martes, 2 de novembro de 2021

CONCELLO DE O PINO (A CORUÑA)

 O Pino é un concello situado practicamente no centro do territorio galego que pertence á comarca de Arzúa. Ten 13 parroquias e a capital municipal está en O Pedrouzo. O concello está bañado polos ríos Tambre e os seus afluentes o Mera e o Noa e tamén polo Ulla.

Atópase O Pino moi cerca do aeroporto de Santiago e de feito varias pistas da terminal atópanse neste concello.

Os habitantes de todo o concello non chegan aos 5000 e están empregados no sector servizos seguido da agricultura, a industria e a construcción.

Ultimamente, e grazas ao pulo do Camiño de Santiago (por aquí pasa o Camiño Francés), O Pedrouzo e Santaia de Arca que están pegados, posuen numerosos establecementos asociados ao Camiño: bares, restaurantes, albergues de todo tipo e hostais. Non hai que esquecer que en Arca finaliza unha etapa do Camiño Francés polo que moitísimos peregrinos comen e durmen nestas localidades. De feito e a pesares de que viaxamos un mércores deste mes de outubro a este concello, vimos moitos peregrinos que descansaban nesta localidade.

S. XULIÁN DE LARDEIROS.-

Nesta parroquia atopamos a igrexa  chamada "Catedral da Montaña" debido ás súas dimensións e beleza. É de estilo barroco con planta de cruz latina e dúas capelas aos lados.

Igrexa de S. Xulián de Lardeiros

Igrexa de S. Xulián de Lardeiros
  

Xunto a esta igrexa destaca o cruceiro que vemos do S. XVIII. Por esta parte mostra unha imaxe da Piedade co seu fillo nos brazos. Polo outro ten un Cristo.

Cruceiro xunto á igrexa.
 

Tamén pegado á igrexa está o cemiterio que nos chamou a atención polo antigo que é e a forma das sepulturas realizadas en pedra e enmarcadas con columnas.

Cemiterio de S. Xulián de Lardeiros

Unha señora que estaba neste cemiterio poñendo flores díxonos que pegado a este cemiterio construiran outro porque este quedárase pequeno e comentounos que o novo era moito máis fermoso. Par nós...claro que non!! O novo era todo igual muy uniforme con nichos de mármore pero este ademais de ter a antigüedade, a maioría das sepulturas son de pedra.


No adro da igrexa destaca esta enorme oliveira con bancos a seu arredor para descansar á sombra. É doado imaxinar á xente que acode á Misa esperando que chegue o párroco mentras parrafea debaixo da oliveira.
Oliveira centenaria

ÁREA RECREATIVA DE PONTEPEDRA.-

Na parroquia de Pastor está a Área Recreativa de Pontepedra coa que a verdade nos levamos unha pequena decepción. Non deixa de ser unha área recreativa das moitas que hai por Galicia adiante. Tamén nos preguntamos se de verdade é necesaria tanta área rural, xa que non moi lonxe hai outra, nestes espazos rurais que teñen tan a man as árbores, os ríos...
Para empezar,  1º que vemos é o cartel roto:

E preguntámonos se estará moi concurrida esta área recreativa.

Conta tamén cun muíño:
 
Ao final da área recretaiva cruzamos unha pequena ponte de pedras, moi rústica porque léramos que ao final, a uns 200m. había unha zona moi fermosa cunha cascada. Aló fomos pero o sendeiro estaba practicamente intransitable con moitísima herba e silvas, ortigas...Chegar chegamos pero no vale a pena en absoluto ortigarse para ver un pequeno salto de auga e un muíño en ruínas.

Ponte de pedra que cruzamos sobre o río Noa, afluente do Tambre.

O outono empeza a facerse notar:


PRAIA FLUVIAL DA TARROEIRA.-

Na parroquia de S. Vicenzo de Pino atopamos a Praia Fluvial de A Tarroeira, un espazo que aproveita as augas dos ríos Tambre e Mera para crear unha praia fluvial con piscina incluso para os máis pequenos. Conta cunha gran área onde as árbores dan sombra aos merendeiros equipados con mesas, bancos e barbacoas. Ten ademais un parque infantil e dende aquí parte a Senda Fluvial Botánica do Río Mera.
Polo sendeiro que vemos no medio da foto, empeza a Senda Botánica do Río Mera.
Merendeiro na Tarroeira

O merendeiro ten dúas zonas: unha á beira do Tambre e, cruzando a estrada, hai outra parte onde está tamén o parque infantil:

Baixada á praia fluvial.
Praia fluvial
O río Mera desemboca no Tambre neste punto:

SENDA  FLUVIAL BOTÁNICA DO RÍO MERA.-
Oficialmente, esta senda trancorre ás beiras do río Mera, afluente do Tambre, dende a Praia Fluvial da Tarroeira ata a igrexa de Gonzar. Nós só fixemos ata o Muíño de Pena que sería o 1º tramo porque lemos en distintos lugares que a partires deste muíño estaba intransitable a senda.
Senda fluvial do río Mera
 A senda está equipada con escaleiras nalgún tramo:

O percorrido é moi curto (en total, ida e volta, 2,4km.) pero é un relaxante paseo con moitas especies diferentes de árbores.

