venres, 21 de xullo de 2023

RUTA CIRCULAR EN ORTIGUEIRA


A pesares de vivir a unha hora desta localidade e de coñecer lugares do concello como os cantís de Loiba e Espasante nunca estivera na capital, en Santa Marta. Hoxe tocou coñecer esta vila e para eso fixemos unha ruta circular partindo do paseo marítimo polo muelle e despois por un sendeiro de terra fomos todo á beira da ría ata a praia de Cabalar ou Morouzos onde hai un importante sistema dunar. Pasamos polo piñeiral onde se celebra o archicoñecido Festival de Música Celta e xantamos ao final do mesmo no restaurante "A Cabana do Fos". Despois de comer, continuamos cara ao centro da vila onde visitamos os seus monumentos máis representativos percorrendo a súas rúas e prazas máis emblemáticas, algo que se fai de contado xa que a vila é pequena.

Santa Marta de Ortigueira é un concello da Provincia de a Coruña e que pertence á Comarca de Ortegal xunto cos concellos de Mañón, Cariño e Cerdido. 

Características desta ruta:

Lonxitude: 10,2 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. Imprescindible GPS. Eu deixo o meu track en WIKILOC

A miña valoración desta ruta:🔆🔆🔆🔆

Descripción:

Partimos da Oficina de Información Turística situada na AC- 862 que vai a Ferrol porque queríamos pedir información e hai sitio para aparcar o coche.

Oficina de Turismo

Empezamos a camiñar cara á vila e deseguida pillamos á esquerda para ir ao porto.



A construcción que vemos na foto seguinte foi o matadoiro municipal ata o ano 1959. Foi contruído en 1877 e rehabilitado no 2004.

Antigo matadoiro municipal

O menhir de Manolo Paz situado ao pé do matadoiro, colocouse para conmemorar o 25 aniversario do Festival do Mundo Celta.

Menhir.
Estamos no porto deportivo da vila:
Porto deportivo

Tamén no muelle, nos xardíns do Malecón ou Julio Davila, está esta a escultura que vemos a continuación. Colocada en 2007, é obra do escultor pontevedrés Francisco Leiro. Está fundida en bronce e mide 4 m. de altura.



Gaiteiro de Ortigueira

En 1º  plano vemos o edificio do Centro Social e ao pé o Mercado Municipal que recentemente pechou as portas ao xubilarse o último posto de venda que quedaba, unha carnicería.
Centro Social e Mercado Municipal
Apartámonos uns minutos do percorrido para tomar o café como sempre facemos ao inicio das rutas, neste caso na Alameda onde unhas veciñas nos recomendaron "La terraza de Laura". E a verdade é que por un prezo ao igual que noutro sitio calquera puxéronnos un café con leite e un café cortado acompañados de dous bos trozos de biscoito e un pincho consistente nuns cachos de pan con salchichón e queixo. Para repetir este lugar!!


Alameda

Continuamos o percorrido atravesando os xardíns de Julio Davila. Cambiaron oficialmente a este nome en honor a este historiador que os deseñou e conmemorando deste xeito os 50 anos da súa morte.

Estes xardíns son unha das zonas de esparcemento de maior tradición e historia da vila. Eran e son coñecidos como "Os xardíns do Malecón" porque a súa orixe está vinculada á construcción do propio malecón do porto. O malecón foi iniciado no 1930 e 5 anos despois proxectáronse os xardíns con Julio Davila como ideólogo e promotor deste proxecto e natural desta vila.

A escultura que vemos a continuación tamén situada nestes xardíns chámase "A bondade da Auga" e é obra do artista vasco Diego Villamediana no 2002.

Representa a unha muller espida a tamaño natural estirándose perezosamante coas mans trala espalda.

Escultura "A bondade da auga"

Nestes xardíns, aos que eu non lles atopei especial atractivo, fixeron unha remodelación no 2002 trasplantando 4 palmeiras deste parque á súa ubicación actual xunto ao porto deportivo. Podemos ver tamén un ciprés de Monterrey, dous abetos de Douglas, tres araucarias, varios magnolios...

O temporal Klaus arrancou  de raíz un ciprés de California de 18, 5 toneladas e acabou con outros moitos que s edeixaron aí como un símbolo.

Ao fondo, na esquerda da foto, vemos unhas casetas de cores que foron elementos antigos dalgunha praia.

Xardín Julio Davila


As palmeiras xunto ao porto deportivo:

A Ría de Ortigueira e Ladrido, máis coñecida como Ría de Ortigueira, é un importantísimo lugar de paso e invernada de aves acuáticas e está considerada ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves) e ZEP (Zona Especial de Conservación)
Ortigueira e a súa ría.

