martes, 28 de outubro de 2025

ESTACA DE BARES DENDE PORTO DE BARES (MAÑÓN-A CORUÑA)

No concello de Mañón (A Coruña) xa fixen 4 rutas (dúas corresponden ao Camiño Natural do Cantábrico e as outras comparten parte do trazado e foron Ponte Segade-Augas Caídas e Ribeiras do Bispo- Augas Caídas)

Hoxe fixen unha ruta moi fermosa pola Estaca de Bares partindo de Porto de Bares. A ruta planifiqueina eu e ía bastante por asfalto pero grazas a que o sábado 18 hai unha carreira organizada polo concello de Mañón, abriron e acondicionaron camiños e carreiros máis preto do mar que me fixeron modificar a ruta orixinal e resultou máis fermosa aínda.

Características:

Lonxitude: 11km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar aínda que moi intuitiva. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Esta ruta comenza e finaliza no Porto de Bares, un lugar da parroquia de Bares no concello de Mañón (A Coruña)

Porto do Coído

Porto de Bares é unha vila moi pequena e con vivendas de non moitos anos de construcción que indican que é unha zona relativamente nova en canto á poboación. En temos pasados é de supor que a vila estaba en Bares, uns metros máis arriba (actualmente segue a existir) e que aquí embaixo só estaría o porto que foi un importante enclave baleeiro entre os séculos XIII e XVIII.

É o porto máis septentrional da Península Ibérica.

Porto de Bares

Empezo a camiñar por unha pasarela de madeira ao pé da praia.
Porto de Bares

A pasarela é moi curta e para seguir teño que sair á estrada pola que vou uns metros debido a que está chea a marea. Se estivera baixa, houbera podido ir todo pola praia.
Porto de Bares

Deseguida pillo outra estrada local que vai ao outro lado da praia de Bares.
Á esquerda para ir á praia

Unha estrada rodeada de xuncos.

Acceso á praia de Bares.

Dende este lado da praia, vemos a vila á dereita.

Na seguinte foto, o Peñón de Eirexa Vella, así chamado porque na cima desta punta estaba a igrexa antiga de Bares que foi saqueada e queimada polos piratas turcos no S. XVII. Tamén se cree que houbo aí unha necrópole romana.
Peñón da Eirexa Vella

Este día había por toda a praia moitísimas carabelas portuguesas.

Agota teño que alonxarme do mar e subo por un camiño que parte mesmo da praia.


Un camiño perfectamente acondicionado:


Chego á estrada que baixa ao Porto de Bares onde hai un Miradoiro:
Miradoiro

As vistas dende aquí, dende Vila de Bares, son espectaculares pero o día amenceu con nubes e algo de bruma que impiden unha boa visibilidade.
No fondo, Porto de Bares e de frente, no mar Illa Coelleira e Punta Cameiro, no Vicedo.


Dende o Miradoiro tiña pensado ir pola estrada pero vexo este camiño tan limpo e vou por el.


O camiño lévame nuns poucos metros, á estrada que teño que cruzar.

En lugar de ir pola estrada como tiña pensado porque non había outro lugar por onde ir, vexo un camiño moi limpo e máis pegado ao mar. Métome por el tendo medo a que remate axiña e teña que dar volta.


Pero atopo un lugareño que viña paseando e pregúntolle a onde sae este camiño. El dime que cerca do Faro e que hai moi pouco que o acondicionaron porque proximamente vai haber unha carreira que pasará por aquí.

O camiño por onde vou deixa estas vistas:

Dá gusto camiñar por lugares así e librarse da estrada pola que nesta época non pasan tantos vehículos como no verán, pero aínda así había bastantes no faro.

Xa se ve ao lonxe o Faro e a Punta da Estaca de Bares.
Faro e Punta de Estaca de Bares

Uns metros antes do faro, desemboco na estrada que leva a el.