Un recuncho no Muíño de Pena, hoxe destinado ao Turismo Rural.

 O Muíño de Pena foi unha auténtica industria adicada á moer o gran e tamén foi aserradeiro. Durante moitos anos proporcionou un servizo indeispensable aos habitantes do concello de O Pino empregando como forza motriz a forza da auga do río. Traballou deste xeito ata a década dos anos 70 aínda que nos últimos anos só s eempregaba como muíño. No ano 1998 comenzaron os traballos para rehabilitar a vivenda e tranformala nunha casa de Turismo Rural como é hoxe.
Muíño de Pena

O track do percorrido, podedes velo en Wikiloc

IGREXA DE GONZAR.-
Como non chegamos andando á igrexa de Gonzar, decidimos ir en coche. A igrexa de Santa Mª de Gonzar é maxestuosa. De estilo barroco está situada nun entorno natural moi fermoso. No momento da nosa visita estaba en obras, retocaban a fachada onde está a torre.

Igrexa de Santa Mª de Gonzar e detrás o cemiterio

Un pouco máis arriba da igrexa está a que foi Casa Rectoral. Sempre me chaman a atención estas casas polo grandísimas e señoriais que se ven, un sinal do poder da igrexa en tempos pasados. Actualmente a maioría delas están nun estado penoso.

Os cemiterios tamén axudan a facerse unha idea dos usos e costumes que hai vinculados á morte nos distintos lugares. En Europa xa hai unha gran tradición en moitos países do turismo de cemiterios. En España aínda está empezando a andar. A mín sempre me interesou, xa que penso que son parte do noso patrimonio polas esculturas, os grabados, as formas que teñen. Todos son diferentes e aportan algo.
Cemiterio de Gonzar

O PEDROUZO.-

Enclavado dentro da parroquia de Arca, está O Pedrouzo que é a capital do concello. Realmente ten pouco que ver este lugar atravesado pola estrada N-547 (Lugo-Santiago). Aos dous lados desta estrada hai multitude de bares, restaurantes, albergues, hostais...todos eles pensando que esta é a última etapa que fan os peregrinos antes de chegar a Compostela.
Estrada principal de O Pedrouzo

A Casa do Concello está en O Pedrouzo. No 2017 foi inaugurada esta estatua do Galo Piñeiro, obra do artista Cándido Pazos, realizada en bronce policromado. A festa do Galo Piñeiro ten lugar a 1ª fin de semana de agosto e está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Nela hónrase esta especie de galos orixinaria de O Pino e pouco extendida. Hai premios ás mellores parellas.

Casa do Concello de O Pino

IGREXA DE SANTALLA DE ARCA.-
 É de estilo neoclásico e de grandes dimensións. Ten dúas naves e un campanario de pedra. Estaba aberta e poidemos admirar a parede do altar maior en forma de vieira.
Igrexa de Santalla de Arca

Altar Maior en forma de vieira

Outro aspecto da igrexa de Arca

Moi cerca da igrexa poidemos ver este cruceiro:

IGREXA DE S. MIGUEL DE PEREIRA.-
Na parroquia de Pereira fomos visitar a igrexa de S Miguel construida no S. XVIII en estilo barroco.
Igrexa de S. Miguel de Pereiro

Moi cerca da igrexa atopamos este cruceiro, orixinario do S. XVII pero con arranxos posteriores.
Cruceiro de Pereira

O cemiterio, pegado á igrexa, ten tamén columnas de pedra como se estila noutros da comarca.
Cemiterio de Pereira

IGREXA DE S. VICENZO DO PINO.-
E por último fomos ata a parroquia de S. Vicenzo do Pino para ver a igrexa de estilo barroco do S. XVIII.
Igrexa de S. Vicenzo do Pino


Moi preto está o cemiterio que segue a liña dos outros máis antigos: columnas de pedra, algún panteón no centro e bastantes tumbas no chan. Nótase que son cemiterios moi antigos.
Cemiterio de S. Vicenzo de o Pino

Webs consultadas:




Ningún comentario:

Publicar un comentario