xoves, 16 de marzo de 2023

RUTA DAS 14 PONTES. FAZOURO (FOZ)

 Na parroquia de Fazouro (concello de Foz) hai moitas pontes xa que hai que salvar dous obstáculos: o río Ouro que desemboca nesta parroquia e as vías do tren que atravesan unha parte da aldea.

Eu inventeime unha ruta circular nesta parroquia que coñezo ben e resultou un trazado atractivo que nos permite coñecer lugares representativos da parroquia como as súas praias, varios barrios da mesma, a igrexa parroquial e o seu coñecido Castro.

Características da ruta:

Lonxitude: 11 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. É necesario seguir un GPS se non se coñece esta parroquia.

O meu track en WIKILOC:

A miña calificación desta ruta: 🔆🔆🔆

Descripción da ruta:

Empecei a ruta moi cerca da praia de Arealonga na parte de Nois, xusto no límite entre as dúas parroquias.

Esta ponte, a 1ª , debe de ser unha das máis novas en construirse xa que foi feita a raíz da construcción da estrada e  eu aínda  lembro cando a estrada anterior pasaba máis abaixo, máis pegada ao mar. Esta ponte une Lousada coa praia de Arealonga na zona de Nois. É unha ponte peonil.

 1ª ponte

ponte xa máis antiga e máis fermosa dende logo, deixa entrada á praia (a pé ou en bici) e ao paseo marítimo. O tren pasa por riba. Collemos á dereita para seguir na parroquia de Fazouro. Se collemos á esquerda, estaremos xa na parroquia de Nois.

2ª ponte
 Continuo polo Paseo Marítimo:

Paseo marítimo

A 3ª ponte que atopo só a podo fotografar deste xeito. Por derriba dela pasaban os vehículos antes de desviar a estrada.

3ª ponte

A 4º ponte sobre a que vou pasar é a que se ve na seguinte foto, outra ponte sobre as vías do tren que é o paso principal para acceder ao Castro de Fazouro.
4ª ponte

Vistas dende o alto da ponte anterior. A estrada pola que irei é a que vai paralela ás vías.

Vistas da estación do tren ao lonxe, estrada e vías.
 A 5ª ponte está en Bargado e volve ser outra ponte sobre as vías que neste caso une dous lados do barrio. Hai que pensar que a vía do tren "rompeu" a parroquia en dúas e houbo que unir as dúas partes polo medio de pontes.
5ª ponte

Paso pola Praia de A Pampillosa. Non sei de onde lle vén o nome, poderá ser de que abundasen nesta zona as plantas chamadas pampillos?  Esta planta silvestre de caracter invasivo ten flores amarelas e vese moito por Galicia.

Vemos na foto seguinte a praia (moi grande e pouco concurrida xa que ten moitísimas pedras, apenas ten area e a que ten non é nada fina) vemos tamén o río Ouro desembocando no mar de xeito artificial xa que hai uns anos que lle cambiaron o cauce.

Praia de A Pampillosa e desembocadura do Ouro

Agora veñen dúas pontes seguidas (máis ben dous viaductos) sobre o río Ouro, son os  máis grandes da parroquia xa que teñen que salvar o río, que se fai máis ancho na desembocadura. Por un deles teñen que pasar os vehículos e por derriba do outro, o tren.
Diferenza entre ponte e viaducto.

Ponte: as pontes constrúense para salvar obstáculos como ríos, vías do tren...e normalmente teñen un só arco.

Viaducto: son varias pontes conectadas entre sí por pontes en arco e fanse para salvar vales, canóns e tamén auga cando esta ocupa moita superficie. Os viaductos son pois un tipo de ponte.

Tódolos viaductos son pontes pero non tódalas pontes son viaductos.

A 6ª ponte que atopo é a do tren (a dereita na foto)

6ª ponte
 Vista das tres pontes máis coñecidas e emblemáticas de Fazouro: a do tren, a da estrada e a de Ferro que é peonil:

As 3 pontes

A 7ª ponte  é a da estrada:

7ª ponte

Vista da Ponte de Ferro. Non a cruzaremos pero será a 8ª ponte que vemos.

Ponte de Ferro sobre o río Ouro
Outra vista da Ponte de Ferro
8ª ponte

Continuo por esta fermosa zona de vellos piñeiros:


                                                                      Entre piñeiros

O lugar da seguinte foto chámase O Cristo e debe de ser porque nesa ventaniña que se ve hai un Cristo (non se apercibe na foto porque reflicte) Hai unha placa que di:

Este edificio 

con la imagen de Cristo Redentor lo hizo

 DON JOSÉ FERNÁNDEZ PEDROSA

el año 1740 y fue reparado por su descendiente

DON ANTONIO POSADA FERNÁNDEZ

el año de 1950.

O Cristo

A igrexa parroquial de Fazouro é do S. XVIII e foi edificada a parires doutra da que só queda a porta principal.

Igrexa parroquial de  Fazouro

Na Ponte Vella atopamos este petroglifo con dúas figuras esculpidas en relevo. Unha das figuras representa un personaxe cos brazos en cruz cos brazos e pernas ben remarcados pero non se ve trazo de ningunha cruz.

