiterio de Gonzar

O PEDROUZO.-

Enclavado dentro da parroquia de Arca, está O Pedrouzo que é a capital do concello. Realmente ten pouco que ver este lugar atravesado pola estrada N-547 (Lugo-Santiago). Aos dous lados desta estrada hai multitude de bares, restaurantes, albergues, hostais...todos eles pensando que esta é a última etapa que fan os peregrinos antes de chegar a Compostela.
Estrada principal de O Pedrouzo

A Casa do Concello está en O Pedrouzo. No 2017 foi inaugurada esta estatua do Galo Piñeiro, obra do artista Cándido Pazos, realizada en bronce policromado. A festa do Galo Piñeiro ten lugar a 1ª fin de semana de agosto e está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Nela hónrase esta especie de galos orixinaria de O Pino e pouco extendida. Hai premios ás mellores parellas.

Casa do Concello de O Pino

IGREXA DE SANTALLA DE ARCA.-
 É de estilo neoclásico e de grandes dimensións. Ten dúas naves e un campanario de pedra. Estaba aberta e poidemos admirar a parede do altar maior en forma de vieira.
Igrexa de Santalla de Arca

Altar Maior en forma de vieira

Outro aspecto da igrexa de Arca

Moi cerca da igrexa poidemos ver este cruceiro:

IGREXA DE S. MIGUEL DE PEREIRA.-
Na parroquia de Pereira fomos visitar a igrexa de S Miguel construida no S. XVIII en estilo barroco.
Igrexa de S. Miguel de Pereiro

Moi cerca da igrexa atopamos este cruceiro, orixinario do S. XVII pero con arranxos posteriores.
Cruceiro de Pereira

O cemiterio, pegado á igrexa, ten tamén columnas de pedra como se estila noutros da comarca.
Cemiterio de Pereira

IGREXA DE S. VICENZO DO PINO.-
E por último fomos ata a parroquia de S. Vicenzo do Pino para ver a igrexa de estilo barroco do S. XVIII.
Igrexa de S. Vicenzo do Pino


Moi preto está o cemiterio que segue a liña dos outros máis antigos: columnas de pedra, algún panteón no centro e bastantes tumbas no chan. Nótase que son cemiterios moi antigos.
Cemiterio de S. Vicenzo de o Pino

Webs consultadas:




xoves, 28 de outubro de 2021

S. MARTIÑO DE MONDOÑEDO (FOZ) RUTA CIRCULAR I


Esta ruta non está homologada nin sinalizada pero eu quixen facela porque considero que, a pesares de que vai practicamente toda por asfalto, (é o que hai dende que fixeron a Concentración Parcelaria xa que desapareceron os antigos camiños e sendeiros) é unha fermosa ruta con puntos de interese como son a Basílica románica de S. Martiño, o Muíño de Peal, a Capela do Carme coa súa fermosa área recreativa onde se venera a esta virxe con moito fervor pola xente da zona; tamén cruzaremos por dúas veces o río Centiño, subiremos a Vilela coas súas marabillosas vistas sobre Foz e arredores e pasaremos polos barrios altos de Xinzo e Vilancedoi con fabulosas vistas.
Tamén quixen facela como homenaxe á esta parroquia na que nacín e vivín ata os 22 anos, na que están as miñas raíces, na que teño familia viva e outros xa mortos, onde está a casa patrocial. A parroquia, en fin, á que sempre volvo coa morriña de tempos pasados e coa alegría e a paz que me dá sempre volver a ver aos veciños, á familia, aos prados e montes e a esa basílica, testemuña dos momentos máis importantes da miña vida.

Características 

Lonxitude: 8 km.

Dificultade: baixa

Ruta circular sen sinalizar. Deixo o track en WIKILOC para poder seguila

Descripción:

Iniciei pois a ruta ao pé da basílica que é o símbolo máis representativo desta parroquia, de todo o concello e é un referente turístico para toda  A Mariña.

A Basílica de S. Martiño é un monumento románico dos S. XI e XII construido sobre outro prerrománico do S. X.

Os contrafortes que ten son do S. XVIII.

Todo empeza no ano 866 cando o obispado de Dumio tivo que abandoar a súa sede na actual Santa Mª de Bretoña, a causa da conquista musulmana refuxiándose en Mindonieto, lugar da actual basílica e que co tempo pasaría a chamarse S. Martiño de Mondoñedo.

Foi sede episcopal. O 1º bispo foi Sabarico e despois tivo outros 14, entre eles a S. Rosendo que máis tarde fundaría o mosteiro de Celanova en Ourense e a S. Gonzalo nos S. XI e XII. Este foi un bispo moi popular ao que se lle atribuen dous miragres: o da Fonte da Zapata (que contarei máis tarde) e o do afundimento dos barcos normandos cando estes invadían as nosas costas.

