martes, 8 de outubro de 2024

CELEIRO DE MARIÑAOS

 Celeiro de Mariñaos pertence ao concello de Barreiros e hoxe quixen coñecer esta parroquia pola que sempre pasei en coche.

Características da ruta:

Lonxitude: 7,5 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular. necesario seguir un track se non se coñece a zona. O meu en WIKILOC

Características da ruta:

O inicio e final desta ruta ten lugar AQUÍ cerca do río Masma:

A ruta vai de momento por asfalto, unha estrada local por onde non me crucei con ninguén.

O Masma nace cerca da Serra do Xistral, no Valadouro, atravesando os concellos de Abadín, Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros ata desembocar formando a ría de Foz.
Río Masma

Ao fondo vemos o Pico de Cornería e algúns dos moitos castiñeiros que vin nesta ruta.

O camiño vólvese cada vez máis rural. A estrada principal vai por máis abaixo, á volta hei vir por ela.

Aínda que Celeiro é unha aldea con moita vida, o abandono do rural tamén chega aquí.

Hai que cruzar a N 634 para pillar cara á Ermida e S. Caetano.


Vemos a A8 non  moi lonxe e torcemos á dereita

 Imos pola zona alta da parroquia e vemos os barrios do Barral e o Monte Cornería.

Tamén observamos  a parte da parroquia que se estende ao longo da N- 634.

Imos por unha estrada local ata S. Caetano.

Volvemos ver castiñeiros no medio dos eucaliptos.

Dende a Capela de S. Caetano temos estas vistas sobre a zona da igrexa parroquial de Celeiro.

A capela de S. Caetano foi no pasado o centro dun importante conxunto de casas. Incluso aquí estivo situado o concello de Barreiros. No S. XVIII, celébrabase ao pé da capela unha feira.
Hai uns anos despois, esta capela foi motivo de discordia entre os veciños da parroquia e un particular (Xesús Domínguez). Este home adquireu un pazo próximo á capela para restaurar e considerou que tamén lle pertencía a capela, cambiou a pechadura da mesma e empezou a construir un muro que invadía masas comúns, nunha das que se atopa a capela.
A diócese de Mondoñedo-Ferrol emprendeu acción legais e no xuízo demostrouse que a capela fora cedida á igrexa de Celeiro pola súa propietaria orixinal, Cruz Miranda. A anterior propietaria do pazo, Araceli Rodríguez Otero vendeulle a Xesús Dominguez  a capela e o pazo. Ao ser unha venda ilegal, o xulgado declara que a propietaria da capela é a Igrexa Parroquial de Celeiro e dclarou nulo o contrato de compra-venta.
O litixio durou dende o ano 2000 ata o 2006 no que se se volveu a recuperar a titularidade da capela por parte da igrexa e no seu entorno celébrase tódolos anos en agosto unha romería.
O pazo, que podemos ver por detrçás da capela estaba en venta no 2012 e era o inmoble máis caro á venda da provincia de Lugo (2.750000€)
Non sei como é agora a situación, se se vendeu ou non, canto custa...
Capela de S. Caetano e entorno

Ao redor da capela hai un gran espazo  moi ben coidado.

Fonte colocada ao pé da capela este mesmo ano 2024 en agosto. Na placa pódese ler: "En recoñecemento a todos e todas os que traballaron e loitaron por recuperar a capela para a parroquia. S. Caetano sempre!! Celeiro de Mariñaos a 9 de agosto de 2024"
Fonte de S. Caetano
 Baixando cara a igrexa, polo barrio chamado precisamente "Xunto á igrexa", vexo un cabozo tipo Mondoñedo que mantén o antigo patín que o unía á vivenda.

A igrexa parroquial de Santa Cristina é do S. XVIII e foi construida sobre outra anterior da que só queda a capela lateral esquerda.
Igrexa de Santa Cristina

Non sei se a casa que está xunto á igrexa podía ser a antiga Casa Rectoral. É probable, a xulgar pola gran dimensión e o abandono actúal en que se atopa, ao igual que a maioría delas.

Imos cara a Rexa por entre prados e terras de millo.

Xa en Rexa temos quecruzar o Masma por unha ponte.

A partires de aquí, imos compartir un tramo co Camiño Natural de S. Rosendo, levando o río Masma á nosa dereita.

Seguimos atopando castiñeiros que nos deixan ver que estamos xa en pleno outono.

Aspecto do camiño (con asfalto). Aínda que agora non o vemos, á dereita o Masma. Ao lonxe, a A8

Cando hai uns anos xa fixera o Camiño Natural de S. Rosendo, chamárame a atención este cobertizo ou cabana. É a Cabana de Parga. Non sei quen é este tal Parga, pero ten un cabana ben chula e coidada, así como o entorno.
A Cabana de Parga

O camiño vai á beira de castiñeiros, loureiros eucaliptos...

Un castiñeiro "bebendo" no masma...

No lugar da Barral abandonamos o tramo compartido co Camiño Natural de S. Rosendo que segue de frente e nós pillamos á dereita para voltar ao punto de inicio.

Pillando á dereita e alí máis adiante volveremos cruzar o Masma.

Cruzamos pola ponte por ondeasan tamén os vehículos pero descubro que ao pé desta ponte hai outra moito maís antiga e que case non se ve.

Esta é a ponte vella pola que tamén se pode pasar a pé.

Deseguida enlazamos coa estrada da ida e voltamos polo mesmo sitio da ida un pequeno tramo.

