Voltamos hoxe ao concello de Valdés, á parroquia de Cadavéu/Cadavedo, situada entre Cabo Busto e Cabo Vídio. Xa no ano 1954, Cadavéu ganou o concurso provincial "Pueblo máis bonito de Asturias" e en 2022 recibeu o "Premio Pueblo Ejemplar de Asturias"
Dende a Mariña, a costa occidental asturiana queda cerca e a min encántame esta zona!
En Valdés xa fixemos outras rutas:
Circular Cabo Busto
Los LLugarinos (PR-AS- 5)
Luarca-Praia Portizuelo-Luarca
Miradoiro do Chano+Capela da Regalina
A ruta de hoxe é moi fermosa e fácil pero non a desfrutamos como nos gustaría porque choveunos durante case todo o percorrido.
Características:
Lonxitude: 8,2 km.
Dificultade: fácil
Ruta circular sinalizada só en parte. Para facela circular deste xeito hai que seguir un track. O meu en WIKILOC:
Descripción:
Partimos do cemiterio de Cadavedo despois de parar a tomar o café no Restaurante-Bar El salón
Pasamos pola Cruz de Cadavedo, unha pequena praciña cunha cruz no medio. Supoñemos que de aí lle ven o nome.
|
A Cruz de Cadavedo |
Vemos unha casa indiana, descubriremos varias nesta vila.
|
Casa Indiana |
Consérvanse actualmente uns 95 edificos entre hórreos e paneiras.
Eran paneiras a maioría que vimos. Diferencianse dos hórreos en que son máis grandes e rectangulares.
|
Paneiras asturianas |
Pasamos pola Praza de Campo Miares:
Nesta paneira aproveitaron para facer na parte de abaixo un restaurante. Vimos moitas delas aproveitadas como vivendas tamén.
|
Hotel Astur-Regal |
No Campo da Regalina vemos efectivamente un hórreo, xa que só ten 4 pilares.
Este hórreo estaba antes nun lugar máis próximo ao mar pero un corremento de terra fixo que houbese que trasladalo un pouco máis adentro no prado. Foi desmontado peza a peza para a nova ubicación e tamén se aproveitou para reparar a madeira.
Dende A Regalina hai magníficas vistas e unha delas é a praia de Cadavedo que está na foto.
Praia de Cadavedo.
A capela, pintada de azul e blanco está no campo da Garita e foi construida en 1931 por mandato do padre Galo que quería facer un lugar de peregrinación para venerar á Virxe de Riégala, patrona de Cadavedo.
|
Capela da Virxe de Riégala, coñecida popularmente como "A Regalina" |
Esta punta que sae para fóra chámase Punta de Cuerno.
O Padre Galo consigueu o seu obxectivo xa que o último domingo de agosto celébrase aquí unha multitudinaria romería, declarada Festa de Interese Turístico.
Seguimos avanzando. Este tramo costeiro coincide coa Ruta Cabo Busto - Cadavedo (GR-204) e coa Senda Costeira Internacional E-9.
Vemos a Praia do Serón encaixada entre acantilados. É un areal illado cun acceso a pé complicado.
|
Praia do Serón |
A erosión vai facendo o seu traballo e parte do que antes era terra vaino comendo o mar.
Imos por carreiros naturais cunha sinalización perfecta nesta zona.
A pedra vertical que vemos ao lonxe no mar é a chamada Torre de Fontaniecha por atoparse nesa praia.
Os camiños da ruta de momento están ben acondicionados.
Para chegar á praia de Campiechos imos uns metros por asfalto. En marea baixa este tramo que estamos facendo pode ir polas praias.
A praia de Campiechos está formada de bolos. Ten un acceso doado. É unha praia bastante perigosa. Os illotes que vemos son chamados "Illotes de Llubares".
Nesta praia en marea baixa pode verse unha cova cunhas espectaculares formacións. Teño que volver a facer esta ruta con marea baixa e con bo día.
Dende a praia anterior subimos unha pequena costa
E deixamos as rutas GR-204 e a E9 atravesando un prado. A chuvia arreciaba cada vez máis.
Dende un alto despexado aprezamos a praia de Quintana/ Pluminero. Está nunha zona virxe e de fácil acceso. Coincidimos uns metros de novo co trazado das rutas que antes nomeei e axiña as deixamos para pillar cara a Vilademouros.
Seguimos pola beira dun prado, onde o carreiro está con herba moi grande pero claro, este tramo é inventado, non é o usual nin frecuente, nada se pode esixir.
Debido ao moito que chove hoxe e choveu en días anteriores, os camiños a Vilademouros están anegados.
En lugar de dar un pequeno rodeo e atravesar Vilademouros como nos indicaba o track que seguíamos, atallamos por un camiño e logo un prado.