No S. XII, a raiña Dona Urraca mandou trasladar a sede episcopal a Vilamaior do Val do Brea, cambiando o nome a Mondoñedo en lembranza da anterior sede.

A Basílica no barrio de Caritel

A fachada do oeste está considerada a entrada principal á Basílica. Ten 5 arquivoltas con capiteis das columnas sinxelos con adornos de follas e cabezas de animais. O tímpano ten moito valor. Na parte superior da fachada hai un pequeno ventanuco e o campanario.

Fachada do oeste
O barrio de Caritel (onde está a basílica) ten cerca de 20 casas, todas elas habitadas agás tres. Dende aquí fun cara a Vilela, outro barrio da parroquia que se atopa nun lugar alto con moi boas vistas. Un barrio moi querido para mín, xa que alí naceu a miña nai e sendo nena e rapaza fun moitas veces cos meus irmáns apacentar as vacas.

Unha pista asfaltada leva a Vilela
 
Mirando á esquerda vese unha plantación de eucaliptos no que eu recordo que chamábamos " O Souto de Marcos" Daquela aínda tiña algún castiñeiro e outras árbores.

Dúas casas hoxe baleiras de xente, no lugar chamado "A Casanova"

A Casanova

Chegamos a Vilela onde hai tres vivendas, só unha está habitada.
Vilela

Esta é a vivenda habitada de Vilela que pertenceu no pasado á miña familia.
Casa habitada en Vilela

Este barrio, ao situarse nunha zona alta, ten espectaculares vistas sobre A Mariña e sobre O Caritel.

Agora toca baixar polo outro lado, polo lugar de Lelle. Dende aquí aínda temos boas vistas:



Ao lado dereito baixa o Rego de Lelle onde medra unha frondosa vexetación:

Hai recunchos fermosos como o da foto cunha fonte rústica rodeada de plantas.
Recuncho no Rego de Lelle

Pasamos de novo moi preto da basílica:

No Lugar de Peal, chama a atención este fermoso acivro ao pé do muíño:

O Muíño de Peal, restaurado, alimentábase do Rego que baixa de Lelle e aquí pasa a chamarse o Rego de Peal. Lembro que este muíño moitas veces non podía funcionar porque o rego non levaba a auga suficiente.
Muíño de Peal

Cruzamos agora a estrada para seguir as indicacións do Camiño Natural de S. Rosendo que tamén pasa por aquí.
 
E cruzamos o río que baña esta parroquia: o Centiño. É un río estreito que se desborda coas chuvias en moitas ocasións e ademais moi propicio para a pesca. Lembro os pescadores ás beiras deste río.
Río Centiño e o Rego de Lelle desembocando nel.

E ao pouco xa vemos o barrio de Bao con oito casas, a metade delas deshabitadas.
Barrio de Bao

Volvemos ao asfalto e cunha moderada subida chegaremos deseguida ao Carme

O Carme é un barrio da parroquia de S. Martiño composto por unhas 10 vivendas das que están habitadas aprox. a metade. O representativo deste barrio é a capela na honra da Virxe do Carme á que acoden xentes de toda a zona e ao redor da que se celebraba ata hai ben pouco unha das romerías máis importantes de toda Galicia, xa que contaba con renomeadas orquetras das que viñan desfrutar miles de persoas (ultimamente sobre todo xente nova dende toda A mariña)
Capela do Carme

Campo da festa onde se celebraba a multitudinaria romería.


Campo da festa

Ao pé da capela e do campo da festa hai unha inmensa área recreativa con multitude de árbores diversas: castiñeiros, abetos piñeiros...e mesas, banco e barbacoas.
Área recreativa


Área recreativa
 
Damos a volta sobre os nosos propios pasos para baixar por onde subíramos. O outono está aparecendo.
Seguiremos de frente cara a Xinzo


Chegando a Xinzo temos unha fermoas vistas de Foz e a súa ría. Xinzo é outro barrio da parroquia de S. Martiño, un dos máis grandes despois de Forxán, que apenas ten casas deshabitadas.
Barrio de Xinzo

Atravesamos o barrio de Vilancedoi cunhas 10 casas aprox.
Vilancendoi

Vilancedoi

Pasando polo lugar de As Granxas, actualmente deshabitado, vemos o antigo muíño das Granxas que se conserva en bastante bo estado.
Muíño de As Granxas

Chegando ao Oirín, atopámonos de novo co río Centiño que temos que cruzar.
Casa de Oirín e río Centiño

Entroume pena ao pasar pola Rigueira e ver no que se converteu co paso dos anos e o abandono de moitas fincas: antes podíase ver o río perfectamente dende a estrada, había prados e incluso un lavadoiro no río. Todo desapareceu comido pola maleza.
A Rigueira
Estamos chegando ao barrio de Caritel e xa o vemos coa basílica chamando  a atención porque un monumento tan magnífico e grandioso se levante nun barrio tan pequeno, tan humilde.


