domingo, 5 de marzo de 2023

CAMIÑO DOS CERQUEIROS. (FRAGAS DO EUME-MONFERO)

 Monfero é un concello da prov. de A Coruña que aínda non ten 2000 habitantes. Pertence á Comarca do Eume e está situado dentro do Parque Natural das Fragas do Eume.

Hoxe fomos realizar unha ruta que no seu percorrido forma parte totalmente deste concello. Trátase do Camiño dos Cerqueiros e para mín NON foi das máis fermosas dentro das Fragas do Eume.

Características da ruta:

Lonxitude: 9,7 km.

Dificultade: moderada sobre todo se se fai en épocas calurosas xa que en boa parte do percorrido non hai sombra e ten algún desnivel importante.

Ruta circular perfectamente sinalizada.

O meu track en WIKILOC aínda que eu NON recomendo facela como a fixemos nós xa que fomos primeiro polo Camiño dos Corzos e despois voltamos por pista con forte desnivel con sol e sen sombra. Eu recomendo seguir primeiro pola pista e iremos en baixada e depois do Miradoiro da Carbueira coller polo Camiño dos Corzos que tamén ten un tramo con moito desnivel pero é moi curto.

Descripción:

A ruta empeza AQUÍ

Empezamos a camiñar pola pista onde está o cartel indicador da ruta:

Inicio da ruta

Imos por esta ancha pista entre piñeiros:

Atravesamos un paso canadiense (Consiste nunha parrilla de barras ou rexas metálicas paralelas que se instala en posición horizontal e a nivel de rasante.  Baixo a parrilla hai un pequeño foso duns 30 cm de profundidade. Os animais evitan cruzar sobre o paso canadiense en primeiro lugar porque lles provoca desconfianza e en segundo porque lles resulta dificultoso facelo. Sen embargo para os vehículos e persoas  non representa especial dificultade, de modo que permite un tránsito selectivo.

De este modo evítase que escape o gando das fincas nas que se cría en réxime extensivo.)

Paso canadiense

Deseguida, baixando, xa vemos o río Eume.

Atopamos unha bifurcación para ir polo Camiño dos Corzos á dereita e alo imos. Tal vez fora mellor seguir pola pista e voltar por ese Camiño.


O Camiño dos Corzos empeza por un estreito carreiro con matorral baixo de brezos e toxos:

Este era o antigo camiño que unía as aldeas de Teixeiro e Os Esterqueiros.

Pasamos por zonas despexadas que nos deixan ver partes do encoro do Eume.

Atopamos unhas portas para que pasen as persoas e non os animais. 

Nesta ruta impera a soidade, non pasamos por ningunha aldea e a xente que atopamos de ruta non ía por aquí.

Vemos carballos, acivros, bidueiras...

Vimos tamén vacas ceibas polo monte pacendo. Esta parecía mirarnos con desconfianza....

Antíquisimos peches con grandes laxas de pedra.

De súpeto chegamos a un ancho camiño rodeado de carballos e bidueiras:

 

Desembocamos na pista da Ruta dos Cerqueiros.


Pasamos por diante de dúas casas abandonadas no lugar de Os Esterqueiros.

Os Esterqueiros

O Miradoiro da Carbueira é un espléndido balcón sobre o encoro do río Eume e aldeas próximas.
                                                               Miradoiro da Carbueira

Miradoiro da Carbueira

Dende o miradoiro, voltamos sobre os nosos pasos e agora seguimos pola ancha pista.

 A subida pola pista fáisenos eterna: ten bastante desnivel e non hai unha sola sombra que nos protexa do sol que pega con forza, a pesares de estar a primeiros de marzo.
Este tramo fora mellor baixalo.

Subida que nos fixo sudar.
 
Comemos diante da Casa do Concello de Monfero, na Taberna Rebordelo. A comida esta ba bastante ben aínda que uns chipiróns que pedimos tiñan demasiado sal. Tampouco nos resultou nada barato.
Casa do Concello. Enfrente, Taberna Rebordelo.

Non podíamos estar en Monfero e non ir visitar o seu famoso Mosteiro que eu personalmente non coñecía.

Está situado na parroquia de S. Fiz e foi fundado no S. XI. Tivo os seus momentos de gran esplendor nos Séculos XIII, XIV e XV. Dende principios do S. XVI o mosteiro empeza a decaer ao igual que  case tódolos mosteiros galegos, debido á presión dos novos señores feudais que acaparaban todo o poder e a riqueza das comarcas. A desamortización de Mendizábal acabou por rematar o pouco poder con  que xa contaba o mosteiro. No ano 1835 abandonouse definitivamente.


No ano 1941 foi declarado Monumento Histórico Artístico.

No ano 2003 o mosteiro foi cedido polo arzobispado á Xunta de Galicia por cincuenta anos prorrogables. Houbo un intento de convertir o edificio nun hotel pero de momento o proxecto está parado e as silvas, as hedras...están "comendo" este importante lugar.

O mosteiro está agora mesmo nun estado de abandono.

Diante do mosteiro hai unha portada dende a que se vislumbra o que se esconde detrás: Unha magnífica igrexa barroca e os restos do que no seu día foi un importantísimo mosteiro de oríxes románicos. Vale a pena dar unha volta arredor do mosteiro e ver as balconadas e muros dunha época esplendorosa.
                                                                           Cruceiro e portada

Din unha volta todo ao redor do mosteiro e puiden aprezar a sua grandiosidade e imaxinar a importancia que tivo na pasado.



Na igrexa do mosteiro de Monfero destacan as catro enormes columnas e as dúas pilastras con chapiteis corintios. Aunque só existe unha torre, pénsase que no proxecto orixinal contaba con dúas. A igrexa é de planta de cruz latina dunha sola nave de 65 m de largo e 12,5 de ancho. Está cuberta con bóveda de cañón de medio punto.Nun dos brazos atópase un fermoso retablo barroco de pedra do S.XVII no que se representa a Virxe de Cela.
Igrexa de Santa Mª de Monfero

No lugar desta igrexa houbo outra que se derribou no S. XVII . A actual é de estilo barroco.

Os mosteiros sempre ocupan lugares de gran beleza, en lugares tranquilos cheos de natureza que inspiran paz e sosego.
 
Unha fonte cun abundante manacial debía surtir de auga ao mosteiro.

Entorno do mosteiro. Os prados que rodean o edificio son varios e grandes.

Páxina web consultada:

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/a-coruna/monfero-1/

luns, 20 de febreiro de 2023

O CAMIÑO DOS FAROS TRAMO: CABO DA NAVE- FISTERRA

En agosto de 2020 empezamos 6 persoas unha aventura que remata o día 18 de febreiro de 2023.

Eu fun quen coñecín esta ruta a través das redes sociais. Busquei toda a información posible e din coa páxina web da Asociación do Camiño dos Faros https://www.caminodosfaros.com/ que ten toda a información relativa ao percorrido: etapas, tramos, restaurantes, bares, aloxamentos, consellos e información precisa e completa de cada lugar por onde vai a ruta. Non fixemos ningún tramo do Camiño sen antes consultar esta intuitiva e completa páxina web. Valeunos moitísimo!

A ruta está planificada para facela en 8 etapas de 20 e pico km. cada unha, algunha cerca de 30 km. Para nós, son demasiados km tendo en conta ademais que esta é unha ruta difícil, a maioría das etapas teñen tramos que son como rutas de montaña pero á beira do mar.  o Chan case nunca é uniforme e algunhas subidas e baixadas teñen un considerable desnivel polo que decidimos partir as etapas en tramos axeitados para nós, para facer esto axudeime sempre da páxina web mencionada.

Empezamos e rematamos 6 persoas: Andrés e Angelina, Ángel e Fe, J. Antonio e eu. Nalgúns tramos acompañounos outra xente pero os 6 nomeados fixemos o Camiño enteiro, os 200 km. Levounos tres anos porque tíñamos que poder coincidir, imos dende lonxe e non sempre era posible facer cadrar as datas.

Ao fin rematamos unha experiencia única cunhas paisaxes espectaculares que quedan para sempre nos nosos recordos e neste humilde blog. Praias infinitas e salvaxes, outras mansas e relaxantes, cantís abruptos caendo en picado ao mar, miradoiros que deixan sen palabras, ríos cheos de vida, aldeas tradicionais, vilas mariñeiras, castros, dolmens, muíños, igrexas, capelas e  8 faros...esto e moito máis é a Costa da Morte, unha costa que nos namorou e á que voltaremos...

Tódolos tramos deste Camiño feito están recollidos neste blog. Imos co último :

Características:

Lonxitude : 7,2 km.

Dificultade: moderada

Ruta lineal que estivo ben sinalizada pero algunhas marcas empezan a borrarse...

O track en WIKILOC

O tramo de hoxe foi o máis curto de todos xa que queríamos comer nun restaurante en Fisterra para celebrar o remate do Camiño e ademais tamén quixemos mercar uns trasniños e unha camisetas para ter de recordo.

Descripción da ruta.

Partimos dende Cabo da Nave, algo máis abaixo de onde están as antenas, despois de baixar un km e medio aprox. por asfalto, torcemos á dereita  atravesando un piñeiral

Piñeiral

 Se volvemos a vista atrás, vemos o Cabo da Nave

Cabo da Nave

A nosa meta xa está moi cerca. A uns 6 km. aprox.

Baixando á praia Mar de Fóra

Baixando á praia Mar de Fóra xa vemos a vila de Fisterra.

Ao lonxe, Fisterra.
 

A baixada á praia Mar de Fóra é curta pero cun importante desnivel.

Praia Mar de Fóra
 Esta praia é moi perigosa.

Praia  Mar de Fóra
 

Despois de atravesar esta praia, abandonámola por unha pasarela de madeira.

Pasarelas de madeira
 

Vistas da praia Mar de Fóra dende o outro lado vendo tamén a punta Uña de Ferro e o Cabo da Nave.

 

Hai un merendeiro neste lugar no que paramos a descansar e repoñer forzas.

Merendeiro
 

Chegamos á Insua, unha pequena aldea da parroquia de Fisterra onde hai un bar moi "traski" pero estaba pechado.

                                                                   A Insua

Abandonamos a aldea por un estreito sendeiro.
Sendeiro


Acabado o sendeiro anterior, chegamos a un punto dende o que podemos aprezar moi ben a península de Fisterra coas súas dúas praias máis grandes: Mar de Fóra pola que acabamos de pasar e Langosteira.
Fisterra e prais de Langosteira e Mar de Fóra.

Imos agora por un ancho camiño que deseguida abandonaremos para emprender a subida ao Monte facho. A rocha que se ve no mar é chamada O Centolo.
No mar, O Centolo

A subida ao Monte Facho hai que tomala con calma, sobre todo en días de calor xa que non hai sombra ningunha. É unha subida con bastante desnivel pero non dura moito.
Subida ao Monte Facho

Monte Facho é un lugar de lenda. En Duio (cidade sumerxida por un castigo divino) atopáronse numerosos restos arqueolóxicos que indican que alí puido haber estado Dugium, a gran cidade dos antigos pobladores célticos destas terras, os nerios. E que aquí, na cima do Monte Facho, tiñan o seu altar do sol: o Ara Solis, onde facían os seus ritos paganos de culto ao astro rei.
Monte Facho

Vemos o noso destino final cada vez máis próximo: O Faro de Fisterra xa aparece aló embaixo. Queda pouco.
Ao lonxe, Cabo Fisterra

Case na cima do Monte Facho, hai que torcer á dereita e por estrada chegaremos ao Faro. Os nosos ollos abarcan ademais o Monte Louro, a Península do Morrazo, o Monte Pindo, a inmensa praia de Carnota...

Voltamos a vista atrás para ver por onde baixamos:

 O faro de Fisterra é un conxunto arquitectónico e o 1º edificio que vemos é o chamado "Semáforo"
O Semáforo
"O Semáforo" está situado a máis altura que o propio faro. Data de 1879 e a súa función orixinal era emitir sinais para a Marina de Guerra. Actualmente, rehabilitado por César Portela, é un establecemento de Turismo Rural.

O Faro de Fisterra é o máis occidental e emblemático de Europa, considerado tradicionalmente como o cabo do fin del mundo, "Finis Terrae".

Este punto avanza sobre o mar uns 5 kms en dirección sur, en paralelo ao granítico Monte Pindo formando a protexida e fermosa ría de Corcubión.

Durante miles de anos pensouse que cada noite o sol se apagaba nas súas aguas, e máis aló só existía unha rexión de tebras e monstros.

O faro ten categoría de faro de primerira orde.

A torre, de cantería, é de base octogonal e acaba nunha cornixa sobre a que se apoia a balconada. Encima está a bóveda cunha lanterna poligonal, a 138 metros sobreol nivel do mar.

Faro de Fisterra

Numerosas placas conmemorando visitas ou acontecementos relacionados coa vila de Fisterra enchen as rochas próximas, camiño do faro.

Orixinariamente o faro funcionaba con lámpada de aceite, despois de diversas reformas  electrificouse con lámpadas de incandescencia, emitindo un destello cada cinco segundos  cun alcance de 31 millas marinas (57 km).

Outro edificio emblemático anexo ao faro é A Serea, popularmente coñecido como a "vaca de Fisterra" polos sons que emitía cando había néboa espesa e a luz do faro non era suficiente para guiar os barcos.  Funcionou de forma ininterrumpida durante 110 anos e no 1996 deixou de facelo ao ser sustituido este sistema de aviso por sistemas de navegación moito máis modernos.
A Serea ou Vaca de Fisterra

No seguinte vídeo pódese escoitar o muxido da Vaca de Fisterra



Chegamos aquí e despois de fotografarnos coas nosas camisetas diante do Faro, un taxi veu recollernos para ir xantar ao restaurante Arco da Vella onde comemos estupendamente e cunha atención de 10.
                                                 
FISTERRA
Despois de xantar, demos unha pequena volta pola vila.
Fisterra
 Sorprendeunos a cantidade de embarcacións de todo tipo que vimos no porto: de recreo, de pesca de baixura, barcos de pesca máis grandes...
A lonxa, moi moderna, foi a 1ª de Galicia que permiteu a visitas de turistas cando se subasta o peixe.
Porto de Fisterra

O edificio longo que vemos é a Lonxa de Fisterra.

