venres, 23 de maio de 2025

RUTA DAS CANTEIRAS (S. CIBRAO- CERVO)

Non hai moito que fixemos unha ruta en S. Cibrao (vila do concello de Cervo, na Mariña Luguesa) que se pode ver AQUÍ. Facendo esa ruta descubrimos que había outra  promocionada polo concello que se chamaba Ruta das Canteiras anunciada nalgún panel. Hoxe decidimos facela.

S. Cibrao é unha pequena vila, para min das máis fermosas que temos na Mariña. É unha península formada trala unión dunha illa (Porto de Arriba) co continente (Porto de Abaixo ou Figueiras) Ten fermosísimas praias e calas (algunhas delas descubrímolas nesta ruta) o entorno do Faro, as vistas espectaculares dende esa zona, as estreitas rúas moi fermosas, a capela de S. Cibrao, o porto... (todo esto en Porto de Arriba) 

En Porto de Abaixo ou zona continental temos as 3 praias máis coñecidas, o paseo que as rodea,  a desembocadura do río Covo...

Pois todo esto que acabo de nomear, máis outros lugares polos que vai este percorrido, forman parte desta interesante ruta que desfrutamos un montón. A través desta ruta e tal e como o seu nome indica, observaremos en varias zonas os sinais que os canteiros foron deixando ao longo dos séculos.

Características:

Lonxitude: 8,7 km.

Dificultade: fácil.

Ruta circular que, a pesares de estar publicitada en paneis polo concello, está sen sinalizar. O meu track ou percorrido en WIKILOC:


Descripción
:

Aparcamos o coche ao pé da praia A Caosa e dende aí iniciamos o percorrido achegándonos ao mar e pillando cara a área de Autocaravanas. A 1ª cala que atopamos é a Praia de Pericón, duns 30 m. de longo e con anchura variable, dependendo das mareas.

Praia Pericón

A continuación temos a Praia do Rego, case pegada á anterior. Para acadar a area é necesario facelo en marea baixa. En marea alta, non queda area.
Praia do Rego

Seguimos cara ao leste por un fermoso carreiro.

Á nosa dereita, o IES "Marqués de Sargadelos".

Chegamos á última praia por este lado. Dende aquí, daremos a volta. (En total andivemos 1,4 km. para coñecer esta zona que seguramente é das máis descoñecidas de S. Cibrao)
Praia O Portelo

Esta última praia é a do Portelo. É a praia máis oriental da parroquia de Lieiro á que pertence S. Cibrao. Está formada por dous pequenos areais separados por unha zona rochosa. Ningún deles mide máis de 30m. de longo.

A lenda di que aquí desembarcou o Marqués de Pedrosa fuxindo dos ingleses por cuestións relixiosas. Aquí (a uns 800) construeu un pazo (O Pazo de Pedrosa) que se pode ver facendo a Ruta do Camiño Natural do Cantábrico que pasa, antes de entrar na vila de S. Cibrao, polo lugar chamado Pedrosa.

Na praia do Portelo debido á súa orientación, tras os temporais ou os día que o mar se move, entran grandes cantidades de algas que no pasado eran recollidas polos aldeás para fertilizar as súas leiras.

Praia O Portelo

Fermosa vista de S. Cibrao dende a zona  oriental da vila. Distinguimos ben Porto de Arriba e Porto de Abaixo.
S. Cibrao

A praia da Caosa está nun entorno urbanizado e ten a area máis fina e branca de todas. Praia de augas cristalinas, escasa ondaxe e forma de enseada.
Dende a praia do Rego que acabamos de ver ata a de Cubelas, algo máis adiante, camiñamos polo chamado "Sendeiro Azul" que une estas dúas praias.
Praia da Caosa

Estamos na zona de Porto de Abaixo e vimos dúas prazas emblemáticas da vila. En 1º lugar vimos a Praciña da Caosa.
Praciña da Caosa

Esta é a Praza do Lugar.
Praza do Lugar

Reanudamos o percorrido pola beira do mar ao longo deste fermoso paseo.

Vemos os restos dunha antiga cetárea que demostra o pasado mariñeiro desta vila.
Antiga cetárea

A praia de Cubelas é tamén urbana, preciosa, moi recollida ao abrigo dos ventos do noroeste; de augas transparentes e tranquilas e area moi fina.
Praia de Cubelas

Nun extremo da praia anterior vemos  "O Castelo", antiga fábrica de salazón de sardiña do S. XIX que ardeu en 1921. O ano pasado, os veciños denunciaron o abandono que están a sufrir estes restos que se deterioran día a día e piden ás administracións que se protexa este patrimonio industrial.
As ruinas da antiga fábrica están catalogadas como solo urbano no Catastro e son de titularidade privada.
Antiga fábrica de salazón, coñecida polos veciños como "O Castelo"

Imos camiño do faro e pasamos pola área recreativa que se ve na foto. Botamos de menos que non haxa árbore ningunha aquí plantada.

En lugar de seguir polo paseo que vai ao Faro, fomos máis abaixo bordeando o mar por un carreiro.

Os Farallóns son tres illas moi abruptas, antigamente punto de naufraxio de barcos. Chámanse A SombrizaA Baixa O Pé.
Os Farallóns

Subimos ao faro por estas escaleiras.

 Este faro realmente son dous: o 1º é de 1864. O moderno é de 1979 e foi construido cando chegou a fábrica de Alúmina- Aluminio á zona, ao ser necesario que tivese máis alcance e maior altura para atender as demandas do novo porto que se construeu.
Faro de S. Cibrao

Ao pé do faro temos o Miradoiro da Atalaia e frente a el, Os Farallóns.


Baixando do faro polo outro lado, vemos a Factoría de Alúmina/Aluminio.(ALCOA)

En Porto de Arriba, o concello de Cervo ten en proxecto un novo aparcadoiro, un parque de Calistenia (Sistema de entrenamento mediante exercicios físicos ao aire libre por medio de diversos aparellos) e acondicionar o Miradoiro da Atalaia.

Baixando ao porto polo medio das estreitas rúas, todas elas revestidas de pedra.

capela de S. Cibrao  xa existía no S. XII. Destaca pola súa sobriedade.
Capela de S. Cibrao.

O Porto de S. Cibrao é  pequeno, e tal e como o coñecemos hoxe é do 1972 aínda que sufreu melloras ao longo dos anos. Só é abordable por barcos que non callen máis de 2 metros.
Porto de S. Cibrao

O noso percorrido vai ir agora polo paseo que bordea toda a praia do Torno ata chegar á Ponte de Lieiro.

Fermosa vista da Praia do Torno e do porto.
Praia do Torno

Derriba dunha pequena rocha vemos o monumento á Maruxaina, emblema de S. Cibrao. A lenda di que a Maruxaina é unha serea loura, metade muller e metade peixe que vive nos Farallóns. Nos días de temporal toca o corno, uns din  que avisando aos mariñeiros do perigo e outros opinan que o que quere é enganalos e que naufraguen.

O segundo domingo de agosto revívese esta lenda e a serea é "capturada" polos pescadores do lugar. Traena a terra para xulgala e celebrar unha festa na praia ao redor dela.


Nestes momentos (maio, 2025) hai obreiros traballando na praia do Torno. Semella que están poñendo unha pasarela de madeira.

Neste paseo do Torno polo que imos, vemos unha exposición de 8 pezas decoradas por ambas caras (en total 18 creacións) de faros da Costa da Morte. Son murais feitos en azulexo.
Exposición de murais

Outra vista da Praia do Torno. É totalmente urbana e das máis populares e concorridas do concello. Exténdese dende o porto ata a ría.
Praia do Torno

Frente a nós vemos outra antiga fábrica de salgadura e o aserradoiro de D. Xulián.
antiga fábrica de salgadura e o aserradoiro de D. Xulián.

Pasamos diante da Praza dos Campos creada no 2011 no lugar que antes ocupaba o colexio Rivera Casás.
Praza dos Campos

A marea está moi baixa e as barquiñas quedaron na area.

 
Este paseo do Torno permite ver tamén o Parque Raíña Sofía.
Parque Raíña Sofía

O río Covo nace nos Montes de Buio. Despois de percorrer 15 km. desemboca no Cantábrico formando a ría de S. Cibrao.
Desembocadura do río Covo

Cruzamos a ponte que se ve na foto sobre o río Covo e iniciamos outro paseo, o de Lieiro.


No principio deste paseo vemos un edificio á man esquerda de recente construcción, trátase do Museo dedicado á Carpintaría de Ribeira; está situado na zona que antes ocupaban uns vellos astaleiros.
Paseo de Lieiro

Este paseo vai ao outro lado da ría e ten alumeado nocturno, bancos, sombras...
Paseo de Lieiro

Cervo homenaxeou a Puro Cora (presidente do xornal El Progreso falecido en 1993) colocando neste paseo unha escultura en bronce de Daniel Caxigueiro. Así, o concello quixo recoñecer o labor da familia Cora que cedeu de xeito gratuito os terreos onde se ubica a obra.

Fermosa vista de Porto de Arriba e Porto de Abaixo dende outra perspectiva:

E chegamos ás antigas fábricas de salgadura e aserradoiro de D. Julián que forn restauradas. Están nun entorno cheo de paz ao pé da ría con bancos e sombras.
antigas fábricas de salgadura e aserradoiro de D. Julián 

Outra vista do que foi un pasado industrial próspero nesta vila.
antigas fábricas de salgadura e aserradoiro de D. Julián 

Agora empeza a ruta que nun panel que hai lle chaman "Ribeira de Lieiro" que vai ata a Praia A Limosa por antigos carreiros de pescadores.

E vemos os primeiros sinais do traballo dos canteiros na pedra:

O lado dereito do percorrido é toda unha zona rochosa. Frente a nós, o porto e o dique Anxuela. Antigamente o porto era un abrigado fondeadoiro para barcos de medio porte formado polo illote Anxuela e a Península de S. Cibrao.
A partires da década dos 30 empeza a idearse un proxecto para construir un porto que por unhas razóns ou outras non se vai ver rematado ata a décado dos 70.
O illote Anxuela facía as veces de dique natural pero non era suficiente porque só daba abrigo en mareas baixas xa que en pleamar ou se había temporais, a auga pasaba por riba das pedras. Entón, construeuse sobre ese illote un muro co fin de protexer as embarcacións.

Seguindo o percorrido, atopamos a Praia de Area Pequena. Unha cala do máis tranquila e illada á que só se pode chegar camiñando.
Praia de Area Pequena

Esta parte da ruta vai por antigos carreiros de pescadores. Todo un luxo!!

Estas rochas, frente á fábrica de ALCOA, chamaron a nosa atención pola súa cor (A foto non ten filtro ningún)

A Praia da Limosa está aos pés da fábrica e é o punto final do carreiro polo que víñamos.
Praia da Limosa

Agora pillamos unha estrada local sen tráfico e uns metros despois da praia da Limosa podemos pillar á esquerda (está indicado) e volveriamos á fábrica de salazón e aserradoiro de D. Julián pola rúa da Ribeira, voltando despois polo mesmo lugar da ida. Nós, seguimos de frente a estrada e fomos por Lieiro:
Lieiro

E agora imos pillar o Paseo do río Covo. O 1º que chama a nosa atención son as pedras que vemos e cruzan o río. Na anterior ruta que fixemos non hai moito pasando por aquí, non as vimos porque estaba a marea chea. Só son visibles en marea baixa.
Son os chamados "Pasos das Laxes" que se puxeron hai moitísimos anos, cando non existía aínda a ponte, para unir S. Cibrao e Lieiro.
Pasos das Laxes

Este paseo ás beiras do río Covo é fermoso, con moita sombra.

Ponte Medieval do Bao, de estilo romano permite o paso de persoas, animais ou carros en marea alta. Ten unha altura de 9,5m. e unha anchura de 3,10m. Ten un único ollo de forma oxival e foi restaurado polo concello de Cervo no 1986.
 Ponte Medieval do Bao

O río aquí baixa cantarín aínda que non con moita auga. Ao fondo, un muíño restaurado.

Dende aquí demos a volta (O paseo segue ata a Fonte do Guioncho e volve pola outra beira do río)
Nós cruzamos a ponte medieval e xa voltamos deseguida ao centro da vila e ao punto de inicio.












martes, 13 de maio de 2025

RUTA CIRCULAR DENDE A CAPELA DE NOSA SEÑORA DAS NEVES (MONDOÑEDO)

 Volto e volto a Mondoñedo e sempre atopo novas rutas que descubro (eu mesma as planifico antes na aplicación de WIKILOC) 

Encántame este concello que conserva aínda bastante masa de arboreda autóctona, moitos camiños limpos, perdidas e pequenas aldeas case deshabitadas, o murmurio de ríos e regos...

Hoxe tocou todo eso que acabo de nomear e non importa para nada que o percorrido teña algo de asfalto; total non pasa ninguén e de feito non vin unha alma. Só chegando xa ao final da ruta me crucei cun coche. Ademais son, máis que estradas, camiños estreitos asfaltados e rodeados de natureza.

Características desta ruta:

Lonxitude: 8,2 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu percorrido en WIKILOC

Descripción:

A capela de Nosa Señora das Neves onde empecei e finalicei a ruta está situada no barrio de Maariz, na parroquia de Santiago de Mondoñedo.

É unha capela moi sobria. Dame pena ver estas capelas, que ao non ser tan famosas coma outras, van quedando totalmente no olvido e co paso dos anos acaban en ruinas se non mira ninguén por elas. Esta, de momento, aparece ben conservada. O ano pasado 2024 celebrouse aínda aquí unha festa na honra desta Virxe.

Capela de Nosa Señora das Neves en Maariz

Maariz é un barrio da parroquia de Santiago de Mondoñedo.

Maariz

Non faltan cabozos "estilo Mondoñedo" en Maariz

A vivenda que se ve en 1º termo foi unha antiga palleira e actualmente é unha Casa de Turismo Rural.
"Casa Minerva", dedicada ao Turismo Rural
 
E agora de frente, Casa Minerva. O Turismo Rural foi unha saída profesional para xente nacida ou non nestas aldeas pero que sí deu vida ás mesmas.
Casa Minerva, dedicada ao Turismo Rural

Este cruceiro baixo non sei que función desempeñaría. É de pedra, colocado derriba dun pedestal tamén de pedra. Din os máis vellos da aldea que sempre estivo aí.

                                                                       Cruz en Maariz

Este tramo coincide co Camiño Norte de Santiago. Algo máis adiante, xa deixamos este tramo do Camiño que seguirá de frente e nós pillaremos unha pista á esquerda que baixa ao Río Valiñadares.
Sinal do Camiño de Santiago

Carballos enormes que vexo nun prado.


Que importa ir por asfalto se non hai automobil ningún e podo contemplar esta frondosa vexetación?

Cruzo o Río de Valiñadares . Cando este río se una co Tronceda, formarán o Río Masma.
As plantas que vemos nas beiras e que en galego hai xente que lles chama brizo; en castelán chámanse perifollos olorosos, mirra ou cerifolio. Hai moitas sobre todo en lugares húmidos  Teñen flores brancas e poden usarse para dar sabor anisado aos alimentos.

O Río Valiñadares.

Outra planta que se ve moito e florece nesta época é a Lingua de Boi, é perenne e con flores azuis.

Fermosa e típica paisaxe rural galega con prados, montes e as árbores que medran á beira do Valiñadares.

Esta aldea é Supena que pertence á parroquia de Argomoso. E agora imos coincidir un bon tramo coa Ruta da Auga.

Deixamos a estrada para introducirnos por este camiño, pola parte baixa de Supena.

Á nosa esquerda trouxemos o río Valiñadares.

Este sinal que prohibe o paso, é de cando houbo nesta zona unha canteira, un pouco máis adiante.

Aquí medran enormes e frondosas faias á beira do río.
 
Atopo os restos das instalacións que houbo aquí no pasado por mor dunha canteira.


Cruzo o Valiñadares por esa edificación.

Sigo na Ruta da Auga, contemplando o fermoso Val de Valiñadares.

Ao camiño faille boa falta unha sega. Claro que esta primavera co que choveu e chove, a herba medra moito.

Neste cruce quixen atallar pillando o camiño á esuqerda que sube porque ten boa pinta pero uns poucos metros máis adiante, este camiño remata e seguiría por un monte no que o camiño está totalmente pechado. Así que din a volta e continuei pola Ruta da Auga.
 
Pasando pola Casería e a pesares de estar no concello de Mondoñedo, vemos dous cabozos xuntos: un estilo Mondoñedo e outro estilo Ribadeo. Curioso...

Vistas da A8, montañas e vales de Mondoñedo.

Carreiro fermoso na Ruta da Auga.

Neste punto deixamos a Ruta da Auga que segue polo camiño da dereita cara a Mondoñedo. Eu sigo o camiño de frente para voltar ao inicio.

Vemos Mondoñedo aló embaixo.

Por este camiño chegamos a Barbeitas (parroquia de Santiago de Mondoñedo)

Un enorme carballo nos recibe.
Barbeitas

No alto de Barbeitas atopo este vella casa onde estivo O Cristo de Barbeitas. Aquí cruzábanse varios camiños de carro e era un lugar de paso para os defuntos das aldeas da parroquia de Santiago. O Cristo que había non se conserva pero si o nicho. Ao morrer o propietario do nicho, Feliciano Pardo, os fillos deciden retirar o Cristo e gardalo no seu domicilio. As inclemencias meteorolóxicas e o abandono fixeron que actualmente o estado do nicho non sexa o mellor.

O pedestal de pedra que vemos ao pé do nicho era para que os que portaban o defunto poidesen depositar o ataude e descansar. Na parte de abaixo hai unha inscripción que di:
" El Ylmo. Sr Obispo de Mondoñedo concede 40 días de indulgencia a los fieles que devotamente ante esta imagen rezaren V. G. el padrenuestro, el credo, etc...

Ao pé da casa que ten ese nicho adosado, hai un cruce e pillo á dereita. O Camiño de Santiago segue pola estrada.

O camiño está asfaltado pero dubido de que por aquí pasen coches. É moi estreito.



O camiño por veces é ben fermoso!

Vistas a Mondoñedo

Os castiñeiros loitando por sobrevivir no que antes dos eucaliptos debeu ser un fermoso souto.

Chegando xa ao inicio/fin de ruta. Por ese cruce de estradas baixei co coche..

Xa nos últimos metros para chegar á Capela de Nosa Señora das Neves.