mércores, 15 de setembro de 2021

MADEIRA (3º DÍA)

 Nada máis despertar, Xaime mandábanos o estado do tempo que íamos ter ese día. Un clima fabuloso: sol practicamente tódolos días e temperaturas moderadas que nunca pasaban dos 30º e non baixaban dos 21º nin de noite.
Íamos ter un fabuloso día 

Hoxe tocaba ir a Porto Moniz e ás 9:00 saiu o bus para achegarnos aló, parando de camiño en tres miradoiros espectaculares, sobre todo o de Cabo Girao.

Non me deixou indifirente esta estatua que vimos ao pasar e que representa a un anxo construído polo escultor madeirense Ricardo Velasco e inaugurada no 2004. É unha homenaxe aos que perderon a vida traballando no sector da construcción civil e obras públicas como pontes, túneis, estradas...que fixeron máis doada a vida na illa.

Impresiona moito polo grande que é e particularmente a mín non me gusta: dá medo e recórdame a un aforcado.

Outra vista subindo no bus, á dereita, vemos o Cabo Girao a onde chegaremos despois.

O 1º miradoiro no que paramos foi o de Pico da Torre ou Pico da Cruz a 936m. de altura ofrece unhas inmellorables vistas de Cámara de Lobos, onde estiveramos o 1º día.

Nos arredores de Cámara de Lobos, vemos plantacións de vides e plátanos.

Traballadores recollendo plátanos. Sempre se recolectan verdes.


Cabo Girâo está situado ao sur de Madeira. É un acantilado moi elevado e un miradoiro con moita afluencia de xente dende que no 2012 se instalou unha plataforma de vidro que podemos pisar tendo debaixo, a moita altura, o mar e os cantís.

Ao pé dos cantís existen unhas terras cultivadas chamadas Fajâs de Cabo Girâo ás que só se podía acceder por mar ata a construción dun teleférico no 2003.
Cabo Girâo é un dos cantís máis altos de Europa




Despois de visitar Cabo Girâo, logo chegamos a Ribeira Brava, vila situada tamén na parte sur da illa e que ten cerca de 14.000 habitantes. a súa principal actividade é a agricultura co cultivo de boniatos, xudías, viño e outros froitos.

Destacar a fermosa igrexa do S. XV dedicada a S. Benito, patrón da vila.
A mín tamén me gustou a praia, moi reollida e onde apetecía un montón bañarse!!!

Igrexa de S.Benito

Imaxe de Ribeira Brava

Praia de Ribeira Brava

A seguinte parada, a máis longa xa que aí comemos e depois dispoñemos de tempo libre foi en Porto Moniz. Na seguinte foto podemos ver as innumerables curvas que hai que sortear para chegar á vila, aló embaixo:

Con case 3000 habitantes, Porto Moniz é unha fermosa localidade costeira, antiguo enclave baleeiro. É moi famosa esta localidade polas súas piscinas naturais onde puiden por fin bañarme e desfrutar das cálidas augas desta zona do Atlántico.


Comemos no restaurante "Cachalote" que queda entre as piscinas naturais. Un lugar máxico!!

Á dereita da imaxe, o restaurante Cachalote onde xantamos.

De volta para o hotel no autobús, fomos vendo ao pasar, poblacións como Ponta do Sol e Calheta



Fontes de información:
- Guía do grupo


Ningún comentario:

Publicar un comentario