sábado, 17 de febreiro de 2024

SUBIDA AO PICATO PR-G 84 (TRABADA)

 Trabada é un dos primeiros concellos da Mariña luguesa que apostou polo sendeirismo, tendo nada menos que 5 rutas homologadas e ademais perfectamente acondicionadas e sinalizadas, que non sempre é así.

Desas 5 rutas, coa de hoxe xa fixen 4. As outras 3 son:

Fraga de Vilapena

Fraga da Becerreira

Ruta do Vento

A ruta de hoxe funa deixando estes anos porque sabía que había unha subida e non me gustan. Hoxe decidín facela e  resulta que é unha ascensión suave e moi curta (600m.) Gustoume o percorrido polas excelentes vistas dende o cume do Picato (podemos ver o val de Lourenzá, Trabada, distintas aldeas, montañas e o mar Cantábrico) e gustoume que non pisa absolutamente nada de asfalto, apenas hai eucaliptos (piñeiro silvestre e toxo baixo na zona alta) A tranquilidade é absoluta, nesta ruta case se escoita o silenzo. Cerca non hai casa ningunha, nin animais habituais nos montes como cabalos ou vacas...nada. Só vin un corvo e algún insecto pequeno. 

Características desta ruta:

Lonxitude: 7,7 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular moi ben sinalizada.

De tódolos xeitos deixo o track que grabei en WIKILOC

Descripción:

Inicio esta ruta ao pé da área recreativa do Chao do Couso. Estou na parroquia de Vilapena, concello de Trabada.

Área recreativa Chao do Couso
Por un camiño ancho rodeado de piñeiros, empeza a ruta.
Empezando a ruta

A medida que imos ascendendo (de xeito moi suave) as árbores van desaparecendo e hai formacións rochosas.

Aparecen as rochas

Hoxe está un fermoso día de febreiro que permite desfrutar da camiñata e tamén poderei desfrutar das vistas.

Aló ao lonxe vense unhas antenas. É a cima do Monte Picato. Alí hai que chegar.

Ao lonxe, a cima do Picato

Atopo esta bifurcación (a ruta non ten perda do ben sinalizada que está) De facer a ruta curta, voltariamos polo camiño da dereita para enlazar ata o inicio polo que agora imos deixar. Empeza a subida.
Empeza a subida

É unha ascensión de 655m. non demasiado esixente.

Xa se ven as antenas. Estou chegando.
Chegando ao cume
 
Aquí houbo un panel con información do que se vía dende este lugar. O panel segue estando pero a información non.
Restos dun punto de información

Vales e montañas galegas e asturianas.



Vemos a vila de Trabada e tamén a costa cantábrica.

As vistas son excepcionais e o día moi propicio para desfrutalas. Nesta foto vemos a parroquia de Vilapena.

Polo oeste vexo todo o Val de Lourenzá e montañas próximas e lonxanas.
Val de Lourenzá e montañas.
 E agora toca empezar a baixar.

Baixando, seguimos desfrutando de fabulosas vistas.

Agora o noso chan é un carreiro de herba alta e mol.

A ruta estame gustando moitoooo!!

Facendo sendeirismo desfrútase dun asento en 1ª fila para ver esta fermosa paisaxe.

Remata o carreiro para enlazar cun ancho camiño:

A baixada do Picato deixa unhas vistas do máis femosas!

Paso por un refuxio.
Refuxio
Que haberá despois?

Pois despois....vemos esta alucinante paisaxe con Trabada ao fondo.

Estamos nunha zona alta onde as árbores non acostuman a medrar pero vemos algún que outro acivro.

Aquí temos a bifurcación da ruta curta ou longa. Se queremos facer a curta (5 km, aprox.) pillaremos á dereita e se facemos a longa como eu vou facer, sigo de frente.
Bifurcación

Aínda continuo a ver fermosas paisaxes pero axiña as vou perder de vista.
Acivro e vistas

O piñeiro silvestre é a árbore máis abundante nesta ruta. Dase en zonas con variada temperatura. A madeira destas árbores é moi compacta, a mellor de tódolos piñeiros que hai en España. É moi aprezada para usar na construcción, ebanistería e serrería e tamén para producir pasta de papel.
Piñeiro silvestre
Hai algunha zona do percorrido onde tamén medran as acacias. Hai especies desta árbore de folla caduca. Estas son de folla perenne. A acacia, na antigüidade era considerada como unha planta marabillosa polas súas propiedades curativas e para facer fuxir a mala sorte.
Estas árbores supoñen un problema en Galicia: hai zonas onde se están a propagar con moita rapidez, sobre todo as mimosas e a acacia negra que é a que se ve na foto. Son invasoras que supoñen unha ameaza para a nosa vexetación autóctona e para nós, os humanos xa que en caso de incendio estas árbores axudan a propagalo.
Esta planta“reduce de forma considerable la cantidad de luz en el nivel del sotobosque, disminuye la disponibilidad de agua en el suelo, altera de forma severa el contenido de nutrientes y produce acidificación en el suelo, altera las comunidades microbianas y las actividades enzimáticas del suelo, y disminuye la cubierta vegetal nativa, además de la diversidad de especies bajo su sotobosque”, subraya el investigador sobre esta especie que califica como ‘agresiva’ porque “produce tal cantidad de impactos en las zonas que invade que no permite la supervivencia de muchas de las plantas nativas”.
Acacias negras, unha árbore invasora.

Tamén hai algunha pequena zona onde se poden ver árbores autóctonas como algún carballo e amieiro que agora están sen follas.

Especies autóctonas

E como non? atopei tamén unha zona pequena de plantación de eucaliptos.
Monte de eucaliptos

Nun momento dado, xa case rematando aruta, á esquerda e aló embaixo está Vilapena.
Aló embaixo, Vilapena

E chegamos ao punto de inicio! Fun por Campelas e volvín pola Cruz da Cabana. Semella que os sinais apuntan ao mesmo sitio e o certo é que case é así porque os dous camiños, o de ida e o de volta, que aquí se bifurcan, conflúen no mesmo sitio na ida e na volta. Empezan paralelos e moi xuntos.
Sinais no inicio e fin da ruta

Unha vista xeral da área recreativa do Chao do Couso.
Área recreativa "Chao do Couso"


Páxina web consultada:
https://www.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/1477390/acacias-preciosa-letal-invasora-montes-galicia

venres, 9 de febreiro de 2024

RUTA POR CARIÑO (NA CONSERVA DA MEMORIA)

 Non coñecía Cariño e nunca fixera unha ruta neste concello. Fixen unha ruta urbana guiándome por un track publicado polo concello, aínda que non o seguín exactamente, chamado "Na conserva da Memoria". Supoño que o nome se debe a que parte do percorrido vai polas zonas máis antigas da vila onde se poden ver cousas moi interesantes como xa explicarei.

Encantoume esta vila mariñeira, o seu porto, as praias, o casco antigo...

Características:

Lonxitude: 6 km.

Dificultade: ningunha

Ruta circular (no meu caso semicircular porque o que me faltaba para completar o círculo xa o percorrera antes de empezara grabar) e sen sinalizar.

O meu track en WIKILOC:

Descripción:

Empecei a ruta ao pé da Casa do Concello situado ao pé do Paseo marítimo e estreada no 2007.

 

O concello de Cariño segregouse do de Ortigueira, ao que antes pertencíano 1988 sendo o 1º de Galicia que o fixo.

Casa do Concello

O edificio do concello está frente ao mar e ao Paseo Marítimo:

O percorrido lévame primeiro polo espigón do porto. O de Cariño é o porto de Galicia con máis movemento de mercaduría, destacando o mineral de ferro que provén das minas de dunita explotadas en Landoi, parroquia deste concello.

Tradicionalmente foi un importante porto pesqueiro e aínda quedan barcos que se dedican a este oficio pero que frecuentemente teñen que ir descargar a outros portos. Hai uns meses, a consellaría do Mar contemplou destinar máis de 7 millóns de euros para o dragdo do porto e reforzar o dique de abrigo.

«As obras permitirán mellorar a operatividade do porto devolvendo o calado necesario para a actividade diaria do sector pesqueiro e o tráfico comercial" (la Voz de Galicia)

Porto comercial e pesqueiro de Cariño

Tamén hai un pequeno porto deportivo. Cariño sempre dependeu das actividades do mar sendo nos anos 70-80 cando viveu o seu máximo esplendor para empezar a decaer nos anos 90, entrando nunha gran crise o sector pesqueiro e conserveiro que dura ata a actualidade.

Camiñei ata o final deste pantalán dende onde hai unha perfecta visión da vila, da praia da Concha e do porto.

A praia da Concha é a máis próxima ao porto, é a máis urbana e ten unha importante zona dunar.

Praia da Concha

Subín unhas escaleiras e cheguei ao Miradoiro do Castro con boas vistas sobre a vila .

Despois, seguindo sempre o track do concello, subín outras escaleiras que me levaron á rúa Castro de abaixo e deseguida á unha zona moi fermosa e de interese xeolóxico: o Castro de Cariño.

Podemos ver un pregue de grandes dimensións. Estamos no ámbito xeográfico do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal definido polos límites dos concellos coruñeses de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Ortigueira e Valdoviño. Son arredor de 799 km² de superficie (632 en terra e 167 de fronte marítima costeira) que, en boa parte, forman parte do chamado Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal, amplamente estudado pola ciencia especializada desde mediados do século XX.


Un lugar con moitísima historia, onde polo nome debeu de haber un Castro cuns acantilados que impoñen, unhas vistas privilexiadas á Estaca de Bares e uns pregamentos xeolóxicos moi importantes e por máis que busquei información hai moi pouca sobre este lugar que a min me sorprendeu e entusiasmou!!

Observei a bravura da natureza en estado puro!!

O illote ou pico onde está o pregue, visto polo outro lado.

Dende a punta do Castro vemos o inmenso mar e, ao lonxe, Estaca de Bares.


