luns, 14 de marzo de 2022

RUTA DO AGÜEIRA. (PESOZ) PR.AS 117

 Visitamos o concello de Pesoz por vez 1ª a principios de xaneiro para realizar a Ruta da Paicega que podedes ver AQUÍ. Daquela, namorounos este pequeno concello que ten un gran patrimonio natural e etnográfico. 

Daquela démonos conta que tíñamos que volver para realizar a Ruta do Agüeira que tamén prometía ser unha ruta espectacular. Hoxe fixen esta ruta e as expectativas creadas non se viñeron abaixo xa que me pareceu fermosísima. Na descripción xa o vou contando e ensinando con fotos. 

A ruta en WIKILOC

Características:

Lonxitude: 10km.

Dificultade: moderada polas dúas baixadas que ten e poden resultar esvaradías e polas subidas, aínda que estas parecéronme moi levadeiras.

Ruta circular ben sinalizada.

Descripción:

Saio pois de Pesoz sen pararme agora a sacar ningunha foto da vila (aparte de que xa as teño da anterior visita) Decido deixar para a volta o volver percorrela xa que din que pola tarde vai chover, así que quero rematar a ruta sen mollarme.

Saíndo de Pesoz
 O percorrido vai sempre descendendo:

Un camiño "dos de antes", cheo de beleza pero hai que baixar con xeito, é unha zona moi húmida moi propicia para esvarar.

 Atravesamos un souto e os castiñeiros estaban todos cubertos de liques; esto é moi bo xa que quere dicir que aquí non chega a contaminación, os liques non a soportan. Ademais en contra do que moita xente pensa, non lle fan as árbores ningún mal xa que non son parásitos, viven nas árbores a modo de soporte pero non se aproveitan dos recursos desta.

Os liques son inofensivos para as árbores.


O final da baixada é o río Agüeira que temos que cruzar pola ponte da foto. Este río aínda que principalmente asturiano nace en terras galegas, na Fonsagrada. Percorre Santalla e  S. Martiño de Oscos e Pesoz. Desemboca no río Navia

A partires de aquí, toca subir. A verdade é que me pareceu unha subida lixeira (a mín non me gusta nada ascender, non pola paisaxe, que me encanta, senón polo esforzo físico que a mín me supón) Penso que a paisaxe que se ve é tan fermosa que axuda a que a subida nin se note.
A ruta está moi ben sinalizada
Non hai nestas fotos ningún tipo de filtro. Non o precisan para nada!
Cores que namoran e sen filtros!

Son as cores, as floriñas...unha ruta impresionante!!

 Tamén hai piñeiros. Non todo é subir, o traxecto vai tamén en chao ás veces, a media ladeira.


 Xa estou moi arriba, a paisaxe ábrese máis:

 As uces abundan por aquí e están preciosas:



E despois de subir e de ir a media ladeira, toca volver baixar. Vexo unha corripa: un lugar feito de pedras que acostuma ser redondo onde se poñían antiguamente a secar as castañas.
Corripa
A frouma ou folla dos piñeiros pon o chan desta cor:

A paisaxe é variada, nunca se fai monótona:


Chegamos a outro río, agora trátase do río Ahío, afluente do Agüeira e temos que cruzalo por esa ponte de madeira que se ve:
Río Ahío
No cruce da ponte mesmo, ao pé do muíño de Sequeiros, o río forma un entorno espectacular de fermoso que é. 

O muíño de Sequeiros é un de tantísimos que había ás beiras de ríos e regatos e que foron fundamentais na economía do rural ata mediados do S. XX. As colleitas recollidas no verán, eran moídas no outono cando as chuvias proporcionaban auga suficiente para mover os mecanismos do muíño.
Parte da maquinaria do muíño aínda se conserva.
Este muíño ten tres plantas independentes: debaixo o inferno coa maquinaria de rotación pola que circulaba a auga e saía ao exterior por un arco de pedra; derriba tiña a sala de moer coas moas e resto de maquinaria e derriba de todo estaba a pequena vivenda do muiñeiro.
Muíño de Sequeiros.

Agora toca volver subir pero nesta ladeira da montaña dá o sol de pleno e como cada vez estou máis arriba, non hai grandes árbores que dean sombra.
 
As vistas son inmellorables:

É este un tramo escarpado e aínda que estamos en marzo, o sol abrasa.
 
Chegamos a unha estrada local ou de monte que cruzamos para continuar polo sendeiro da equerda.

A paisaxe segue a deleitarnos.


Atopamos a pequena e abandonada capela de S. Miguel no medio do monte, no antigo camiño que ía a Argul dende Pesoz que é o que estamos percorrendo.
Capela de S. Miguel
Altar da capela que en lugar de santos tallados en madeira ou outro material, ten fotos.
Interior da capela de S. Miguel
Cheguei á aldea de Argul. Pola dereita vén a estrada que sae dende Pesoz e morre aquí, non ten continuidade.
 