Subo polo aparcamento que non hai moitos anos que foi construido:
Aparcamento e aseos

Subimos unhas escaleiras e atopamos unha zona axardinada e un parque infantil:

Xardíns 



Xa podemos ver a basílica en todo o seu esplendor:


Ao rematar os xardíns, vemos a Fonte de A Zapata. Moita xente non sabe, sobre todo a xente menos de 40 anos e os foráneos que esta fonte estaba situada noutro lugar e era unha fonte monumental, ao meu modo de ver moito máis fermosa que a de agora.
Estaba situada máis arriba, na esplanada que hai antes do seguinte aparcadoiro, frente á basílica. É unha pena que non se atope (sei de moita xente que o intentou) unha foto daquela época porque era unha fonte espectacular, grande, con muros ao redor para sentarse e cun frente de mármore co nome da fonte.
Meu pai, que era un namorado do seu barrio coa fonte, a basílica...escribira daquela que se cambiou esta fonte estes versos:
"...Fuente de la Zapata
un fuerte cambio sufriste,
antes dabas la cara alegre
ahora das el culo triste..."

Facendo referencia a que antes a fonte estaba de cara á basílica e agora está de cu.
Fonte de A Zapata
 No frente, ten unha inscripción que xa apenas se le e que di:
"Fuente de La Zapata,
que brotó según la tradición,
por obra de Gonzalo,
el Obispo Santo"
Dise que esta fonte xurdiu como un miragre en época de sequía, xa que a xente carecía de auga, entón o bispo Gonzalo tirou unha zapatilla (de aí o nome de Zapata) e onde caeu naceu esta fonte.
Lenda ou miragre, cadaquén que crea o que lle pareza, a verdade é que a ubicación da fonte non é a máis idónea sobre todo para os que a lembramos no outro lugar.
"...Al cambiarte de sitio
no supieron emplazarte.
Esperemos algún día
vuelvas a ser obra de arte."
 Ao pé dos xardíns da basílica, está a casa de Moreda, unha vivenda tipicamente rural co seu cabozo.
Casa de Moreda

E no lado este da igrexa puxeron non hai moito tempo este adefesio de escaleiras, de cemento e cunha varanda metálica, nada acorde co entorno do monumento. A que había antes era unha entrada en rampa con tres escaleiras baixiñas, unha porta metálica tamén pero negra, máis acorde. Patrimonio non deixa facer nada aos veciños nas súas vivendas sen que sexa dentro dunhas normas que eles impoñen como usar materiais nobles como a madeira  a pedra ou a lousa, pintar dunhas cores determinadas... a mín paréceme perfecto que controlen eso para que haxa un entorno fermosos e axeitado á basílica pero penso tamén que hai que empezar por dar exemplo dende as administracións!!
Pois vaia fea que queda esa entrada!
Entrada este actualmente

Esta é enorme diferenza na mesma entrada, na foto de arriba como está actualmente. Na de abaixo como estaba antes, como eu a recordo.
Non sería moito menos costoso e máis acorde co entorno e coa basílica deixala como estaba aínda que fose restaurando o que fixese falta?

A mesma entrada antes

 No muro norte da igrexa  podemos ver unha porta tapiada e a outra usada na actualidade. Tamén destacan as figuras da cornixa: un ampio repertorio de figuras humanas e animais, algunhas delas en claras actitudes impúdicas.
Non explico máis de esta basílica xa que este blog non é de arte e quedaría moitísimo que contar aínda tanto do exterior como do interior no que destacan as pinturas murais algunhas delas descubertas durante as restauracións feitas nos anos 2007/2008, destacan tamén os seus importantísimos capiteis e unha peza en pedra única no románico español con imaxes que dan lugar a multitude de interpretacións polos expertos.
 
Esta estrada asfaltada a finais dos anos 60 pegada á basílica, ten debaixo unha calzada romana. Eu lembro perfectamente que lle chamábamos precisamente así, "A Calzada" ao que taparon con alquitrán. Eran tempos nos que se valoraba ante todo a comodidade e o que a xente pensaba que era "progreso".
Esperemos que nun día non moi lonxano poida ver a luz outra vez esa calzada que pouca xente nova saberá que existe.


E así rematei esta ruta que me pareceu preciosa e con elementos moi interesantes e valiosos a ter en conta.



Páxinas web consultadas: