martes, 17 de setembro de 2024

CAMIÑO PRIMITIVO: SALAS-TINEO

Empezamos o Camiño Primitivo de Santiago o ano pasado e hai máis dun ano que non facíamos ningunha etapa, concretamente en xuño de 2023 fora a última (Grado-Salas). Tocou neste 2024 facer a 3ª etapa Salas-Tineo. Tíñamos lido que era unha etapa dura pola subida ata a A Espina pero a nós resultounos fácil, sen gran desnivel e sempre á sombra. Foi unha das etapas que máis doada nos resultou das 3 que levamos.

Características:

Lonxitude: 20,2 km.

Dificultade: fácil

Ruta lineal ben sinalizada pero a mín sempre me gusta seguir un track que me sinale os lugares importantes. O meu  en WIKILOC

Descripción:

Partimos de Salas, capital do concello do mesmo nome. Xa pasamos na anterior etapa por Cornellana que tamén pertence a este concello. Salas abre a porta ao occidente asturiano con paisaxes espectaculares de acento rural e con outras de aires coloniais e medievais. O mesmo centro histórico de Salas está declarado Conxunto de Interés Histórico polos edificios medievais que conserva.

A Colexiata de Santa Mª A Maior conserva este nome só por tradición e foi mandada edificar polo arzobispo Fernando de Valdés no S. XVI. O templo foi construido co fin de servir como panteón da familia Valdés e de feito, unha das obras máis importantes que conserva no seu interior é o mausoleo en alabastro dese arzobispo Valdés.

Non vimos o interior porque estaba pechado.

Colexiata de Santa Mª a 

Vista da torre que foi engadida ao outro edificio anos máis tarde, ao igual que outras capelas laterais.

Torre da Colexiata de Salas

Unha foto para a lembranza das 7 persoas que estamos a facer este Camiño Primitivo.

(Falta unha, que sacaba a foto)

Praza do Concello en Salas

A Torre Medieval está unida ao Palacio Valdés, casa natal de Fernando Valdés. Fernando de Valdés e Salas (S. XV-XVI) foi un home que acadou un tremendo poder na súa época en diferentes cargos civiles e eclesiásticos (bispo, arzobispo, inquisidor xeral....) Deixou tamén no su testamento a súa mellor obra: a creación da Universidade de Oviedo.
O Palacio Valdés tiña capela como se ve na ábsibe semicircular.
Palacio e Torre dos Valdés.

O Palacio Valdés (BIC) é actualmente Oficina de Turismo, Casa da cultura e tamén alberga un pequeno hotel. O Palacio está unido á Torre polo arco que se ve e no que están os escudos da familia Valdés -Salas. A Torre é BIC e alberga actualmente un Museo Prerrománico.
Arco que une a Torre co Palacio 

Abandonamos Salas cruzando a Praza da Campa.
Praza da Campa en Salas

E pola rúa Ondinas xa imos cara ás aforas.
Rúa Ondinas

Pasamos diante dun fermoso albergue privado moi chulo que chamou a nosa atención.
Albergue privado

Entramos xa en pleno bosque e vemos a Fonte de Paín.
Fonte de Paín

O asfalto xa rematou e vai un fermoso día de sol pero imos sempre á sombra.
Sempre á sombra

 Atravesamos a Ponte de Borra construida entre os S. XVII e XVIII cando este era o camiño que había para ir de Salas a La espina, antes da construcción da estrada xeral. A ponte salva un rego que vai desembocar ao Nonaya, algo máis abaixo.
Ponte de Borra

 Decidimos baixar 250m ata a cascada do Nonaya e vemos a Ponte do Carcabón. Despois pasaremos por derriba.
Ponte do Carcabón

A cascada está formada polo rego da Bouza que cae sobre o río Nonaya.
Cascada do Nonaya

Estamos subindo pero aínda que hai tramos bastante empinados, en xeral levamos moi ben a subida. Témolas subido bastante peores. Esta non ten moito desnivel e por riba o camiño vai sempre á sombra. O certo que subimos a bastante altitude pero notámolo pouco. Será que estamos máis en forma do que pensabamos?
Subindo cara a La Espina

Saimos á estrada N-634 por onde camiñaremos uns 800m. con coidado porque aínda que non ten moito tráfico tampouco ten arcén. Moito ollo!
N-634 sen arcén

Pasamos por debaixo da A-63, a autovía Oviedo-La Espina.
N-634 e A-63
 
E deseguida pillamos un camiño á esquerda para volver adentrarnos no bosque. Despois dunha subida de algo máis de 1km. empezamos a ver claros con prados e aldeas ao lonxe.

Estamos en zona totalmente gandeira e pasaremos  por diversas granxas vacunas.

Chaman a nosa atención dúas inmensas faias que atopamos neste prado:

Ao lonxe, as aldeas Brañameana, El Castro...A subida remata en Porciles. Agora veremos unha zona cha, na parroquia de Bodenaya.

Porciles é un lugar da parroquia de Bodenaya (concello de Salas) Na foto, un hórreo porque só ten 4 cepas, ao contrario da paneira que ten 6.

Un fermoso e antigo muro de pedra seca en Porciles.
Muro de pedra seca na parroquia de Bodenaya

Abandonamos xa Porciles rematando o asfalto por un camiño de carro de toda a vida. Frente a nós o Pico La Pereda.

Á beira dun cemiterio temos o Cruceiro de Bodenaya.
Cruceiro de Bodenaya

A igrexa de Santa Marina de Bodenaya é unha igrexa rural dunha sola nave.
Igrexa de Santa Mª de Bodenaya

Tamén vemos en Bodenaya o albergue en pedra e pintura rosa aberto en 2007, sendo un dos primeiros albergues privados do Camiño Primitivo.
Albergue de Bodenaya

Acadamos outra vez a N-634 xa cerca de La Espina (a  500m.). Temos que cruzar esta estrada.
Bodenaya

Imos en cómodo camiñar por unha recta entre paneiras e casas.

Entrando na Espina chama a nosa atención este fermoso edificio: é a escola de La Espina. Un CRA (Centro Rexional Agrupado) que recibe alumnos/as doutras localidades e abarca Infantil e Primaria. Actualmente ten 26 matriculados.
Foi contruida grazas ás aportacións económicas dun veciño deste lugar que emigrou a Cuba (ano 1941)
Escola indiana de La Espina

Hoxe é día de feira na Espina e por eso non podemos fotografar ben a igrexa de S. Vicente. En La Espina houbo tamén unha malatería(hospital de leprosos) da que non queda nada.
Igrexa de La Espina en día de feira

Celebrábase a Gran Feira de Covadonga e había tamén un mercado de gando vacuno e cabalar.
Gran Feira de Covadonga

Aquí crúzanse varias estradas. Nós temos que ir á esquerda para seguir de frente. Algo máis adiante paramos a comer en Casa El Cándano. Sentados nunha pequena terraza que hai, comemos uns bocatas que sabían a gloria. Hainos de varios ingredientes e ademais moi baratos. Despois de tomar tamén alí un café, arrancamos.
La Espina

Deixamos La Espina por este carreiro. Ás veces á sombra e outras por campos abertos.

A Capela do Cristo dos Aflixidos ao pouco de salir de La Espina, sirveu no pasado ata de galiñeiro antes de ser restaurada. Estamos xa no concello de Tineo.
                                                       Capela do Cristo dos Aflixidos
Un rincón idílico xunto á capela:

A Capela do Cristo dos Aflixidos, de frente. Dentro pódese ver un Cristo que voltou a este lugar despois de estar durante anos no templo parroquial , mentras a capela estaba deteriorada.
  Capela do Cristo dos Aflixidos

Voltando a vista atrás, vemos moi ben La Espina.
Ao fondo, La Espina

En Asturias, a cuncha que sinaliza o Camiño está colocada ao revés que en Galicia.

Estamos atravesando La Pereda, parroquia de Tineo.
La Pereda (Tineo)

Vemos unha casa moi decorada que é un albergue privado, moi recomendado polas redes sociais.
Albergue

Seguimos por La Pereda, (barrio El Reconco) no medio de prados, casas e granxas. Vemos tamén paneiras e hórreos.

La Pereda e máis ao fondo, La Espina.

Fermosísima paisaxe de prados coa Serra da Curiscada ao fondo.

Empezamos a ver tellados de lousa porque estamos cada vez máis cerca da provincia de Lugo, onde o que predomina nos tellados é este material. Estamos en Bedures.
Bedures

O Muíño de Bedures é testemuña de tempos pasados nos que había que ir aos muíños a moer os grans de trigo ou millo para obter a fariña coa que cocer o pan despois. Case sempre se mandaba aos nenos e nenas da casa porque era un traballo que podían facer: "El obero más ruín, a por agua y al molín"
Tamén ían os mozos e mozas para os que o muíño era punto de encontro moitas veces para mocear.
Muíño de Bedures

E agora chegamos a El Pedregal.


Camiños moi fermosos con árbores autóctonas.