Estamos xa chegando ao punto de inicio desta ruta.

Páxinas web consultadas:
https://mondonedoferrol.org/parroquias/directory/celeiro-marinaos-santa-cristina/
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/2001/06/26/suspenden-festa-da-tortilla-barreiros-evitar-enfrentamientos/0003_632871.htm
https://mondonedoferrol.org/parroquias/directory/celeiro-marinaos-santa-cristina/

xoves, 3 de outubro de 2024

ALDEAS DE LOURENZÁ E MONDOÑEDO

Encántame coñecer estas pequenas aldeas onde a pouca xente que nelas vive te mira con cara de estrañeza cando te ven pasar porque poucas persoas diferentes ás que alí viven ou a algún repartidor /a de pan, butano...etc se adentran neste núcleos, que van quedando cada vez máis baleiros.

Hoxe  fixen unha ruta circular e coñecín 3 pequenas aldeas, unha de Lourenzá e dúas de Mondoñedo.

Características da ruta:

Lonxitude: 6,8 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Iniciei e finalicei esta ruta ao pé da Capela de S. Xosé en Oural. Oural é un lugar da parroquia de Santo Tomé (Concello de Lourenzá) Se imos cara a Lugo pola Cruz da Cancela (LU-122) pasamos ao pé desta aldea que está pegada á estrada.

O ano de construcción desta capela é anterior a 1646 aínda que sufreu un mínimo de tres reformas. A capela vese moi coidada. Falei cunha muller da zona que me contou que actualmente só se abre unha vez ao ano, o día de S. Xosé.

A ruta vai sempre por estradas locais  ben tranquilas. Non atopei unha alma!!

Oural está nunha zona alta e ten extraordinarias vistas.


Ao lonxe a A-8 e as aldeas O Castro, Lindín... Máis cerca, Oural e a capela de S. Xosé de onde acabo de partir.

Vemos agora a ldea se Soutoxuane pola que vou pasar despois e ao loxe, penso que é a aldea de Curros

Esas casas próximas pertencen á  aldea de Ferreira tamén da parroquia de Santo Tomé de Lourenzá. Non pasarei ao pé, xa que un pouco antes de chegar aí, torcerei á dereita para cruzar a LU-122.

Despois de cruzar a LU-122 xa estou no concello de Mondoñedo.

Xa podo ver os tellados das casas da aldea pola que axiña hei pasar.

Hai que pisar sempre asfalto, os camiños das aldeas están a desaparecer,  nuns casos por mor da Concentración Parcelaria que abreu pistas por derriba deles; noutros casos péchanse por falta de uso. A min non me importa, xa que en moitos casos é a única maneira de poder chegar a estas aldeas e son estradas locais polas que apenas se ve a ningún vehículo e moito menos a persoas.

Fermosa imaxe de Oural.

Soutoxuane é un lugar da parroquia de Santa Mª Maior, no concello de Mondoñedo. Unha parroquia con pouco máis de 200 habitantes.

Ao fondo de Soutoxuane está Beira do Río, un lugar onde houbo unha importante canteira de pizarra que se pode ver na foto. Esta canteira pechou hai uns anos en parte debido a que imcumpría a normativa e incluso se formou unha Asociacíon de Veciños para frear os abusos que seica cometía esta empresa.
"Veciños e veciñas das parroquias de Lindín e Santa María Maior (Mondoñedo) recentemente constituíron a asociación “Afectados polas louseiras do Val do Río Baos”. Unha entidade que quere denunciar as irregularidades que unha empresa de lousas está cometendo no concello.
El colectivo Afectados polas Louseiras do Val do Río Baos pregunta si la empresa Pizarras Veira do Río «pode esnaquizar camiños e estradas [...], verter os lodos aos regatos e ao río Baos [...], amorear montañas de escombros nas beiras das pistas [....], invadir as fincas privadas dos veciños». Y exige acciones públicas porque «non se ve ningún arranxo da desfeita»."
Soutoxuane e ao fondo a canteira.

Pasamos polo medio desta aldea vendo un cabozo ou hórreo que conserva aínda o patín que unía este coa casa.

Deixamos atrás Soutoxuane para ir baixando á Beira do Río.

Beira do Río pertence á parroquia de Lindín.

Aínda que a maioría de vivendas están baleiras e lin por algún lado que o lugar estaba deshabitado, actualmente non é certo. Hai algunha casa rehabilitada e vin dúas mulleres por alí.

Esta aldea pareceume un lugar ben fermoso á beira do río Baos, un afluente do Masma. Hai partes da aldeaparcialmente abandonadas, onde non vive ninguén.

En ámbalas marxes do río hai vivendas. Ao fondo das que vemos nesta foto hai casas restauradas e vin dúas mulleres.

A antiga canteira de pizarra estaba moi pegada ás casas e ao río.

Agora toca subir ata o inicio de ruta. Non é unha subida moi forte nin moi larga  pero pega ben o sol...


Non, os eucaliptos non dan estes froitos. Este ten unha planta que sube por el, semella un tipo de enredadeira...non sei que é.

Oural será de grande aprox. como Soutoxuane pero aquí paréceme que debe vivir máis xente.

Xa, no final de ruta, ao pé da capela de novo, unha imaxe de Oural e de Soutoxoane.


Páxinas web consultadas:
https://www.galiciaconfidencial.com/noticia/66616-afectados-louseira-mondonedo-denuncian-contaminacion-grave-perigo-accidentes