Estrada ao Faro

O Faro está situado a 101 metros de altura na entrada da ría do Barqueiro. É o último faro da costa coruñesa e o mais septentrional de toda a Península Ibérica. Está emprazado nunha meseta chamada Ventureiro, sobre un montículo que se prolonga na chamada "Punta da Estaca de Bares", da que recibe o nome a que é a fronteira imaxinada onde mesturan as súas augas o Atlántico e o Cantábrico.

A torre ten unha altura de 33 metros; a luz do faro acada un alcance de 25 millas náuticas e está en funcionamento desde o 1 de setembro de 1850. Nun principio prestaban servizo tres torreiros. No ano 1939 instalouse un radiofaro.

Faro de Estaca de Bares

Estaca de Bares é un espazo natural declarado zona especial de conservación (ZEC) Este cabo é o punto máis setentrional da Península Ibérica e o que se considera o punto de división entre o mar Cantábrico e o Atlántico.
Cabo de Estaca de Bares

Mirando cara ao Oeste vemos Cariño e Cabo Ortegal.


Neste cabo tamén poden verse as ruínas dunha instalación militar estadounidense abandonada que operou como unha estación de navegación (LORAN) e de comunicacións.

Ruinas da instalación militar

A base foi empregada pola Garda Costeira de EE.UU e despois pola Forza Aerea ata 1991
Interior das instalacións militares

Actualmente estas instalacións están en ruina.
Interior das instalacións militares

O concello de Mañon é o dono destas instalacións dende 2019. Actualmente están vandalizadas e a pesares de todo aínda se manteñen en pé, o que dá idea do sólida que é a obra.
Ruinas da instalación militar

Ao pé da antiga base americana, colgados do acantilado, atopanse unha serie de muíños de gran valor etnográfico e patrimonial. O que vemos á dereita mantén aínda impecable a súa estructura.
Muíños

Había 5 muíños colocados en cascada e así aproveitaban a auga duns a outros. 

As canles polas que ía a auga duns muíños a outros.
Muíños

Pódese baixar para verde cerca tódolos muíños, pero con precaución. Algúns deles están moi cerca do precipicio. Eu supoño que antes, cando estaban en funcionamento, non estarían tan preto do mar. Co tempo, a erosión vai facendo das súas e o mar vai levando a terra.
Muíños

Este pequeno e case insignificante reguiño surtía de auga a tódolos muíños.

Na foto seguinte, vemos o observatorio de aves considerado dos mellores de Europa para a observación de paxaros, un paraíso para os especialistas e para os afecionados que se achegan para ver o paso de milleiros de aves do Atlántico e do Ártico buscando lugares máis cálidos.

Observatorio ornitolóxico

Por este fermoso camiño abandono Estaca de Bares.



O coído da foto seguinte, chámase A Marufa. Deben baixar ata aí os pescadores porque vin unha corda para suxeitarse. Aínda así, considero que é un lugar perigoso e só apta a baixada para xente moi acostumada a facelo e que coñece moi ben onde se mete.
Dende o pico destes tremendos acantilados de máis de 200m.  se tiran os que practican parapente. Os entendidos din que A Marufa é un dos mellores lugares para facelo.

A Marufa

A miña planificación desta ruta ía pola estrada pero con motivo da próxima carreira está desbrozado un camiño que vai moito máis preto do mar.

O traxecto vai entre toxos pero en ningún momento te picas. O carreiro é o suficientemente ancho para pasar perfectamente.

Na foto seguinte vese a estrada por onde pensaba que tería que ir. Sen dúbida, moito mellor por aquí.

O limpo camiño e ao fondo, a fermosa imaxe que se pode contemplar.


É unha subida con bastante desnivel dende logo.

O carreiro polo que vin, desemboca na estrada xa case chegando ao Semáforo de Bares.


Estrada de subida. 
 
Case no punto máis alto, atopo un bon rabaño de cabras.

Había moitas!!

O Semáforo de Bares foi unha antiga construcción militar construida nos anos 20 do S. XIX no Monte Facho Maeda. Estivo funcionando ata mediados dos anos 70 do S. XX. A súa función era comunicarse cos barcos mediante bandeiras e tamén funcionaba como estación meteoroloxica e centro de observación militar.
Despois, o concello de Mañón comproullo ao Ministerio de Defensa e rehabilitouse para convertirse nun Hotel da Natureza que foi xestionado por Francisco Javier Pardo.