Esta ría ten uns 10 km. de longo e unha anchura máxima de 3 km. Na baixamar como nos tocou vela a nós, queda case sen auga.

Rematado o paseo polo muelle, continuamos ao pé da ría polo Paseo Marítimo de Barro Soto.
Paseo de Barro Soto

Pasamos por diante da Piscina Municipal e da Pista de Pádel
Paseo de Barro Soto

E na curva, NON seguimos de frente porque entón volvemos á vila. Collemos unha pequenas escaleiras (hai que fixarse para velas) á man esquerda que nos levan ao inicio do paseo xa peonil seguindo a ría.
Escaleiras polas que temos que subir.

Iremos por un carreiro de pedra e grava ao pé da ría e coa sombra das árbores:


Temos bancos se queremos descansar:

Podemos baixar ata o pé mesmo da auga se queremos, nalgúns puntos:

Na foto seguinte tenmos a zona chamada "O Murito" onde hai unha pequena área de descanso e un embarcadoiro.

No percorrido sucédense árbores autóctonas como carballos e castiñeiros con eucaliptos e piñeiros. As escaleiras que hai son de troncos, respectando así o entorno natural.
 
En 3 ou 4 ocasións temos que sair á estrada pero só uns metros camiñaremos á súa beira. Deseguida o traxecto lévanos outra vez á beira da ría.

A ría de Ortigueira- Ladrido é un esteiro con saída a mar aberta cunha chaira que semella inacabable con marismas cheas de vexetación.


O esteiro está formado pola desembocadura de varios ríos: Mera, Ladrido, Baleo, Casón...

Vemos un observadoiro de aves ainda que pouco s epoderá observar actualmente xa que as árbores e plantas sacan case toda a visión da ría.
Observadoiro de aves

Na parte pegada á ría é onde atopamos as árbores autóctonas  coma estes castiñeiros. Pola outra beira son todo eucaliptos.
Castiñeiros

Xa vemos ao lonxe a praia de Morouzos ou Cabalar. Aínda queda bastante por andar.
 
Unha pasarela de madeira para camiñar protexe as dunas:

Nesta praia de Morouzos existe un cordón inmenso de dunas.
Dunas en Morouzos

Oíamos o mar pero non o víamos e cando parecía que estábamos ao pé del, aparecían máis e máis dunas...

Dunas en Morouzos

Esta é a única praia de area oscura do norte. No noso percorrido vimos moitísimas carocas ou pinas que son resultado dunha tala total de piñeiros que colonizara este complexo dunar.
Dunas en Morouzos

A praia de Morouzos ten 4km. de longo sendo un dos areais máis extenso da costa galega. Conta con moitos servizos: aparcadoiros, aseos, duchas, socorrismo...
Nun extremo desta praia fómase de xeito estacional a Lagoa de S. Martiño que nós non poidemos contemplar porque con este verán 2023 tan seco, non tiña auga.
Piñeiral de Morouzos


Abandonamos a praia e as duna de Morouzos polo seu piñeiral que serve de lugar de acampada durante a celebración do Festival Folk que se celebra en Ortigueira dende 1978.
Piñeiral de Morouzos

O piñeiral é moi extenso. Aínda quedaba xente da que acudira ao festival celebrado hai uns días.
Piñeiral de Morouzos

O piñeiral é moi grande e fermoso e ten tamén área recreativa con mesas, bancos, barbacoas...
Piñeiral de Morouzos

Despois de travesar o piñeiral anterior, atopamos o restaurante A Cabana do Fos, onde paramos a xantar e quedamos moi satisfeitos: a atención e a comida moi ben (As racións son moi grandes)
Restaurante A Cabana do Fos

Para volver de novo á vila e facer a ruta circular á saída do restaurante pillamos unha estrada local á dereita.

A estrada anterior desemboca na DP- 6114 onde pillamos á esquerda e só uns poucos metros despois pillamos á dereita (onde vemos o coche branco na foto)

A estrada local é moi tranquila (non vimos a ninguén) e con moita sombra:

Dende un punto do percorrido observamos que agora a marea está chea e a ría ten auga.

Chegamos a unha bifurcación moi cerca xa da vila e pillamos un camiño á dereita.

Estamos na parroquia de S. Martiño de Luama (realmente hai xa uns cantos km. que estamos nesta parroquia) e por ela entramos de novo á vila de Santa Marta.