Vemos na foto seguinte o Pazo de Villademoros do S. XVIII que actualmnete está reconvertido en hotel
Ao pé do que hoxe é un hotel está a Torre de Villademoros á que se pode acceder dende o aparcadoiro do hotel.A Torre foi construida na Baixa Idade Media, probablemente nos S. X ou XI. Foi propiedade dos Villademoros, unha antiga familia asturiana descendente do rei Pelaio. É unha torre de caracter defensivo que foi utilizada con fines militares durante a época da mobnarquía asturiana.
Foi declarada BIC (Ben de Interese Cultural) no 1961 e parcialmente restaurada no 1987.
|
Torre de Villademoros |
Vemos a entrada no 2º andar do edificio paradificultar a entrada a visitar indeseadas. Dende esa porta abríase unha ponte levadiza. |
Torre de Vilademouros |
Voltamos sobre os nosos pasos e a nosa camiñata prosigue agora por un carreiro á dereita .Cruzamos o rego Cogolla Villamoros por un tablón que hai.
Seguimos agora en leve ascenso por un fermoso carreiro.Que nos leva de novo ao cemiterio de Cadavedo, punto de inicio desta ruta. Din unha volta polo cemiterio onde a presunción e o querer distinguirse dos máis humildes queda reflectido nos panteóns luxosos que se ven.
Despois de comer no Casino Bar, bastante recomendable, aínda que para min queda bastante por debaixo das reseñas que lin sobre este restaurante que me parecen esaxeradas.
Pedimos para compartir uns naggets de polo que viñan sen patacas e que personalmente me pareceron moi secos. Gústanme moito máis os que fago eu.
De segundo pedimos ovos fritos con patacas e zorza (picadillo lle chaman nalgúns lugares) con tortos de millo. Estes tortos a min non me gustaron nada de nada e á xente que me acompañaba tampouco: moi sosos e eso que todos acostumamos a comer con pouco sal. Enfín, sumamente insípidos, sen sabor e con algo de grasa.
As racións tampouco son nada abundantes. Eso sí, a atención por parte da muller que nos atendeu, moi boa.
Despois de comer e como se quedara boa tarde, din unha volta pola vila. Cadavéu tivo un pasado gandeiro e agrícola. Actualmente é máis ben un lugar de veraneo e un paso de moitos peregrinos que fan o Camiño Norte de Santiago.
Vin moitos cabozos, máis ben paneiras, ben conservadas ou restauradas e varias casas indianas resultado da emigración destas xentes no pasado ao pé de chalets e casas de nova construcción, tamén apartamentos orientados ao turismo.
Villa Hilda foi construida en 1927 para Félix Fernández que moi novo emigrou a Cuba e fixo fortuna como induatrial tabaqueiro.
|
Villa Hilda |
As paneiras son antigas edificacións rurais sobre pilares para almacenar o cereal. É similar ao hórreo, pero polo xeral ten máis de catro pegollos ou pilares. A distinción estricta, sen embargo, entre hórreo e paneira non é o número de pegollos, senón o tellado. Os hórreos tenen tellados a catro augas
que se unen no punto superior, mentras que as paneiras tenen tellados con cabalete. Moitas paneiras están restauradas, teñen fermosos corredores e son empregadas como vivendas na parte de abaixo. En Cadavedo hai contabilizadas 34 paneiras e 89 hórreos.
Outras casas indianas.
O edificio que vemos di "Escola Municipal" e semella ser da época indiana pero non atopei información ao respecto.
A casa de Juan Cantón foi construida para Juan García Abelló que fixo fortuna en Cuba. Morreu solteiro e a vivenda pasou a súas irmás. Destaca a cúpula recuberta de pizarra negra.
A "Casa Roja" chamada así pola cor da fachada foi construida en 1899 polo indiano Leandro Pérez á súa volta de Uruguay. Actualmente é un hotel.
Unha rúa de Cadavedo:
Esta é a igrexa de Santa Mª:
O monolito que hai no atrio da igrexa conmemora o nomeamento de Cadavedo como "Pueblo Ejemplar de Asturias 2022 por haber sabido mantener la diversidad productiva en el medio rural con la que han conseguido tanto fijar población como asegurar el relevo generacional y por ser una comunidad viva y organizada."
Igrexa de Santa Mª vista polo frente:
En tódalas rúas hai paneiras e/ou hórreos.
Páxinas web consultadas:
https://valdes.vivirasturias.com/playas/c/0/i/60355393/playa-seron
https://cantabriancoast.blogspot.com/2017/01/la-torre-de-fontaniecha.html
https://es.wikipedia.org/wiki/Playa_de_Campiechos
https://es.wikipedia.org/wiki/Torre_de_Villademoros
https://casonasdeindianos.blogspot.com/2010/09/127-villa-hilda-cadavedo-valdes.html
https://www.lavozdeasturias.es/noticia/asturias/2017/11/29/casa-bermellon-elegancia-indiana/00031511954874080918864.htm
Ningún comentario:
Publicar un comentario