Hotel da Natureza "O Semáforo"

O establecemento  situado a 210m. sobre o nivel do mar, ten unhas extraordinarias vistas ao Atlántico e ao Cantábrico. Tivo moito éxito ao principio con moita clientela, pero efectos da humidade que se foron agravando e o insuficiente illamento térmico e acústico fixeron que o xerente abandonase o lugar a principios deste 2025. Agora está a espera de rehabilitación para unha nova concesión.
Hotel da Natureza "O Semáforo"

Non estaba o día moi bo para fotos pero podemos distinguir aló embaixo a praia de Bares.

Agora si que toca voltar por estrada para facer a ruta circular sen volver polo mesmo sitio da ida.

 Baixo pola estrada rodeada de eucaliptos durante 1km.

E despois de 1 km. torzo á esquerda para pillar outra estrada moi local, estreita, durante 1,5 km, aproximadamente. Unha estrada con bo desnivel.




No alto da vila, vemos a Capela de S. Pedro.

Baixo ata beira do mar de novo pero agora polo lado contrario ao que marchei e atopo esta pequena cala rodeada de grandes coios.

A marea está agora máis baixa, pero a estampa segue a ser idílica.

Ao dique ou escollera, tamén chamado coído que hai frente á localidade, bastante antigo, Federico Maciñeira chegoulle a atribuir oríxes fenicios, pero esta hipótese parece que  quedou descartada por autores máis recentes que din que é probable que este coído teña unha orixe romana.



Páxinas web consultadas:

https://patrimoniogalego.net/index.php/48557/2013/08/penon-da-eirexa-vella-da-praia-de-bares/
https://www.gciencia.com/destinos-ciencia/estaca-bares-paraiso-ornitoloxico/
https://www.miniontour.es/
https://es.wikipedia.org/wiki/Puerto_de_Bares











luns, 27 de outubro de 2025

CRUCEIRO AMBIENTAL EN ARRIBES DEL DUERO/ MIRANDA DO DOURO/ZAMORA

 O sábado, 18 de outubro, realizamos un percorrido polo Douro dentro dos Parques Douro Internacional (zona portuguesa) e Arribes do Douro (zona española) No 2015, os dous parques son declarados Reserva da Biosfera pola UNESCO.
Fixemos un cruceiro ambiental partindo do embarcadoiro da Estación Biolóxica Internacional situada na fronteira entre Zamora (España) e Miranda do Douro (Portugal)

A Estación Biolóxica foi creada en 2002 co apoio do ICNF (Instituto para a Conservación da Natureza e a Foresta) de Portugal e tres universidades europeas. No 2006 foi ratificada oficialmente polos Ministros de Exteriores de España e Portugal.

Este cruceiro ambiental percorre os espectaculares acantilados verticais do Douro Internacional na súa fronteira entre España e Portugal

O Douro

Durante o traxecto en barco, unha técnica da Estación Biolóxica foinos explicando os recursoso etnográficos, flora  fauna e xeoloxía dos espectaculares acantilados.
Tivemos a oportunidade de desfrutar cómodamente dunha experiencia única de interpretación medioambiental. O buque hidrográfico, está insonorizado, climatizado e integrado con tonalidades acordes coa paisaxe, cumplindo estándares internacionales de ecoturismo e educación ambiental, que tamén implican o comportamento silencioso dos visitantes a bordo. 
O Douro e a espectacular paisaxe

Vemos na foto uns muros de pedra de antigos bancais onde se cultivan vides, olivos...Hai viños con D.O Arribes.
Nas ladeiras dos acantilados medran tamén as aciñeiras, sobreiras, alvedros, espiños...etc.

Ladeira dun acantilado

A diversidade animal é un dos motivos máis importantes polos que Arribes se declarou parque natural. Destaca o elevado número de aves, tanto nidificantes como invernantes. 

