mércores, 9 de agosto de 2023

RUTA MARIÑEIRA. (PR-AS 296) ORTIGUEIRA-COAÑA (ASTURIAS)


Hoxe funme ao concello occidental asturiano de Coaña por 1ª vez, para realizar unha ruta na localidade de Ortigueira.

Coaña é un pequeno concello con pouco máis de 3000 habitantes. O relevo deste cocello está marcado por dúas zonas ben diferentes: a zona costeira con grandes cantís e a zona interior cun relevo de serras e montañas de moderada altura.

Ortigueira, a onde hoxe vou, é unha zona de costa que pertence á parroquia de Mohías. Fun coa idea de facer unha ruta mirando polo google maps, sen unha idea preconcebida, sen seguir track ningún e ao pouco de chegar xa atopei uns sinais dunha ruta homologada chamada "Ruta Mariñeira" que decidín seguir.

Características da ruta:

Lonxitude: 4,3 km.

Dificultade: baixa

Ruta circular sinalizada en parte (a ruta oficial homologada si que está perfectamente sinalizada) pero eu amplieina algo .

O meu track en WIKILOC

A miña valoración:🔆🔆🔆🔆

Descripción da ruta:

Eu partín como dixen dende o Faro de S. Agustín dende o que divisamos a praia de Arnielles duns 100m de lonxitude e situada nun escarpado entorno ao abrigo do Cabo de S. Agustín.

Praia de Arnielles.

O acceso ao Faro dende a praia pode facerse por estas escaleiras:

Ao pé do Faro está o barrio residencial de nova construcción , La Rasa.

Vistas dende a zona do faro sobre a praia de Arnielles (a máis próxima) e a praia  de Sablera de Foxas ou Barra. As dúas pertencen ao concello de Coaña.

A Capela de S. Agustín e Nosa Señora da Caridade foi fundada no S. XVII  polo gremio de pescadores do porto de Ortigueira. O seu interior foi concebido como a quilla dun barco e as paredes están cheas de exvotos (ofrendas que se fan en cumprimento dunha promesa) entre os que destacan as maquetas de barcos.

Capela de S. Agustín

Capela e ao fondo, o faro novo
 
Unha gran explanada rodea o entorno dos faros.

Na seguinte foto vemos o monumento que sustitúe á embarcación "Madre América" lancha de pesca donada por Pepe do Pericón que estivo emplazada nese lugar e foi un emblema turístico e cultural para Ortigueira. A figura da lancha reproduce a que aí estivo colocada e cada gaivota ten escrita unha fermosa mensaxe. Algunha delas di:
"El mar escribe su historia haciendo protagonista a un pueblo" 
"Este es un pueblo de valerosos y valientes que se han buscado la vida en un mar de peligros"
"Un pañuelo blanco símbolo de un adiós, de un reencuetro, de una mujer que espera"
Monumento

O entorno do faro non pode estar máis limpo e coidado. Unha zona preciosa!!

Moi preto dos faros está o monumento aos falecidos  no mar. En grandes lousas de pizarra aparecen os nomes dos mesmos.
Monumento aos falecidos no mar


Hai dous faros: o máis proximo á costa é o máis antigo, de 1945, unha fermosa torre de pedra duns 5,5 m. de altura.
O máis alto é o faro moderno, de 1975 e duns 20m. de altura.

Explanada do faro, moi grande e coidada.
 
Na seguinte foto vemos os dous faros e a caseta do Práctico.
Os dous faros e a caseta do práctico

O faro máis antigo é moi fermoso e ten un banco todo ao redor para admirar o Cantábrico. Este día o vento do nordés pegaba moi forte.

Faro máis antigo

E aquí foi onde descubrín que existía esta ruta e decidín seguila.

Sinal da ruta mariñeira

O paseo lévame cara a Ortiguera pola beira do mar.

Deseguida vexo os barrios altos de El Molín e La Cabana e o mar meténdose ao porto.

O Paseo Marítimo é moi cutiño e sae deseguida á estrada.


Pero pola estrada vou só uns metros pois deseguida vexo un acceso para ir máis pegada ao mar.

Vemos "As Llamosas" onde se dan os mellores percebes de Coaña.

Baixando cara ao porto de Ortigueira

O porto está situado no barrio chamado El ribeiro. Na foto vemos as antigas casetas de pescadores.

Casetas de pescadores no porto

O Rego de Fundión baixa totalmente seco neste abafante verán de sequía e calor. Obsérvense as antigas casiñas practicamente construídas derriba do rego.

Rego de Fundión que baixa seco

O Porto do Ribeiro a min pareceume moi, moi fermoso. É moi pequeno e apenas ten actualmente actividade pero semella sacado dunha película; encaixado entre dous enormes cantís, ten unha beleza natural incuestionable.

Antes de construirse o porto, a caza de baleas e a pesca de langostas era o que ocupaba aos habitantes deste enclave durante varias xeracións. Como o bar batía moito, fíxose o porto (Primeiros anos do S. XX) 

Solo vin 3 pequenas lanchiñas e unha algo máis grande neste porto que no pasado tivo importacia, xa que hai uns 30 anos en cada casa había alguén no mar e todos vivían deste recurso.

Hoxe este porto debe de ser dos máis modestos de todo o norte de España e tamén dos máis perigosos debido ás pésimas condicións do porto (segundo as palabras dun veciño) Na mesma entrada hai unha pedra onde rompe o mar e que dificulta a saída e a entrada. Moitas veces os mariñeiros tiñan que arribar a Tapia ou a Luarca.



O porto é pequeno, humilde...pero cheo de encanto.

Dou a volta dende o porto e cruzo a ponte que se ve sobre o Rego de Fundión que hoxe non leva auga.

Seguindo os sinais empezo a subir escaleiras. Estou na parte máis antiga de Ortigueira.

Tradicional casa de mariñeiros que atopamos subindo.
 
Hai bastantes escaleiras que subir e as vistas son cada vez máis espectaculares.


Ortiguera é unha vila escalonada, mirando cara ao mar, na parte dereita, as casas son máis modernas.

Na parte pola que estou subindo están as casas máis antigas , máis "mariñeiras".

 En chegando ao alto, desemboco nunha estrada e collo á dereita por onde os sinais da Ruta Mariñeira, me indican.

Oficialmente, a Ruta Mariñeira remata onde enlazaría coa GR-E 9 (El GR E-9 es un sendero internacional oficialmente llamado «Sendero de la Cornisa Atlántica» que pretende unir ciudades, pueblos y paisajes de interés de la fachada atlántica europea)
A provincia que máis percorridos ten homologados e acondicionados desta ruta é Asturias.
Dende aquí temos que volver sobre os nosos pasos.

En lugar de baixar polas escaleiras de subida, pillo á esquerda na 1ª bifurcación.

Vistas baixando cara ao porto polo outro lado:
 
Cruzo a estrada e subo polas escaleiras que se ven na seguinte imaxe:

Ortiguera está dividida en 2 partes que separa a entrada do mar ao porto. Na foto seguinte, apreciase ben:

Chamoume moito a atención esta casa de pedra tan grande e coas ventanas tan extremadamente pequenas.

O concello de Coaña coñeceu tamén a emigración e no 1º terzo do S. XX, Cuba e Arxentina foron os países que máis emigrantes recibiron. Como consecuencia desto, temos en Ortiguera varios exemplos de magníficas casas indianas como a que vemos na seguinte foto e que a día de hoxe está en venta.

Casa Cancio

Pegada á casa indiana anterior, está o afamado Restaurante Pepes que me deu a sensación de que estaba pechado e efectivamente, en Internet pon "Cerrado permanetemente"

Restaurante Pepes

Esta é a casa indiana da familia Jardón que foi gran benefactora de Ortigueira, colaborando na realización da escola, cemiterio, o parque que está situado frente á Quinta...o benefactor máis xeneroso foi  Fernando Jardón, fillo de J. Mª Jardón , este naceu en Ortiguera no 1844 e non pode considerarse o típico emigrante porque cando foi para Arxentina xa era capitán da Marina Mercante. Instalado en Arxentina, amasou unha gran fortuna. Regresou a España en 1887 instalándose primeiro en Barcelona e despois en Madrid e construeu esta quinta como lugar de veraneo. O máis destacado da casa é a alta torre que nun 1º momento non tiña tanta altura. Dende ela vese o porto de Ortiguera.

Quinta Jardón

O parque en frente da Quinta tamén foi financiado pola familia Jardón.

Parque

No parque hai un busto de Fernando Jardón realizado no 1926 como agradecemento dos veciños polas donacións realizadas por este home.
Monumento a Fernando Jardón

O monumento a Fernando Jardón entre dúas palmeiras:

A casa indiana que se ve na foto seguinte está en bastante mal estado. Nun 1º momento foi "Villa Arbosa" (foi construida por José Rodríguez Jardón)e despois foi mercada polo concello de Noreña (separado do de Coaña máis de 100 km.) hai algúns anos e sirveu como albergue durante os anos 70 ás xuventudes noreñesas que pasaban aquí os veráns. Eran campamentos organizados pola parroquia noreñesa. A casona compráraa o cura e os veciños de Noreña.

Deixou de empregarse como albergue nos anos oitenta e agora está moi deteriorada aínda que o exterior aparece coidado, semella que alguén fai labores de mantemento polo menos da parte exterior.

Villa Arbosa ou Casa de los de Noreña
 Sigo camiñano cara ao Faro .

Chego deseguida. Xa vexo a capela e o faro

Rematei esta ruta no mesmo lugar onde a iniciei, no Faro de S. Agustín pero despois fun xa en coche cando ía camiño da casa a visitar a igrexa parroquial de Mohías. É unha igrexa moderna na que destaca o seu alto campanario que a fai moi esbelta. Na mesma torre está o reloxo.

Igrexa de Mohías


Fixen poucas rutas nas que en tan curto percorrido descubrise tanto que ver!!

Páxinas web consultadas:

http://www.casaviejadelsastre.com/

http://www.museovivodelapesca.es/Gavieiro-Llamosas-Estacon.php
https://www.turismoasturias.es/descubre/costa/villas-marineras/marinera-ortiguera
https://asturiaspordescubrir.com/articulos/casa-de-indianos-quinta-jardon-en-ortiguera/
http://casonasdeindianos.blogspot.com/2013/12/299-quinta-jardon-ortiguera-coana.html

luns, 7 de agosto de 2023

DOLIA-BELMONTE POR CUVASIL

Hoxe fomos ata o concello de Belmonte de Miranda (Asturias) pero non con intención de facer esta ruta senón unha de montaña que sube ao Alto da Corredoria e ao Pico Porcabezas pero a néboa xogounos unha mala pasada. Iniciamos a ruta coa esperanza de que fose levantando e chegamos xusto a onde empeza a subida ao Pico de Porcabezas pero a néboa era cada vez máis densa, non se vía nada da femosísima paisaxe que víramos en fotos e decidimos dar a volta polo mesmo lugar da ida, xa que existía un risco real de perderse aló enriba e non era cuestión de "facer o tonto" e que houbese que vir rescatarnos. 

Chegamos de novo a Dolia de onde partíramos despois de ter percorridos 8 km. entre ida e volta. Como aínda era cedo e queríamos aproveitar a viaxe vimos en Dolia una ruta anunciada ata Belmonte pasando pola aldea abandonada de Cuvasil e aló fomos!! Non atopei nin un solo track desta ruta, así que confiando en que estivese sinalizada iniciamos este percorrido.

Antes de seguir, dicir que Belmonte de Miranda é un concello no centro-occidental asturiano entre montañas que aínda non chega aos 2000 habitantes. A capital, Belmonte, está a 200m. de altitude sobre o nivel do mar pero o 70% do concello supera a media de 800m. de altitude.