A lonxa de Fisterra

Camiñando chegamos ata unha pequena e fermosa praia moi resgardada, a de Corbeiro (vin que se escribe con b ou con  v) ao pé do Castelo de S. Carlos.  Este edificio, de forma irregular para adaptarse ao terreno rochoso sobre o que está asentado, ten o seu inicio baixo a dirección dos enxeñeirosDemaur e Exaccha.

Empezouse a construir a mediados do S. XVIII (1757)  e non se rematou ata 10 anos despois por Real Orden de Carlos III.

Tralo incendio e destrucción no asalto francés a Fisterra durante a Guerra da Independencia, contaba con tres frontes e unha nave interior coa dependencia do oficial, o cuartel e o polvorín. Posteriormente reformouse a nave central. Foi restaurado recentemente.

Praia de Corbeiro e Castelo de S. Carlos.

 A Praia de Corbeiro de augas limpas e tan abrigada debe estar chea no verán.
Praia de Corveiro
No interior do Castelo de S. Marcos hai un Museo de Pesca pero non poidemos velo xa que había un letreiro que dicía que non abrían ata S. Santa.
Castelo de S Carlos

Quedáronnos por ver algúns lugares máis desta vila como a Praia de Langosteira, a capela do Bo Suceso...etc pero queríamos ir coñecer outros lugares e non daba tempo a todo nestas tardes de febreiro aínda curtas.
Fisterra.

PEDRAS SANTAS
Por suxerencia de J. Antonio, un membro do grupo, achegámonos ata Pedras Santas en coche. Pasárámos antes bastante cerca pero como a ruta non pasa por aí, non nos desviamos.
Se vas con tempo suficiente eu recomendo desviarse un pouco da ruta para coñecer este lugar especial dende onde as vistas panorámicas a contemplar son espectaculares.
As Pedras Santas, ubicadas no Monte do Facho, ao que subíramos en ruta, son portadoras da lenda de que nelas descansou a Virxe e o seu fillo despois de deixar a barca de pedra en Muxía.
                                                                           Pedras Santas

As vistas dende o cume das Pedras Santas son espectaculares:
Vistas dende Pedras Santas

Vistas dende Pedras Santas.

Moi cerca de Pedras Santas (tamén podemos ir en coche ata uns metros antes. Eso si, por unha pista de grava en bastantes malas condicións) están os restos da ermida de S. Guillerme,  no monte do mesmo nome.

                                                             S GUILLERME
Os restos da Ermida de S. Guillerme están a 222m. de altura no monte do mesmo nome. Na súa construcción, aproveitaron a oquedade natural dun gran afloramento rochoso.
Restos da ermida de S. Guillerme

Debeu de pasar por varias etapas constructivas e dende logo existeu un culto cristiá que se adiviña polo mesmo nome da ermida e tamén porque conserva un altar que conserva a altura que icialmente debeu de ter. A data da contrucción non está precisada, situándose entre os S. XII e XIV. Por fontes escritas si sabemos que a destrucción total desta igrexa tivo lugar no S XVII.
Ermida de S. Guillerme onde se aprecia o altar

Vistas dende S. Guillerme: Fisterra, praia de Langosteira, Monte Pindo...

E non podiamos marchar de Fisterra e rematar esta fermosa e inesquecible experiencia de percorrer O Camiño dos Faros sen contemplar a posta de sol dende o Faro.

Entre Cabo Fisterra e Cabo Touriñán asistimos ao espectáculo do último sol na Europa continental.

 Dende tempos remotos e antes da chegada dos romanos, existía neste lugar un Ara Solis (altar ao sol) onde posiblemente os druidas celtas celebraban os seus rituais dedicados ao sol.

A expansion do Imperio Romano chega ata estes confíns do mundo e de aí a denominación deste lugar como Finis Terrae, onde os romanos pensaban que se acababa a Terra.

Hoxe, ao igual que moitos peregrinos que despois de chegar a Compostela continuan a ruta ata Fisterra e ao igual que outras miles de persoas cada ano, asistimos con emoción á posta de sol neste máxico lugar!



Páxinas web consultadas:

https://www.caminodosfaros.com/

https://concellofisterra.gal/turismo/info_outros/es/95