Voitres, aló no pico da pena.

Hai cegoñas negras, voitres, aguias, mouchos, falcóns, garzas, cegoñas brancas...etc

As actividades ecoturísticas da EBI son as únicas de Castela e León e Norte de Portugal recoñecidas na Unión Europea pola E.E.N. —European Ecoturism Network— e as primeiras de toda España en recibir a Certificación de Turismo Familiar xunto ao Museo Thyssen-Bornemisza, a Cidade de Toledo e o Val de Arán. Os seus buques hidrográficos recibiron o 1º Premio Nacional de Turismo e a Medalla Nacional ao Mérito de Portugal polos seus proxectos de ecoturismo e investigación.


 Liques nas rochas que indican a calidade do aire. Aquí é excelente claro, non hai contaminación e por eso medran estas especies vexetais.


No lado dos acantilados portugueses hai máis vexetación. Eso depende das condicións do clima: horas de máis ou menos sol, exposicións aos ventos...


Unha illa artificial  flotante para control de plancton e micro plásticos.



Xa chegando ao final do percorrido vemos alzarse a Sé ou catedral de Miranda do Douro que está moi cerquiña.


MIRANDA DO DOURO
Esta cidade ten un caracter propio porque ata ten un idioma de seu (o mirandés), unha sé ou catedral impoñente nun lugar tan pequeno, a presenza do Douro cos seus impoñentes canóns que se poden contemplar dende varios miradoiros...unha visita case obrigada!!

Que vimos en Miranda do Douro?

PRAZA D. JOÂO III
É o epicentro da localidade, unha praza que a min gustoume moito. Na foto vemos unha escultura duns mirandeses, un home e unha muller cos traxes típicos. O edificio dos arcos é o Museo da Terra de Miranda.
Escultura dos mirandeses na praza D. Joâo III

Na foto seguinte, vemos á dereita a Cámara Municipal ou Concello.


A CATEDRAL
A poucos metros da praza anterior atopamos a Sé ou Catedral que realmente non é tal. Foi catedral ata 1780, ano no que a sede episcopal foi trasladada a Braganza. Actualmente está catalogada como concatedral.



Fecha
FuenteSé Catedral de Miranda do Douro - Portugal
AutorVitor Oliveira de Torres Vedras, PORTUGAL
Ubicación de la cámara41° 29′ 36.52″ N, 6° 16′ 25.01″ O 

Dentro da concatedral pódese ver o Menino Jesus da Cartolinha. Trátase dunha talla duns 40 centímetros que representa ao Neno Xesús, pero cun vestiario totalmente laico que vai cambiando ao longo do ano. Esta figura converteuse no  símbolo de Miranda do Douro e a lenda di que se lle apareceu ás tropas portuguesas para darlles valor e forza cando a cidade estaba asediada polo Exército español. Outra lenda ten máis que ver coa forma na que está vestido. Dise que un xoven oficial portugués de Miranda estaba a punto de casarse cando morreu na batalla contra as tropas españolas. Para honrar a  súa memoria, a súa noiva ofreceu á figura do Neno Xesús o uniforme que ía  lucir o seu futuro marido o día da voda.

                          O Meninho Xesús da Cartolinha

MIRADOIRO DA SÉ
Detrás da catedral temos o miradoiro que permite contemplar o acantilado dos liques e o lugar onde embarcamos para o cruceiro ambiental.
Vistas dende o Miradoiro da Sé

RESTOS DO CASTELO
Data do S. XIII e foi desmantelado durante a Guerra dos Sete Anos no S. XVIII.
Restos do Castelo de Miranda do Douro

A explosión de máis de 17000 kilos de pólvora (S. XVIII) que se gardaba no interior do castelo levou pordiante a construcción e a morte de centos de persoas.
Restos do Castelo de Miranda do Douro

Poucos restos se conservan do que foi un impoñente castelo.
Restos do Castelo de Miranda do Douro

