luns, 5 de febreiro de 2024

FERVENZA DO CASÓN/POZO DO INFERNO/CASTELO DO CASÓN (ORTIGUEIRA)

 Hoxe tocou ruta en Ortigueira, a 4ª que fago xa neste concello. As tres anteriores foron rutas costeiras, dúas delas pertencentes ao Camiño Natural do Cantábrico. Nos enlaces seguintes pódense ver:

C. Natural do Cantábrico: Mazorgán-Porto de Espasante

C. Natural do Cantábrico: Praia de Esteiro(Mañón)- Mazorgán (Ortigueira)

Ruta circular en Ortigueira

Hoxe descubrín tamén neste concello unha ruta que, a pesares de que a árbore predominante é o eucalipto, me gustou moitísimo. É unha ruta curta, fácil e moi entretida xa que case continuamente vas tendo vistas sobre as rías do Vicedo, de Ortigueira... e das vilas e aldeas próximas, pero o máis sobresaínte desta ruta son as dúas fervenzas que veremos e o Castelo do Casón co seu impresionante miradoiro.

Características: 

Lonxitude: 6,7 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular que sinala os puntos clave pero necesario un GPS se se quere facer circular, aínda que é bastante intuitiva.

O meu track en WIKILOC:

Descripción:

Empezo a ruta na aldea moi pequena de Pena do Vilar que pertence á parroquia de S. Adrián de Veiga.

Vou durante 2km. por estrada.


Paso polo lugar de Pereira no que contei 4 casas, dúas delas deshabitadas.

A estrada vai en lixeiro ascenso e lévase moi ben. Estou fresca xa que acabo de empezar a camiñar, o día non pode estar máis fermoso e hai moito monte cortado o que me permite desfrutar de boas vistas.

Ás vistas á man dereita:
 
Remata a estrada. Hai que torcer á esquerda por unha pista ancha.

Hai que ir primeiro ver as fervenzas. 

Están en sentido contrario. Eu escollo ir ver primeiro a do Pozo do Inferno:
                                                               
Formada polo Rego do Casón, esta fervenza case mete medo polo pozo onde cae.  Non me estraña que se chame "do Inferno"!!
Pozo do Inferno
 O lugar está ben acondicionado con pasarelas de madeira e escaleiras do mesmo material
Pozo do Inferno

Voltamos sobre os nosos pasos observando á nosa esquerda plantacións de eucaliptos cortadas recentemente e á dereita árbores autóctonos (castiñeiros e bidueiras)
Estamos en plena Serra da Capelada.

Chego á bifurcación anterior e sigo o sinal para chegar agora a Fervenza do Casón formada tamén polo rego do mesmo nome a igual ca anterior.
Rego do Casón

Teño visto esta fervenza en fotos con moita menos auga. Hoxe baixaba esplendorosa.
Fervenza do Casón
 
Non volto polo mesmo sitio. Ao pé da cascada sae un camiño paralelo a por onde fun que me leva á bifurcación primeira.
 
Vistas as fervenzas agora toca visitar o Castelo do Casón que xa nos cae en camiño facendo a ruta circular. As pistas polas que vou están en perfectas condicións e son anchas.

O Castelo do Casón foi na súa orixe un castro da Idade de Ferro. Na Idade Media sábese que foi unha fortaleza que tiña como función exercer como "torre vixía da ría" cando ameazaba algún perigo sobre todo durante as invasións normandas.
Por razóns descoñecidas, no S. XII a fortificación xa estaba abandonada. Hai uns anos realizáronse unhas excavacións arqueolóxicas neste xacemento dun grande valor patrimonial. A día de hoxe aparece bastante descoidado e dentro do recinto apenas se pode camiñar e ler os paneis debido á gran cantidade d emaleza que hai.
Castelo do Casón

Conserva aínda restos da muralla e o foxo ao redor. O que vemos na foto sería a porta sur.
Castelo do Casón

Na seguinte foto, parte da muralla rehabilitada. Facía falta un desbroce...
Castelo do Casón

Ao pé dos restos da fortificación, nas excavacións d e1998 foi tamén construido un miradoiro con excepcionais vistas á ría de Ortigueira, desembocadura do río Sera, Estaca de Bares...

Vista do Miradoiro e do que se ve dende aí.


Que fermoso debeu ser este monte hai moitos anos!! Vexo bastantes acivros. Deberon abundar nesta zona. 

Volvo sobre os meus pasos xa que para ver o Castelo do Casón hai que desviarse uns metros (moi poucos) da ruta principal. Agora todo é baixar por esta ancha pista.

Chegando xa a Pena do Vilar teño estas vistas:


E xa rematando a ruta coa chegada de novo a Pena do Vilar.
Pena do Vilar

A pista que traía desemboca na estrada pola que antes subín. Un pouquiño mís arriba teño xa o coche!

Páxina web consultada:

https://www.elcorreogallego.es/hemeroteca/castelo-do-cason-valioso-patrimonio-arqueologico-abre-publico-GJCG945773?imageNumer=1

Ningún comentario:

Publicar un comentario