Situado a uns 5km. de Pesoz, ARGUL é un aldea practicamente deshabitada. Os seus antigos habitantes emigraron principalmente a Uruguay. A súa arquitectura de grandes e sobrias vivendas forman un conxunto arquitectónico moi singular e case único. As casas forn edificadas sobre recha sen apenas preparar o terreo. A comunicación entre as vivendas é moi singular con túneles, galerías, voladizos...que lembran un mundo de tempos pasados.
Dende 2004, Argul está considerado Ben de Interese Cultural.
Hai nesta aldea 30 casas.

Só tres casas están habitadas
 Hai túneles para paso de persoas e animais e galerías e corredores para pasar dunha parte da vivenda á outra sen sair ao exterior.
Túneles e corredores
 Os elementos empregados na contruccióndas das vivendas son sempre naturais: madeira, pedra, lousa, barro...
Materiais naturais empregados

Argul está sentado en unha zona de media montaña, sobre rocha, nunha ladeira. Pola súa situación xeográfica, tivo unhas condicións de poboación de monte, abrupta e illada.

Argul
Argul é a vila máis antiga de Pesoz. Aquí asentáronse os albións buscando a fertilidade destas terras. Aquí houbo un castro que está sen excavar polo que non hai datos concretos sobre o asentamento poboacional nesta zona. O 1º documento que aparece sobre Argul é do S.X
 
Os túneles debaixo das casas chámanse "veiriles" (túneles de las callejas)

 A capela de S. Antonio está no centro da vila e foi construida directamente sobre a rocha.
Capela de S. Antonio

En Argul non hai que ter presa. Hai que parar, percorrelo todo e fixarse en cada detalle como nas portas, por exemplo:

Porta nunha casa en Argul

  
A que vemos na foto seguinte é a Casa de Vilar. É un caserón deshabitado como a maioría e bastante deteriorado. Vese que foi unha casa relevante e debaixo ten, coma moitas máis un paso subterráneo ou de servidume que cruza toda a csa e mide 20m.
Casa de Vilar
Na casa de Vilar chamoume a atención esta porta coas imaxes que ten en relevo.

A estrada que chega a Argul morre aí, polo tanto teño que dar a volta e no cruce por onde cheguei antes e lugar de volver polo mesmo sitio, sigo a estrada que vai a Pesoz durante uns 3 km.
O traxecto da ruta chrga a Argul por onde está o sinal e volta pola estrada.

Imos por estrada sempre baixando, ata atoparnos co río  Agüeira que cruzamos por unha ponte.

 
Logo duns 3km. de estrada na que non atopamos ningún vehículo, collemos un sendeiro á dereita que nos levará sempre ascendendo ata Pesoz.

O sendeiro é ben fermoso. Parece que a natureza é moi xenerosa con este concello.
Sendeiro de subida a Pesoz

Os muros de pedra seca tamén abundan neste percorrido.

Despois de 1,5 km. aprox. chegamos a Pesoz de novo. 

No medio de montañas érguese a fermosa vila de PESOZ. Este concello, situado no sur do occidente asturiano, é un dos máis pequenos de AsturiasPesoz é a única parroquia e a capital do concello. Sofre unha constante perda de poboación tendo menos de 150 habitantes. Non ten nin escola debido á escasez de alumnado; os nenos e nenas que aquí viven van á escola a Grandas de Salime.
Ademais do seu patrimonio natural indiscutible, de lugares como A Paicega, Argul...na mesma vila temos tamén o  chamado "Pazo de Manuel Monteserín García" como reza na súa fachada, pero coñecido como Pazo de Ron debido aos seus primeiros propietarios. O pazo data do S. XVII e no S. XIX comprouno Manuel Monteserín, un indiano enriquecido. Actualmente, as propietarias do pazo son dúas netas dese Manuel que viven aí.
Pazo de Ron
As vivendas de Pesoz son de pedra a inmensa maioría e con cuberta de lousa.
Unha rúa de Pesoz.

Na praza principal vemos o edificio da Casa Consistorial, o lateral da igrexa de Santiago e ao fondo, a capela de S. Andrés.
Capela de S. Andrés

Na praza principal da vila están a igrexa de Santiago e o edificio do concello.

 A igrexa de Santiago é de orixe románico tardío (posiblemente do S. XIII) pero foi recontruída e uengrandecida en séculos posteriores. É dunha soa nave con capelas laterais.
Igrexa de Santiago
Vista da fachada principal da igrexa de Santiago.
Igrexa de Santiago
Antigo concello de Pesoz

Por último comentar que Pesoz polas condicións climatolóxicas que ten debido a súa situación xeográfica, é un concello produtor de viño dende moi antigo. Xa no S. XII os monxes do mosteiro de Santa Mª de Vilanova de Oscos propiciaron o cultivo de vides nesta comarca.
En Pesoz hai un Museo Etnolóxico onde por medio de material audiovisual, paneles explicativos e a reproducción dunha adega tradicional se explica a cultura do viño nesta comarca. O viño de Pesoz ten denominación de orixe de Cangas
Museo etnolóxico (Foto sacada da páxina web do concello de Pesoz)
E aquí remata a  ruta e a visita a este concello que tanto me gusta!

Ningún comentario:

Publicar un comentario