 MIRADOIROS
Os Arribes do Douro distínguense, tanto na vertente española como na portuguesa, polos miradoiros para "embobarse" mirando ao Douro dende distintas perspectivas, todas elas moi fermosas para ver o río deslizarse entre os incribles acantilados. Pero ademais dos coñecidos miradoiros, eu descubrín un novo, inaugurado en decembo do 2024:
Atopei un miradoiro mentras visitaba o castelo, a verdade é que eu visiteino mentras esperabamos polo autobús e atopeime alí sola; non vin a ninguén do grupo aínda que o castelo está a uns 100m de onde agardábamos. Vin que había xente no alto dun miradoiro, busquei a entrada e dando a volta á torre atopei esta pequena porta que leva a unhas escaleiras de caracol moi cómodas polas que subín ata arriba de todo. Non se ve o Douro, pero si magníficas vistas de Miranda e os seus arredores.
Non sei nin se ten nome, eu vou chamalo :

MIRADOIRO DO CASTELO

Este miradoiro foi inaugurado no 2024 e debe ser moi pouco coñecido aínda, custoume moito atopar información sobre el.
Vistas dende o Miradoiro do Castelo

O miradoiro é o resultado do aproveitamento dun antigo reservoiro de auga. Vense os restos do castelo e o edificio dun museo.

MIRADOIRO DO ENCORO
Punto para observar o encoro do río.



MIRADOIRO DE PENEDO AMARELO
É un miradoiro urbano situado na parte baixa da cidade cunha plataforma de madeira que permite ver os acantilados dos liques


MIRADOIRO DA FRAGA DO PUIO DE PICOTE
É un dos miradoiros máis visitados e coñecidos. Para chegar a el, atravesamos a aldea de Picote onde se produce un caso lingüístico excepcional dentro de Portugal, debido a que é un lugar no que se emprega o mirandés (deriva do leonés) tamén chamado na localidade picotés, que é coñecido e falado por tódolos seus habitantes. É unha lingua cooficial co portugués que tamén se fala noutras localidades do municipio de Miranda do Douro e en Mogadouro e Vimioso.


Encantoume tamén esta aldea de Picote que conserva as vivendas tradicionais e as rúas empedradas.


En agosto de 2017 un incendio que afectou ao parque natural do Douro Internacional chegou á freguesía de Picote e as chamas  estiveron a punto de arrasar a pequena aldea de Picote. O lume quedou a escasos metros do núcleo urbano e devastou por completo o antigo miradoiro da Fraga do Puio que era  unha atalaia sinxela cun balcón de madeira que se asomaba ao canón do Douro.
A Câmara Municipal de Miranda do Douro decideu facer un miradoiro totalmente diferente e rompedor. O obxectivo consigueuno con creces en 2019. O miradoiro de Picote é hoxe un balcón totalmente acristalado tanto na base como nos laterais, que está literalmente suspendido no aire. A visión do canón do Douro é máis completa e impactante. 

                                                            Miradoiro de Picote

Vistas ao meandro que forma o río. Frente a nós, do outro lado do río, a provincia de Zamora. A paisaxe é moi agreste con moita rochas e matorral baixo con ausencia de ningún tipo de cultivo.


Na entrada á aldea xa vemos o asfalto, pero conservando os antigos muros de pedra seculares que dividen as fincas de oliveiras.


Ao fondo da foto e xa a piques de abandonar Picote, vemos a capela do Santo Cristo.
Capela do Santo Cristo

Páxinas web consultadas:

https://duerodouro.org/espacio-de-ecoturismo/crucero-ambiental-arribes

https://viajeconpablo.com/

https://es.wikipedia.org/wiki/Picote_(Portugal)



ZAMORA

O domingo, xa camiño da casa, paramos en Zamora. Xa o fixeramos noutra ocasión, cando tamén volviamos de Portugal (de visitar aldeas históricas) e de terras extremeñas (Cáceres e Plasencia) Foi no ano 2022.
Como o que visitamos desta vez foi máis ou menos o que víramos daquela outra vez,  non vou relatar outra vez o mesmo, senón poñer o enlace á publicación que fixen daquela: