luns, 19 de xullo de 2021

SENDA COSTEIRA DE XOVE (XOVE-LUGO) Tramo: Porto de Morás- Praia de Portocelo.

 A Senda Costeira de Xove é unha ruta litoral que vai dende a área etnográfica de Morás ata a praia de Portonovo nun percorrido de case 19km. Transcorre pegada ao mar case todo o traxecto e comparte bastantes tramos co Camiño Natural do Cantábrico. Vai moi pouco por asfalto (no tramo que nós fixemos hoxe, nada) e ten unha riqueza paisaxística moi salientable xa que pasa por grandes cantís, moi preto de illas, restos arqueolóxicos, miradoiros, faros, enseadas e praias moi fermosas. 

Unha ruta moi, moi recomendable!!

Hoxe, a nosa 1ª intención era facer o tramo Morás- Faro de Roncadoira pero cando chegamos á praia de Portocelo tan fermosa e nun día que ía moita calor decidimos quedarnos alí!

A ruta en WIKILOC


Características:

Lonxitude: 7,6 km.

Dificultade: Moderada xa que aínda que o firme ou piso da senda é moi bo hai algunha subida importante.

Ruta lineal ben sinalizada.

Descripción:

Saímos do Porto(ou portiño como é coñecido pola zona) de Morás.

A praia de Morás, de 80m, de lonxitude é tranquila pola situación e polas poucas ondas. A carón desta praia atopábanse as antigas instalacións baleeiras de Morás xa que a pesca da balea tivo unha grande importancia no pasado e hoxe podemos recordalo  polo paseo etnográfico que temos neste lugar.

Praia de Morás

Estes son os dolos: formacións de formigón que se fabricaron aquí para a realización do espigón de abrigo do porto da fábrica de aluminio nos anos 70 do pasado século.

Parque onde se fabricaban os dolos
 
Unha vista do porto e praia de Morás. Esta ruta parte dun lugar ben fermoso:
Porto e praia de Morás

Esta ruta coincide coa Ruta do Camiño Natural do Cantábrico da que hai neste blog  8 entradas que son os tramos que levo feitos ata o momento, se contamos o de hoxe, son nove.

Empezando a ruta
Vista de cerca dos enorme dolos(os máis grandes de Europa) que pesan 50 toneladas cada un.
Dolos

Este mundo de dolos parece mergullarnos nunha paisaxe futurista e case algo sinistra:

Desvíamonos da ruta uns 100m. para ver os cantís de Morás tamén chamados cantís de papel  debido á súa apariencia formando pregos,dobreces, formas singulares que fan pensar en papeis pero tamén fan pensar en titáns, en grandes monstros que impoñen pola súa envergadura. Son unhas inmensas formacións graníticas duns 40 m. de altura.

Cantís de Morás

Quen colocaría aí esas pedras?

Voltamos á ruta. O camiño é ancho e cun firme axeitado e vai á beira do Cantábrico:

Aparece unha néboa baixa que dificulta á visibilidade ao lonxe:

Empezamos a subir ao Alto do Cabalo:


Pasando polo Miradoiro de A Atalaia dende onde pouco ou nada poidemos mirar hoxe polo densa néboa.



Baixando a Punta Arxente podemos divisar entre a néboa a Illa de Sarón:


Ao chegar a Punta Arxente, case podemos tocar a illa de Sarón, oficialmente coñecida como Ansarón. A súa altura é de 83m. e a superficie é de aprox. 10 hectáreas o que a convirte nunha das maiores illas da costa lucense. Son famosos os seus cantís por seren uns dos maiores productores de percebes de alta clase. A illa atópase a uns 200m. da terra firme.


Estamos subindo agora ao punto máis alto da ruta: ao Coto da Vela e as vistas empezan a ser magníficas xa que a néboa parece alonxarse:

Atravesamos algún monte tamén :

Deseguida voltamos a ver o mar:

Xa no máis alto, e como di o indicador que a 100m está o Coto da Vela, intento chegar aló:

Pero deseguida este carreiro xa avisa do que vai vir e é que uns pasos máis e xa non se pode avanzar. O sendeiro está totalmente pechado:

Despois da dura subida, toca baixar. Imos cara á Enseada de Sucastro.