Desembocamos na estrada AS-216 onde vemos un enorme ciprés que foi plantado en 1959.
El Pedregal

Temos que ir un pequeno tramo pola estrada. É curto pero perigoso pola falta de arcén. Pasamos diante da igrexa de S. Xusto e Pastor.
Igrexa de S. Xusto e Pastor

Pillamos á dereita deixando a estrada e vemos unha enorme cruz de pedra, símbolo deste camiño e aparece mencionada por vez 1ª en 1693.


O camiño ten  algúns tramos embarrados e con auga aínda que estamos a primeiros de setembro, supoño que en época de chuvias estarán peor pero é o que ten ir por camiños naturais. Só hai que levar bon calzado!

Pasamos outro muíño (O de Tablas ou Carbayo) practicamente en ruínas e seguimos por estes camiños ancestrais.

Hortas, prados, leiras de millo...din ben á que se dedica esta zona.

Pasamos por unha congostra (palabra que se está perdendo en galego porque poucas deben quedar)
 
E así fomos chegando a S. Roque a 1km. do centro da vila. 
 
A Capela de S. Roque dise que foi construida polo propio santo aínda que o máis probable é que fose construida por peregrinos franceses. Pénsase que é de finais do S.XII e foi rehabilitada e restaurada en varias ocasións aínda que conserva restos do seu estilo románico.
Capela de S. Roque(Tineo)
 
Ao redor da capela, hai un enorme campo moi coidado onde tódolos anos no mes de agosto se celebra unha importante e multitudinaria romería en honra de S. Roque.

E ata aquí chegou a nosa etapa de hoxe!!

Páxinas web consultadas:
https://www.ayto-salas.es/https://fundacionvaldessalas.es/fernando-de-valdes-y-salas-una-vida-dedicada-al-poder/
https://xurdemoran.blogspot.com/p/bienveni-blog-oficial-del-periodista-y.html
https://www.asturnatura.com/turismo/guia/capilla-de-san-roque-2653









xoves, 12 de setembro de 2024

VAL DO ESQUEIRO. SOTO DE LUÍÑA( CUDILLERO)

 No concello de Cudillero xa teño feito unhas cuantas rutas:

Ruta do río Cabo ou Ballota.

Praia do Silencio e Ribera del Molín dende Santa Marina.

Oviñana: acantilados de Cabo Vídio/ Oviñana/Bosque de Valdredo

Lamuño/La Concha/Lamuño

Todas elas foron feitas en parroquias do concello, aínda teño algunha pendentes, unha delas na mesma vila.

A parroquia que hoxe visitamos, Soto de Luíña (en asturiano Souto Lluiña) non ten aínda 500 habitantes e recibeu xunto con Novellana no ano 1992 o Premio Príncipe de Asturias ao "Pueblo Ejemplar"

Características desta ruta:
Lonxitude. 8,2 km.

Dificultade: baixa

Ruta circular sinalizada pero con sinais pequenas que poden pasar desapercibidas. Eu recomendo seguir un track. Hai varios. eu deixo o meu en WIKILOC

Descripción:

A ruta parte da igrexa de Santa Mª que é froito da construcción en diversos periodos tendo a súa orixe no S. XVI, evolucionando no seguinte para rematar a súa identidade actual no S. XVIII. É de estilo barroco e destaca a súa Torre con 11 hornacinas similares que albergan imaxes relixiosas en pedra ou madeira.

O antigo Hospital de Peregrinos ao pé da igrexa anterior, e formando perte do conxunto monumental, data do S. XVI e o edificio actual ten unha arquitectura vinculada ao desenrolo constructivo da igrexa.
Na 2ª década do S. XVIII reformouse o 1º edificio para dar un servizo pleno aos peregrinos do Camiño de Santiago (O Camiño Primitivo pasa por aquí) Funcionou nesta época tamén como escola. O edifcio reproduce o modelo de casa noble rural asturiana.
No S. XIX, o edificio foi Casa Rectoral e Centro de Difusión Cultural.
Despois dun proceso d eabandono e deterioro durante uns anos, no 1992 remataron unhas obras de restauración que deron ao edificio o novo uso de Casa da Cultura.


Antigo hospital de peregrinos, rectoral, escola...hoxe Casa da Cultura

Camiñamos ata sair da vila pillando onde está "La Tasca de Rosa" á dereita. Nesta tasca comemos hoxe. O certo é que con boa atención e con limpeza pero pareceunos un "menú do peregrino" algo caro: Patacas fritas, 2 ovos, un chorizo (en lugar do chourizo podías escoller tamén entre beicon ou lombo) bebida, pan e postre (arroz con leite), 13,5€ (café aparte)

O que vemos no poste é a maneira de como está sinalizada esta ruta. É bastante pequeno o sinal e ás veces pasa desapercibido.

