mércores, 19 de marzo de 2025

PAZO DE FONTAO-RÍO OURO (FAZOURO-SANTA CILLA) FOZ


Parrulos na canle ao pé do río Ouro

Esta é unha ruta moi curta e fácil no concello de Foz (comarca da Mariña Lucense)  A pesares do seu curto percorrido, é fermosa toda ela.

Características:

Lonxitude: 3 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. É necesario seguir un track se non se coñece a zona. Deixo o meu en WIKILOC

Descripción:

Inicio esta ruta ao pé da estrada LU-151 onde aparcamos o coche na beira deste camiño que se ve na foto.

 
O camiño anterior lévanos ao lugar de Fontao onde hai varias casas abandonadas.

Mirando á esquerda, aló enriba vemos Trasmonte que pertence á parroquia de S. Martiño.

Outra vivenda que empezaron a restaurar pero leva tempo parada esa renovación en Fontao. Estamos na parroquia de Santa Cilla (Foz)

As orixes do Pazo de Fontao remóntanse ao S. XVI aínda que a parte máis importante da casa é do S. XVIII. O camiño dá a volta ao redor do pazo e pódense admirar os magníficos xardíns, a capela, o cruceiro...

Pazo de Fontao

O 1º señor deste lugar foi D. Rui Sánchez de Moscoso. No 1595 constitúese o Mayorazgo do Solar de Fontao como "señorío con jurisdicción civil e criminal" (por eso na casa hai mazmorras) a favor do petrucio (xefe da casa) D. Lorenzo López de Moscoso y Miranda, señor de Ferreira e S. Martín de Mondoñedo.


A capela está dedicada á S. Andrés e nela están enterrados 8 antepasados do Condado.
Pazo de Fontao
Neste punto temos dúas opcións que van dar a estrada, os dous camiños que vemos chegan á mesma cuns metros de diferenza . Nós imos de frente porque así temos menos metros pola estrada.

No S. XIX, hai que facer referencia a un gran personaxe da Casa: D. J. Mª Moscoso de Altamira y Quiroga que foi o 1º Conde de Fontao. Naceu en Mondoñedo onde foi nomeado Comandante do Reximento de Milicias e alcalde desa cidade.
Máis tarde trasladouse a Ferrol onde foi alcalde. Foi tamén Presidente das Cortes e Ministro de Fomento en Madrid. Foi ademais o 1º Presidente do Senado cando foi creada esta Institución. No 1840 foi nomeado Conde De Fontao.
Outro gran personaxe da Casa de Fontao foi D. José Moreno Osorio , IV Conde de Fontao, Enxeñeiro de Camiños, Conselleiro de RENFE e gran amante de Lugo e a súa provincia onde promoveu o accceso ferroviario e a ampliación do Porto de Foz onde hai unha praza chamada "Praza do Conde de Fontao".
Actualmente o VIII  Conde de Fontao é D. José Manuel Romero Moreno que pasa longas temporadas neste pazo que mantén sempre moi ben coidado.
Pazo de Fontao.

Abandonamos a zona do pazo baixando poo camiño da esquerda.


Que nos leva directamente á estrada LU- 151 que cruzamos.

Xa estamos ao pé do río Ouro aínda que non podemos velo. Está á nosa esquerda. Hoxe atravesei por este monte que estaba rozado, se non está acondicionado hai que ir uns poucos metros pola estrada para pillar á esquerda, onde xa vemos a ponte de madeira que nos leva á outra marxe do río.



Ponte que nos cambia de marxe do río.


O Río Ouro nace na Serra do Xistral, na parroquia do Pereiro (Alfoz) e ten un percorrido de case 30 km. ata a súa desembocadura no Cantábrico en Fazouro onde forma unha pequena ría.
Río Ouro

Agora levamos á dereita o río e á esquerda unha canle que servía para levar auga a unha central eléctrica que veremos despois. Dous parruliños nadaban tranquilos.

A chamada ás veces "Fervenza da Ruxida", non é tal fervenza senón unha presa para alimentar á antiga Central Hidroeléctrica que veremos despois. É dicir sería unha cascada artificial pero o caso é que é moi fermosa.

O entorno da Presa de Posada é idílico e convértese no lugar propicio para descansar e repoñer forzas.
Presa de Posada

Voltamos sobre os nosos pasos e atravesamos de novo esta tupida arboreda que semella formada por acacia negra. En total son 200m. os que temos que repetir nesta ruta.

A partires das acacias, seguimos pola ruta do río Ouro que nos deixa este fermoso percorrido.




A ver quen se atreve a cruzar a canle por esa ponte...Menos mal que non temos que facelo.


E aquí chegamos ao punto no que imos dar a volta cruzando a ponte que vemos na foto. A ruta do Ouro continua uns km. máis pero como queremos facela circular, damos a volta dende aquí, dende a  antiga Central Eléctrica.

Despois de cruzar a ponte, podemos volver ao inicio que está moi cerca, pola estrada ou ben, se está acondicionada a beira do río como estaba hoxe, podemos ir pola beira do río.

Hoxe, pola beira do río, aparecía o carreiro bastante ben definido e por aí fun. Serán uns 100m. ata chegar de novo ao coche.

Rematamos neste punto onde comenzamos e onde o Ouro pasa ben pegadao á estrada.


luns, 17 de marzo de 2025

CAMIÑO DOS FAROS: PORTO DE SANTA MARIÑA-ALDEA DO RONCUDO (CORME-PONTECESO)

 No ano 2020 fixemos o tramo Porto de Santa Mariña- Faro do Roncudo nun día de agosto feo, oscuro e con choiva pola tarde, por eso case 5 anos máis tarde quixen repetir este tramo. A intención era chegar ao Faro do Roncudo pero non puido ser porque este tramo (ao igual que outros) é ben duro e xa nos chegou facela ata a aldea do mesmo nome.

Características desta ruta:

Lonxitude: 8 km.

Dificultade: difícil

Ruta lineal ben sinalizada con marcas verdes. De tódolos xeitos o meu track en WIKILOC

Descripción:

Iniciamos a camiñata no Porto de Santa Mariña que pertence á parroquia de S. Xulián de Brantuas, concello de Ponteceso, no que hoxe nos moveremos.

Aquí só hai unhas pequenas casetas de pescadores para gardar os aparellos de pesca e outros útiles para a pesca artesanal.

Porto de Santa Mariña (Brantuas- Ponteceso)

Dende Santa Mariña e durante boa parte deste percorrido mirando cara atrás, veremos o Faro de Punta Nariga (concello de Malpica) ao lonxe.
Faro de Punta Nariga dende Santa Mariña

Empezamos a camiñata polo tipo de sendeiro que xa coñezo ben.

Imos pegados ao mar nun fermoso día solleiro aínda que frío.

Ao longo deste Camiño dos Faros veremos varias cruces chantadas nas rochas ao pé do mar, como lembranza de naufraxios que teñen sucedido nesta Costa da Morte ao longo dos anos.

A fermosa e temible costa que imos percorrer.
 
Ao pouco, alonxámonos do mar tomando un camiño. Ao empezar este, cando deixamos a costa había, polo menos no 2020, uns cabalos que hoxe, por máis que miramos, non vimos.

Imos uns metros (moi poucos) pola mesma estrada pola que baixamos antes en coche.

Deseguida, torcendo á dereita pillamos un fermoso camiño entre peches ancestrais.

As rochas de tódolos tamaño serán as compañeiras case inseparables da nosa andaina.

Os carreiros van estre elas e por derriba moitas veces...
 
Chegamos a un punto dende onde podemos ver xa a Enseada da Barda que percorreremos toda, primeiro por un lado e despois polo outro. No final da enseada está a recollida, pequena e fermosa Praia da Barda.
Enseada da Barda.

A baixada cara á Barda é moi técnica polo desnivel e o tipo de chan. Ás veces hai que agarrase coas mans ás rochas, o terreo é irregular e con moito desnivel...

Non teñen que envexar nada estas augas ás que vemos en fotos de países moi lonxanos. Son estas augas moi transparentes e dunha cor única!

A praia da Barda (barda en galego ten varios significados e un deles fai referencia a un lugar onde abunda o peixe) e debe ser certo porque vimos varias barquiñas de pescadores. A praia é un paraíso natural onde non hai máis nada que unhas casetas de pescadores. 
Praia Area Grande na enseada da Barda

Un pequeno rego desemboca nesta praia.

Imos agora uns 200 metros pola estrada estreita que chega ata praia para desviarnos despois á dereita.

Camiñamos agora polo outro lado da enseada.

 A Praia da Barda está separada por un promontorio rochoso que a divide e 2 praias coñecidas como Area Grande e Area pequena. Como curiosidade a praia máis grande (a única que pisamos) pertence á parroquia de Brantuas e a máis pequena, que contemplamos de lonxe, pertence á parroquia de Corme Aldea.

Se a baixada ata a praia da Barda foi complicada, a subida de agora non vai ser menos ás veces!

Que fermoso é este percorrido!! tamén duro, si, pero ao mellor esto o fai aínda máis atractivo.

Vemos o que deberon ser fincas de cultivo con antigos peches de pedra.

A Punta do Castro e o carreiro por riba que percorremos.

O Camiño dos Faros...unha ruta de montaña á beira do mar.

Agora o camiño métese ao interior para ascender á aldea do Roncudo, que xa podemos ver aló enriba.

Atravesamos un pequeno rego:
 
E despois dunha curta pero intensa subida chegamos á aldea do Roncudo que pertence á parroquia de Corme - Aldea. É unha aldea pequena con hórreos típicos da zona que dan idea da actividade que tivo este lugar no pasado.
Aldea O Roncudo

As vivendas teñen fortes muros de pedra que as protexían nos crudos invernos. Actualmente vimos varias casas restauradas e unha delas dedicada a Turismo Rural.
Aldea O Roncudo

Hórrreos no Roncudo
 
Ao Roncudo foi recollernos para levarnos de novo a Santa Mariña, o noso taxista de confianza, Julio Souto, ao que xa coñecíamos das primeiras etapas deste Camiño dos Faros. Unha persoa moi amable e faladora que sempre nos pon ao día de cousas que pasan nesta Costa da Morte.


Páxinas web consultadas:

https://www.caminodosfaros.com/puerto-de-santa-marina-2/

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/a-coruna/playa-praia-da-barda-en-ponteceso/