mércores, 12 de febreiro de 2025

RUTA DO RÍO PELAMIOS + BETANZOS

 Eu xa coñecía Betanzos e tamén parte da ruta do río Pelamios nas Carañas (parroquia de Tiobre) Hoxe quixen unir estes dous percorridos e quedou unha ruta super interesante pola fermosa e histórica cidade de Betanzos e polas 3 Carañas (de Abaixo, do Medio e de Arriba) Esta zona é menos coñecida pero garda unha fermosura especial ao logo do río Pelamios cos muíños, fontes e cascadas que iremos atopando.

Características da ruta:

Lonxitude: 5 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC:

Descripción:

Para realizar esta ruta, partimos do Parque Pablo Iglesias, onde hai bo sitio para aparcar.

Parque Pablo Iglesias
Cruzamos a estrada e a ponte peonil sobre o río Mendo. Este río nace en Curtis e desemboca aquí, en Betanzos, no río Mandeo. 
Ponte peonil sobre o Mendo

O río Mendo, desembocando no Mandeo.

O Mendo desembocando no Mandeo

Ao fondo do río Mendo, vemos a Ponte Nova. Esta ponte foi construida no S. XIX cando se ensanchou a cidade e sustitueu a outra do S. XVI.

Ao lonxe, a Ponte Nova

A ponte do tren construeuse para a liña férrea Betanzos-Ferrol no 1905 e foi restaurada no 1983.

O Mandeo é un río con moita vida: lanchas de todo tipo, barquiños pequenos, piraguas...surcan este río.

Ao outro lado do río, vemos as letras da palabra Betanzos que están impresas nus cubos que polos outros lados levan fotos a tamaño moi grande sobre festas, costumes e tradicións da cidade.


 

A Ponte de Madeira foi construída en 1992 co fin ter un acceso só peonil dende as dúas beiras do río Mandeo.


Os cubos vistos polo outro lado:


Empezamos a ruta do Río Pelamios, pouco coñecida e que está mesmo ao lado da cidade.

No pasado existiron ata 28 muíños , debido á proximidade da cidade de Betanzos e á  gran población que habitaba nesta zona. Hoxe consérvanse 19. O 1º muíño que vemos está en ruinas.

Muíño do Tarabelo

Antes da chegada do plástico, a industria do coiro tivo gran importancia e no S. XIX Galicia foi a 1ª zona de España en producir peles curtidas que era empregadas para facer odres, arneses, correas, cinchas, zocas, botas...
Neste S. XIX en Betanzos houbo varias fábricas de curtidos. Neste lugar á beira do río Pelamios houbo unha que acabou pechando pouco despois de 1932 co declive da industria do coiro en Galicia.
Antiga fábrica de curtidos.

Esta ruta é coñecida como "Ruta dos Muíños de Pelamios" ou como "Ruta das Carañas" porque pasamos polo medio desta aldea que en realidade son 3 (Caraña de Abaixo, do Medio e de Arriba) e que pertence á parroquia de Tiobre.


O Pelamios , que é case un rego en vez de río pero que leva moita auga, vai desembocar ao Mandeo. Pontiñas de madeira que levan a vivendas salvan o Pelamios.


Tamén hai fontes. Esta é a 1ª que vemos, en Caraña de Abaixo.


Cando chove (e este outono/inverno chove moito) o chan está moi húmido e hai que levar coidado con non esvarar.


Vemos un letreiro que di "Muíños de Cubo".
Os muíños de tipo cubo teñen como elemento principal máis característico un gran cubo de pedra vertical por onde recollía a agua do rego. Este muíño aproveitaba a agua almacenándoa no cubo e era soltada  a presión cara ao rodicio cando era necesario.

                                                                              Muíño de Cubo

    Unha casa en mal estado que chaman "A casa do Labrego"                                                   
Casa do Labrego

O percorrido é unha continua sucesión de muíños e pequenos saltos de auga.


De cando en vez tamén se ven rodas dos muiños.


Pasamos popr debaixo dunha ponte onde hai un carro moi restaurado e como aí non se molla, consérvase mellor.


Chama a nosa atención esa casona que tamén é un muíño e que viveu mellores tempos. Estamos en Caraña do Medio.


A forza coa que baixaba a auga:


A Fonte do Cosme na Caraña do Medio:

Por aquí pasa tamén o Camiño Inglés a Santiago.


Estamos na Caraña de Arriba e a punto de finalizar este fermoso percorrido pero non a ruta.

Voltamos a Betanzos por onde vai tamén o Camiño Inglés e pasamos pola igrexa de Santa Mª das Neves-Remedios. É de estilo renacentista dos S. XVI e XVII. É chamada "dos remedios" porque se le atribúen á Virxe remedios e curacións para diversos males.

                                      Igrexa de Santa Mª do Camiño-Remedios

A uns metros da igrexa hai unha fermosa fointe en granito:

 
E un cruceiro:


A fachada principal da igrexa:


Baixamos pola rúa Nosa Señora do Camiño onde vemos casas con corredores e balcóns.


E entramos en Betanzos cruzando A Ponte Vella sobre o Mandeo Esta ponte xa existía en 1219. Ten unha lonxitude de 59m. e está formada por cinco arcos de medio punto.


Este edificio é o Convento das Agostinas Recoletas que ocupa o solar do desaparecido Hospital da Anunciata. Foi construído nos séculos XVIIe XVIII. Aquí aínda viven monxas en clausura que no 2023 pedían axuda para reparar algunhas duchas, grifería...etc
Convento das Agustinas Recoletas

 Na Praza Antolín Faraldo Asorey destaca a súa estatua.
"Escritor, xornalista e un dos ideólogos do movemento provincialista, xermolo do nacionalismo galego."
"Na historia apréndese a liberdade"
O entrecomillado é o que reza na súa placa.

                                                     Praza Antolín Faraldo

 Xunto a Ponte vella temos a Porta da Ponte Vella debaixo de vivendas que seguen a conservar o seu aspecto de antaño. A porta é do S XV e segue a conservar o seu arco oxival. Agora mesmo, vimos tapadas as casas antigas que ten esta porta encima. Debe haber traballos de rehabilitación.

Betanzos é dos municipios máis pequenos da provincia de A Coruña á que pertence. Coñecida tamén como Betanzos de los Caballeros, foi unha das 7 provincias do Antigo Reino de Galicia.

O poder que tivo esta vila na época medieval vese en dous feitos que aconteceron no S. XV: foi nomeada cidade (1465) e foille concedido o privilexio de celebrar unha feira anual(1467)

O seu casco histórico é un dos mellores conservados de Galicia e foi declarado Conxunto Histórico-Artístico no ano 1970.

As rúas de Betanzos son empinadas. 


A Porta da Vila estaba situada neste lugar. Foi derrubada no 1872  por causa dos ensanches que houbo que facer na cidade.
Esta porta era o principal acceso á cidade amurallada e tiña 3 escudos que podemos ver na fachada desta vivenda.


 Chegamos á praza con máis actividade e que é un punto de encontro e reunión dos habitantes de Betanzos: a Praza García Naveira ou Praza do Campo da feira.
Praza García Naveira

Esta Praza recibe o nome de García Naveira como agradecemento a dous irmáns deste municipio que emigraron a Arxentina e fixeron fortuna axudando a fundar varias obras sociais en Betanzos. Unha estatua dos mesmos preside esta praza.



Unha rúa que parte da praza anterior.



igrexa de Santo Domingo é de mediados do S. XVI e contrueuse sobre unha antiga capela coa chegada a Betanzos dos dominicos. É de estilo renancentista-barroco. Destaca a súa torre do S. XVIII. O globo de S. Roque bótase dende esta torre o 16 de agosto. A carón da Torre, edificouse o convento de San Domingos que tras a desamortización de Mendizabal en 1835 deixou de ser convento e os dominicos foron expulsados de Betanzos. Actualmente alberga a Biblioteca, o Arquivo Municipal e o Museo das Mariñas.


Outra vista da praza:

Praza García Naveira

Este fermoso edificio foi pensado para albergar o Arquivo do Reino de Galicia pero nunca desempeñou esa función. Hoxe alberga actos de caracter social e cultural nas súas diferentes salas.. Na parte inferior, debaixo das escaleiras de entrada, atopamos a Oficina de Turismo.

A casa que observamos diferente das demais, con balcóns exteriores e tellado negro pertenceu a Juan García Naveira que retornou da Arxentina para vivir en Betanzos.

A Praza conta cunha fonte de Diana cazadora, imitando a que hai no museo parisino do Louvre.



O edificio da esquina é o antigo Colexio de Orfas que acollía a nenas sen pais e coidábanas e educábanas para casar.

A fachada do edificio é neoclásica, levantado no S. XVIII. Na fachada sobresae un balcón de ferro sostido por 4 gárgolas e derriba o blasón da cidade.

Estamos agora na Praza da Constitución onde hai monumentos importantes.
Praza da Constitución

O fermosísimo edificio que vemos debaixo é o Centro Internacional de Estampa Contemporánea (CIEC) O edificio que ocupa é coñecido como Casa Núñez. O piso superior está destinado a vivenda e nel vive un descendente da familia Núñez que é impulsor e director da Fundación CIEC. Este Centro ten como obxectivo promocionar e difundir as artes plásticas en xeral e a arte gráfica en particular.

É un edificio modernista contruído no 1923 e foi o 1º banco e Casa comercial da cidade.


Centro Internacional de Estampa Contemporánea.

Outra vista da Praza da Constitución co edificio de frente da Casa do Concello e nun lateral, a igrexa de Santiago e o Pazo de Bendaña.

 O Pazo de Bendaña, (en 1º termo na foto, de pedra con arcos) construído no S. XV, hoxe é a Delegación de Facenda.

Adosada á igrexa de Santiago  temos a Torre do Reloxo ou Municipal do S. XVI de case 18 m. de altura.



Pazo de Bendaña e Torre do reloxo

 O edificio que alberga o concello é de estilo neoclásico, deseñado no S. XVIII por Ventura Rodríguez.
Casa do Concello

Pegada ao Pazo Bendaña, está a igrexa de Santiago que data do S. XV e constitúe unha mostra de transición do románico ao gótico. En 1900 foi reconstruída a fachada maior e suprimeuse a única torre que tiña e fixéronse dúas rematadas por longas agullas de cemento.


Frente á fachada principal da igrexa de Santiago temos o Palacio de Lanzós con esta enorme torre. Actualmente alberga un establecemento hosteleiro.

Pazo de Lanzós
As rúas de Betanzos conservan un pasado gremial como demostran os nomes que levan.

O Mercado Municipal está ubicado neste fermoso edificio que foi rehabilitado o ano pasado.
 

Así atopamos a Igrexa de Santa Mª do Azogue, tapada debido a obras de restauración.


Así foi como a vimos no 2021. A igrexa de Santa Mª do Azogue foi edificada nos séculos XIV e XV patrocinada  por Fernán Pérez de Andrade. Fernán Pérez de Andrade foi un cabaleiro galego. Os Andrade, sobre todo na zona de Ferrol, Vilalba e Pontedeume, foron unha das familias máis influintes da época.
Esta igrexa é de estilo gótico ao igual que a de Santiago que xa vimos e que a de S. Francisco que temos ao pé da de Santa Mª do Azogue. Por algo se di que Betanzos é a capital do gótico galego.

Grazas ao mecenazgo tamén de Fernán Pérez de Andrade foi construida esta igrexa monumental no S. XIV.
No interior do templo destaca a ampia colección de sarcófagos de diferentes membros da familia dos Andrade, hasta un total de 16, que constitúen o elemento histórico artístico máis interesante do templo.
Na nosa anterior visita, vimos estes sacófagos que impresionan de verdade.

O sepulcro de Pérez de Andrade está sostido por un óso e un xabaril. Este último é o símbolo da Casa de Andrade. O sartego está pechado cunha laxa de granito coa estatua xacente do cabaleiro.

Este fermoso edificio ao pé de S. Francisco, ten nos baixos un restaurante, A Cova do Frade que foi hoxe o lugar que escollemos para xantar. Non é barato pero a comida estaba boa e o lugar é moi acolledor.

Ao pé da igrexa de S. Francisco houbo un convento franciscano. Os frades foron expulsados coa desamortización de Mendizabal, no S. XIX e o mosteiro quedou abandonado perdéndose algunhas salas e o claustro.

En 1914, novos frades ocuparon o templo e o que quedaba do convento inaugurando unha nova residencia, que resultaría queimada (xunto coa igrexa) en 1936, no marco da Guerra Civil. O convento sería reinaugurado en 1955, e ocupado primeiro por relixiosos (ata 1992), e posteriormente por monxas.



Betanzos estivo amurallada e como testemuño conserva 3 portas das 4 que tivo e que daban acceso para dentro da muralla. a máis importante, a Porta da Vila xa dixemos que por desgraza non se conserva. As 3 que existen son a Porta da Ponte Vella pola que xa pasamos, esta na que estamos agora que é a da Porta Nova e a Porta do Cristo que non vimos.
A Porta Nova
A continuación fomos polo Paseo da Galera ás beiras do río Mendo onde atopamos estes hórreos que o concello restaurou.

Un parrulo que "posou" para a foto.

Un fermoso paseo entre o río Mendo e un fermoso parque.

E aquí rematou a nosa andaina de hoxe, visitando esta fermosa e histórica vila e as Carañas da parroquia de Tiobre ao longo do río Pelamios.

Páxinas web consultadas:

https://www.turismo.gal/canle-institucional/turismo-de-galicia/a-axencia?langId=gl_ES

https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2018/02/nosa-senora-do-camino-betanzos.html

https://es.aleteia.org/2023/06/08/la-comunidad-de-agustinas-de-betanzos-pide-ayuda


https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/22996/porta-de-a-ponte-vella-de-betanzos?langId=es_ES&tp=9&ctre=41

https://es.wikipedia.org/wiki/Pazo_de_Lanz%C3%B3s

https://arteguias.com/convento/convento-san-francisco-betanzos.htm














martes, 4 de febreiro de 2025

MONTECUBEIRO - PENA- MONTECUBEIRO (CASTROVERDE)

No concello de Castroverde xa fixen outras dúas rutas. A 1ª xa hai ben anos: RUTA DE SOUTOMERILLE que quero volver repetir xa grabando o track e volvendo a desfrutala. A 2ª foi hai poucos anos: ROTEIRO POLO VAL DO RÍO TÓRDEA. As dúas me permitiron coñecer bens naturais e etnográficos deste concello que me sorprenderon. A ruta de hoxe é oficialmente lineal, de case 20 km. que me pareceron moitos para facer dunha soa vez e por eso dividín en dúas este ruta, a 1ª parte, a de hoxe, fíxena circular deixando nun punto que xa comentarei o trazado oficial, para regresar ao punto de inicio.

Características desta ruta:

Lonxitude: 12 km.

Dificultade: fácil, agás un tramo antes de chegar á Pena no que o camiño estaba sen rozar e baixaba moitísima auga nestas datas de chuvia. Noutras épocas seguro que non hai problema coa auga pero siq ue necesita un roce.

Ruta circular, perfectamente sinalizado o tramo oficial. Para facela circular é necesario seguir un track. Deixo o meu en WIKILOC

Descripción.-

A ruta parte dende a igrexa de S. Cibrao de Montecubeiro, unha parroquia de Castroverde. Ao pé da igrexa hai onde aparcar e tamén ao pé está o campo da festa onde se pode deixar o coche.

A igrexa é románica dos S. XII/XIII e foi reconstruida no S. XVIII. Da época románica ten a ábsida.

Durante estes últimos anos, esta igrexa sufreu unha profunda rehabilitación. Foi aberta ao culto de novo o ano pasado, 2024.

Igrexa de S. Cibrao de Montecubeiro

Durante as últimas obras, recuperouse este pórtico e realzáronse as pinturas entre outros traballos. Aquí houbo unha comunidade de Frades Dominicos que estaba irmandados cos de Lourenzá.

Pórtico da igrexa

Ao redor da igrexa hai dependencias do que foron as vivendas dos monxes, totalmente en ruinas.

No adro da igrexa colocaron no 2003 un monolito como lembranza aos asasinados nesta parroquia durante a Guerra Civil. Pesa 10 toneladas e ten o nome de 15 vítimas da represión franquista.

 Diante da igrexa hai tamén un cruceiro do S. XVIII e varias edificacións en ruina.

Nada menos que 37 parroquias ten o concello de Castroverde, o que dá idea da extensión deste municipio. Partimos polo tanto desta parroquia e pasaremos por varios lugares da mesma nesta ruta. Tamén pasaremos pola de Pena.

Iniciamos a camiñata por estrada, contemplando os prados e gando desta parroquia. O día está gris e chove de cando en vez.


Na foto vemos a capela de Santa Petronila no lugar de Montecubeiro chamado Barreiro. Foi restaurada no ano 2000.
Capela de Santa Petronila.

Seguimos aínda por asfalto, por unha solitaria estrada.



O 2º cruceiro posto en valor nesta ruta é o de Cogula ou Cubula, lugar que pertence tamén á parroquia de Montecubeiro.
Cruceiro de Cugula

Ao pé do cruceiro anterior , deixamos o asfalto para meternos por un camiño.


Despois do moito que choveu este outono/inverno, hai tramos no camiño que levan auga.


Neste tramo, chegando á Pena, complícase o percorrido. Son uns poucos metros de camiño anegado polo que baixa un rego.


Non só hai auga, as silvas tamén dificultan o paso. Unha boa roza lle fai falta a este tramo.


En Pena está o Hórreo de Piñeiro, de estilo asturiano, foi propiedade da familia Novo (últimos inquilinos do Pazo de Carballedo) e forma parte dun antigo conxunto etnográfico antes da desaparición de numerososo hórreos na parroquia ao longo do S. XX.

                                                                     Hórreo de Piñeiro

Pena está dividida en dúas partes, unha parte máis no alto, onde está o hórreo e accedemos á parte máis baixa a través deste fermoso camiño. (Tamén se pode baixar por estrada e hoxe mellor fora porque volvemos a enzoufarnos na auga e na lama).


En Pena chamounos moito a atención o ben amañadas que están practicamente tódalas casas.


Outra vista de Pena.


En Pena hai casas de recente construcción e outras antigas de pedra que destacan polo seu tamaño enorme. Na foto vemos o antigo lavadoiro ben coidado ao pé dunha fermosa fonte.


Que gusto dá ver un concello que pon en valor os seus elementos etnográficos! Neste caso a Fonte de Amoreira.
Fonte de Amoreira

Ao abeiro das penas que dan nome á parroquia está a igrexa. É sinxela e de estilo neoclásico. É difícil poder fotografala enteira.
Igrexa de Pena

Ao pé da igrexa está o antigo cemiterio, moi pequeno, e digno dunha visita.

Abandonamos as casas de Pena (o nome venlle dun promontorio rochoso que foi un antigo fortín) por un fermoso camiño de bo andar.

Dous tercios, aproximadamente, da poboación activa de Castroverde está inmersa no sector primario, fundamentalmente dedicados á producción láctea e cárnica, sendo tamén moi estimable e progresiva a súa repoboación forestal. 

Deseguida chegamos a Carballedo, dentro da mesma parroquia de Pena. Aquí hai un pazo enorme construido no S. XVII. Ten unha portada nobre e dous enormes escudos. É chamado Pazo de Carballedo ou Pazo de pena.
Pazo de Carballedo, que está á venda

O pazo conta ademais cun forno ao pé que destaca pola descomunal cheminea. 

Tamén conta cun lavadoiro e unha enorme finca. O pazo é de titularidade privada e leva á venda dende 2018. Arrancou cun prezo de venda de 750000€ e agora está en 450000€. O concello di que non pode compralo ao serlle imposible asumir ese gasto e despois hai que restauralo...

Outra vista do Pazo.

Pazo de Carballedo

Despois de Carballedo, pillamos cara ao Monte Monciro onde hai eólicos. A pista parece aberta de non hai moito.

Non chegamos aos eólicos porque se nos facía tarde, así que deixamos a pista anterior que nos levaría a eles e pillamos outro camiño á man dereita, deixando tamén polo tanto a ruta oficial.

Tivemos tamén que sortear este pequeno tramo con auga. Choveu tanto esta temporada que hai auga en todas partes.

Estamos atravesando un bidueiral.

A bidueira é unha árbore moi nosa e da súa madeira facíanse antigamente as zocas.

O camiño que traemos desemboca nun punto ao que chegariamos se désemos a volta por Monciro. Aí voltamos a pillar o track de antes. Andamos uns metros por estrada ata pillar o camiño que vemos á dereita.

A medida que subimos, vemos á esquerda a aldea de Sarceda que pertence tamén á parroquai de Montecubeiro.

Estamos agora inmersos nun bosque autóctono de folla caduca.

Pasamos pola aldea de Pumarín, tamén da parroquia de Montecubeiro. Aquí vive moi pouca xente, hai casas totalmente abandonadas.

Nunha casa de Pumarín vimos un coche e unha chimenea que botaba fume, así que alguén vive aquí.
Castroverde  rebasa por moi pouco os 2000 habitantes. Esta bisbarra vén de padecer unha dolorosa purga demográfica, que a atenazou ó longo de todo o século XX.
Pumarín

Estamos xa chegando ao punto de inicio que está nunha zona ben alta, a case 700m. de altitude.

Ao pé da igrexa está o "Campo da Festa"

Xa estamos de novo no punto de inicio.

Así rematamos esta interesante ruta. Para xantar non atopei nada en Castroverde porque ao non ser día de Feira, o restaurante principal que hai estaba pechado. Tivemos que desprazarnos (10 minutos) ata Mosteiro, capital do concello de Pol, para poder comer. Despois de intentar facelo no restaurante Canadá (Chamei un montón de veces e sempre comunicaba) tivemos que comer no restaurante Agustín. Comemos bastante ben (o caldo de repolo estaba moi bo) Eso si, o comedor é grande e ía algo de frío.

Páxinas web empregadas:
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/castroverde/2024/02/08/montecubeiro-reabre-sabado-iglesia-tras-profunda-reforma/00031707410568985364503.htm

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2003/08/23/piedra-10-toneladas-recuerda-fusilados-montecubeiro/0003_1932360.htm