Á nosa esquerda vemos por vez 1ª o río Esqueiro que ten un curto percorrido (15 km.) antes de desembocar na Praia de S. Pedro.

Imos dirección Prámaro, un lugar desta parroquia de Souto de Luíña, de pouco máis de 40 habitantes e onde a actividade económica máis importante parece ser a gandaría.

Pasamos pola fonte deste lugar:

A Ponte de FEVE  en Prámaro construida nos anos 1928/29. Tamén vimos  moitas paneiras e hórreos. 

Prámaro é un lugar moi cha, un fértil val ao pé do río Esqueiro.

En Prámaro hai 2 capelas, moi cerca unha da outra. A 1ª que atopamos é a Capela do Anxo da Garda que é privada, pertence a 3 familias que se relevan ano a ano para coidala.

Prámaro é un lugar moi tranquilo e fermoso que no verán aumenta moito a súa poboación.

A outra capela é a da Virxe dos Remedios, patroa da localidade e á que se dedican as Festas que se celebran en xullo.

Ao remate da aldea, chegamos ao río e collemos á esquerda pra comenzar a camiñar polo paseo fluvial ás beiras do río Esqueiro.

Iniciamos o paseo fluvial do Río Esqueiro.

Á dereita levamos o río e á esquerda os prados e as vivendas de Prámaro.


Actualmente quedan 3 gandarías que se dedican á producción de leite.



Atopamos varias pontes que cruzan o río.

O río Esqueiro leva bastante auga e axuda a facer máis fértiles estas veigas.

Estamos a punto de abandonar este paseo momentáneamente.

Chegamos a un cruce e se seguimos os dous peregrinos que vemos, voltamos a Soto de Luíña nun poucos metros. Como nós non imos facendo o Camiño Primitivo hoxe, cruzamos a estrada, alonxándonos de momento do río Esqueiro.

Estamos no lugar El Cepedo.

Na parede desta casa vemos sinalizacións do Camiño Primitivo (En Asturias o sinal da cuncha é ao revés que en Galicia) e da ruta que estamos a facer.


Estamos noutra parroquia, na de S. Martín de Luíña, limítrofe coa anterior de Soto. Pasamos por El Cepedo.


En El Cepedo, collemos un carreiro e voltamos outra vez ás beiras do río Esqueiro que imos acompañar case ata a súa dsembocadura.


Ao lonxe, vemos a A8. Pasaremos por debaixo dese viaducto.


Entre árbores, á beira do Esqueiro.


Deixamos o río de novo e cruzamos unha ponte para salvalo. Torcendo á dereita xa imos cara a S. Pedro de la Ribera.


S. Pedro de la Ribera pertence á parroquia de Soto de Luíña. É un lugar pequeno moi próximo ao mar e dividido en dúas zonas cortadas pola estrada que chega aí. Son Calea de Arriba e Calea de Abajo.
Na foto, entrando na vila, vemos Calea de Arriba.

Pasamos o Camping en cuxo bar paramos a toamr algo e logo esta recta que vemos achéganos ata a praia.

O río Esqueiro desembocando na Praia de S. Pedro.

A Praia de S. Pedro ou de Bocamar é unha das máis importantes e concorridas de Cudillero 

Esta praia conta con bos equipamentos: socorrismo, bares, área recreativa...

Agora, en lugar de ir por onde viñemos e para facer esta ruta circular pillamos á dereita.

O Camping de S. Pedro de la Ribera estaba aínda a tope. Tiña tendas de campaña, caravanas e bungalows. Está moi ben situado, a 200m. da praia e a 10km. de Cudillero. Ten tamén un bar-restaurante grande e con terraza.

Pasamos por Calea de Arriba.

 E dende aquí vemos ben todo S. Pedro con Calea de Abajo e Calea de Arriba.

Ao rematar Calea de Arriba collemos un camiño en lixeira subida uns metros.

Pasamos de novo por debaixo da A8

E desembocamos xa no barrio de La Foxaca, chegando a Soto de Luíña.

Pasamos diante do Colexio Público "Nuestra Señora de la Humildad"

E deseguida estamos de novo na igrexa.

Os sinais da ruta lévannos por detrás da igrexa onde vemos esta fonte sen auga.


Páxinas web empregadas:
https://www.rtpa.es/noticias-asturias:Pramaro,-un-pueblo-agricola-y-ganadero-del-concejo-de-Cudillero_111694774813.html