Esta enseada aparece ante nós cunhas augas que nos lembran imaxes doutros lugares lonxanos. Pois non é necesario desplazarse moito: na nosa Terra tamén temos augas cristalinas dunha cor esmeralda que non envexa nada á doutros lugares.

Enseada de Sucastro coa illa de Sarón de fondo

O punto máis elevado da foto é Coto da Vela, un lugar onde se cre que houbo un castro e de aí o nome da enseada. A forte pendente que vemos, en forma de acantilado rochoso, funcionaría como un resgardo natural. No ano 1956 as fotos dun un voo américano descubren os restos dun poblado moi ben conservado. Hoxe está cuberto todo de eucaliptos de propiedade privada. Agardemos que nun futuro haxa estudos arqueolóxicos que permitan recuperalo.

Vistas dende Punta Merixe. Á dereita, Punta Arxente que acabamos de pasar.

E á esquerda, Punta Roncadoira. Coa néboa non vemos o faro, pero alí se atopa.

Cruzamos outro monte

 E xa a paisaxe s eabre para deixarnos ver a aldea de Portocelo:

Desembocamos deseguida na súa fermosa e recollida praia:
 
A mín personalmente namoroume esta praia. Conta cos servizos de socorrista, duchas e baños impecablemente limpos. Semella unha piscina debido ao espigón do muelle que a protexe, non é nada perigosa, moi, moi cha e ten ademais todo arredor árbores onde podes atopar sombra. 
En marea baixa podemos pasar camiñando ao outro areal que vemos á esquerda, a praia de Canela. En marea chea non se pode pasar pero ten unha entrada pola estrada.

O pequenísimo e tranquilo porto de Portocelo. Este nome en latín Porto Celo significa "porto escondido" e é ben certo que o está


Nesta praia de Portocelo, en marea baixa queda unha enorme extensión de area.

E aquí nos quedamos. A nosa intención era chegar ata Faro Roncadoira pero en vistas da calor que ía, decidimos desfrutar toda a tarde desta espectacular praia.

domingo, 18 de xullo de 2021

PASEO FLUVIAL DOS CANEIROS + RUTA DOS MUÍÑOS DE PELAMIOS. (BETANZOS)

 Despois de dedicar a mañá  a visitar a cidade de Betanzos, dedicamos a tarde a realizar dúas rutas de sendeirismo curtas e sen necesidade de mover o coche de sitio xa que as dúas parten da mesma cidade.

A 1ª que realizamos foi a ruta fluvial dos Caneiros (Un caneiro é a canle dunha presa na que se colocan redes para pescar)

É unha ruta curta, de pouco máis de 6km. ida e volta e moi fácil de percorrer entre árbores e vexetación de ribeira. O primeiro tramo de 1,5km. aprox é por asfalto e logo transcorre por un sendeiro ás beiras do río Mandeo. Remata no Campo de Os Caneioros onde se celebra unha afamada festa en agosto.

A ruta en Wikiloc:

Características:

- Lonxitude: 5,6km.

- Difiultade: fácil

- Ruta lineal sinalizada coas raias branco e vermello.

Descripción:

A ruta oficial sae dende a Ponte Vella de Betanzos. Non hai ningún cartel sinalizador do comenzo. Postos no remate da ponte, para entrar pola Porta desta Ponte Vella, collemos á esquerda a carón do convento das Agostinas Recoletas. Nós empezamos un pouco máis adiante e logo rematamos aquí.