Volvo sobre os meus pasos para ir agora pola rúa Castro de Riba

Para chegar a un novo miradoiro, o da Rúa Antiga.

Miradoiro da Rúa Antiga

Dende o Miradoiro da Rúa Antiga podemos ver os cercanos acantilados e a onnipresente Estaca de Bares.

Estamos na zona máis antiga da vila, con vivendas que reflicten o pasado mariñeiro. Os primeiros asentamentos desta vila foron localizados na Punta do Castro.

Unha rúa de Cariño

Chegamos ao Miradoiro do Pósito dende onde seguinmos a ver acantilados , a Estaca de Bares e mirando a esquerda as casas case colgando dos cantís.


Neste miradoiro hai un recordo a un mariñeiro da localidade desaparecido en 2011 no mar:
Miradoiro do Pósito
Seguindo polo casco antigo, aquí é onde foi contruído o maior nº de vivendas ente 1800 e 1960. Outras vivendas foron construidas nos anos 70/80 coincidindo coa época de maior esplendor no sector pesqueiro.
Unha rúa de Cariño

A igrexa de S. Bartolomeu está no corazón deste barrio antigo. Unha campana desta igrexa (colocada debaixo da campá principal) é a de proa do vapor mallorquín Miramar que no 2018 quedou encallado  na zona de Cabo Ortegal. O pobo cariñés foi na axuda deste barco logrando rescatar a boa parte da tripulación. En agradecemento, os superviventes e a empresa armadora enviaron a campá de proa do buque para a capela de S. Xiao do Trebo pero finalmente foi instalada nesta igrexa.
Esta igrexa no S.XVI estaba xunto á praia da Concha.
Igrexa de S. Bartolomeu.

Aínda nos queda outro miradoiro por ver: o do Cemiterio. Así chamado por estar moi cerca deste.

As edificacións do casco antigo manteñen as súas características orixinais. Son vivendas sinxelas de dúas ou tres plantas cunha tonalidade cromática preciosa.
Rúa do casco antigo

O casco vello destaca pola súa expansión cara ao norte, en ladeiras, con rúas estreitas e certo grao de inclinación aproveitando a pendente do terreo.
Rúa do casco antigo
Moitas casas pero rúas baleiras.

Atopo a Praza Marina Española, moi pequena e recollida.
Praza da Marina Española

No centro da praza hai un monumento dedicado ao mariñeiro e a casa de en frente pintada en rosa claro e verde é Casa Etelvina, un estanco que sobreviviu ao paso dos anos
Praza da Marina Española

La Pureza é a única fábrica en activo das que compuxeron a industria conserveira de Cariño nun pasado non tan afastado. Unha industria que deu identidade á vila e que constituíu unha das súas actividades económicas principais. Nos comezos do século XX chegaron a superarse a vintena de fábricas en activo nesta vila mariñeira. O mar constituíu en Cariño a principal fonte económica e de alimentación. Por aquel entón, os homes eran os que saían a faenar e as mulleres eran as que ocupaban as fábricas de conservas xunto cos labores da casa. 
Fábrica de conservas "La Pureza"

A partires de aquí e en lugar de seguir pola avda. da Constitución como me mandaba o track do concello que seguía crucei para achegarme á beira do mar xa que esta avda. non tiña para min ningún atractivo.

Paseo Marítimo de Cariño

A praia da Concha ten un importante sistema dunar.

Na seguinte foto vemos a praia da Concha, o espigón da Basteira e o Monte Mazanteu ao redor do que vai outra ruta que tamén quero facer. Do outro lado do espigón hai outra praia.

Praia da Concha
 Praia da Concha mirando cara ao porto.
Praia da Concha

Monumento á Pescantina xunto ao Paseo Marítimo.

O río Maguleiro desemboca na praia da Concha, ao pé do espigón da Basteira.

Río Maguleiro desembocando

A praia da Basteira, ao pés do monte Mazanteu, está separada da da Concha por un espigón.
Praia da Basteira
O espigón que divide as praias da Concha e da Basteira. Na foto, á dereita, a da Concha; á esquerda a da Basteira.
Espigón da Basteira

O paseo continua por esta pasarela de madeira pero eu din a volta xa que pola mañá fixera outra ruta e empezaba a cansar.
Paseo entre dunas e Monte Mazanteu
A fermosura da praia da Basteira é incuestionable coas augas azul turquesa, o seu sistema de dunas e ao abrigo do Monte Mazanteu.
Frente a esta praia din por rematado este precioso paseo no que coñecín esta vila de Cariño. Quedan outras rutas por realizar neste concello e que teño previstas para este mesmo ano.
Praia da Basteira, as dunas e o Monte Mazanteu


Páxinas web consultadas:

https://www.laopinioncoruna.es/galicia/2019/01/23/carino-puerto-autonomico-importante-23877287.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/carino/2023/10/31/mar-destina-siete-millones-euros-puerto-carino/0003_202310F31C6993.htm

https://guias.masmar.net/index.php/Playas/Coru%C3%B1a-Galicia/Playa-de-A-Concha-Cari%C3%B1o