A segunda figura mostra a unha persoa de pé con túnica larga e cun báculo ou bastón na man dereita mentras na esquerda leva un obxecto que podería ser un libro. A cabeza ten unhas medidas desproporcionadas con respecto ao corpo. Podería tratarse dun santo, un apóstolo...

Imaxe do petroglifo no que se ven as dúas figuras.


A Ponte Vella é, para mín, a ponte máis fermosa de todas. Está situada no barrio do mesmo nome e cruza o Río Ouro e é unha das máis antigas da parroquia. É a 9ª ponte que atopo no meu percorrido.







A Ponte Vella. Ponte nº 9
O barrio de A Ponte Vella foi posto en valor no ano 2008 ao ser restaurada a ponte e os camiños que a rodean.
Barrio de A Ponte Vella
 
O Ouro, ao seu redor forma unhas marismas (as Xunqueiras) que no pasado eran de propiedade privada e a xente aproveitaba para o gando. Foron expropiadas e actualmente son propiedade de Costas.
As Xunqueiras. Ao fondo, a igrexa.

Unha imaxe do barrio de  A Rúa.

Subo pola estrada que leva ao barrio de O Souto.
Fonte do Souto e 1º termo na estrada que leva a ese barrio


O barrio O Souto está no alto e ten boas vistas:
Barrio O Souto
 
Vistas dende o barrio O Souto.
Vistas dende O Souto
 Despois crucei o barrio de A Granda:
A Granda

No barrio de A Granda xa apenas vive ninguén. É un barrio que ten moi boas vistas sobre o Cantábrico. Agora, na súa parte baixa atópase o Polígono de Foz.
Polígono de Foz instalado en Fazouro

Baixo de A Granda ata topar coa estrada N-642 que teño que cruzar.

Cruzo a N-642 para cruzar a ponte nº 10.  É unha ponte estreita, peonil pola que caben tamén os carros para dar acceso ás terras do outro lado da vía xa que antes aí non había ningunha casa. Está no barrio do Caldouceiro
Ponte nº 10

Vistas dende a ponte nª 10.


Deseguida estou na estrada moi frecuentada por xente que camiña dende Foz e a escolle porque  pasan menos vehículos.

Atopo axiña a seguinte ponte, a nº 11 . A  vía do tren parteu en dúas a parroquia. Cando se construeu (década dos 60) na parte que dá ao mar non había casa ningunha. As pontes eran o paso ás terras e prados para traballar.
Ponte nº 11

Xa vemos ao lonxe a ponte nº 12. Todas son agora pontes para salvar as vías e que daquela que se fixeron servían para pasar como xa comentei ás terras de labor e aos prados.



Ponte nº 12

Ponte nº 12
Xa vemos a praia de A Pampillosa e os barrios de Bargado e Lousada.
Praia A Pampillosa, Bargado e Lousada

E atopo as dúas últimas pontes: unha sobre a que pasa o tren e outra sobre a que pasan os coches.
Pontes nº 13 e 14
A área Recreativa "Ponte de Ferro" é moi frecuentada cando hai bo tempo. Situada entre o rí Ouro e a praia da Pampillosa ten mesas, bancos, barbacoas e ata un pequeno parque infantil.
Área recreativa "Ponte de Ferro"

Crucei pola ponte que hai para o tráfico e que ten un paso peonil na súa beira vendo a ponte do tren e o paseo aos dous lados do río. Ao final da ponte collín á dereita e volvín polo camiño que xa viñera.
O Ouro desembocando

A escollera que se fixo para encauzar o río creou outra pequena praia neste lado.
A Pampillosa e o Ouro desembocando
 
Vistas de Foz dende o Camiño Novo:
Vistas da costa e da vila de Foz dende o Camiño Novo

A cala do Camiño Novo só é frecuentada por pescadores.

O Camiño Novo

Seguindo os sinais do Camiño Natural do Cantábrico, chego ao Porto de Fazouro: un resgardo natural para os botes e barquiñas que no pasado había na parroquia. Na foto, os restos das cabanas que quedan en pé: Unha xa caeu non hai moito e as outras seguirán o mesmo camiño embestidas pola forza do mar cando hai temporais.
Cabanas do porto

O Porto de Fazouro é un sitio ideal para o baño, ao estar resgardado, o mar penetra na costa formando un remanso que ás veces semella unha lagoa e aínda que haxa moito mar en praias abertas, aquí non se nota e podemos bañarnos igual.
Porto de Fazouro

O Castro de Fazouro aproveita a península que se adentra no mar sobre unha zona moi escarpada. As estracturas escavadas corresponden ao último asentamento do castro (Finais do S. III d.C.) A área escavada acada os 400m. cadrados. Nas últimas escavacións (1992) recóllese restos de cerámica, dúas moeda, unha fíbula e media ducia de cravos.


Castro de Fazouro

Ao pé do castro temos a Praia de Arealonga que acadou mellores tempos, xa que actualmente aos problemas de acceso á mesma que continuamente está rompendo o mar, súmase que desaparece a area e máis ben se está convertindo nun coído.
Praia de Arealonga
 Seguindo polo Paseo Marítimo, deseguida conecto coa outra parte do mesmo, polo que fun á ida e xa consigo facer circular esta ruta.
Paseo Marítimo



Ningún comentario:

Publicar un comentario