Xa podemos ver a vila:

Atopamos a Praza Profesor Ovidio Fontela Rubiños
Praza Profesor Ovidio Fontela Rubiños


Entramos pola Rúa Curuxeira
 
Nesta rúa vemos o monumento á muller campesina.
Monumento á muller campesina

Despois de parar nun bar no centro da vila, ao pé da Praza de Isabel II, retomamos o percorrido pola rúa Manuel Sandomingo.

Dende esta rúa vemos a igrexa eo edificio do antigo mercado que data de 1917 aínda que xa existía outro do 1871.
É unha construcción curiosa con dúas filas de 5 columnas cada unha e teito de madeira.


Estamos agora no barrio do Ponto, o máis antigo da vila, onde se asentaron os primeiros habitantes de Santa Marta.
A que vemos na foto seguinte, é a Praza dos Anxos, unha praciña moi pequena a dúas alturas unidas por unhas escaleiras.

Escaleiras e rúas moi estreitas no barrio do Ponto.
 
As estreitísimas rúas da parte máis antiga de Santa Marta: o barrio do Ponto.
 
A través das escaleiras imos subir ao Campo da Torre para ver o Muíño de Vento que alí hai.

Aspecto da vila de Ortigueira dende as escaleiras que dan acceso peonil ao Campo da Torre.

Outro aspecto da vila co porto e a ría.

O primeiro que vemos ao chegar arriba é este monumento, o 1º que unha vila española dedica á Infantería de Marina. Trátase dun triple monolito de pedra adornado cos escudos da Infantería de Marina e do concello de Ortiguiera.
O monumento conmemora  cando no S. XVI houbo unha campaña de incursións navais da Armada Inglesa ao mando do capitán Drake. Un dos seus obxectivos era cidade de A Coruña e medio cento de orteganos axudaron á Infantería de Marina que defendía esta cidade.

O Muíño de Vento do Campo da Torre atópase na parte máis alta da vila, sobre o Barrio do Ponto a 65m. de altitude.
Foi contruido no 1888 no lugar onde antes houbo unha fortaleza medieval e antes, un poblado castrexo.
Muíño do Campo da Torre

Tras décadas de estado ruinoso, no ano 2005 foi reconstruido de maneira fiel. Conserva as dúas pedras de moer, unha para o trigo e outra para o millo. Ata os anos 30 estivo en funcionamento.
Muíño do Campo da Torre

Baixamos e desembocamos directamente na Praza de Isabel II.


Na Praza de Isabel II cocéntranse un conxunto de edificios emblemáticos: O edificio que alberga o concello, a igrexa de Santa Marta e o Teatro da Beneficencia que antigamente formaban o Convento de Santa Marta. As súas orixes están no S. XVI aínda que os edificios que vemos actualmente son do S. XVIII.
Praza de Isabel II

A igrexa de Santa Marta foi erixida no S. XVIII e forma un corpo coa Casa do concello á que se une formando un ángulo recto. O Convento orixinal foi destruído por un incendio no ano 1550.

Igrexa de Santa Marta

O conxunto conventual pertencía á Orde dos Dominicos.
Casa do concello e Teatro da Beneficencia.

Seguimos polo centro da vila, agora pola rúa Luciano Pita tamén chamada Rúa real ou Ancha onde hai edificios señoriais con fachadas modernistas con galerías e balconadas de ferro.
Rúa Luciano Pita

Rúa Luciano Pita

A seguinte casona cunha fermosa fachada foi dun indiano. É a Casa da Cordeira
Rúa Luciano Pita

Estas casas foron construidas a finais do S. XIX e primcipios do XX e nelas viviron algúns dos personaxes máis representativos da política e da cultura de Santa Marta.
Rúa Luciano Pita
 
Unha pequena prazoleta encarando xa o final do percorrido:

Unha última foto pola estrada xeral. Un pouco máis adiante, chegamos de novo á Oficina de Turismo que foi o inicio e final da nosa ruta.


Páxinas web consultadas:
https://www.paxinasgalegas.es/fiestas/jardines-del-malecon-o-de-julio-davila-ortigueira-25021.html

https://perderelrumbo.com/que-ver-en-ortigueira/

https://es.wikipedia.org/wiki/R%C3%ADa_de_Ortigueira_y_Ladrido

https://www.paxinasgalegas.es/fiestas/barrio-do-ponto-ortigueira-4712.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/2006/10/19/ortigueira-rendida-marines/0003_5208454.htm

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/181221000192/muino-de-vento-do-campo-da-torre?langId=es_ES&tp=10&ctre=59

Ningún comentario:

Publicar un comentario