Empezando a ruta con estas vistas:


Ao principio imos vendo o río Mandeo e as sombras son abundantes:

Despois o río desaparece. A estrada é tranquila (non cruzamos ningún coche) e con moitas árbores ás beiras:

Despois de 1,2km. abandonamos o asfalto e imos por un sendeiro cunha barandilla de madeira:

O carreiro á beira do río é moi relaxante:

Imos sempre entre o verde:

Chegamos ao Campo dos Caneiros. Ata aquí se dirixen os betanceiros e xente chegada de toda Galicia no mes de agosto como parte da celebración do S. Roque. Chegan a este Campo de diversas formas: andando por onde viñemos nós, en coche ou en barca que engalanan para esta ocasión. As mesmas barcas están preparadas con mesas e sillas para poder comer a bordo.
 
Xa de volta, polo mesmo sitio da ida, vemos o tranquilo río Mandeo e, ao lonxe, Betanzos.

Demos un pequen rodeo para chegar á Ponte Vella:

A Ponte Vella, onde oficialmente empeza e remata esta ruta.


RUTA DOS MUÍÑOS DE PELAMIOS

Esta ruta de moi baixa dificultade e moi curtiña, é moi pouco coñecida , non está nada promocionada e non foi doado atopala.
Caraña é un barrio de Betanzos dividido en tres partes: Caraña de Abaixo, Caraña do Medio e Caraña de Arriba.
O río Pelamios foi o que deu no pasado vida a este barrio porque na Idade Media concentráronse nesta zona gremios de artesán e comerciantes pola súa proximidade á Ponte Vella e ao antigo Porto de Betanzos, cando a este chegaba o mar. Precisamente o nome de Pelamios vén de os tanques onde se mergullaban as peles en auga e cal para abrandalas e retirarlles o pelo. Este traballo era realizado na fábrica de encurtido que logo veremos.

Esta sinxela ruta é todo un aprendizaxe sobre a vida na época medieval e así veremos moitos elementos etnográficos: muíños, antigas fábricas, lavadoiros, pontes, fontes...

A ruta en WIKILOC


Características:

Loxitude: 2,2 km en total. Non estou segura de que a fixéramos toda xa que vin outros sitios onde se vían máis fontes que nós non vimos. Demos a volta cando nos parecía que non se podía seguir pero ao mellor había que seguir algo máis.

Dificultade: Baixa

Ruta lineal con sinalización algo deficiente.

Descripción:

A ruta parte dende a Ponte  de Madeira de Betanzos. Hai que cruzala e pasar ao pé do parque infantil pillando á esquerda:

Ponte de madeira


Ao cruzar a Ponte, atopamos estes cubos que amosan por unha cara as letras co nome de Betanzos e polas outras amosan imaxes de celebracións na cidade como a Festa dos Caneiros, a solta do globo...etc



Camiñamos entre estes muros de pedra vendo colgar das ladeiras cercanas as vides. Non esquezamos que Betanzos é terra de viño dende moi antigo.

Nesta pequena ruta veremos sobre todo muíños, a maioría en ruínas. Vemos tamén un monolito indicando o trazado da ruta con 10 muíños.

Muíño do Tarabelo

Esta era a fábrica de curtido das peles. Para abrandar a pel metíase no río varios días nuns pozos chamados Pelamios que deron nome ao río.

E esta era a de secado:

Unha vista xeral de Caraña de Abaixo:

Coa súa fonte:

Imos por Caraña de Abaixo. O espazo era aproveitado para as fincas, só quedaba o xusto para que collese un carro.

Os restos doutro muíño:
Muíño de Beccaría
Unha casa labrega:

Vemos as moas para moer o gran:

Máis muíños
Muíños da Rañada

Pasamos por este pasadizo no que poderemos contemplar un tradicional carro galego:

Un fermoso rincón do paseo:

Un río ben pequeno pero de gran importancia no pasado:

Unha moa aproveitada como mesa e os típicos balcóns de madeira:

Restos dun pasado moi presente:
 
Nós demos a volta cando nos pareceu que a ruta non tiña obxecto de seguir pero noutras publicacións vemos elementos que nós non vimos que deben quedar algo máis adiante,en Caraña de Arriba. A ruta debería estar mellor sinalizada pois ademais de non saber moi ben cando dar a volta, hai momentos en que se dubida por onde seguir.