Dolia, de onde partimos nesta ruta lineal, pertence á parroquia de Belmonte.

Características desta ruta:

Lonxitude: 5 km.

Dificultade: moderada polas fortes baixadas con moita posibilidade de esvarar debido ao chan de pedras húmidas e soltas.

Ruta lineal ben sinalizada. O meu track en WIKILOC

A miña valoración da ruta:🔆🔆🔆

Descripción .-

Aparcamos ao pé da Capela de S. Benito que segundo di unha plaquiña que hai pegada na fachada foi rehabilitada no 2018 "gracias a las aportaciones de los vecinos, familiares, amigos y entidades"

Capela de S. Benito en Dolia

Dolia atópase moi alta: a 840m. de altitude. É un punto de paso do Camiño Real da Mesa ( calzada romana que comunicaba Asturica Augusta (Astorga) con Lucus Asturum (probablemente la actual Lugo de Llanera), y los romanos la incluyeron como prolongación al mar de la Vía de la Plata. Es una de las vías antiguas más emblemáticas de cuantas cruzan la Cordillera Cantábrica) https://asturias.com/camino-real-de-la-mesa/
Dolia

Cabozos e paneiras dan fe de que en Dolia foi importante a actividade agrícola no pasado.

Dolia

 No ano 2020, Dolia contaba con 16 habitantes. Nós hoxe vimos 6 persoas.

Na parte alta de Dolia, empeza a ruta


A ruta empeza na parte alta da aldea:
Sinalización da ruta

Aínda que ao principio, o sendeiro parece impracticable porque había altas ortigas que dificultaban o paso, apartámolas cos bastóns de camiñar e xa despois non tivemos máis problemas.

Algunha actividade gandeira aínda hai por estes lugares que semellan case deshabitados, porque hai prados.

O percorrido é precioso pois a paz e a natureza son as que camiñan con nós.

Chegamos á aldea abandonada de Cuvasil onde vimos 4 ou 5 casas nas que xa non vive ninguén.
Cuvasil

Cuvasil

O percorrido desta ruta é unha baixada continua e moi pronunciada en varias ocasións, con pedras húmidas no chan que posibilitan o risco de caída. Hai que ir con precaución. Na foto seguinte, un tramo sen pedras.

Baixando
A ruta está sinalizada.

Vimos moitos freixos.

Prados, bosque, montaña...Asturias...

Dolia atópase a moita altitude e Belmonte, máis abaixo, por eso sempre imos en continua baixada.


Xa vemos, aló embaixo, a vila de Belmonte:

A paisaxe do interior de Asturias é dunha beleza apabullante.

Vimos a unhas persoas locais que collían auga desta fonte e nós fixemos o mesmo. Que fresquiña estaba!!

Voltamos a vista atrás e vemos o camiño andado.
 
Pasamos polo lugar chamado Tablau

Baixando a Belmonte (a menos de 2 km.) de chegar temos estas vistas de frente:

Agora imos por estrada local.

Ata chegar a Bemonte. Temos que cruzar a ponte sobre o río Pigüeña:


A vila de bemonte aséntase a ámbalas beiras do río.

 O edificio que vemos na seguinte foto é a Aula del Oro. Foi o antigo cárcere e actualmente amósase mediante paneis a vinculación de Belmonte coa explotación do ouro nesta zona. mesmo diante do edificio está a parada de taxis e cruzando a rúa, a Oficina de Turismo.
 
Paseamos un pouco para coñecer esta pequena vila e vimos no parque este estanque con parrulos.

No mesmo parque (a continuación do hórreo que vemos na foto) está a Oficina de Turismo.
 
Estaba a celebrarse a Feira Tradicional da Alzada Vaqueira no parque da vila. Vimos casetas con venta de productos artesanais de alimentos, xoias, adornos...etc.

Ponte que cruzamos ao chegar a Belmonte. É para salvar o río Pigüeña que atravesa a vila.