martes, 14 de setembro de 2021

MADEIRA (2º DÍA)

O 1º día, quedou plasmado nesta entrada

 Rutas de sendeirismo: MADEIRA (1º DÍA)

 O 2º día tocaba unha visita panorámica da cidade de Funchal, capital de Madeira. En primeiro lugar fomos visitar a catedral.

Indo pola avenida Arriaga atopamos a estatua de Jôao Gonçalves Zarco, un explorador portugués que xunto a outros compañeiros colonizou as illas de Porto Santo e Madeira no S. XV.


Deseguida chegamos á catedral de Funchal que subreviveu intacta dende a colonización portuguesa. Rematouse de construir no S. XVI.
A catedral é Monumento Nacional dende 1910


Dentro da catedral, a capela da Virxe de Fátima de gran devoción tanto en Portugal como en Madeira.

Esta catedral conta cun teito moi fermoso elaborado con madeira da illa (cedro incrustado en marfil) pero debido a que está en obras, só poidemos ver parcialmente un pequeno recuncho.


Na seguinte foto, chegando á catedral, vemos con mochila negra a Sonia Cancio que xunto a Xaime se preocuba de que todo marchase ben e foi moitas veces a nosa memoria recordándonos horarios, normas...etc.


Non comentei que tamén tíñamos unhas estupendas guías nativas da illa. Eran dúas xa que viaxamos 74 persoas en dous autobuses.
Escoitando as explicacións da guía

Despois da visita á catedral, deixáronnos uns minutos para achegarnos á visitar, moi cerca, tamén no centro histórico de Funchal, o concello.

Concello de Funchal

E na mesma Praza tamén poidemos admirar a igrexa e o colexio dos Xesuítas do S. XVII:



Nun extremo desta praza poidemos contemplar unha fermosa árbore con vistosas flores de cor laranxa: é un tulipán africano e abundan bastante na illa.

A continuación fomos andando ata o Mercado dos Lavradores. É este un mercado que no pasado foi ao aire libre e hoxe está nun fermoso edificio con azulexos da cerámica Battistini que decoran a fachada, a entrada e a pescadaría.


Azulexos que representan escenas cotidianas do pasado:

Na pescadaría poidemos contemplar o peixe sable negro de gran tradición na cociña da illa.

Este peixe é preparado en Madeira de moi diversas maneiras

Azulexos que decoran o interior do mercado dos lavradores:

Hai moito colorido nos postos das froitas:

Froitas tropicais

Outro aspecto do mercado:


O Mercado dos Lavradores é moi turístico pero tamén acude a xente local a facer a compra. Din que os productos aquí son máis caros ca noutros mercados de Madeira.

Nos postos de flores, as vendedoras van ataviadas co traxe típico rexional:


Fermosa representación en azulexos de como era o mercado en tempos pasados:

A continuación e, xa en autobús porque se atopa ás aforas de Funchal, fomos visitar o Xardín Botánico.

Orixinariamente, o xardín botánico era o xardín privado da Quinta do Bom Sucesso pertencente á familia Reid pero a mediados do S XX foi adquirido polo governo para instalar o Xardín Botánico que abríu ao público no 1960.

Ten máis de 2000 variedades de plantas e árbores divididas en áreas: arboreto (colección de árbores e arbustos de varias partes do planeta), plantas medicinais, autóctonas, cactus, palmeiras...así como unha alfombra moi fermosa de flores.

Na entrada, escoitando a nosa guía madeirense


Vistas de Funchal dende o xardín botánico

Estanque ben fermoso

É un enorme pracer pasear por este xardín entre a exuberante vexetación:


O tapiz de flores chama a atención, por algo Madeira é coñecida como "O xardín do Atlántico"



O espazo dos cactus:

O clima desta illa, húmido e temperado reúne as condicións para albergar as máis variadas e exóticas plantas e árbores.

O espazo das palmeiras:

E chegou a hora de comer!!

Fixémolo na mesma cidade de Funchal, no restaurante Terreiro e este foi o menú:

Xa nos avisaran que non estaba preparado para recibir grupos e notouse en certos aspectos: o restaurante é precioso, sobre todo a súa ubicación cuns preciosos xardíns pero notábase algo de falta de profesionalidade: a nós por exemplo non nos deron servido o café na mesa. Fixérano con algún membro da mesma pero 5 persoas quedamos sen el por máis que agardamos. Despois Xaime intentou que nolo servisen fóra, na terraza, pero non houbo maneira. A mín, particularmente deume igual porque non son moi "cafetera". En fin...un pequeno detalle sen moita importancia. Tamén houbo xente que dicía que os platos eran moi grandes pero traían pouco contido...a mín tamén me chegou a comida.

Entrando ao restaurante Terreiro

Dende o restaurante temos unha vistas preciosas ao Atlántico.

Xardíns do restaurante

Saímos do restaurante para ir paseando cara ao leste e vimos estas piscinas preciosas de auga salgada que pertencen ao hotel "Pestana" de 5 estrelas.
 
E chegamos ao hotel Pestana CR7 froito da colaboración entre o grupo Pestana e o famoso xogador Cristiano Ronaldo, que naceu nesta illa. Na parte baixa do hotel atópase un museo dedicado ao xogador. O hotel por fóra é moi moderno pero para o meu gusto horriblemente feo, aínda que por dentro, por fotos que vin, é moi fermoso e acolledor.

Ao pé do hotel-museo, hai unha estatua do xogador (pouco parecido ten, penso eu)

Todo o anterior está ao pé do porto deportivo de Funchal:
 
Aquí deixáronnos tempo libre e cadaquén paseou ao seu aire. 
A bandeira que se ve é a de Madeira
 
Madeira non ten praias de area branca e fina xa que ao ser de orixe volcánico os seus areais están formados por pedras e onde hai area, esta é negra.
De tódolos xeitos hai  moitos lugares onde bañarse e poder tomar o sol. Madeira conta con moitas piscinas naturais de auga salgada e tamén aproveitan calquera recuncho con cemento para facelo zona de baño con acceso directo ao mar.
Praia de Sâo Tiago

 O teleférico que vai dende Funchal a Monte é un dos iconos turísticos de Madeira:
 
A capela do Corpo Santo está situada no núcleo histórico de Santa Mª que foi unha das primeiras zonas de Funchal en ser habitadas.

As rúas do núcleo histórico de Santa Mª conservan o su aspecto tradicional.

Ata o 2010 moitos edificios da zona vella de Funchal estaban case abandonados e faltos de color. Entón xurdíu o proxecto de pintar as portas na rúa máis importante e máis antiga de Madeira: a de Santa Mª.

Cedros nunha rúa de Funchal.

Debaixo vemos o Pazo ou Fortaleza de S. Lourenzo coa súa torre de estilo manuelino. Na actualidade funciona como residencia do Representante da República.
Este pazo é considerado como o exemplo máis impoñente da arquitectura civil e militar da illa.

Recursos dixitais:
www.visitmadeira.pt
www.madeira-web.com
www.islamadeira.es
madeiraparaviajeros.com
www.boardingpost.com



Ningún comentario:

Publicar un comentario