martes, 15 de outubro de 2024

A RIGUEIRA (XOVE)

A parroquia da Rigueira é a 2ª máis poboada do concello de Xove, despois da propia capitalidade.

A pesares de que nesta parroquia é coñecida a festividade de S. Antonio que é celebrada cunha romería á que acude xente de toda a zona, o nome oficial da parroquia é S. Miguel da Rigueira e este santo tamén o honran o 29 de setembro.

Quixen coñecer esta parroquia facendo unha ruta circular por algúns puntos desta parroquia.

Características da ruta:

Lonxitude: 7,2 km.

Dificultade: fácil (eu recomendo facela como deixo no track se non che gustan as subidas)

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Iniciei e rematei esta ruta ao pé da igrexa de S. Miguel da Rigueira onde hai amplo sitio para aparcar.

A 1ª reforma desta igrexa tivo lugar no S. XVII. Actualmente están reparando a cuberta. No mes de xuño celébrase aquí unha importante romería na honra de S. antonio.

Igrexa de S. Miguel da Rigueira

Vistas de Ponte do Carro, barrio desta parroquia da Rigueira.

Pillamos a estrada que vai a Ventoselle e deseguida nos atopamos neste lugar que xa está máis no alto deste val.

Ventoselle
Hórreo tradicional en Ventoselle.

Imos en suave ascenso e as vistas, onde os eucaliptos nos deixan, son ben guapas!!

Vistas subindo a Cortellos

Seguimos subindo ata Cortellos. A ruta vai agora por unha estrada local. É difícil agora atopar camiños antigos...xa case  niguén se dedica nesta zona á agricultura nin á gandaría. Os antigos camiños fóronse pechando.

Vemos perfectamnete o mar e outros lugares da parroquia de Xove

Cortellos é outro lugar da parroquia da Rigueira. Actualmente ten só 4 habitantes.

Cortellos

Outro cabozo en Cortellos.

Hórreo en Cortellos

Baixando de Cortellos, dende un monte no que talaron os eucaliptos, temos estas vistas:


Dende Cortellos, o tramo é todo en baixada, ás veces bastante pronunciada.

En Silvas, outro lugar da parroquia da Rigueira, está a "Aldea de Míguez", un complexo de casas rurais formado por 4 vivendas moi fermosas nun entorno de paz e verdor.
Estas casas teñen cada unha o seu nome: "O Rincón de Mercedes", "Casa Xan", "Aires de Míguez" e "Puerto Francos"
Casas rurais Aldea de Míguez.


Esta vivenda chámase " O Rincón de Mercedes"

Estes detalles pertencen á "Casa Xan"
 
Unha foto que amosa os fermosos xardíns ao redor.

Un pouco máis adiante, atopo esta casona que semella case abandonada, con ovellas pastando ao redor. Ao chegar á esta vivenda, temos que torcer á dereita.

Vemos aló embaixo, ao pé do río, o Muíño de Duarte ou de Penacurva.

Agora coincidimos nun pequeno tramo (uns 600m) pola Ruta dos Muíños, á beira do río Rigueira. Este río nace en Penas Agudas, lugar que tamén pertence ao concello de Xove e desemboca na praia de Lago, sendo o máis longo do concello.

A "Ruta dos Muíños" xa a fixen en varias ocasións e podes vela neste ENLACE

Saio no barrio do Tarolo que podemos ver na foto.

Paso por Pradovello, outra aldea da parroquia da Rigueira.

En tódalas aldeas se ven casas abandonadas. Esta é unha casa tradicional galega: grande, de pedra, con corredor de madeira...

Paso por Ponte do Carro, xa moi cerca da igrexa onde deixei o coche.

Ningún comentario:

Publicar un comentario